domingo, 21 de septiembre de 2014

A función social dunha bioética de protección



Elías Pérez Sánchez

A ortodoxa bioética contemporánea, reconvertida ultimamente en bioética global, pretende resolver os conflitos orixinados polas ciencias da vida a través dos consabidos Principios de Georgetown (autonomía, beneficencia, non maleficencia e xustiza). Devanditos principios recibiron severas críticas sobre todo no ámbito bioético latinoamericano, por insuficientes, e porque exaltaban a moral individualista diluíndo a idea de xustiza social, e pola dificultade de elaborar un estatuto epistemológico claramente definido dos mesmos.
Nos últimos tempos xurdiu a expresión bioética da protección formulada inicialmente polos filósofos Miguel Kottow e Fermín R. Schramm, coa finalidade de tentar dar conta dos conflitos e dilemas morais relacionados coa saúde pública e o recoñecemento de facto dos dereitos humanos, sobre todo en América Latina, e que dificilmente poden ser resoltos polo patrón norteamericano da bioética principialista.
A bioética da protección, stricto sensu refírese ás medidas a tomar para protexer a individuos e poboacións que non dispón de recursos que lles garantan as condicións indispensables para levar adiante unha vida digna e que moitas veces son excluídos da comunidade política e das políticas dos dereitos humanos. Lato sensu é máis ambiciosa: aínda que outorga prioridade aos intereses dos máis desamparados ofrecendo un contido concreto ao ideal de xustiza social, tende tamén a pensarse teleolóxicamente e de acordo coa terminología defendida por Derrida, como a ética dunha nova «forma de cosmopolitismo» e dunha «democracia futura» fundamentada na «hospitalidade incondicional» ou universal, como diría Kant.
Con outras palabras: máis aló do apriorismo principialista antes citado, a bioética de protección ten como obxectivo prima facie un humanitarismo real en defensa dos máis débiles e inocentes —os que sofren unha «vida espida», en palabras de Giorgio Agamben—. Pero tamén se pregunta que ocorre cos dereitos humanos cando non acadan a protexer as persoas excluídas da comunidade política e relegadas á condición de mera supervivencia ou de vulnerabilidade máxima. Concluíndo, a protección non exclúe a priori o exercicio da autonomía, por exemplo, (ao contrario de todas as políticas paternalistas históricas), senón que intenta ofrecer as condicións necesarias para que o protexido poida autoprotexerse nun futuro que sexa o menos distante posible.
Xa que logo, sería conveniente tomar nota da necesidade de ampliar os horizontes daquela bioética global ou universal fundamentada en principios que son indudablemente insuficientes á hora de resolver outras moitas situacións conflitivas, ás veces intencionadamente marxinadas.

