miércoles, 14 de agosto de 2019

A ciencia tamén ten xénero


Mar Carballo Cela

Dicía Susan Sontag en “Estilos radicais” que hai formas de pensar que non coñecemos aínda, e que non hai nada máis importante e precioso que ese coñecemento, pois o simple feito de descubrir que podemos pensar o mundo desde unha perspectiva diferente esperta en nós unha inquietude que non se pode aplacar.
As categorías coas que nos referimos hoxe á realidade quedarán anticuadas irremediablemente como quedaron as de séculos atrás. E así sucede tamén co concepto que nos define como especie, porque o que entendemos por “ser humano” non é neutral. A súa construción foi elaborada por mentes masculinas a partir do modelo masculino, e esta construción do “humano” déixase sentir especialmente no coñecemento que temos por máis rigoroso e obxectivo: a ciencia.
As consideracións científicas sobre as mulleres como seres inferiores teñen unha longa historia. Desde as primeiras miradas filosóficas de Aristóteles, pasando polas afirmacións médicas de Galeno, ata os abundantes estudos fisiolóxicos e psiquiátricos dos séculos XIX e XX.
Pero na actualidade, os estudos científicos tampouco se libran do nesgo de xénero, tendendo -entre outros aspectos- a esaxerar as diferenzas entre os sexos ou, noutros casos, a minimizalas e mesmo ignoralas, tendencia que tamén podería aplicarse ás investigacións sobre clase social, raza/etnia, idade, etc. Así o sinalan S. García Dauder e Eulalia Pérez Sedeño na súa obra “Las “mentiras” científicas sobre las mujeres” (2017), onde ofrecen interesantes exemplos de como se concretan estas visións nesgadas derivadas da histórica definición da muller como a “outra”, como a desviación do patrón hexemónico masculino.
Con respecto a esaxerar as diferenzas séguese recorrendo a teorías esencialistas (sen ter en conta o factor educacional) que distinguen entre capacidades cerebrais masculinas e femininas, como as de Simon Baron-Cohen (2003) ou Louann Brizendine (2010) en pleno século XXI.
Outro exemplo sería o feito de centrar a saúde das mulleres na súa saúde sexual e reprodutiva, desatendendo enfermidades comúns a ambos sexos, ou inventar trastornos ou síndromes específicos relacionados tamén coa súa sexualidade (síndrome premenstrual ou depresión posparto) continuando, en boa medida, coa consideración das mulleres como seres máis inestables emocionalmente a diferenza dos homes, máis racionais e equilibrados. Xa Betty Friedan na súa emblemática obra “A mística da feminidade” (1963) puxera o acento no que chamou “o mal que non ten nome” para referirse a malestares emocionais das mulleres produto da opresión de xénero convertidos en trastornos psiquiátricos e tratados con psicofármacos. A historia da patoloxización de situacións de inxustiza social é moi extensa… Mulleres que se rebelaban ó seu destino que acababan en centros psiquiátricos con diagnósticos como manía persecutoria, histeria, etc.
O feito de esaxerar as diferenzas introduce tamén “dobres estándares” en saúde, que levan a tratar unha mesma situación de forma diferente en función do sexo cando non existe xustificación para facelo, como é o caso de non atender por igual as queixas femininas que as masculinas, buscando máis a miúdo nas mulleres causas psicosomáticas e prescribíndolles un maior número de psicofármacos ante iguais síntomas que nos varóns.
Igualmente podemos atopar consecuencias no feito de ignorar ou minimizar as diferenzas, xa que se adoita establecer como modelo o corpo dos varóns en enfermidades que non sempre presentan os mesmos síntomas nin prognósticos, como é o caso dos infartos. Asumir medidas de referencia masculinas como universais, ou non incluír mulleres nos ensaios clínicos obviando as posibles respostas diferenciais a determinados fármacos, son distorsións frecuentes, como tamén o son os intereses que deciden as prioridades nos temas de investigación.
É por isto que debemos tomar conciencia de que as prácticas científicas non están libres de valores e que forman parte (consciente ou inconscientemente) das estruturas de poder dunha sociedade determinada; porque é precisamente esta perspectiva de análise desde os grupos marxinais a que máis enriquece o coñecemento, deixando ó descuberto as debilidades do que tomamos por evidente e axudándonos a facer mellor ciencia.

Publicado no Progreso o 10-8-2019