sábado, 4 de octubre de 2014

O reto do cambio social



María Isabel Sánchez Corral

Os ideais da Ilustración non afondaron demasiado na sociedade española do século XVIII. A emancipación do ser humano, a loita por facerse dono do propio destino percorren o XIX con maior ou menor fortuna a través de distintas constitucións, voltas ao absolutismo, primeiras repúblicas, restauracións borbónicas e dictablandas. Durante este século non se logra establecer unha sociedade democrática en España debido aos intereses compartidos entre a oligarquía e a monarquía que impedían o avance da sociedade establecendo cando interesaba unha pseudodemocracia constrinxida pola propia oligarquía e o caciquismo. Ambas as dúas perpetuábanse nesta época grazas ao bipartidismo, o analfabetismo e o poder da monarquía.
En cambio eses ideais ilustrados parecen percorrer as rúas das nosas cidades ao son da Marsellesa un 14 de abril de 1936. Arraigados nas loitas obreiras, as organizacións cidadás, sindicais e culturais traen no seu son aires de cambio, a busca e construción dunha sociedade nova fundamentando unha verdadeira democracia que á monarquía non interesaba desenvolver.
Todo isto trúncase co golpe militar do 18 de xullo de 1936 onde unha vez máis se unen os intereses do poder oligárquico. Deveñen corenta anos de ditadura fascista con represión xenocida e a súa educación no apoliticismo. Como consecuencia non moi inmediata temos unha monarquía ao gusto do ditador e unha non transición. As consecuencias, agora se inmediatas, son o bipartidismo, o pouco gusto pola política, o mantemento dos poderes oligárquicos e a desmemoria sobre a nosa propia historia.
Esa educación na “non política” durante o franquismo construíu homes e mulleres que se cabrean ante as inxustizas, blasfeman contra os corruptos e senten o mal alleo no seu propio ser, pero son incapaces na súa vida democrática de colaborar ou asociarse cos seus conxéneres. A educación franquista fíxolles ver que o máis importante era a familia, o traballo ben feito e non pensar en nada máis. Todo iso bañado dun individualismo que por momentos lles convertía en pequenos ditadores ou capataces ata na súa propia casa. Máis tarde o tardofranquismo trouxolles ese capitalismo que os facía máis modernos e os asomaba a esa transición que lles arrancou a súa historia e a dos seus pais.
Pais e nais que educaron os seus fillos e fillas no "todo está ben, non preguntes, preocúpate por ti pois ninguén o fará, todo o mundo sabe pero... Educando no medo inculcaron sen sabelo unha actitude vital que xerou unha sociedade incapaz de asumir valores democráticos e con pouca cultura política como denominador común. O cal nos levou facilmente a asumir, aos seus fillos e fillas, o capitalismo popular sen cuestinarnos demasiadas cousas.
Mergullámonos primeiro no "paso de todo" dos oitenta para enxalzar o "todo vai ben" da década seguinte. Nesa época internabámonos nas finanzas de forma afeccionada, liamos as páxinas cor sepia dos xornais de tirada nacional, faciamos os nosos pequenos investimentos e parecíanos ben a xestión privada dalgún sector público ou directamente a súa privatización, pois o privado sempre funcionou mellor e era o modelo a seguir. Se nos dicían que estabamos a destruír os servizos públicos cunhas consecuencias irreparables para o ben público, mirabamos a outro lado ou simplemente riscabamos "eses" de rancios, puristas ou pasados de moda. Vivíamos coma se fosemos accionistas de Telefónica, Fenosa ou Repsol, aínda que fose a través do televisor. Chegou a fin de século, compramos unha casa e fixémonos propietarios, fómonos de vacacións a crédito e fixemos un investimento no noso benestar privado.
Todo isto durou pouco e a realidade fíxose máis dura por crer no espellismo que nos poñían diante como duradeiro. Como non estar desencantados, enfastiados, enfadados con tamaña tomadura de pelo que nos obriga a pagar unha débeda contraída polos desmandos do poder político e económico.
Ante todo o que pasou e está a pasar seguimos pensando como eses pais educados no medo e no apoliticismo? Temos que esperar a que outros fagan as cousas por nós? Que esperamos que cambie sen participación, mobilización, compromiso, colaboración, sen ganas de transformar e cambiar o sistema no que vivimos? Non pensemos que só o voto cambia o estado das cousas. Como cidadáns e cidadás debemos forzar que se produza un cambio real, a través do traballo colectivo que constrúa unha verdadeira democracia fundamentada na xustiza social, a igualdade e a liberdade.
Vivimos tempos de cambio e unha vez máis a emancipación do ser humano, como ideal da Ilustración, debe percorrer as rúas neste momento histórico. Debemos involucrarnos, facernos donos do noso propio destino, dignos do momento que nos toca vivir

