III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 25 de julio de 2015

Condenado ao ostracismo



María Isabel Sánchez Corral

Vivimos nun período de emerxencia social motivado por unha crise estrutural do sistema capitalista, que moitas veces imaxinamos como conxuntural. As transformacións levadas a cabo polo capitalismo en países como España, Portugal, Italia, Grecia, etc. colocaron as persoas como as súas vítimas creando nelas o desarraigamento ante un mundo que se lles presenta hostil.
Paralelamente ou como deriva, vivimos tamén unha crise política, institucional e representativa. Estamos, no caso de España, ante unha crise de réxime. O bipartidismo non puido superar as contradicións do modo de produción que se fundamentaba nun crecemento fráxil e volátil.
Será o movemento 15-M en 2011 o que fai patente esas contradicións que se dan na realidade social, ou polo menos visualizounas para unha gran maioría. É o 15-M un movemento non completamente espontáneo senón que ten antecedentes moi claros: a revolución cidadá que se dá en outubro de 2008 en Islandia, a cal rexeita o pagamento da débeda externa pedindo responsabilidades aos seus políticos e banqueiros, e iniciando un proceso constituínte; a folga xeral do 29 de setembro de 2010; a publicación do panfleto orixinal Indignádevos! polo escritor e diplomático francés Stéphane Hesse; o 21 de outubro xorde en Facebook Xuventude en acción; o 4 de xaneiro de 2011 Mohamedo Bouazizi, mozo de 26 anos de idade, inmólase ao bonzo iniciándose a Primavera Árabe; o 16 de marzo de 2011 créase a plataforma Democracia Real Ya, convocando unha manifestación para o 15 de maio de 2011; o 30 de marzo realízase unha protesta estudantil contra o paro, a precariedade laboral, os recortes en educación e o plan Boloña; o 7 de marzo a plataforma Xuventude sen Futuro realiza unha marcha contra a crise económica criticando a partitocracia que representan as siglas PPSOE; aparece o movemento internauta No les votes a raíz da aprobación da lei Sinde.
O 15-M, movemento pacífico, relaciona a crise económica coa política a través da denuncia do bipartidismo, a corrupción, o dominio da Banca e a carencia de participación política. Deixa ver nestes primeiros tempos o distanciamento entre representante e representado.
Como a indignación non chega pasouse á ofensiva. O triunfo de Syriza nas eleccións parlamentarias de 2015, sendo xa o partido máis votado nas eleccións europeas de 2014, significou a derrota do sistema bipartidista determinado en Grecia por Nova Democracia e o Movemento Panhelénico Socialista (Pasok). Esperanzas renovadas trouxeron estes acontecementos.
O pobo grego no seu esgotamento ante unha crise e unha débeda, na súa maior parte ilexítima, responde primeiro nas urnas apoiando a Syriza e despois, ante a presión do Eurogrupo para que acepte as súas condicións leoninas, lanza un non tan claro e rotundo que tremen as estruturas corruptas dunha Europa construída sobre a precarización, a exclusión, a pobreza e a miseria. Unha Europa oligárquica que se esquece da maioría que a conforma.
O non grego vai máis alá da dignidade dun pobo que loita por manter a súa soberanía, que non é pouco. O non grego significa a dignidade de todos os pobos, de todas as persoas; significa o mantemento da democracia como valor en si mesmo. A Democracia que nos fai iguais para participar, iguais para gobernar; sen condicións, sen propiedades, sen liñaxes, sen intereses.
Ese non é o que a cidadanía europea debe recoller e facer seu, tomando nas súas mans as rendas do seu destino.
Nesta liña dáse no noso país unha ruptura democrática clara, a nosa implicación ha de ser maior para que ese non traspase a península helénica. Cambiamos, non só estamos indignados senón fartos. Pero ese cansazo non debe converterse en derrotismo nin nunha porta aberta a que forzas reaccionarias, fascistas, xenófobas, etc. sexan as receptoras democráticas do descontento social creado por unha política que só serve aos intereses dos poderosos. A crise política abriu unha sima entre representantes e representados que pode poñer en perigo a democracia mesma. Existe a necesidade dun novo proceso constituínte que reconfigurar os espazos de poder, os dereitos e os ámbitos de decisión dos cidadáns. Existe a necesidade dunha rexeneración democrática, fundamentada na participación, o compromiso e o traballo para unha nova vida, unha vida digna.
É tempo para que o filósofo ou o seu aprendiz non queden en mera retórica. É tempo de esquecer os nosos medos. É tempo para analizar, dar respostas, alternativas. É tempo de loita. Reescribindo a Gabriel Celaya: é tempo de tomar partido ata mancharse.
Tamén podemos optar por unha solución grega, concretamente ateniense e que se puxo en práctica no ano 487 a.n.e., o ostracismo. Utilizábase como medida para que non se instaurase o poder persoal e polo tanto unha tiranía. Unha vez ao ano reuníase a Asemblea para unha votación de ostracismo, cada cidadán escribía nun anaco de cerámica rota (óstracon) o nome dun político o que desexaba ver desterrado. Se este recibía 6000 votos (quorum, mínimo de votantes) debía exiliarse durante dez anos ou de forma perpetua, perdendo os dereitos civís.
Os mandatarios de certos países deberían pasar por este filtro. Pasarían unha votación de ostracismo? Faríaos reflexionar sobre as súas actuacións dez anos sen dereitos? O ostracismo fundamentábase na atimia, a privación da honra. Quédalles algo?

