martes, 4 de marzo de 2014

Temos dereito a ser felices?



 Mª Del Mar Carballo Cela

O concepto de “felicidade” ten, como todos, a súa historia (un libro moi interesante sobre este tema é o de Darrin M. McMahom, “Una Historia de la Felicidad”, editado en Taurus no 2006). Os homes e mulleres de cada época, entenderon este complexo sentimento de maneiras moi diversas, por non falar das diferenzas entre culturas. En occidente, se volvemos a mirada cara ó mundo clásico atopámonos coa idea de que a felicidade dependía da sorte ou do destino, de maneira que nada neste asunto quedaba nas nosas mans. De feito o termo grego para designala, “eudaimonía” (“bo deus” ou “bo espírito”), fai referencia a unha forza caprichosa e sobrenatural que guía as nosas vidas. E así as cousas, só cabía esperar que os deuses tivesen a ben concedernos esa gracia que, por outra banda, moi poucos merecían. Os seres humanos, crían os gregos, vivimos nun mundo de penurias e sufrimento (cousa entendible tendo en conta a precariedade para a maioría da xente da época) e só os deuses e un reducido número de afortunados poden ser felices. Nada máis lonxe do que pensamos na actualidade: se ben seguimos conservando algo dese ingrediente caprichoso que nos remite á sorte ou ó destino, hoxe non dubidamos de que cada un constrúe a súa felicidade e de que todos temos dereito a ela. Pero, como vemos, non sempre foi así.
Na Idade Media o sufrimento era un valor, e a ansiada felicidade era cousa da outra vida en xusta recompensa ás nosas desgracias terreas. Houbo que esperar á Ilustración para que se considerase que tódolos homes e mulleres podiamos e, incluso, tiñamos a obriga moral de ser felices, e que na nosa man estaba conseguila. Tanto era así, que na Declaración de Independencia de Estados Unidos, Thomas Jefferson recoñeceu no preámbulo o “dereito á vida, á saúde e á busca da felicidade”, e tamén na Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, trala Revolución Francesa, aparece recollida a necesidade de garantir a “felicidade de todos”. Foi a primeira vez que se considerou un dereito.
Pero recoñecer dereitos implica proporcionar medios para acadalos. Neste sentido, podemos preguntarnos se a felicidade debe ser unha cuestión política, é dicir, se debería terse en conta a felicidade dos cidadáns na toma de decisións en canto a políticas sociais e económicas. Parece que a ONU así o está considerando ó aprobar unha resolución que recoñece a busca da felicidade como un “obxectivo e aspiración universal” da humanidade e invita ós Estados membros a elaborar novas medidas nas súas políticas públicas que teñan en conta a importancia do benestar e a felicidade para un desenvolvemento máis sostible, humano e holístico. Isto implicaría establecer  un marco social de referencia que proporcione as condicións idóneas para unha vida feliz, o cal nos devolve a ideas tan antigas como as de Aristóteles, quen consideraba que o fin último do Estado non era outro que o ben do cidadán, proporcionándolle unha vida boa e feliz. Pero, que é a felicidade? Moitos argumentarán que non pode haber un concepto universal, obxectivo, de felicidade, pero cabe seguir preguntando: non hai sequera uns mínimos que nos unan na nosa igual naturaleza para iso que chamamos “felicidade” ou “boa vida”? A nosa intelixencia, que admitimos como guía en tantas outras cousas, non ten nada que dicir ó respecto?. Os avances materiais e científicos son necesarios, pero non suficientes. A todos nos gustaría ter condicións laborais sen abusos nen estrés, poder confiar no funcionamento da política e da xustiza, poder educar ós nosos fillos con igualdade de portunidades e non velos frustrados ante a manipulación publicitaria, ser valorados e protexidos na nosa vellez. …En definitiva, que necesitamos revisar a idea de progreso e necesitamos de políticos que estean dispostos a facelo.
Dende logo, unha cousa está clara: non se trata nin da alegría e a diversión permanentes, nin da busca constante do pracer ou de paraísos lonxanos, nin da ansia por satisfacer a última necesidade publicitada. A felicidade que actualmente se nos vende é unha obriga que, paradoxalmente, ten custos de ansiedade, frustración e sufrimento, ligada interesadamente ó consumismo. Impónsenos de tal maneira que incluso nos dá vergoña recoñecernos infelices, e ata usamos a palabra “infeliz” como un insulto. É unha palabra que se banalizou, adaptándoa á sociedade do inmediato e do mercadeo. Pero, volvendo a Aristóteles, ó que tanto lle preocupaba este tema, non lle parecía unha boa vida aquela que tiña por finalidade a pura diversión. Non se trata de renunciar a ela, senón de non convertila no proxecto guía da nosa vida: “…Pero o traballo e o esforzo serios unicamente dirixidos á diversión antóllanse estúpidos e excesivamente infantís. En realidade, parece que o correcto é que nos divirtamos coa fin de facer algo serio”.  Efectivamente, a felicidade vai ligada a tomarse a vida en serio, a recuperar a confianza na razón para plantexarse o tipo de vida  que nos convén.
Foi unha mágoa que os filósofos deixaran de reflexionar sobre a “boa vida” deixando esa ocupación en mans de interesados vendedores de ilusións… Pero sempre podemos recorrer ós clásicos, que nos deixaron nos seus escritos un legado de plena actualidade.

