viernes, 16 de enero de 2015

A lóxica da «Lei Mordaza»



José Domingo de Prada

Entre outras neglixencias levadas a cabo durante o 2014 o goberno pechou o ano coa aprobación no Congreso da “Ley Orgánica de Seguridad Ciudadana”, alcumada popularmente “Lei Mordaza”. Para logralo fixo valer a solitaria maioría absoluta do seu partido. Tense escrito moito sobre esta lei, e por certo, pouco a favor. Máis aínda, nese pouco só se atopan panexíricos de aduladores que coas súas falsías denigran calquera ética, alteran todas as realidades e negan o uso da intelixencia a quen non se pregue as súas servís opinións.
A aprobación definitiva desta lei e a súa inclusión no BOE ‒levamos tres anos gobernados a golpe de BOE e escasos de política‒ vai supoñer unha minoración de dereitos fundamentais e de capacidade de resposta para os cidadáns, e tamén o declinar da cidadanía nas redes tendidas polas elites gobernantes. Se primeiro nos recortaron dereitos na sanidade, na educación e no acceso á xustiza, agora nolos van recortar na liberdade de expresión. A pretensión é amputarnos directamente o pensamento libre. Neste sentido a “lei mordaza” é unha continuación da LOMCE, que ao recortar dereitos educativos, se non prohibe explicitamente o exercicio do pensamento, redúceo á mínima expresión, baleirando de facto a presenza da Filosofía nos plans de estudios.
Non debemos polo tanto, ver esta lei como a arroutada dun ministro con ideais especialmente conservadores, nin o resultado dunha caída do cabalo de ninguén -aínda que haxa detrás moita crenza-, senón como a consecuencia lóxica e inevitable da opción ideolóxica na que vivimos, esa que goberna o mundo con “man de ferro”, aínda que a enfunde en guante de seda acolchado. A man de ferro pertence ao neoliberalismo globalizado, e é xemelga da “man invisible” que controla e dirixe o mercado. Un mercado que nesta época de globalización responde aos criterios ‒invisíbeis pero reais‒ dos intereses financeiros das multinacionais, grupos de presión ou inversores especulativos. Satisfacer estes intereses invisíbeis do mercado xera moito sufrimento en amplos sectores da sociedade, así que o actual neoliberalismo, consciente de onde nos vai ferir, pon a venda antes da ferida. Este é o sentido último da «lei mordaza», previr, anticiparse as nosas protestas, disuadirnos de facelas, sequera de pensalas e dende logo, de expoñelas.
Sentido, ademais, que se enmarca na actuación de todas as elites da globalización, pois manteñen un estado de guerra permanente contra a cidadanía de todos os pobos. Os cidadáns, suxeitos depositarios do poder na democracia, son actualmente o inimigo para aqueles que ostentan o verdadeiro poder na posmodernidade, o económico. A caída dos inimigos externos soe dar esta situación absurda, a de converter en inimigos aos próximos. A economía globalizada fundamentada no falso mito do crecemento continuo, do incremento exponencial da produción e da multiplicación dos beneficios, necesita coaptar a vida dos cidadáns para poñela ao servizo das súas plusvalías. Traducida, esta situación significa que non lles interesan cidadáns libres, senón man de obra obediente ‒proletarización do cidadán‒. Xa non fan falta, como antano definira Aristóteles aos escravos, “ferramentas que falan” das que o amo era propietario e responsable, incluíndo aí o seu coidado. Agora, esas ferramentas humanas transformámonos en máquinas animadas, altamente preparadas para traballos especializados que tras facelos temos que automanternos se podemos, e que só interesamos durante o tempo que nos usan, pois somos facilmente substituíbles, máis facilmente do que era antes adquirir un escravo.
O abandono do principio de igualdade nos pon nesta situación de guerra, de cainismo común, de todos contra todos (terá razón Hobbes?). As elites se aferran aos seus privilexios, se separan da masa, do pobo, redefinido outra vez como plebe e ese apartamento obedece a unha minusvaloración do ser humano distinto de min. Fundamentada no principio de que “non todos somos iguais” xorde unha nova aristocracia que pretende agrupar por un lado aos mellores (máis ricos, máis listos, máis hábiles...) e denigra ao resto como o contrario desas supostas virtudes; á vez, xeran unha desconfianza cara a eles que os leva ao temor do diferente e ao incremento incesante da necesidade de seguridade.
Rachar co principio de igualdade, tal como se está a facer nestas sociedades, require estados altamente represivos que poidan ‒chegado o caso e ante a evidencia de que chegará‒ dominar calquera intento de subversión da orde dos privilexios. Control da rúa, punición, represión administrativa, forzas policiais e armadas disuasorias, brazos xudiciais (outra vez as mans) controlados gobernamentalmente forman parte do estado represor “democrático” posmoderno, da guerra das elites contra o pobo. A isto engádese o control dos medios de comunicación, a manipulación actual da tecnoloxía, a limitación do seu uso pola autoridade exercinte (está na nova lei), e, ademais, o poder da prestidixitación social que se leva a cabo coa publicidade. Todo devén mentira. E, ademais, unha mentira que acabamos querendo e adorando baixo o lema: ‒“Algún día eu tamén serei elite”, entoado como unha salmodia por todos os desafiuzados do sistema.
O resultado será a inmensa bolsa de frustración que haberá que combater, e para iso estará a lei, para amordazar, para controlar gobernamentalmente, para dar confianza e beneficios as forzas globalizadas das elites que esixen submisión, para que grazas a escaseza de protestas poidan dilapidar o medio ambiente, escravizarnos a tempo parcial e convencernos de que a nosa función é servilos.
A aristocracia estase impoñendo á democracia, que cae nun baleiro ideolóxico a ritmo vertixinoso. Nesa caída vai esnaquizarse a nosa dignidade, e o peor, nela imos deixar esnaquizada a dos nosos fillos.