Publicado no Progreso o 09-8-2014

Dexeneración democrática



Gonzalo Pérez López

Cando a democracia mórbida e de ínfima calidade que padecemos hoxe iniciou a súa traxectoria con enormes eivas e atrancos, a nosa óptica, desenfocada pola ilusión que provocaba, impediunos prever que desembocaría no estado actual.
Ó fío do vendaval reaccionario que asola este país, os poderes fácticos están dispostos a non deixar en pé resto algún, tanto de democracia como de ilusión. É tal o nivel de degradación moral instalado nos actuais detentadores do poder político, que os mesmos que actuaron como colaboradores necesarios para que esta situación produciuse, teñen a ousadía de presentarse como abandeirados da transparencia e a rexeneración democrática para superala.
De transparencia e rexeneración poden falar respectivamente o xefe do Estado e o presidente do Goberno, por citar os actores máis significativos do esperpento? A que ven isto, entón?
O desencadeante de tamaña palabrería hai que situalo nas recentes eleccións ao Parlamento Europeo. Os resultados das mesmas agromaron certo espertar cidadán, o que puxo en garda aos que se alimentan física e politicamente nunha institución, como a monarquía, esencialmente antidemocrática por definición, e aos que, como o presidente, viven perversa e comodamente instalados nun bipartidismo ritual consensuado como recurso para salvagardar as formas na miseria participativa que sufrimos.
Reaccionaron despregando dúas liñas estratéxicas complementarias: Por unha parte, tratando de eliminar o verbo ‘poder’ da «gramática electoral alternativa» antes dos próximos comicios, demonizando e «matando os mensaxeiros» e, por outra, apoderándose dunha linguaxe, que expresa unha aspiración xusta da cidadanía, para banalizala e baleirala de contido, non vaia ser que o nivel reivindicativo esixa a plasmación inmediata do verbal na realidade. Así, sacaron á rúa as súas tropas mediáticas e os sacerdotes encargados de interpretar o oráculo á súa comenencia, dispostos a converter en besta a calquera que ousase poñer en cuestión os seus pronunciamentos dogmáticos.
Ao confluír os intereses da xefatura do Estado, do goberno, da oposición pactada e dos poderes fácticos aos que os anteriores representan, a recente escenificación do transvasamento monárquico resultou paradigmático do que sinalamos. Soportamos, con forzado estoicismo, falacias tales como a de que quen viviu case trinta anos baixo o paraugas do ditador, foi o que nos trouxo a democracia, que atentan á intelixencia de calquera e vilipendian aos que arriscaron ou perderon as súas vidas loitando pola restauración democrática.
É máis, nunha espiral imparable, gran parte dos que teñen o monopolio da comunicación pretenderon xustificar, sen rubor intelectual nin moral, a preferencia da monarquía fronte á república, é dicir, a defensa do azar xenético vitalicio fronte á racionalidade, sempre revisable.
E neste escenario, o novo rei ofrece a transparencia da institución que representa, como se el fose algo alleo á mesma, un alieníxena que caeu na Terra coa coroa posta. E para empezar a transparentar avala co seu silencio o aforamento urxente, único e especialísimo, do abdicado rei.
Aínda quedaban rescaldos dos fastos da exaltación monárquica cando o presidente, calculadora electoral en riste, lanza a proclama da rexeneración democrática. De que rexeneración pode falar despois das mentiras que o levaron á presidencia, da aceptación da corrupción no seu partido, de gobernar de costas ó Parlamento e da lexislación antisocial que a cotío ven aprobando? Se nas palabras do presidente houbese algún indicio de sinceridade, a contribución á rexeneración empezaría pola súa dimisión.
Porque a transparencia e a rexeneración democrática pasan, entre outras medidas, por: unha reforma constitucional que afonde na independencia de poderes e na democracia participativa; unhas institucións que convertan en reais os dereitos constitucionais; acabar cunha lei electoral inxusta e promover outra realmente representativa; o programa electoral como compromiso ineludible; a igualdade de todos ante a lei e o exercicio efectivo da tutela xudicial sen exclusións; a independencia real do poder xudicial; unha fiscalía ao servizo dos cidadáns e non xerarquizada para evitar que o goberno interfira na acción da xustiza a través do fiscal xeral do Estado; a devolución por lei do patrimonio público roubado, suprimir o aforamento; introducir pola propia administración de xustiza elementos correctores que garantan a equidade e eliminen o carrusel de indultos interesados que adulteran o principio de igualdade ante a lei; un defensor do pobo que sexa tal, independente de quen o nomea; eliminar de raíz, especialmente do espazo público, calquera asomo de corrupción e do que a facilite; a rexeneración (democracia interna, financiaciamento transparente …) de partidos, sindicatos e toda organización que sirva de canle de representación; respectar o Parlamento, evitando o decreto lei e a tramitación urxente de leis como forma habitual de gobernar; a eliminación da endogamia e o enchufismo como vías de acceso ao emprego público; acabar coa privatización de servizos e empresas públicas rendibles e a socialización das perdas das empresas privadas a expensas do erario público; a imposibilidade de pasar de ministro ao consello de administración dunha empresa privada relacionada co ramo; obrigar as empresas a cumprir íntegros os contratos firmados para obras públicas, sen inxección posterior de cartos desde as institucións que as promoveron; a progresividade real dos impostos, orientada a que a distancia entre os máis ricos e os máis pobres tenda a cero; antepoñer os intereses das persoas aos dos mercados; educación, sanidade e servizos sociais públicos e de calidade; o exercicio dos cidadáns do dereito a coñecer e entender as decisións dos tres poderes e a acceder ás contas do Estado e das institucións que se financian cos nosos impostos; crear medios de comunicación públicos ao servizo de todos os cidadáns e non do executivo; deixar de manter como reservados os papeis de interese público, como os do 23-F; un poder civil que non faga xenuflexións ante o poder relixioso, denunciando o concordato, deixando de soster a igrexa con cartos públicos, facendo realidade a laicidade do estado; o recoñecemento pleno de minorías e sensibilidades diversas; facilitar á sociedade civil as canles de participación e decisión que como tal lle corresponden.
Pero, se ti, que coma min aspiras á cidadanía en sentido pleno, non percibes con claridade na túa vida diaria o efecto das condicións rexeneradoras expostas, entón o que prima é a opacidade e a degradación democrática. Que non te enganen!