Publicado no Progreso o 7-12-2013

sábado, 1 de marzo de 2014

É necesario saber perder o tempo?



Carmen González

Como cambiaron as cousas, hai anos os pequenos saian da escola, pasaban pola súa casa, recollían a merenda e marchaban xogar a rúa con amigos ata a hora de facer os deberes e cear.
Hoxe  saen da clase sen tempo para merendar e nada de xogar, a clase de Inglés, a tocar un instrumento ou facer algún deporte.
Como din moitos país “ para que perdan o tempo na casa, xogando ou vendo a tele, mellor que aprendan algo ou que fagan deporte”.
O que non aprecian é que “perder o tempo” tamén é algo importante na  aprendizaxe. A psicóloga Purificación Sierra apunta que “ as actividades  extraescolares converteron un tempo de ocio nunha obriga, porque teñen unha finalidade, uns obxectivos cuantificables e deixan de ser un mero disfrute en si mesmas.”
Isto leva cada vez máis a que aparezcan nenos estresados, sen creatividade, empachados de actividade e información, que cando non se lles organiza o tempo non saben que facer, resultándolles difícil relacionarse cos demais, traballar en grupo ou resolver problemas sós.
Efectivamente hai pequenos que lles piden a seus pais que os apunten a determinadas actividades extraescolares porque van os seus amigos e moitas veces tamén o piden porque a alternativa sería quedar sós na casa, e moitas veces serven para organizar ou cubrir as xornadas laborais dos país.
Pero a socialización que se desenvolve nestes contornos dirixidos, regulados e con monitores deixa pouco espazo para a creatividade ,pode aparecer o illamento xa que se non cumpres as regras déixante fóra e a agresividade e a frustración aparecen.
Esta agresividade e frustración, cando xugabamos na rúa, aprendíamos a controlala e sabíamos esperar as gratificacións polas nosas conductas.
Para aqueles que crean que o importante son os coñecementos, que hai que estar preparadísimos nesta sociedade, que hai que saber moitos idiomas, música, informática, facer deporte….etc. pódelles parecer estraño saber que a capacidade de aprendizaxe é limitada, e que aprender é un proceso lento, que necesita tempo para deliberar e tempo de non facer nada, de reflexionar ou de xogar.
O xogo proporciona aprendizaxes para o desenvolvemento da personalidade; creatividade, saber buscar solución ós problemas, todas elas imprescindibles para un posterior éxito profesional. Todo hai que saber relativízalo, nin os pequenos han de pasar todo o día xogando, nin deben estar saturados de actividades extraescolares, trátase de saber compatibilizar.
Todos desexamos o mellor para os nosos fillos, pero hai estratexias que empregamos que poden chegar a ser contraproducentes. Na nosa sociedade esíxeselles aos nenos un exceso de eficiencia, pero non todos son capaces de alcanzar o “éxito” e enfróntanse cada vez máis pronto a problemas psicolóxicos e son medicados como solución máxica ante os problemas escolares. E estes pequenos acaban por non ser capaces de amosar as súas emocións e ter problemas de conduta.
Non podemos ver a existencia dividida só en duas opción: os gañadores e os perdedores, porque así só conseguiremos pequenos moi cedo estresados, sen ferramentas para defenderse e recuperarse dos fracasos cos que se atopen.
Debemos transmitir aos pequenos que o que deben aprender  é á organizarse de forma autónoma, superar retos, ter perseverancia, negociar, pactar e ás veces supeditar os propios intereses, aceptar as normas, escoitar, discutir, pelexarse e reconciliarse. Todo isto serviralles para sobrevivir na súa vida adulta e sen axuda.

