miércoles, 22 de enero de 2014

Home, es capaz de ser xusto?



Mª Isabel Sánchez Corral

Pensaba centrar este artigo nas mulleres filósofas, debido á proximidade da conmemoración do dia da muller. Revisando certo material no que me ía basear asaltáronme unha serie de dúbidas. Estas dúbidas apareceron sobre todo cun libro de Gilles Menage, latinista francés nado no ano 1960, onde ao longo do mesmo elabora sesenta e cinco entradas sobre filósofas da Antigüidade, hainas platónicas, megáricas, pitagóricas, estoicas, cínicas, peripatéticas.... Nada menos que sesenta e cinco  entradas nun estudo do ano 1690 sobre a Antigüidade. Ata o propio Umberto Eco sorpréndese, pois el apenas si atopa noutras enciclopedias referencias recollidas nesta “Historia das mulleres filósofas” a excepción de Hipatia,; de aí que dixera  “ non é que non existisen mulleres que filosofaban. É que os filósofos preferiron esquecelas, talvez despois logo de apropiarse das súas ideas”. A verdade é que entón entendín por que ata cuarto de carreira non escoitara ningunha referencia a algunha outra filósofa.
As dúbidas centrábanse en que eu ía cometer o mesmo erro,  comentando o traballo dalgunhas destas filósofas  separadamente. Si,  separadamente, coma se fosen algo raro a destacar, algo en perigo de extinción ou simplemente manter un apartheid seguindo o pensamento dominante.
A estas e outras moitas mulleres filósofas non se lles integra na historia do pensamento, pola mesma razón que ese pensamento  alimenta a sociedade patriarcal. Unha sociedade patriarcal que xorde e se fundamenta na división sexual do traballo, na herdanza, a familia, que se afianza na Antigüidade, se estanca na Idade Media e se desenvolve co liberalismo político, apoiado pola Inquisición para desaparecer aquelas mulleres máis molestas. Un patriarcado que resistiu as loitas das mulleres ilustradas e as das sufraxistas, pero que foi obrigado a asumir e recoñecer certos dereitos que tamén defenderon as mesma mulleres da revolución industrial, da rusa e que ao remate da  Segunda Guerra Mundial se negaban a volver a casa loitando polo recoñecemento dos seus dereitos políticos, económicos e sociais .
A verdade é que parecía que todo ía vento en popa co Estado de Benestar, sobre todo para as mulleres do “primeiro mundo”, cada vez  conquistaban máis dereitos no eido laboral, de participación, en contra da violencia... A igualdade semellaba case real. A democracia facíanos a todos e a todas iguais, pero fomos percatándonos de que era, e segue a ser, unha igualdade formal. Só temos que mirar certos datos sobre o paro, os salarios, a pobreza e un longo etcétera, para cerciorarnos que durante moitos anos asumíronse certas ideas e certas políticas a nivel superficial, pero non se cambiou radicalmente a estrutura e os valores  da nosa sociedade. O patriarcado segue a ser un alicerce fundamental da sociedade que se retroalimenta co capitalismo, a outra base do sistema.
            Atopámonos ante un mapa que sitúa ás mulleres  outra vez na pobreza, na escravitude, no analfabetismo. Ademais, se nos pide que aparte de encher a despensa sexamos solidarias e coidemos aos anciáns, aos enfermos, eduquemos as crianzas e teñamos as nosas casas como “os chorriños do ouro”, pobres pero limpas, iso si. Disimulemos a crise, así non se notan tanto os recortes en servizos públicos que para iso temos ás mulleres, se xa o facían antes por que non o van a facer agora?
            O servilismo aos mercados entra en contradición cos avances conquistados en materias de igualdade e xustiza social. Unha vez máis, queren reducirnos ás mulleres ao ámbito privado, calarnos, que volvamos ser ese exército de reserva, esa man de obra barata en mans dos mercados.
            Unha vez máis, o pensamento dominante só mira nunha dirección, non escoita á metade da poboación pero si que pretende utilizala.
             Se cadra, a maiores de compartir o poder, que tamén, deberemos compartir a cotidianeidade. E no cotián construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, escoitando todas as súas voces.
            Non me resisto a terminar sen unha frase de Olympe de Gouges, escritora e política do século XVIII:
“Home, es capaz de ser xusto? Unha muller faiche esta pregunta”.


Publicado no Progreso o 17-3-2013

Que está a pasar na ensinanza pública?

