sábado, 26 de marzo de 2016

Filosofar en nome de ninguén



Juan Carlos Fernández Naveiro

Esta tribuna naceu para promocionar a filosofía pero hoxe vou ser incorrecto –en realidade, os filósofos sempre foron os primeiros en criticar(se). Quero chamar a atención sobre os discursos que pretenden ser voceiros do universal, sobre os que se erixen en amos dos conceptos e pretenden ter a opinión dominante.
En particular os debates sociais están cheos de opinións que queren pasar por conceptos. Cando se propoñen estándares de saúde, de sexualidade, de alimentación, de relacións persoais ou de valoración da propia vida, e se enfocan temas como as drogas, o aborto, a prostitución, a eutanasia ou os dereitos animais, moitas veces caemos en lugares comúns que perden as pequenas diferenzas e acaban por soster os nosos prexuizos. Debes ser correcto, cumplir a norma, seguir o guión que outros escribiron para tí. A veces se trata de recomendacións para aterse aos modelos dominantes, outras veces son prácticas que bordean o legalmente establecido. Que pode facer aí a filosofía? Pode dubidar, ter coidado coas xeneralizacións , propor a necesidade de contextualizar calquera xuizo, sacar á luz o que está implícito, os condicionantes culturais dos conceptos, os intereses que agochan. Como dicía Nietzsche non nos libraremos de Deus mentres sigamos a crer na gramática, e con iso transmitía unha saudable desconfianza na linguaxe, gran forxador de conceptos espurios.
Os temas moralmente máis polémicos teñen ademáis unha difícil ubicación política. A esquerda e dereita se reproducen as alternativas entre moralismo penalizador e anti-autoritarismo despenalizador, entre restricción de dereitos e a súa ampliación, entre a fabricación de individuos sometidos e a promoción da responsabilidade de cadaquén na súa propia vida.
Hai que coidarse dos que ignoran o pluralismo dos valores, dos que detentan un suposto saber indiscutible e queren usalo como dispositivo de normalización e control; hai que precaverse desa liña perigosa que conecta as ideas socialmente establecidas cos mecanismos do poder. O pobre, o drogadicto, o tolo, a prostituta, o suicida, son minorías que problematizan os dogmas maioritarios e enmendan os programas de ilustración; introducen unha sospeita que se extende desde o “goberno dos sabios” (Platón) ata toda “vontade lexisladora universal” (Kant). As ideas poden ser usadas como armas de dominio, como soldados da liberdade obrigatoria, que impoñen a salvación das almas a sangue e lume. Baixo a forma do universal a filosofía pode ser un adorno de instintos feroces. É mellor deixar falar, non usurpar as voces de outros, non empeñarse en representar. Dicía o filósofo Gilles Deleuze: “devir-minoritario”. Todos somos parte dunha minoría respecto de algo. Cabe entonces unha filosofía do singular, unha escoita das marxes e das razóns que non concordan co establecido, como un murmurio que chega desde abaixo. Pensar o singular, e deixalo ser.

Publicado no Progreso o 1-1-2016

A violencia



Mª Isabel Sánchez Corral

Define a Biblia do internauta, ou sexa a Wikipedia, a violencia como "un tipo de interacción entre suxeitos que se manifesta naquelas condutas ou situacións que, de forma deliberada, aprendida ou imitada, provocan ou ameazan con facer dano ou sometemento grave ( físico, sexual, verbal ou psicolóxico) a un individuo ou a unha colectividade; ou os afectan de tal maneira que limitan as súas potencialidades presentes ou as futuras. Pode producirse a través de accións e linguaxes, pero tamén de silencios e inacciones".
Queda claro que a forza, xa sexa física ou psicolóxica aparece en distintas definicións de violencia como o elemento central das mesmas. O dano que se infrinxe é deliberado e demasiado a miúdo as relacións entre individuos ou de grupo se cimentan nela. A persoa que a utiliza faino conscientemente, pois tenta impoñer a súa vontade.
Ao longo da historia da humanidade, e en concreto da occidental, houbo períodos moi violentos. Pero hai un tipo de violencia que se perpetúa como unha lacra de forma sistemática. A violencia que se exerce contra as mulleres en calquera parte do mundo e que ten como resultado unha violación, un dano emocional e psicolóxico ou unha morte. Violencia que se ampara noutras violencias: institucionais, mediáticas, laborais, económicas... Violencias que alimentan a violencia contra as mulleres e nútrense simbólicamente a través de patróns estereotipados, mensaxes, valores, íconos ou signos que transmiten e reproducen dominación, desigualdade e discriminación nas relacións sociais, naturalizando a subordinación da muller na sociedade.
A causa de todo esta violencia quizais estea nun concepto que nos achega Simone de Beauvoir no seu libro O segundo sexo: a Alteridade. Para Beauvoir o home sempre se define como "o Outro" e pola tanto á muller como "a Alteridade". A muller está condenada a desempeñar ese papel secundario, nunca dona do seu destino. O seu poder é precario, escrava ou deidade: "Os homes fan os deuses, as mulleres adóranos", dicía Frazer. A Alteridade significa nun sentido absoluto o inesencial. Non é a muller un suxeito, non é a muller integrada na sociedade como un ser humano. A autoridade pública ou social é exercida en calquera sociedade polos homes. Sometida á autoridade do pai, do irmán ou do marido. O home transcende máis aló de se mesmo a través das súas obras, a muller non. O patriarcado imponse desde o principio dos tempos.
E continúa impoñéndose de forma violenta cando para unha moza de dezanove anos a mellor definición de noivo é "maltratador de baixa intensidade". E sobre todo, cando ante as cifras horribles de asasinatos de mulleres froito da violencia machista escandalizámonos, pero continuamos reproducindo a desigualdade a través das súas múltiples violencias.
A solución debería estar tamén nese libro de Simone de Beauvoir, tachado de pornográfico na súa época. E o está nesta frase: "A muller non nace, faise, constrúese e polo tanto pode ser calquera cousa".