Publicado no Progreso o 30-11-2013

Pensarmos o futuro do traballo



M. A. Martínez

Os días 7 e 8 da pasada semana celebrouse na cidade de Lugo a segunda edición do Foro Lugh Augusti de Filosofía dedicado ao futuro do traballo. Os poñentes de áreas como Dereito, Socioloxía, Filosofía, coincidiron en levantar acta de varios feitos.
O primeiro é que estamos a vivir unha revolución conservadora (no político) e capitalista (no económico) que mina as bases (xurídicas, económicas, éticas) do estado de benestar e destrúe o pacto social (pola paz civil e a democracia parlamentaria) establecidos despois da segunda guerra mundial.
O segundo é que esta revolución disimúlase coa manipulación da linguaxe, trucos retóricos e un tsunami mediático-ideolóxico. Exemplos: nomear “prácticas” ao traballo gratuíto, “liberalización” á desregulamentación (do campo laboral) e á privatización (educativa, sanitaria), “crecemento económico” aos beneficios das elites financeiras, “reforma” á eliminación dos dereitos das persoas, “facer currículo, formarse” a pagar por traballar.
O terceiro feito é a aparición dunha plutocracia planetaria que impón aos poderes políticos democráticos o seu programa de esixencias máximas. As rendas do capital son intocables, mais as do traballo obxecto de rapiña. O Dereito laboral, inspirado no equilibrio das partes contratantes, debe desaparecer (ou minorarse) e os convenios eliminarse: a asimetría entre contratador e contratado ten que ser o “natural”. O Estado debe perder o control da legalidade laboral e Dereito laboral actual desaparecer.
O cuarto feito é o desapoderamento legal, laboral e formativo da muller. Aparéllase á renuncia do Estado e, polo tanto, da sociedade civil, á loita contra os estereotipos, prexuízos e violencia de xénero.
Os efectos destes catro feitos son preocupantes. En primeiro lugar a progresiva desaparición da cidadanía. Un cidadán defínese por non depender de ninguén: non é escravo, vasalo, súbdito, explotado. O imperio dos mercados (plutocracia) tritura este principio. Constrúe unha nova figura: o habitante do territorio global, vulnerable e aterrorizado, disposto a facer de todo para sobrevivir –un novo proletariado. É un grupo social transversal formado por millóns de persoas obrigadas a renunciar á súa esperanza de benestar a cambio dun real malvivir: pauperización (económica), empobrecemento (cultural), embrutecemento (moral).
