miércoles, 25 de diciembre de 2013

Igrexa, fauna e xustiza social



 Gonzalo Pérez López

      Unha mañá dun día calquera de novembro, como tantos outros días dende que comezou o  inverno moral neste país, érgome apesarado e con ese pouso de tristura de fondo que che deixa o desolador panorama que nos rodea, resultado do progresivo e imparable deterioro ou desaparición, sen máis, de dereitos sociais, cuxo recoñecemento supuxera o sacrificio de tantas e tantas xeracións. Paro, especialmente de xente nova, privatización, encuberta ou explícita, da sanidade pública e universal, potenciación do ensino privado en detrimento do público, aparcamento sen condicións axeitadas de atención de dependentes, administración de xustiza só para ricos, miles de persoas durmindo na rúa e un interminable cúmulo  de realidades cotiás, expresión evidente da exclusión e da inxustiza que pasaron a formar parte da paisaxe social deste país.
      Sen convicción, e por pura inercia, abro o xornal e navego polas procelosas augas das noticias que non son tales: máis risco que prima, “banco malo” (pero, hai bancos bos?), ameaza de temporal,   parece que esta vez meteorolóxico e moito máis levadeiro que o tsunami dos mercados, éxito da reforma laboral expresado en ERES, cunha única erre e con maiúscula (desvergonza, claro), ata que, de súpeto, tropezo co anuncio da publicación, a escala planetaria, doutro libro do sumo dirixente da igrexa católica no que ofrece unha das súas habituais contribucións ao desenvolvemento da ciencia contemporánea e que desmantela dunha sentada boa parte da miña iconografía infantil. Resulta que nin a mula nin o boi formaban parte, como faunísticos notarios, do milagroso nacemento de Belén e, aínda máis, tampouco existiu  a estrela que se dicía  guiara aos Reis Magos ao portal. Así as cousas , non podería ser que, no futuro, se confirme a plausible  hipótese de que esa confluencia de monarquía e maxia non ten correspondencia real e me quede tamén sen reis neste vendaval iconicida?
      Superado o primeiro impacto, tento orientar a mente cara a pensamentos positivos e paso a valorar a achega papal á ciencia actual dende unha perspectiva pluridimensional: etnografía, zooloxía, historia e antropoloxía son algunhas das disciplinas que se ven enriquecidas, á vez que se abren novas vías de investigación cara ao benestar da humanidade.
      Pero lonxe de evadirme, invádeme, por asociación, a presenza daquela escenografía da nenez: o imaxinario críptico, aportado pola igrexa, a base de reis, estrelas, fauna variada, e aquel San José, cun papel inconsistente e diluído para aquela España machista no marco da ditadura , con fame e frío externo e interno, con medo e falta de liberdade para poñer de manifesto o obvio: a inxustiza que o inundaba todo, co silencio cómplice da todopoderosa institución eclesiástica  franquista.
      E pasaron anos e décadas, o país accedeu á democracia formal, que non á real, e a igrexa como institución mantivo intacto, coa aquiescencia dos sucesivos gobernos de Madrid e da periferia, o seu extraordinario poder. E nestes último anos, ata que a dereita -límite recuperou o goberno, encabezada polos seus máis egrexios xerarcas, saíu reiteradamente á rúa en manifestacións amplificadas polo eco dos corifeos do coro mediático que a alimenta. Pero non reclamaba un cambio radical do sistema económico dominante, que fomenta a inxustiza social como parte esencial do mesmo, senón que pedía restricións de dereitos de persoas e grupos, eliminación da educación cívica da escola e incremento dos seus enormes privilexios. Situado no poder o partido que mellor pode garantir o cumprimento dos seus caprichos, a igrexa retírase aos cuarteis de inverno e, quente e allea ao sufrimento da xente, repite o silencio cómplice, sen acción nin palabra solidaria, nin sequera a máis tenue crítica á mentira que, como parte inherente a súa acción política, practica o goberno actual.
      Por iso, neste escenario social espantoso que nos tocou vivir, onde as persoas son números suxeitos ó mercantilismo radical e a súa dignidade non é a súa esencia irrenunciable senón un adorno a eliminar, adquire a súa real dimensión este libro do xefe do Vaticano.
Sen embargo, parece que non se nos esborralla todo e que se pode albiscar unha vía para o optimismo, xa que, segundo entendín, aínda se mantén o presebe . Quédanos o presebe! 