Carmen González

O profesorado da ensinanza pública aposta por un tipo de educación que forme os cidadáns para unha participación activa, responsable, democrática e crítica dentro dunha sociedade pluricultural. Este tipo de educación dará en principio resposta ás necesidades e problemas da nosa sociedade.
Por iso todos os profesores buscamos un mesmo fin: conseguir que os nosos alumnos reciban unha formación de calidade, sen que esa formación quede limitada a algúns individuos ou sectores sociais, ese fin buscámolo convencidos de que esa formación lles proporcionará un talante, unha actitude, un modo de estar e enfrontarse á vida, un modo de relacionarse e de escoitar; en definitiva, un modo de ser.
Podémolo conseguir? Non, a educación perdeu o norte, caeu na indefinición e olvidou o seu obxectivo fundamental. Actualmente todo dentro da nosa cultura está en revisión, e o sistema educativo está constantemente sometido a continuas reformas (Lode, Logse, Loce, Loe, Lomce) que non teñen en conta a finalidade da educación: a formación de homes e mulleres para que poidan colaborar na construción dunha sociedade xusta para todos.
Hai infinitos argumentos que demostran o fundamento e a importancia da educación, por nomear algún citaremos a Kant cando di: «Unicamente pola educación o home chega ser home»; a Zubiri: «A educación ten ante si a tremenda responsabilidade de orientar ben o desenvolvemento e o exercicio da liberdade sen sufocala e sen reprimila» ou a Dewey: «A educación non é nin tan sequera preparación para a vida, é a vida mesma».
O sector educativo está a sufrir recortes que se presentan como unha consecuencia obrigada da crise, cando o que podemos pensar é que se están aproveitando da crise para realizar unha reforma onde se deixa sen traballo a miles de profesores, onde cada vez se lles dota de menos recurso técnicos e didácticos que aseguraban o seu financiamento e que fose independente de intereses económicos, ideolóxicos e políticos.
Todo isto vai prexudicar a loita contra o fracaso e abandono escolar do que tanto se fala, e que a escola pública resulte pouco atractiva para moitos pais e a sustitúan por unha educación concertada, tendo como consecuencia nun futuro non moi distante que a formación superior se reservará a aqueles que poidan costearse as elevadas taxas que esixen as universidades, as cales tamén reciben cada vez menos recursos públicos.
Deberiamos facer memoria e lembrar o ocurrido en Chile , onde o que empezou como unha protesta estudiantil, onde se queixaban dunha educación que se centraba soamente nun adestramento de habilidades funcionais para un mundo laboral e debilitaba a formación de persoas que puideran converterse en cidadáns activos e críticos, acabou sendo un conflito social de gran amplitude.
As cousas estanse presentando ante nós coas mesmas intencións, as palabras de Esperanza Aguirre así o revelan «anunciando un futuro que con crise o sen ela, non toda a educación vai ser gratuíta».
Por iso defender hoxe a causa da ensinanza pública contra unha reforma disfrazada de crise e austeridade é un deber de todos, así preservaremos mañá a democracia. Seremos capaces?