Publicado no Progreso o 18-7-2015

Maridaxe perfecta



Gonzalo Pérez López

Aínda que a recente toma de posesión de cargos electos e a simultánea finalización do curso escolar ordinario non aparentan ter unha relación inmediata, en canto afondamos algo na realidade presente e nas consecuencias futuras, a relación tórnase evidente. Vexámola.
Parte dos resultados electorais permitirían albiscar no horizonte, distante, iso si, un leve elemento corrector ou un freo ao impulso das políticas que conduciron á corrupción multidimensional e ó incremento conseguinte da desigualdade social. Pero, a realidade é que calquera pretensión, incluso expresada só como declaración de intencións, que apunte a unha mínima reforma social tendente á redistribución social dunha parte da riqueza, pequena, dende logo, atopa coa resistencia, desproporcionada en relación coas posibilidades de que se materialice, dos que multiplican o seu dominio a base da imposición social da conxunción pobreza-ignorancia.
Dado que polas estreitas regañas da imperceptible democracia política, un pequeno grupo que pon en cuestión o statu quo accedeu ao goberno, que non ó poder, os que gozan deste en exclusiva inician unha guerra preventiva, tendente a bloquear calquera alternativa que intente remover as ríxidas estruturas de control forxadas. Así, poñen en marcha a intervención do seu exército financeiro-mediático coas pertinentes armas de destrución masiva de calquera xermolo de democracia económica e cultural, xa que, sen estas, a democracia política que toleran é unha pura entelequia lexitimadora do seu poder.
Polo tanto, para blindar definitivamente a súa hexemonía, só lles queda pechar a posibilidade de que a democracia cultural poida abrir unha vía cara a unha sociedade máis xusta (lede esta palabra sen rubor). Por iso teñen que combinar a intervención económica coa disolución da educación pública, única canle pola que os máis explotados poderían saír do conformismo que lles impón vivir ó límite da supervivencia, porque, como di Mario Bunge, «a democracia auténtica pódese nutrir dende riba, pero só pode xerminar dende abaixo». Como non teñen a máis mínima intención de nutrila, só teñen que impedir que xermine. E así, pensaron nunha lei que garanta os seus intereses.
A enorme difusión levada a cabo polos voceiros do réxime dos malos resultados que acadaban os alumnos españois nas probas Pisa, PIRLS e similares, aderezada coa necesidade de buscar unha alternativa que redimira o agravio que supoñían para o honor patrio, serviron como falaz xustificación para emprender a elaboración e implantación, na que estamos inmersos, dunha lei de educación contra a maioría que nos introducira definitivamente na «modernidade educativa de mercado».
A lei, non nos enganemos, responde ás necesidades de futuro do modelo de produción do capitalismo, que pasan por converter ós alumnos nun elemento máis do sistema produtivo e, complementariamente, lexitimar as consecuencias que se derivarán do seu desenvolvemento. Isto substánciase volvendo á instrución en detrimento da educación. Se nunca tivo moito sentido a instrución (resonancia militarista), hoxe, coas posibilidades técnicas de acceso á información, se se supera a fenda dixital, aínda ten menos. Por iso, o que actualmente se necesita é educación, profesores educadores comprometidos en coadxuvar na autonomía intelectual e moral dos alumnos, facilitadoras da súa auténtica emancipación. Pero, trátase precisamente do contrario.
Que a lei reitere referencias á ciencia e a técnica non significa que se pretenda potenciar a actitude científica, é dicir, crítica coa distintas parcelas da realidade, senón mecanizar e adestrar nunhas técnicas que permitan instrumentalizar ó alumno para poñelo ó servizo dos intereses do capital neste momento histórico. Para obturar posibles gretas polas que puidera colarse o espírito crítico, minimízanse no currículo as materias que máis o poden favorecer ata deixalas ó borde da extinción.
A lei fai unha selección moi temperá, o que reforza a exclusión do alumno con precariedade económica e social dende que nace. Ademais, despreza a educación emocional, facendo caso omiso das aportacións científicas que a consideran fundamental para desenvolver unha intelixencia emocional que permita ó alumno minimizar a vulnerabilidade ante o efecto das condutas desequilibradoras da súa personalidade e das variadas dificultades da súa traxectoria vital e fomentar habilidades sociais, como a empatía, que lle permitan o seu desenvolvemento integral nunha sociedade democrática, conciliadora e aberta. Pero, ¿como se ía valorar isto, se o que se pretende é fomentar unha competitividade feroz?
Ademais, desmotivaron e deprofesionalizaron ó profesorado, encargándolle un labor asistencial e de entretemento dunha parte importante do alumnado en detrimento da función educativa e académica que lle corresponde e o invitaron a salvagardar as formas a base de facilitar a obtención masiva de sucesivos títulos, con escasísimo valor efectivo, como saída evasiva do sistema, non vaia ser que outro modelo educativo e de esixencia permita a alumnos e pais tomar conciencia da súa alienación e provoque un estoupido social que non haxa ‘lei mordaza’ que o deteña. Mentres, ao marxe da lei, os fillos da elite que a ideou traballan rigorosamente para reproducir e perpetuar o réxime plutocrático tramado polos seus proxenitores.
Polo tanto, convén non perder a perspectiva da maridaxe urdida. Os mesmos que limitan a democracia política, na que non cren, mediante a reiterada mensaxe paralizante de «nosotros o el caos» e a permanente acción obstaculizadora, controlan coa mesma fruición e intencionalidade a democracia cultural porque saben ben que é a mellor forma de evitar que se empece a asentar o piar básico da democracia: a democracia económica.