Publicado no Progreso o 15-12-2012

A utilidade da Filosofía e a LOMCE



 Elías Pérez Sánchez

      O Anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade de Ensino (LOMCE) pretende relegar á Filosofía e ás distintas materias hoxe vinculadas á Filosofía, como a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos -EpC- ou a Ética e Cidadanía -EyC- e que manteñen na actual GABE un continuo curricular, a unha disciplina académica de ámbito marxinal.
      Sen entrar en detalles que confundan o lector convén destacar a eliminación de EpC e de EyC e a súa implantación curricular nos niveis educativos de primaria e secundaria en beneficio dunha dubidosa transversalidade dos contidos destas diluíndo a importancia que ten na educación o coñecemento dos fundamentos racionais da conduta cidadá e a adquisición de habilidades sociais para o desenvolvemento dunha correcta convivencia democrática, e renunciando ao estudo dos preceptos, deberes e dereitos constitucionais ligados -como non podería ser doutro xeito- á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e outros tratados internacionais.
      Por outra parte, a LOMCE pretende tamén despoxar da materia Filosofía e Cidadanía, actualmente cursada no bacharelato, a parte do currículo vinculado á cidadanía en beneficio da Filosofía tradicional cando a devandita materia pretende, na actual LOE, que o alumnado afonde na dimensión ética do concepto de cidadanía clarificando as súas bases e proxeccións filosóficas remitíndoo, dun xeito natural, ao estudo do concepto mesmo de Filosofía e da súa aplicabilidade. Non esqueza o lector que as materias antes citadas teñen como obxectivo "desenvolver unha conciencia cívica, crítica e autónoma, inspirada nos dereitos humanos e comprometida coa construción dunha sociedade democrática, xusta e equitativa e coa defensa da natureza, desenvolvendo actitudes de solidariedade e participación na vida comunitaria,".
      E por se fose iso pouco, o Anteproxecto LOMCE desterra a Historia da Filosofía do actual bacharelato ao ámbito da elección discrecional por parte do alumnado coa consecuente perda do status académico cardinal mantido durante décadas. Semellante desprezo cara ao coñecemento das orixes e a evolución do pensamento da humanidade no currículo escolar denota, canto menos, a consideración da Filosofía como un saber inútil, improdutivo e infecundo.
      Todo isto me fai recordar o discurso inaugural lido pola Catedrática de Ética, Esperanza Guisán, na solemne apertura do curso académico 2005-2006 da Universidade de Santiago e que levaba por título "Da útil inutilidade da Filosofía". Naquela brillante lección maxistral, a doutora Guisán defendía a necesidade e a utilidade da Filosofía nunha época histórica como a nosa onde tanto escasean os valores criticamente asumidos.
      Sorprende amargamente que os poderes públicos insistan na necesidade dun ensino de calidade para despois privar o alumnado dunha formación específica indispensable que lle axude a desenvolver as competencias necesarias que lle faciliten o acceso ao coñecemento dos valores constitucionais, os textos estatutarios de autonomía, os tratados internacionais, e os que garanten e formulan os distintos Dereitos Humanos. Resulta asombroso que a reflexión na aula sobre a lexitimidade do poder político, os fundamentos filosóficos do Estado democrático de dereito, a liberdade e a tolerancia poida ser considerada un mero anexo na formación integral dos mozos e mozas de hoxe en día.
      Hai que priorizar a formación de bos cidadáns antes que "bos profesionais". A profesionalidade é, certamente, unha virtude pública na medida que serve aos intereses comúns da sociedade, como moi ben indicou Victoria Camps nalgún dos seus libros. Pero a educación do futuro profesional non debera minimizar o papel liberador da Filosofía e a relevancia dunha educación moral que reforce e mellore as súas virtudes cívicas e públicas. E que os converta en bos cidadáns.

Publicado no Progreso o 8-12-2012

sábado, 7 de diciembre de 2013

Discursos dominantes



Mª del Mar Carballo Cela.