Publicado no Progreso o 2-8-2014

domingo, 21 de septiembre de 2014

A función social dunha bioética de protección



Elías Pérez Sánchez

A ortodoxa bioética contemporánea, reconvertida ultimamente en bioética global, pretende resolver os conflitos orixinados polas ciencias da vida a través dos consabidos Principios de Georgetown (autonomía, beneficencia, non maleficencia e xustiza). Devanditos principios recibiron severas críticas sobre todo no ámbito bioético latinoamericano, por insuficientes, e porque exaltaban a moral individualista diluíndo a idea de xustiza social, e pola dificultade de elaborar un estatuto epistemológico claramente definido dos mesmos.
Nos últimos tempos xurdiu a expresión bioética da protección formulada inicialmente polos filósofos Miguel Kottow e Fermín R. Schramm, coa finalidade de tentar dar conta dos conflitos e dilemas morais relacionados coa saúde pública e o recoñecemento de facto dos dereitos humanos, sobre todo en América Latina, e que dificilmente poden ser resoltos polo patrón norteamericano da bioética principialista.
A bioética da protección, stricto sensu refírese ás medidas a tomar para protexer a individuos e poboacións que non dispón de recursos que lles garantan as condicións indispensables para levar adiante unha vida digna e que moitas veces son excluídos da comunidade política e das políticas dos dereitos humanos. Lato sensu é máis ambiciosa: aínda que outorga prioridade aos intereses dos máis desamparados ofrecendo un contido concreto ao ideal de xustiza social, tende tamén a pensarse teleolóxicamente e de acordo coa terminología defendida por Derrida, como a ética dunha nova «forma de cosmopolitismo» e dunha «democracia futura» fundamentada na «hospitalidade incondicional» ou universal, como diría Kant.
Con outras palabras: máis aló do apriorismo principialista antes citado, a bioética de protección ten como obxectivo prima facie un humanitarismo real en defensa dos máis débiles e inocentes —os que sofren unha «vida espida», en palabras de Giorgio Agamben—. Pero tamén se pregunta que ocorre cos dereitos humanos cando non acadan a protexer as persoas excluídas da comunidade política e relegadas á condición de mera supervivencia ou de vulnerabilidade máxima. Concluíndo, a protección non exclúe a priori o exercicio da autonomía, por exemplo, (ao contrario de todas as políticas paternalistas históricas), senón que intenta ofrecer as condicións necesarias para que o protexido poida autoprotexerse nun futuro que sexa o menos distante posible.
Xa que logo, sería conveniente tomar nota da necesidade de ampliar os horizontes daquela bioética global ou universal fundamentada en principios que son indudablemente insuficientes á hora de resolver outras moitas situacións conflitivas, ás veces intencionadamente marxinadas.