Publicado no Progreso o 26-7-2014

A terra prometida




Mar Carballo Cela

Fáganse unha pregunta: cantas persoas cren que se decantan por unha opción electoral desde unha auténtica comprensión do funcionamento da súa sociedade e das ideoloxías que ditas opcións representan? Ou, o que é o mesmo, canto hai de fe e canto de coñecemento cando a cidadanía decide o seu futuro? (Quédense coa palabra “futuro” porque volveremos sobre ela).
Proudhom afirmaba con rotundidade que os gobernos se sustentan sobre a fe das masas. Pero contra a fe só hai un antídoto, a ausencia de medo. Como dicía Baltasar Gracián “de nada serve que a razón se adiante se o corazón se queda”.  Non é ningún segredo que a manipulación precisa do medo, pero gustaríame facer unha reflexión sobre a súa relación co futuro, porque o medo é sempre do futuro.
Distanciémonos por un momento das nosas categorizacións culturais e acheguémonos ás de outros pobos radicalmente diferentes ó noso. Isto axudaranos a comprendernos mellor xa que ante as diferenzas xorde a inevitable pregunta de por que somos como somos, e a busca de respostas fainos un pouco máis libres.
Nos anos 1980 o lingüista Daniel Everett viaxou a Brasil como misioneiro coa fin de evanxelizar á tribo Pirahá. Despois de vivir moitos anos con eles non só non conseguiu convertelos ó cristianismo senón que el mesmo se volveu ateo, o cal nos indica que estamos ante un pobo difícil de manexar. No seu imaxinario non tiña sentido un creador: “todo é o mesmo”, respostaban; pero o que máis chama a atención do seu estilo de vida é que viven aferrados ó presente, non prestan a máis mínima atención ó futuro, por iso se torna imposible manipulalos.
Calquera tipo de manipulación ideolóxica, ben sexa relixiosa ou política, necesita de individuos cunha forte proxección no futuro: se non hai ningún paraíso prometido, que razón temos para aceptar as imposicións e os sacrificios do presente? Por iso se fai necesario desapegarnos do agora e instalarnos nesa outra vida imaxinada por chegar, sen a cal non pode haber fe. Porque aínda que nos pareza o contrario, dado que vivimos na era do inmediato, sucédenos o contrario que ós Pirahá: non lle prestamos ningunha atención ó presente (sempre incompleto), vivimos na permanente fuxida cara adiante propia dunha sociedade que alenta a insatisfacción; e así pois, máis que elixir aquelas opcións políticas polo que están facendo hoxe coas nosas vidas, aferrámonos ás promesas dun mañá ilusorio, dunha terra prometida, sen ter en conta que o que non é capaz de construír un presente digno, que aquel ó que non lle importa deixarnos na rúa hoxe, tampouco  lle vai importar o que suceda con nós mañá.
En definitiva, que sen auténtico coñecemento non pode haber unha praxe liberadora, e isto ha de empezar por coñecernos a nós mesmos, como sabiamente afirmaba Sócrates. Se un non se coñece a si mesmo, a orixe dos seus medos e as relacións que en base a eles establece cos demais e co poder, dificilmente será capaz de decidir a súa vida. No fondo, seguimos sendo como o pobo de Israel guiado polo deserto cara unha terra prometida, aceptando os sacrificios do camiño a cambio dun lonxano espellismo. Pero a pregunta esencial, a que me interesa que respondan é a seguinte: que estás disposto a facer neste momento por min? Non me importa o que estés disposto a facer no futuro, porque no futuro volvereiche facer a mesma pregunta. O futuro vaise construíndo solventando xusta e intelixentemente as dificultades presentes para enfrontarse ó mundo. Non é certo que non existan solucións para mellorar a nosa vida actual, os amos sempre tiveron na súa man aliviar o sufrimento diario dos escravos, sempre hai maneiras de influír de inmediato para unha maior xustiza social, cousa diferente é que non sexa útil para determinados intereses.
Non só nos marcan o ritmo ó que debemos vivir (pensen por que levan un reloxo no pulso e que relación garda isto co sistema de produción capitalista), a miúdo tamén nos rouban a experiencia de vivir  a cambio de soñar.