Dicía Faulkner que “os escritores interesan cando non son razoables; cando o son todos din o mesmo”. Pero ás veces, dicir o mesmo non é precisamente indicativo de ter razón. Isto é o que pode suceder cos chamados discursos dominantes ou “discursos de moda”. Impóñense desde a publicidade que os medios lles dan ás ideas de tertulianos, políticos e “expertos”, e duran mentres non cobra forza calquera outra idea de igual maneira. Todos nos ocupamos de repetir e difundir este tipo de ideas “razoables”, integrándoas nas nosas tertulias e conversas, é máis, todos as contamos unha e outra vez co mesmo entusiasmo de quen acaba nese preciso instante de descubrir a pólvora. E esperamos, ademais , que calquera que estea na actualidade terá que estar de acordo con tamañas ocorrencias. Ata que, un bo día, empezamos a sospeitar que algo de malo deben ter cando ninguén nos leva a contra.
Hai un gran “discurso de moda” ultimamente: a economía, os mercados, impuxéronse sobre a política. O capital é o gran inimigo do cidadán, o gran inimigo do que eles (os políticos) intentan, sen éxito, defendernos. (Todos sabemos o útiles que poden ser os inimigos...)
O que non debemos esquecer é que o liberalismo económico empezou sendo, e segue a ser, unha maneira de facer política (agora, neoliberalismo). Foron os políticos os que crearon este modelo de protección ó libre comercio, salvagardando os dereitos dunha clase emerxente para que negociase libremente e obtivese os beneficios que lle correspondía, cunha intervención mínima do Estado. Que logo esta liberdade non tivese a regulación oportuna para impedir o seu descontrol e corrixir os desequilibrios e inxustizas que, en democracia, dela se deriven, digo eu que será tamén responsabilidade dos políticos, ¿ou non? ¿Por que todas as liberdades están reguladas e limitadas, como debe ser, e non o está a liberdade do mercado?  Non creo que sexa tan difícil idear unhas normas para tal efecto: ideas hai...! Mais ben creo que os políticos se alimentaron dos beneficios desta liberdade de múltiples e variadas formas: financiación de partidos, lucro persoal ou calquera vía de nutrición desde o capital privado que servise ós intereses electorais. É máis, os propios partidos adoptaron tamén a forma de actuar dos mercados: cada partido compite no mercado electoral con atractivos paquetes de ilusións, e a súa finalidade última parece ser a de triunfar e perpetuarse, como a de calquera empresa (“democracia de mercado”,  chamoulle Félix Ovejero Lucas). Os políticos fixeron da democracia un mercado partidista, e para iso necesitaban do capital.
O capital gañoulle a batalla á democracia, non á política, e gañoulle porque os políticos “demócratas” se venderon ó capital; de feito unha das formas que adoptou a venda (a corrupción), está quedando continuamente ó descuberto.
Xa Aristóteles afirmaba que a política era a ciencia máis importante de todas, porque sen ela ningunha outra podía prosperar. ¿Dubida alguén de que a economía puidese prosperar sen o consentimento da política? ¿Dubida alguén de que a liberdade de mercado non servise ó seu amo e creador, a política, ó longo de todos estes anos?
En definitiva, o gran labor para conservar a democracia consiste na arte prudente de ir establecendo moderada e convenientemente os límites; porque se non se deciden en función dos intereses da preservación da democracia, outros os decidirán para impoñer a súa propia conveniencia. A democracia non nos garantiza unha vida marabillosa onde instalarnos e descansar, pero si nos ofrece a posibilidade de escapar dunha vida peor ou, como dicía Saramago con palabras moito máis fermosas e suxerentes, “a democracia non é un punto de chegada, senón unha porta de saída”. Esixamos sempre que se faga o necesario para que esa porta se manteña aberta. E espero que vaiamos tendo a suficiente lucidez para identificar acertadamente a todos os inimigos da democracia.

Pulicado no Progreso o 1 - 12 - 2012

A esperanza, o medo e a inacción



Xosé Ramón Cando
 
Adoitamos dicir que a esperanza é o último que nos queda, se cadra facendo referencia, mais ou menos conscientemente, á caixa de Pandora da que saíron todos os males pero na que, agachada no fondo, quedou precisamente a esperanza que nos debe axudar a soportalos. Non coincide nas bondades da esperanza o filósofo francés Comte-Sponville que afirma que “quen espera a vitoria xa está vencido (como mínimo polo medo a ser derrotado). Tan so quen nada espera vive sen temor. E esta falla de temor vólveo difícil de vencer e imposible de someter. É posible privalo da vitoria, pero de ningunha maneira se lle pode privar do combate”(1).
Esta introdución permítenos conectar con outro artigo anterior no que facíamos referencia a que acotío renunciamos a actuar, movidos pola esperanza nunha intervención allea que ten que ver coa falsa percepción da nosa propia incapacidade. Á reflexión sosegada sobre esta presunta incapacidade permítenos achegarnos á verdadeira natureza da realidade na que existimos, decatándonos de que a convivencia e as súas normas son produto da actividade humana (da nosa actividade), de que a estrutura política na que desenvolvemos a nosa vida é igualmente produto do noso actuar e de que a organización da actividade económica é así mesmo resultado do que a sociedade desexa (o que nos queremos que sexa), chegando á conclusión de que se non estamos satisfeitos con estes produtos nosos, sempre nos queda a opción de cambialos.
Non é posible realizar estes cambios coa forza dun so ser humano, precísase o concurso de sociedades constituídas por tecidos asociativos que articulen a participación dos membros das mesmas. Cunha sociedade destas características sería mais difícil destruír o estado de benestar que estaba a construírse dende hai mais de cen anos. Cunha sociedade destas características sería mais difícil que se tivesen que transferir recursos pertencentes a pensionistas e parados aos usureiros que chantaxean ao conxunto da sociedade. Finalmente, cunha sociedade participada polos cidadáns, non teríamos que aceptar que centos de miles de persoas, temporal e involuntariamente sen recursos, se vexan obrigadas a abandonar as súas vivendas, desafiuzadas por entidades bancarias que, por outra banda, reciben cantidades inmensas de recursos da propia sociedade…
Se a presión exercida por unha sociedade articulada asociativamente non é suficiente para producir os cambios que vimos mencionando, esta sociedade dispón dun recurso que historicamente se ten mostrado extraordinariamente efectivo, especialmente en contextos (mais ou menos) democráticos, a desobediencia civil. Esta ferramenta empregárona Gandhi e Luther King, concienciando e liderando as súas respectivas sociedades coas que se enfrontaron, pacificamente, a inimigos dotados dun poder considerable e  determinados a utilizalo.
Parece, logo, que se queremos construír estruturas políticas e económicas que estean  ao noso servizo (do conxunto da sociedade) non resulta moi efectivo esperar que tal cousa se produza en virtude do seu propio dinamismo ou da intervención do santo patrón do ramo correspondente, mais ben teremos que tomar conciencia do poder do que dispón unha sociedade participada polos cidadáns e facelo valer de maneira pacífica e democrática pero coa firmeza e a causa esixe.
___________________________