Publicado no Progreso o 9-3-2013


Decálogo para unha cartografía



 José Domingo de Prada
 
Vivir en tempos de crise depara experiencias e lecturas da realidade nas que posiblemente nunca antes pensaramos, aínda que as tiveramos diante en moitas ocasións. A opulencia das nosas sociedades facíaas invisibles, ou ben a nós facíanos insensibles a elas.
Por exemplo, sempre pensamos que o Terceiro Mundo estaba aló polo Sur do globo, mentres que nós nos situabamos na linde do Norte, entre os que viven ben, formando parte dos elixidos, do Primeiro Mundo. Isto desvélase hoxe como un mito, coma unha falsa crenza amplamente vociferada polos nolos nosos líderes políticos de todo signo e condición e que semella groseiramente falsa e unha mera escusa para esquilmarnos -moral, económica, lexislativa e socialmente- sen que repararamos no que facían.
¿Somos Primeiro Mundo? Existen múltiples argumentos que o cuestionan:
1. A taxa de desemprego non se corresponde coa dun país do Primeiro Mundo, nin do Segundo, nin do Terceiro. Aquí estamos no ámbito do Quinto Mundo. Unha cuarta parte da poboación activa sen traballo non pode admitirse como realidade de ningún Primeiro Mundo. Paralelamente ao desemprego móvese a emigración. O Primeiro Mundo recibe inmigrantes, o Terceiro exporta emigrantes. Hoxe os mellores individuos das nosas sociedades, unha mocidade moi ben preparada, vai contribuír ao desenvolvemento doutros países (do Primeiro Mundo) mentres marchan de aquí os que viñeran hai uns anos coa ilusión de desenvolver entre nós unha vida digna.
2. A transixencia coa corrupción é un dos signos distintivos do Terceiro Mundo, pola contra, a súa ausencia e persecución inmediata e expeditiva forma parte do Primeiro. Entre nós abunda esta como un elemento vital, que nos constitúe e mantén, máis notorio e escandaloso polas cantidades que supón nas clases dirixentes, pero da que ninguén escapa. ¿Quen non pediu ou aceptou facer pagos sen IVE, por exemplo?
3. Non somos Primeiro Mundo porque a pobreza económica e a degradación social e cultural instaláronse entre nós e fan imposible a liberdade individual e política. A democracia devén hoxe un concepto retórico, baleirado de significado, de contido e de realidade pola penuria de medios, a marxinación e a ignorancia de tantos.
4. Fronte a isto, as nosas elites seguen paseando polos paraísos fiscais e polos templos internacionais do luxo e da exhibición, alternando coas elites do Terceiro Mundo. As do Primeiro soen ser máis discretas.
5. A débeda do Estado español é propia do Terceiro Mundo, sobre todo desde que nos lanzamos ás axudas e ós rescates financeiros. As débedas asumidas lastrarán a un par de xeracións. Co futuro hipotecado ¿somos Primeiro Mundo? Coa débeda coexisten evasións fiscais astronómicas e unha feble loita contra o fraude, que persegue máis ao pequeno defraudador (que o hai) que aos grandes defraudadores (que tamén os hai, pero son regularizados -por impunidade, prescrición ou amnistía-). ¿País do Primeiro Mundo?
6. En nós a transparencia política e administrativa non é que sexa translúcida, é opaca ou inexistente. Podémolo observar estes días na defensa numantina de posturas oficiais, que máis que refutar nada, pídennos que creamos na súa desacreditada palabra. Non se pode ser Primeiro Mundo sendo opacos, irracionais, oficialistas, ou demagogos.
7. Os límites políticos non están ben establecidos, como correspondería a unha democracia do Primeiro Mundo, onde cada quen ten o seu papel e o poder se autolimita desde distintos ámbitos. Aquí, boa parte do poder xudicial rende pleitesía aos políticos que os nomean, o poder económico pídelle axuda constantemente e despois correspóndelle, a relixión oficialízase ...
8. O proceso de represión que tenta amordazarnos tanto a cidadáns coma a medios de comunicación é impensable no Primeiro Mundo. A imposición da censura -a través de leis- ou da autocensura -a través de cargos- non ten cabida nas democracias asentadas.
9. Non somos Primeiro Mundo porque estamos colonizados polos imperios actuais, que nos utilizan como meros receptores das súas mercadorías. Asumimos formas e estilos de vida, marcas de prestixio, envexamos o que eles fan e desprezamos as nosas tradicións. Absoluto Quinto Mundo.
10 Definitivamente, nin somos nin seremos Primeiro Mundo mentres carezamos dunha cidadanía comprometida, con conciencia e valor moral para consigo mesma e coa colectividade. Valorar os dereitos por riba dos deberes, carecer do concepto de compromiso social, non dispoñer de esixencia moral pública e ser pasivos e indolentes convértenos en Quinto Mundo. O Primeiro Mundo ten capacidade de reacción moral,  social, económica, cultural, política, civil...
Poderíanse dar máis argumentos, pero sirva este sucinto decálogo para pensar e cartografar a nosa situación no mapa.

Publicado no Progreso 2-3-2012

domingo, 12 de enero de 2014

Medo ao medo



Gonzalo Pérez López

“Queres deixar de pertencer ao número dos escravos? Racha as túas cadeas e desbota de ti todo temor” (Epicteto)