Publicado no Progreso o 10-1-2015

Tributo ao tempo



Juan Carlos Fernández Naveiro

Para comezar un novo ano adoito expresamos bos desexos, pero agochamos o segredo temor de que se cumpran; non será mellor que non pase gran cousa? O único que damos por seguro é o constante paso do tempo e as incertidumes que veñen con el.
Pero cando celebramos o paso do tempo non sabemos moi ben a que lle rendimos conta, se facemos tributo a unha (discutible) dimensión física da natureza independente da nosa existencia, a unha (posible) substancia ontolóxica desa mesma existencia, ou a unha (innegable) estrutura da nosa identidade antropolóxica. Tamén é un vector (inseparable) de calquera proxecto de alcance ético ou político, e unha das variables determinantes nos procesos económicos (que llo pregunten se non aos acreedores e deudores). Con razón o tempo é un misterio; e a nosa relación con el é de sempre a nosa experiencia máis certeira dos límites.
Pero o tempo tamén é un produto humano. Aínda prescindindo das complicidades ocasionais entre o devir cronolóxico e o ciclo vital humano (ás veces unha relación especular como a que se da entre o noso calendario e a vida de Cristo; ás veces un espello deforme como o que reproduce en cada individuo as distintas estacións da vida, ou o que nos fai ver as civilizacións como unha historia de crecemento e posterior decadencia), máis alá deses paralelismos e interferencias o tempo é un producto social que adquire o carácter das relacións que o forman, antes unha realidade cualitativa que unha simple magnitude. Pobos como os nuer do Sudán non pensan o tempo con datas fixas ou como algo que poida ser medido en abstracto senón mediante períodos variables no seu comezo e fin, ligados ao medio ambiente e á sucesión das súas actividades (Evans-Pritchard); algo parecido ocorre tamén co calendario balinés, estudado por Clifford Geertz.
Por iso, máis que medilo os calendarios crean o tempo, cando distinguen intervalos separados por festas e rituais; distinguen así o profano e o sagrado (Durkheim). A vida está constituída por esa alternancia que o calendario integra, combinando a idea de duración e continuidade co establecemento de puntos destacados, que crean intervalos e períodos de transición. Tamén por iso o proxecto de refacer a sociedade pode pasar por estruturar doutro xeito o tempo (coma no calendario da Revolución en Francia).
Celebramos o paso do tempo, pero sabemos que non todos os tempos pasan igual, que son inconmensurables o tempo dunha montaña e o dun insecto, e que nesa diferencia non se agocha so unha cuestión de magnitude senón de ritmos e intensidades, que fan que a extensión enorme dunha nube se desfaga nun instante ou a vida dunha bacteria se prolongue durante milenios. O tempo pasa pero o pasar non é a sustancia única do tempo.
Os gregos distinguían entre o tempo cíclico dos mitos e o tempo metódico e liñal da duración medida por un igual para todos, o cruel e devorador Cronos que é o tempo do traballo, da historia e da morte, ese que os nosos reloxos miden incansablemente e que nos empraza fronte ás nosas responsabilidades.
Fronte a ese tempo-Cronos está o tempo Aión do inconmensurable, do que non nace nin morre, o eterno, o perfecto que sempre está. O deus Aión ás veces é representado como un vello e outras como un mozo, e pode levar tanto o zodíaco coas estacións como a serpe do eterno retorno. É o tempo da vida, que nos empraza a admitir a nosa finitude e convoca a nosa humildade. É tamén o tempo do placer e do desexo, da vida sen morte liberada da tiranía do presente, pasado e futuro á vez, sen comezo nin fin.
A vida humana transcorre baixo Cronos e Aión, nesa tensión entre a medida e o imprevisible que constitúe as nosas vidas correntes. Pero outro é o tempo total da catarse que fai xustiza, o presente eterno que é o tempo dos deuses (ou do home divino). Os estoicos elaboraron esa vella intuición de Heráclito como a diferencia entre o tempo dos necios e o tempo dos sabios, os primeiros atados ao carácter aleatorio e imprevisible das súas paixóns, e os segundos habitantes dun tempo conforme á natureza, estable no ciclo da súa eterna repetición, a eternidade plena, non incerta ou diferida senón actual.
Por iso, para o estoico non hai outra elección de vida que fuxir da condición humana corrente e ser á vez menos que home e máis que home, natural como un animal e, ao mesmo tempo, divino como un deus.
Esa é a condición do sabio, pero sabios hai moi poucos, e a necidade das paixóns é, segundo os estoicos, a condición común dos homes. Vivimos na vixiancia mutua de Aión e Cronos; pero ademáis das súas figuras impoñentes contamos tamén na vida co acontecer da ocasión propicia, Kairós, o deus menor da oportunidade e a sorte. Non é unha figura apremiante e esixente, senón un trasgo xogueteiro (daimon), o tempo mínimo da fortuna que de non atrapala no momento xusto, fuxe. Frente ao tempo do movemento e do traballo que mide, separa, clasifica e divide, é o instante xenial, tempo da festa que reúne e congrega, noso efémero anaquiño de gloria.
Cando celebramos o tempo facemos tributo á cronoloxía dos calendarios e ao retorno intemporal do que sempre é; pero non esquezamos o momento único e irrepetible que quizáis -só quizáis- esté a piques de ocorrer. É o acontecemento, diante do que só nos queda estar alerta e dispoñer a mesma atención entusiasta dun neno que xoga.

Publicado no Progreso o 3-1-2015