Publicado no Progreso o 19-7-2014

sábado, 20 de septiembre de 2014

A filosofía como forma de vida



M. A. Martínez

Semella que que o destino histórico das sociedades avanzadas móvese entre o medo e a vertixe. Embarcadas no amargo reconto das derrotas, malferidas na esperanza de xustiza social, non son quen de espertar por si mesmas, nin tampouco consumar a súa desgraza. Agardan catalépticas o tempo da ruína. Asumen o incomprensible cun desasosego estupefacto. Que pode facer a persoa singular? De que marxe de manobra dispón? Unha das opcións é deterse, serenarse e volver a vista atrás. Mirar a súa historia: o pensamento europeo. Para que? Para aprender, formarse e concibir unha vida que pague a pena ser vivida.
Na historia do pensamento latexa a filosofía: fonte de inspiración que reborda ideas interesantes, conceptos útiles, argumentos innovadores. É a filosofía que todos coñecemos: teoría, saber, sistema de ideas. Mais tamén hai outra maneira de vela e practicala, na que as persoas poden tirar proveito doutro xeito: a filosofía como elección dunha forma de vida, un método para orientarse na vida.
No mundo antigo, por exemplo, encontramos persoas que gustan dunha vida dedicada ao pensamento e compromiso político (os platónicos) ou ao estudio da ciencia e exercicio da xustiza (os aristotélicos). Hainos que buscan a tranquilidade a través da depuración dos desexos (epicúreos), a suspensión das opinións (escépticos) ou a autocontención das paixóns (estoicos). Os cínicos prefiren unha forma de vida austera, que retorne á natureza e, xa que logo, desafíe os convencionalismos sociais. Todos entenden que existe unha vida filosófica que fornece ao ser humano dun sentido satisfactorio para os seus días e quefaceres. Esta vida é froito dunha deliberación pausada, calmada, entre amigos. Os filósofos e filósofas que fundaron escolas querían propoñer modos de vida sabios, felices, harmoniosos para todas as persoas (tamén para os escravos, lembremos aos estoicos).
Agora ben, o ser humano actual estima que non existe escola, ou escolas, de pensamento que o poidan orientar na acción. Manifesta, ademais, unha grande resistencia á reflexión. Aquí revela unha eiva na súa formación ética. Por que?
A grande virtude de sermos europeos é a posibilidade de dispoñer de experiencias de vida, desenvolvidas durante séculos, que foron discutidas, criticadas, corrixidas. Nietzsche falaba das escolas morais da antigüidade como laboratorios experimentais cuxos resultados podemos utilizar: mostran o que estaría ben facer e, tamén, o que habería que evitar. E non só na antigüidade. Toda a historia da filosofía atesoura formas de vida valiosísimas para nós: fundamentadas, contrastadas, revisadas. De feito, se a experiencia política dos antigos está a inspirar a renovación das nosas democracias avanzadas: por que non tomar impulso dalgunhas das súas experiencias éticas? Algúns consideran improdutivo recorrer á filosofía. Mais, que ten de improdutivo aspirar a unha vida máis consciente, máis racional, máis coherente, máis aberta aos demais e á inmensidade do cosmos? Xustamente nestas filosofías encontramos propostas de realización dalgúns exercicios prácticos de meditación.
O primeiro é un exercicio de vida: usar a razón, pasar da visión particular e apaixonada das cousas á perspectiva racional e universal. Para que? Toda a desgraza da situación actual radica na exasperación do desexo de proveito individual en todas as clases sociais, especialmente nas elites dirixentes. O autopeche dentro da propia visión do mundo fai irrelevante aos demais, ao planeta, e, inclusive, á propia vida! Pola contra, a razón pode revelar que non hai máis que un pracer: vivir, existir, non acumular. Para experimentalo basta con satisfacer os desexos máis elementais e naturais.
O segundo exercicio é a meditación sobre a morte. Para vivir mellor, o pensamento da morte pode axudar. Como? Permite tomar conciencia do valor do momento presente, dos momentos futuros que acolleremos como unha sorte inesperada. Isto implica facer o que facemos acotío, mais como se o fixeramos por primeira vez: con sorpresa, inocencia. Prodúcese así unha dupla liberación: do peso do pasado e do temor ao porvir.
O terceiro consiste en practicar «a mirada desde o alto»: recorrer coa intelixencia a inmensidade do espazo estelar, acompañar o movemento dos astros, dirixir desde o alto a mirada cara á terra para observar aos humanos e volver a situalos na inmensidade do universo. Descóbrese a nosa debilidade e ridiculez. Amplíase a conciencia e conseguimos unha especie de gozosa imparcialidade.
Estes sinxelos exercicios filosóficos da antigüidade, entre moitos outros, están destinados a desligar ao individuo do seu punto de vista egoísta e particular, facelo tomar conciencia da súa pertenza ao todo do universo e da comunidade humana. Son meditacións que tratan de sacar ás persoas da visión unilateral das cousas e axudalas a poñerse no lugar dos demais e do demais. Son, en suma, accións filosóficas que devolven o sentido do próximo e invitan a practicar a xustiza nas nosas relacións.