      Asisto, entre triste e frustrado, pero non sorprendido, por esperado, aos recentes embates do sistema capitalista, tanto na súa manifestación mundial como na máis próxima a nós, e que, coherentemente cos valores que o sustentan, conducen, progresiva e inexorablemente á descomposición integral da sociedade que o padece.
      Para acadar os seus propósitos, o sistema que controla o mundo, empezou por inocular o seu veleno ideolóxico para que fosemos capaces de asumir o individualismo exacerbado e a insolidariedade que comporta, por medio dunha calculada e obscena manipulación, na que xogaron un decisivo papel os medios de (in)comunicación masivos baixo o seu dominio.
      Repetiu de xeito pertinaz perversións lingüísticas  de interesada carga ideolóxica, tales como “libre mercado” (traducida á realidade, a liberdade desaparece), “mercado somos todos” (esencialmente imposible, eu non son o FMI, por exemplo), “ó contrario co público, o privado sae barato, funciona e dinamiza a economía” (os datos obxectivos a converten nunha falacia), “vivimos no mellor dos mundos posibles” (e cada vez estamos máis lonxe da pretendida ataraxia), “capitalismo de rostro humano” (a acumulación de plusvalía que o fundamenta é, pola súa propia natureza, ilimitada, polo que só hai un capitalismo, salvaxe por definición e, polo tanto, inhumano), entre outras moitas dirixidas con precisión científica a minar a liña de flotación psicolóxica do cidadán.
      O modelo económico e socialmente dominante foi adoptando historicamente moi diversas formas, sempre coa intención de facer ostentación do seu dominio. Hoxe en día, animado pola virtualidade imperante, orientouse pola vía do capitalismo financeiro especulativo, o cal, tras uns anos de exercer como tal, emprendeu unha desas  crises cíclicas , cientificamente calculadas, co obxecto de incrementar  a súas ganancias e, tras anular calquera intento de reacción, saír, como sempre, reforzado.
E outra vez, coa inestimable colaboración mediática, comeza  un proceso acelerado, tendente a que os cidadáns asumamos os drásticos recortes de dereitos, cuxo recoñecemento supuxo o sacrificio solidario  das xeracións anteriores, como se fora algo estritamente natural.
      Así lograron que, desviando as causas reais da crise que padecemos, todos, menos os que a provocaron, nos auto inculpáramos (“viviamos por riba das nosas posibilidades”, din moitos mileuristas atribulados por ter “abusado” do sistema, “hai que apertarse o cinto” ou “todos temos que arrimar o ombro”, afirman traballadores que teñen o ombro dislocado de tanto arrimalo  a un traballo precario, mal retribuído e alienante, en empresas que evaden, amparadas en subterfuxios de dubidosa legalidade pero de indubidable inmoralidade, os xa de por si  escasísimos impostos que terían que pagar neste país).
Pero conseguiron tamén a desmoralización, e mesmo a auto inmolación, da sociedade civil, invitando ós cidadáns a renunciar ao papel que lles corresponde e a sumarse a unha especie de festín  da corrupción xeneralizada, fixeron da mentira e do “todo vale”  o fío condutor das relacións sociais e políticas, aproveitando, de paso, para desmantelar servizos e empresas públicas nunha campaña frenética de privatización directa de todo o rendible ou, previo saneamento con cartos públicos, de todo o susceptible de garantirlles  enormes beneficios sen o máis mínimo risco.
Ademais, fixéronnos crer que a gradación social básica entre os cidadáns radica na diferenza entre os que teñen traballo e os parados, entre os funcionarios e o resto dos traballadores, entre os que teñen algún traballo ocasional e os que teñen certa estabilidade inestable, entre os mileuristas e os que ganan o salario mínimo, en vez de afondar na separación esencial: a que existe entre todos os casos anteriores, tomados en conxunto, e os que, desde a súa situación privilexiada de poder, non só provocaron a crise senón que foron capaces de multiplicar as súas ganancias a costa dos que a sufrimos.
Pero, o máis grave é que todo o antedito foi aceptado pola que se supoñía a sociedade mellor formada da nosa historia, coa docilidade propia dun rabaño que, como tal, perdeu a súa capacidade de pensar autonomamente.
      Ante esta situación, nin as máis firmes conviccións  en que outro modelo para regular dunha maneira máis xusta as relacións humanas é posible, resisten á caída momentánea no pesimismo existencial.
      Sumido neste estado, por unha desas inescrutables asociacións, lembrei unha das máximas que acostumaba a dicir a miña avoa que, obviamente, non tiña lido ao filósofo Epicteto, pero co que coincide  nunha reflexión similar. ”O peor dos medos, neno, é o medo ao medo”, dicía con frecuencia. De pequeno, aínda que intuía a súa transcendencia, as súas sentenzas resultábanme tan crípticas que provocaron en min a necesidade de desentrañalas, o que supuxo un aguillón intelectual inestimable para o fomento do meu espírito indagador e, polo tanto, crítico. Nunca llelo agradecerei suficientemente.
      Efectivamente, o aforismo deume a clave para interpretar a situación actual. O medo ten o efecto paralizante que garante a consecución dos obxectivos do poder, polo que, unha vez aboado o terreo, nunha pendente esvaradía imparable, introducíronnos primeiro o medo ó futuro (asumir que calquera alternativa ao que hai leva ó abismo), o medo a nos mesmos (que non nos recoñezamos), despois, e, por fin, o peor de todos, o medo ao medo. Atenazados por estes medos, e case sen tempo para reaccionar, perdemos dereitos humanos inalienables: sociais, laborais, humanos, en suma; perdemos o estado de  dubidoso e desigual benestar (de que tipo?, para quen?), perdemos a confianza nos alicerces que sustentan o estado social  de dereito, perdemos o fundamento moral do concepto de xustiza como referente … Podería dar a impresión de que o temos todo perdido, pero aínda  nos queda algo que, por si mesma, xustifica a resistencia activa para non perdela: a dignidade!

Publicado no Progreso o 23-2-2013