Publicado no Progreso o 12-3-2016

Que veña o caos!



Gonzalo Pérez López
 
Intentaba paliar o efecto do agrisado día invernal sobre meu estado anímico,  cando quedei atrapado nese magma político-mediático, tan lonxe da racionalidade comunicativa habermasiana como cerca dos principios da propaganda de Goebbels. Simplificación, informacións fragmentarias,  invención dun inimigo común, medias verdades para facer tragable unha gran mentira, repetición masiva  de ideas simples distorsionadoras da realidade, persuasión dunha falsa unanimidade sobre ideas que só benefician aos propagandistas, aderezado todo coa distracción do receptor por medio de frivolidades que apelan ó compoñente morboso, pasional e primitivo dos humanos, forman esa densa lameira da que desesperadamente trato de liberarme.
Aplicadas esas técnicas de manipulación á situación política que deparou o resultado das pasadas eleccións, queda flotando a ameazante mensaxe, explícita ou implícita, do castigo de incalculables dimensións que nos espera se ousamos transgredir a orde establecida. Dada a actitude antidemocrática, regresiva e de desprezo á racionalidade política que isto implica, iniciei un proceso de busca das claves que me permitiran explicala coherentemente.
Curiosamente, esa busca non me remitiu a ningún dos meus referentes intelectuais e morais, senón  que desemboquei  na revista de humor, negro, iso si, Hermano Lobo, que tentaba fintar intelixentemente  á censura tardofranquista. Nunha viñeta, o oligarca correspondente enviaba unha mensaxe pechada á masa informe que ateigaba o auditorio: “nosotros o el caos”. Como un resorte, a masa berrou: “el caos, el caos”, replicando o tribuno: “es igual, también somos nosotros”
Son eles, efectivamente, os que, para evitar o caos, impuxeron a súa orde, urdindo unha xeneralizada rede de corrupción tramada nas cloacas onde confluían os intereses privados cos detritos do espolio das institucións públicas; os que incrementaron a discriminación, a exclusión e a desigualdade social, que xustificaron mediante un darwinismo social lacerante; os que avalaron o despido fácil e a reaparición do traballador pobre; os que adelgazaron as listas do paro a base dun traballo precario, facer horas sen remunerar e ganar menos có subsidio de desemprego, tamén minimizado; os que propiciaron recortes en educación, sanidade e dereitos civís que nos retrotraen ás máis escuras décadas do século pasado; os dos impostos regresivos e a amnistía fiscal para as grandes fortunas; os que non só manifestaron desprezo polos pobres, mulleres, dependentes,  xoves,  discapacitados e calquera colectivo vulnerable, senón que trataron de invisibilizalos, anul ándolles a autonomía e a capacidade reivindicativa e sumíndoos na depresión e na desesperanza.
Son os mesmos que, por una parte, oficiaron de modélica sucursal das políticas emanadas das organizacións de control capitalista como o FMI ou o  BCE, e, por outra, enchíaselles a boca falando desa  entelequia, España, figura decorativa que nada decide, pero que lles proporcionou pingües beneficios políticos, xa que, recorrendo ao chantaxe emocional, lograron  distraer á xente da auténtica problemática que lle afecta.
Pero van máis alá, queren sucederse a si mesmos e, como na viñeta citada, pretenden controlar incluso a súa propia oposición, á que denominan “oposición razoable”, botando man, sen rubor, dos rescaldos da autoinmolación  da socialdemocracia en aras de facilitar a expansión dun capitalismo disposto a fagocitar calquera opción, incluso afín, que ouse poñer un pé fóra dos cada vez máis estreitos límites que impón.
Que podemos facer, entón? Desordenar toda esta armazón impulsando un caos que descompoña ese cosmos pechado, esa orde monolítica e excluínte que nos atenaza. Nada máis lonxe da miña intención que  aplicar mimeticamente a Teoría do Caos de orientación científica á interpretación da dinámica social, pero non parece fóra de lugar achegar un concepto desa teoría, o “efecto bolboreta”, para albiscar algunha saída  liberadora. Trataríase de introducir pequenas cuñas alternativas de reivindicación que fendan a pétrea estrutura do sistema e que, aínda que parezan insignificantes, poden operar como detonante ético- político para, cun crecemento exponencial dos efectos, propiciar o impacto social expansivo desexado. Por iso, dende a miña profunda convicción da necesidade de acceder ao que os custodios da orde chaman caos, só me queda convidarvos a participar e entregarme de cheo a posibilitar a súa chegada.

Publicado no Progreso o 5-3-2016