Publicado no Progreso o 5-7-2014

domingo, 7 de septiembre de 2014

Civilización ou barbarie



Xosé Ramón Cando Vázquez

Relata Klein que na cidade de Nova Orleáns, que fora vítima do Katrina, non se reconstruíu o conxunto da urbe, o que se fixo foi crear novas zonas urbanas destinadas a persoas cos recursos suficientes para mantelas, á marxe da administración do condado. O resto da poboación sobrevive nun espazo urbano no que os servizos públicos son escasos e de deficiente calidade porque a cidadanía residente nas novas ‘cidades’ non contribúe ao erario público común do Condado. A mesma autora refire que noutras grandes cidades, en concreto Atlanta, está a distribuírse a poboación en guetos seguindo o modelo de Nova Orleáns, lugares perfectamente dotados de servizos para as minorías favorecidas e amplas zonas, infradotadas, nas que malvive o resto da poboación. Klein engade unha nova característica a este ‘avanzado’ deseño urbano, as novas ‘cidades’ son construídas, fornecidas e administradas por empresas privadas, nadas do experimento levado a cabo durante a ocupación de Iraq onde os límites morais e humanitarios foron, simplemente, ignorados.
Menciona Vattimo as palabras de Davis nas que afirma que a doutrina de combate do Pentágono está sendo remodelada co fin de apoiar unha guerra mundial de baixa intensidade, de duración ilimitada, contra segmentos criminalizados dos pobres das cidades. Igualmente, o filósofo italiano aporta un parágrafo dun informe remitido polo contraalmirante C. J. Parry ao Ministerio de Defensa británico, no que, entre outras cousas sinala que «a pobreza absoluta e a desvantaxe comparativa alimentarán as percepcións de inxustiza entre aqueles cuxas expectativas non se cumpran, aumentando a tensión e a inestabilidade tanto no seo das sociedades como entre elas, e xerando brotes de violencia como disturbios, criminalidade, terrorismo e insurxencia…» deixando clara a razón da nova (e vella) planificación das prioridades militares. Primeiro separamos os bos dos malos, ou o que é o mesmo os ricos dos pobres e despois xa podemos proceder a facerlles a guerra sen risco para nós.
Escoitei, recentemente, na radio, que xa se poden producir amorodos mediante unha impresora en tres dimensións. Estas novas xa están deixando de sorprendernos pero, se cadra, non lles dedicamos o suficiente tempo de reflexión para entender que a tecnoloxía, ao servizo da plusvalía, rematará por reducir ata niveis asfixiantes as posibilidades de vivir do propio traballo, e como consecuencia, a capacidade de consumir. Se hai seres humanos que non son precisos nos procesos produtivos e polo tanto tampouco non son quen de servir de destino aos correspondentes produtos, simplemente son humanos e humanas prescindibles, mesmo, se cadra, molestos. Historicamente a loita de clases tiña que ver coa explotación a que unha minoría: amos, señores ou capitalistas sometían ao resto: escravos, servos ou proletarios, pero sempre dende a necesidade que os primeiros tiñan dos segundos; iníciase agora un tempo no que a minoría tende a considerar a unha parte da maioría como unha carga, non como un recurso ao que explotar.
Os Ilustrados caracterizaron ao modelo de convivencia proposto por eles como civilizado e puxeron a loita pola ‘civilización’ como un obxectivo central do cambio ideolóxico que perseguían. Entendían a civilización como o oposto aos valores representados polo feudalismo que para eles significaba barbarie. Aínda recoñecendo que no fondo o que se defendía eran os intereses da burguesía, o concepto civilización vense asociando dende entón co desenvolvemento de dereitos e liberdades e coa reaparición doutro termo ‘cidadanía’, que, co tempo, asociado ao de ‘ben común’ (igualmente volto á vida) acabará por abranguer ao conxunto da poboación. Os valores da civilización enunciados na súa orixe dende unha perspectiva liberal e elitista acabarán por ser interpretados cunha ollada social e inclusiva, pretendidamente, superadora dos conflitos que no século XX causarán unha destrución nunca coñecida anteriormente.
Os tres primeiros parágrafos indican que o concepto de civilización, tal como aquí se entende, deixa de ser un valor constitutivo das novas sociedades, a cidadanía xa non abrangue ao conxunto da poboación e o ben común perde o seu carácter inclusivo, mesmo formalmente, polo tanto haberá que concluír que o que parece aveciñarse é a barbarie, non nun sentido etimolóxico senón mais ben de acordo coa acepción popular que conecta con inseguridade, con medo con dor e sempre no marco da ameaza da violencia. Isto, como se ve, é mais que unha posibilidade pero, dende logo non é unha certeza porque a cidadanía está a tempo de exercer o seu poder democrático, de ser dona do seu destino, de converter o futuro no que debe ser, un tempo ilusionante porque o seu poder, o de todos e todas, e insuperable.

Publicado no Progreso o 28-6-2014