O segundo efecto ven co anterior: a impotencia do poder político (lexislativo, executivo) para domar ao poder do capital e a subseguinte destrución do imperio da lei (átanselle as mans ao poder xudicial). O estado de dereito non funciona nun sistema capitalista no que un grupo (ou grupos) de poder económico está en disposición de “condicionar” as decisións dos representantes lexítimos da cidadanía e “bloquear” as accións do poder xudicial. Se o Estado perde o control da legalidade do circuíto de produción e intercambios de capitais, e non dota ao poder xudicial dos medios suficientes para defender á cidadanía das agresións dos que poden chegar a dominala, alboreará un poder absoluto: o capitalismo global non democrático.
O terceiro efecto é a socialización das perdas que as rendas do capital poden sufrir. O capitalismo financeiro globalizado arrasa coas soberanías económicas dos estados nacionais. O seu poder coercitivo carece de control democrático. Xa que logo a percepción que os cidadáns teñen do poder político é de inutilidade. O actual desengano cidadán a respecto da política democrática non é máis que un simple efecto da percepción diaria da súa fraxilidade e impotencia.
O cuarto é a perda dun poder clave das persoas: o de poñer nomes ás cousas. Na cultura global a capacidade de crear o mundo (privado, público, imaxinario) xa non depende das poboacións senón das fábricas de signos (opinións, imaxes, desexos) que maximizan beneficios minimizando verdades.
O Foro de Filosofía Lugh Augusti titulouse “O futuro do traballo: dilemas e alternativas”. Que alternativas se barallaron? Varias. Entre outras a reapropiación da historia colectiva e persoal. Os traballadores deben sentirse orgullosos da súas loitas e revolucións, das conquistas históricas que algún grupo social pretendeu apropiarse: o estado de dereito, o imperio da lei, a separación de poderes, o parlamentarismo democrático –únicos instrumentos que os pode defender diante do poder global de explotación. Se tras a Revolución Francesa se aplicaron ao poder político: poderanse aplicar no futuro ao poder económico? Sometelo á lei? Distribuílo? Democratizalo? Isto iría da man dun pensamento atrevido: separar democracia e capitalismo. Se a “lóxica do beneficio económico ilimitado” non se deixa dominar pola “lóxica do benestar das persoas” a conclusión é clara: o capitalismo é incompatible coa democracia. Poderán os traballadores rescatar o estado de dereito do seu rapto polas oligarquías que amparan, xustifican e defenden ás plutocracias económicas? Ideas como as da renda básica universal, a taxa Tobin sobre as transaccións financeiras, a autocontención do consumo, a educación ético-cívica, sobrevoaron as exposicións dos poñentes.
En suma, o que este Foro puxo de relevo é que unhas análises teóricas certeiras preparan para unha acción ético-política eficaz. Lémbrese o dictum de Marx: sen unha boa teoría (filosófica e científica) non haberá unha boa práctica (revolucionaria e humanista). Por iso, quen teme á Filosofía? Xa o sabemos.