Publicado no Progreso o 4-7-2015

Ecoloxía política



Elías Pérez Sánchez

Son moitos os sinais que temos hoxe en día que fan pensar nunha fase de esgotamento dos recursos minerais e enerxéticos tradicionais. Son moitos os indicadores que reflexan a progresiva degradación ambiental e as desigualdades locais e mundiais configurando un panorama crítico e nada edificante. Por estas razón, últimamente estase a discutir sobre a lóxica crecentista ilimitada a favor dunha visión revisionista da mesma.
En Galicia, hai pouco, un grupo de investigadores, políticos, ecoloxistas levaron adiante un estudio sobre as distintas facianas da realidade de Galicia en clave ecopolítica. Esas reflexións saíron compiladas no libro Ecoloxía política: olladas desde Galicia editado por obencomún, libro coordinado por Xoán Hermida e Xan Duro.
En función dunha visión xeral do texto percíbese nel un marco teórico baseado na consideración da ecoloxía (da perspectiva ecolóxica) como un novo paradigma epistémico e un marco imprescindible cara a acción política. O substrato basal do libro reflexa a consideración de que o ecoloxismo debera estar anclado nunha ética non antropocéntrica e afastado de calquera consideración meramente utilitaria das distintas especies animais e dos parámetros clásicos, aínda vixentes, da explotación do home polo home e do expolio indecente e predatorio da terra.
Por outra banda, no libro percíbese claramente una crítica velada ao denialim (o negacionismo), propio da ortodoxia política e de calquera práctica económica que se limita a ornamentar o discurso dominante. Transmítese no libro, tamén, a necesidade dun desenvolvemento sustentable que aposte por frear o deterioro constante dos medios de vida convencionais, por redistribuir a riqueza e pola necesaria mudanza dos nosos hábitos cotiáns. En definitiva: por interiorizar a necesidade de poner límites á civilización do crecemento desmedido.
Por fin, no texto percíbese claramente o desexo de construir una ecopolítica ofrecendo claves cara una sociedade ecolóxica, lonxe do capitalismo competitivo, lonxe do sistema ecodestructivo capitalista actual a favor da promoción dunha nova ética socioproductiva.
Frente á lóxica de dominación, explotación e desequilibrio cómpre un novo marco teórico político baseado na harmonía coa natureza, na responsabilidade medioambiental, na responsabilidade social integral. Un marco teórico-político que dote de contido real ao oikós (o fogar, en grego). Os sabios gregos, como Aristóteles consideraban o oikós como una comunidade construída naturalmente para a satisfacción das necesidades cotiás, o centro nuclear da vida dos seres humanos, dunha vida en comunión saudable coa naturaleza.
Aristóteles, na súa Política defendía a necesidade de acadar os medios de vida necesarios para satisfacer as necesidades supervivenciais frente á antinatural e deshumanizadora acumulación de riquezas e a desmedida actuación sobre o medio físico máis próximo. Era sabio Aristóteles. Aprendamos del.