Publicado no Progreso o 26-7-2014

A terra prometida




Mar Carballo Cela

Fáganse unha pregunta: cantas persoas cren que se decantan por unha opción electoral desde unha auténtica comprensión do funcionamento da súa sociedade e das ideoloxías que ditas opcións representan? Ou, o que é o mesmo, canto hai de fe e canto de coñecemento cando a cidadanía decide o seu futuro? (Quédense coa palabra “futuro” porque volveremos sobre ela).
Proudhom afirmaba con rotundidade que os gobernos se sustentan sobre a fe das masas. Pero contra a fe só hai un antídoto, a ausencia de medo. Como dicía Baltasar Gracián “de nada serve que a razón se adiante se o corazón se queda”.  Non é ningún segredo que a manipulación precisa do medo, pero gustaríame facer unha reflexión sobre a súa relación co futuro, porque o medo é sempre do futuro.
Distanciémonos por un momento das nosas categorizacións culturais e acheguémonos ás de outros pobos radicalmente diferentes ó noso. Isto axudaranos a comprendernos mellor xa que ante as diferenzas xorde a inevitable pregunta de por que somos como somos, e a busca de respostas fainos un pouco máis libres.
Nos anos 1980 o lingüista Daniel Everett viaxou a Brasil como misioneiro coa fin de evanxelizar á tribo Pirahá. Despois de vivir moitos anos con eles non só non conseguiu convertelos ó cristianismo senón que el mesmo se volveu ateo, o cal nos indica que estamos ante un pobo difícil de manexar. No seu imaxinario non tiña sentido un creador: “todo é o mesmo”, respostaban; pero o que máis chama a atención do seu estilo de vida é que viven aferrados ó presente, non prestan a máis mínima atención ó futuro, por iso se torna imposible manipulalos.
Calquera tipo de manipulación ideolóxica, ben sexa relixiosa ou política, necesita de individuos cunha forte proxección no futuro: se non hai ningún paraíso prometido, que razón temos para aceptar as imposicións e os sacrificios do presente? Por iso se fai necesario desapegarnos do agora e instalarnos nesa outra vida imaxinada por chegar, sen a cal non pode haber fe. Porque aínda que nos pareza o contrario, dado que vivimos na era do inmediato, sucédenos o contrario que ós Pirahá: non lle prestamos ningunha atención ó presente (sempre incompleto), vivimos na permanente fuxida cara adiante propia dunha sociedade que alenta a insatisfacción; e así pois, máis que elixir aquelas opcións políticas polo que están facendo hoxe coas nosas vidas, aferrámonos ás promesas dun mañá ilusorio, dunha terra prometida, sen ter en conta que o que non é capaz de construír un presente digno, que aquel ó que non lle importa deixarnos na rúa hoxe, tampouco  lle vai importar o que suceda con nós mañá.
En definitiva, que sen auténtico coñecemento non pode haber unha praxe liberadora, e isto ha de empezar por coñecernos a nós mesmos, como sabiamente afirmaba Sócrates. Se un non se coñece a si mesmo, a orixe dos seus medos e as relacións que en base a eles establece cos demais e co poder, dificilmente será capaz de decidir a súa vida. No fondo, seguimos sendo como o pobo de Israel guiado polo deserto cara unha terra prometida, aceptando os sacrificios do camiño a cambio dun lonxano espellismo. Pero a pregunta esencial, a que me interesa que respondan é a seguinte: que estás disposto a facer neste momento por min? Non me importa o que estés disposto a facer no futuro, porque no futuro volvereiche facer a mesma pregunta. O futuro vaise construíndo solventando xusta e intelixentemente as dificultades presentes para enfrontarse ó mundo. Non é certo que non existan solucións para mellorar a nosa vida actual, os amos sempre tiveron na súa man aliviar o sufrimento diario dos escravos, sempre hai maneiras de influír de inmediato para unha maior xustiza social, cousa diferente é que non sexa útil para determinados intereses.
Non só nos marcan o ritmo ó que debemos vivir (pensen por que levan un reloxo no pulso e que relación garda isto co sistema de produción capitalista), a miúdo tamén nos rouban a experiencia de vivir  a cambio de soñar.

Publicado no Progreso o 19-7-2014