Publicado no Progreso o 16-11-2013

Os límites do poder



Xosé Ramón Cando Vázquez

Afirmaba Maquiavelo que o ser humano non é necesariamente bo pero tampouco non é obrigatoriamente malo, o que ocorre é que a súa febleza  convérteo en xoguete das súas paixóns polo que é preciso establecer medidas coercitivas que impidan a posta en risco da seguridade do estado. Non se trata aquí de participar da obsesión de Maquiavelo pola  defensa do estado, mesmo contra dos seus habitantes, pero ter en consideración o seu diagnóstico antropolóxico pode orientar as nosas decisións como cidadáns nesta xeira histórica na que moitos de nós semellamos atordados pola vertixe dos acontecementos.
Habitamos un planeta no que o poder obtido mais ou menos democraticamente e polo tanto dotado dunha (certa) lexitimidade non é quen de levar adiante os mandatos da cidadanía porque bate coa oposición de poderes superiores aos que podemos negar toda lexitimidade para impor os seus intereses por enriba dos do conxunto da sociedade. Tanto ao longo da historia como na actualidade constatamos bloqueos, embargos, afogamento financeiro, etc. para aquelas sociedades que deciden reconstruírse de acordo con modelos que limitan a capacidade de actuación (de succión?) dos mencionados poderes. Este enfrontamento tende a desaparecer porque os poderes ilexítimos dispoñen das ferramentas mediáticas necesarias para conformar o criterio maioritario das sociedades que, naturalmente, resultará coincidente co propósito que eles perseguen. Igualmente, tenden a mediatizar as instancias de participación (nomeadamente partidos políticos) co obxecto de que os proxectos ideolóxico-políticos vaian perdendo definición de tal xeito que a  (conveniente) alternancia no poder político non supoña ningunha mingua  para os seus intereses. O anterior faime lembrar o texto de Bertold Bretch  “Se os tiburóns fosen homes” que contén unha metáfora  do que acontece. En síntese, os tiburóns constrúen cidades para os peixiños, protexéndoos doutros perigos e ata  proporcionándolles un certo benestar (porque “os peixes ledos son moito mais saborosos que os tristes”). E dentro desas cidades os tiburóns poñen, loxicamente, escolas para que os  peixiños aprendan a nadar gozosos cara as súas fauces. A ideoloxía dominante fala de que hai que traballar duro e reclamar pouco para sacar o país adiante…ou sexa, para que alguén se forre co empobrecemento xeral.
É preciso que a cidadanía, desconfiando coma Maquiavelo da integridade moral do ser humano, tome conciencia da necesidade de impedir o desenvolvemento de poderes capaces de afogar a discrepancia para converter os seus proxectos nos únicos viables tal como nos lembran, permanentemente, dende o goberno, os seus voceiros convertidos en ministros, ex-ministros, presidentes e ex-presidentes que rematan nun remunerado (traballo?) en empresas da oligarquía. A democracia non pode sobrevivir se a cidadanía no seu conxunto non é absolutamente soberana e semella que dita soberanía esixe establecer límites, fundamentalmente de tipo económico, que permitan salvagardar a liberdade humana da esmagadora desigualdade responsable de que  “un home se teña que vender a outro” (lembremos a Rousseau).
Semella un obxectivo difícil, porén a historia móstranos que noutros tempos téñense acadado metas  case imposibles, lembremos o absolutismo monárquico do “antigo réxime” e o proceso da súa desaparición cando a confluencia dos cambios económicos e sociais e das achegas de pensadores como Locke e Montesquieu (entre outros)  desembocou na masa crítica que remataría por rebentalo. Este proceso histórico mostra a necesidade do pensamento a carón da realidade económica, política e social que precisa cambios importantes e inaprazables, como sucede actualmente coa urxente necesidade de limitar o poder económico, causante do decaemento da soberanía do pobo que é a única fonte lexítima de poder canto a toma de decisións de goberno. Isto teno moi claro o ministro Wert que, consciente do perigo da ruptura do pensamento único neste momento en que a maior parte da sociedade se ve proletarizada, elimina do currículo educativo boa parte da materia de Filosofía e na súa totalidade as de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos e Educación Ético-Cívica. Non se precisa moita clarividencia para entender que non interesa a formación de cidadáns responsables e polo tanto críticos, pola contra, resulta efectivo dende a óptica do poder económico a formación de traballadores e traballadoras submisos e dispostos aceptar as condicións laborais e salariais que se lles impoñan por moi indecentes que sexan.