Publicado no Progreso o 27-6-2015

A moderna escravitude por débedas



Mar Carballo Cela

Tal e como narra Aristóteles na súa Constitución dos atenienses, Solón -un dos sete sabios de Grecia, poeta e grande estadista- sentou as bases da democracia grega coas súas reformas. Conta o filósofo que os longos enfrontamentos entre unha oligarquía que acaparaba a riqueza e un pobo cada vez máis desposuído levaron a ambas as partes a acudir a Solón para que mediara no conflito e trouxera por fin a paz a Atenas evitando unha inminente guerra civil entre ricos e pobres.
Considerou Solón que ningunha paz podía ser duradeira se non se corrixía a desigualdade económica, e así iniciou un proceso de reformas que permitisen avanzar cara unha maior equidade. Unha das primeiras medidas foi a eliminación da escravitude por débedas. Era habitual na antiga Grecia que os máis desfavorecidos adquirisen débedas que tiñan que avalar coa súa propia liberdade, converténdose así en escravos dos seus acredores en caso de non saldalas. Isto provocaba unha situación de inxustiza difícil de manter sen que sobreviñera a natural rebelión. O "alivio das cargas" ou condonación deste tipo de débedas foi, polo tanto, indispensable para encauzar a situación.
Entendeu claramente Solón que só acadando unha maior xustiza social se pode camiñar con paso firme cara a paz e, nesta mesma liña, emprendeu tamén toda unha serie de medidas que lles foran outorgando aos pobres unha maior participación nos asuntos públicos para compensar así a desigualdade provocada pola inxusta distribución da riqueza, e evitar que os propietarios acapararan o poder político en beneficio propio. Foi o inicio dun camiño que acabou por chamarse democracia.
Este é o relato que o helenista Pedro Olalla trae á actualidade (os paralelismos son inevitables) na súa apaixoante obra Grecia no aire, para preguntarse -entre outras cousas- se a escravitude por débedas non será o esquema político que hoxe en día fundamenta as relacións de poder dentro da "civilizada" e "democrática" Europa. Efectivamente, os países do Sur estamos asistindo a unha nova forma de escravitude que reduce as nosas vidas á submisión indigna ante unha serie de medidas impostas polos nosos acredores. Que queda da idea de xustiza que impulsou a aqueles gregos da Época Clásica a perseguir un sistema político que puidese garantila, outorgando para tal fin unha maior participación ao pobo nos asuntos públicos?
A función primordial da democracia, entón e agora, é fuxir da tiranía, dos oligarcas de calquera estirpe que pretendan utilizar o poder para beneficio propio, e, neste aspecto, ben parece que esteamos percorrendo o camiño inverso que inspirou naquelas xentes o desexo dunha sociedade máis libre e igualitaria; porque cada vez se toman máis decisións de costas aos cidadáns, contra a súa vontade e contra o seu interese.
O esquecemento do auténtico significado das palabras leva a que as acabemos utilizando sen ningún tipo de lexitimidade semántica, baleiras de sentido, como meras etiquetas arbitrarias. Estamos á espera de que a palabra democracia recobre no discurso o lugar que lle corresponde, e para iso non será suficiente con meros paliativos para as vítimas que este sistema oligárquico vai deixando polo camiño; faise necesario que nos preguntemos -como xa apuntara Popper no seu día- canto poder estamos dispostos a darlle a quen nos goberne; porque nun sistema representativo non é o pobo quen manda, este só lexitima periodicamente a aqueles que ostentan o poder.
Na democracia orixinaria, os mecanismos de control e vixiancia constantes por parte dos cidadáns, así como toda unha serie de medidas para evitar a corrupción, eran a esencia do sistema, algo totalmente olvidado na engrenaxe política actual, polo menos ata agora.
Queda por ver se estamos asistindo ao inicio dunha nova era que sexa capaz de entender, como no seu día o entendeu Solón, que só desde a xustiza social, amparada por unha cidadanía vixiante, será posible a paz e a prosperidade humana. Moitos chámanlle a isto "imposible", sobre todo os defensores do sistema.
Merece a pena, botando man do método "xenealóxico", achegarnos ás orixes mesmas da democracia, unha ilusionante viaxe que nos dá a clave para entender o que na actualidade está sucedendo e tomar conciencia do que debería ser.
É inevitable sorprenderse do que foi capaz un pobo tan distante no tempo (aínda con todas as súas carencias e humanas perversións), dos seus ideais e da complexidade organizativa que foi quen de despregar para levalos a cabo.
Somos herdeiros daquela cultura, e deberiamos ser o suficientemente intelixentes e responsables para aprender dos seus erros e perfeccionar o legado que nos deixaron. Ou, como dicía Bernardo de Chartres: "Somos como ananos a ombros de xigantes. Podemos ver máis e máis lonxe ca eles, non pola agudeza da nosa vista nin pola altura do noso corpo, senón porque somos levantados pola súa grande altura".

Publicado no Progreso o 20-6-2015