           (1)COMTE-SPONVILLE, André: El alma del ateísmo. Paidós. Barcelona 2007. pax.18.




  
Publicado no Progreso o 24-11-2012

Volver pensarnos



M. A. Martínez

O pazo da Deputación de Lugo acolleu, con éxito de público, a primeira edición de “Lugh Augusti. Foro galego de Filosofía, Educación e Política” co título “Volver a pensar a democracia”, organizado pola Asociación Doxa de Filosofía. Non é fácil que un foro ideas calle nunha cidadanía que busca solucións inmediatas a situacións dolorosas, con frecuencia inhumanas. Tampouco que o faga nun país no que o exercicio público do pensamento xera suspicacias. Malia estes obstáculos, as análises dos poñentes, e os animados coloquios, evidenciaron a preocupación por elaborar un marco de ideas coas que afrontar a novidade da actual crise.
Filósofos, politólogos e xornalistas coincidiron na urxencia de que os cidadáns collan a rendas dos seus destinos. Non é suficiente con votar e consentir, aplaudir ou criticar, as decisións dos representantes políticos. Hai que entrar no espazo público, arriscarse a vivir unha vida no común en calquera das súas formas. Mais, como? Con que finalidade? A que prezo? Con que garantías? Os poñentes concordaron en que salvagardar a “cives” democrática, maridaxe de soberanía popular e imperio da lei, nin é gratis nin é para hoxe. Ten un prezo (en tempo, sacrificios persoais) e unha proxección de futuro nun espazo público en transo de nacer: o ciberespazo.
No foro analizouse a tripla crise: económica, política, moral. Non ten unha solución rápida porque non é doada de pensar. Superpóñense os planos, hai cortes transversais.
A crise económica, froito da circulación planetaria desregulamentada de capitais, da globalización dos procesos de produción, e do modelo de consumo, pode afrontarse esixindo a visibilización do capital. Quen intervén no espazo público dos intercambios económicos, condicionando a vida de millóns de persoas, debe identificarse. “Os mercados” non poden ser suxeitos “líquidos” e “enmascarados”, “irresponsables” e “anónimos”. Se as persoas físicas e xurídicas son suxeitos con dereitos e obrigas, “os mercados” deben asumir tamén estas regras de xogo.
A crise política ten varios aspectos: despolitización da cidadanía, quebra das institucións, desaparición do pluralismo. Xorden novos suxeitos: multitudes cidadás, redes de axuda comunitaria, movementos sociais, activismo político na Internet. Como axudarán a erguer a nova democracia? Talvez, a “democracia dixital” é unha vía: non só participar na construción colectiva da comunicación e dos saberes, tamén na toma de decisións a través da rede. Tecnoloxicamente é posible.
A crise moral finca nunha cidadanía sen ferramentas intelectuais para analizar e comprender a súa propia realidade. Por exemplo, a penetración da linguaxe económica no ámbito da moral é evidente: competencia, eficiencia, produtividade. As persoas son “recursos humanos”. Abandónase a linguaxe da xustiza pola linguaxe da eficacia. A reinvención da moral colectiva, cívica e democrática, debe basearse no “apoderamento” da xente. “Apoderarse” é autocapacitarse, ou capacitar a outros, para facer algo. Aquí o papel da educación cívica, da ética, é insubstituíble.
           En fin, “Volver a pensar a democracia” foi unha experiencia filosófica colectiva, grata e feliz, na que os participantes visibilizáronse como cidadáns críticos, construíronse como suxeito cívico, apoderáronse da súas propias capacidades para analizar, disentir, argumentar, chegar a acordos. Xa que logo, a filosofía é útil para comprender o noso tempo, e volver pensarnos.

Publicado no Progreso o 17-11-2012