Publicado no Progreso o 9-11-2013

O futuro do traballo: dilemas e alternativas



Mª Isabel Sánchez Corral

            Este é o título co que arrincan as xornadas de Filosofía que o grupo Doxa realiza este novembro de 2013, por segundo ano consecutivo. Guiounos o mesmo espírito e a mesma intención que nas primeiras: sacar á luz, levar á  rúa a Filosofía. Desvelar o seu carácter crítico e radical para que nos axude a analizar e entender a realidade, na que os cidadáns e cidadás do común nos atopamos.
            “O futuro do traballo” no contexto actual de crise sistémica na que nos vemos inmersos, parecíanos un tema non só adecuado senón de urxente debate.
             Debate que nos fai cuestionar  quen somos e onde nos  situamos. Durante xeracións o traballo definiunos,  xa sexa como  explotados, explotadores ou como seres activos que se realizan na taréa diaria. En cambio, hoxe en día, froito dá a correlación de forzas que se inclina cara ao lado dos máis poderosos, o cidadán, o home, a muller, os seres humanos  atopámonos indefensos ante unha agresión tan brutal que a maioria quedamos desamparados, sen saber como definirnos: traballador  precario, traballadora temporal, temporal precario, parado, excluído social. Pero como todo isto vai máis aló dun  mero exercicio retórico e a realidade golpea as nosas portas mostrándonos  familias con todos os seus membros en paro; persoas que pasan do status de triunfadores a facer cola diante dun albergue, para poder conseguir produtos de primeira necesidade; nenos, nenas, adolescentes que só fan unha comida ao día en pleno desenvolvemento físico e psíquico;ante isto o grupo Doxa non só cre necesario falar, debater, expoñer ideas senón facelo coa mesma intención primeira que animou a este grupo, non só quedarnos no debate senón que froito  deste xurdan as alternativas que nos sitúen ante a realidade, cando menos, dun xeito consciente.
            Para debater sobre esta problemática o primeiro día, xoves 7 de novembro ás seis e media da tarde, contaremos coa presenza de Antón Baamonde, escritor e filósofo, que co título de “ Galicia no contexto da crise” situaranos nesa crise que abordela tamén a nosa terra.  Análise que nos levará por esas crises que se van sucedendo:  a do mundo financeiro, a institucional,a do euro, a de valores,... E cunha pregunta aberta pegada á nosa conciencia: sairemos destas crises?, a que prezo?, en que condicións?.
            A continuación o Catedrático Emérito de Socioloxía  na USC, Juan Luís Pintos analizará a realidade a través dos imaxinarios sociais. Estes imaxinarios sociais que noutras épocas eran construídos polas Igrexas, Estados, Mercados, etc e foron   os que nos fixeron entender, vivir e crer “o que era o traballo”. Do mesma xeito hoxe en día se  dá a mesma construción que se trasmite a través dos medios masivos. Na actualidade esa construción é menos monolítica e os seus imaxinarios máis plurais e complexos. A través da súa análise poderemos desentrañar as distintas lecturas sobre o traballo  e así nolo expoñerá Juan Luís Pintos na súa charla “ Imaxinarios sociais do traballo”.
            O venres día oito as charlas centraranse, aprimeira hora, en “O futuro do dereito do traballo como instrumento para a igualdade”, a cargo da presidenta do Consello Consultivo de galicia e Magistrda do TSXG, Teresa Conde-Pumpido. Desde unha perspectiva feminista introdúcese a voz dunha muller para situarnos no terreo da igualdade formal ou a igualdade real. Nunha desregulación total do mercado laboral a gran pregunta que nos queda por facer é a pervivencia dos dereitos da muller pola igualdade a nivel económico e laboral. Foi un soño a igualdade real neste campo?.
            Xa entrada a tarde-noite o profesor de Filosofía na Universidade Complutense, Carlos Fernández Liria,  analizará dunha forma radical baixo o título:” A era do post-traballo?”, a situación de miles de traballadores que xa non se diferencian dos parados,  que se lles obriga a chamarse a si mesmos “emprendedores” nun exercicio perverso do propio sistema , que os culpabiliza por non traballar  ao mesmo tempo que lles expulsa do mercado laboral. Ante todo isto o noso ponente defenderá a vella idea de Lafarge: o comunismo é o dereito á preguiza da humanidade.
            Por último, o grupo Doxa invita a Lugo e á súa cidadanía a que acudan ao Ágora: a dialogar, polemizar e compartir ideas. Este espazo de debate na nosa cidade materialízase no Salón de actos da Deputación de Lugo, os días sete e oito de novembro.

Publicado no Progreso o 2-11-2013