viernes, 24 de octubre de 2014

A pobreza infantil



María del Carmen González López
 
Debe de ser como pai ou nai querer dar de comer a un fillo e non poder. Ata hai pouco sabiamos que había países onde os pequenos morrían de fame,pero agora hai que sumarlles os pequenos do noso país, seguramente compañeiros dos nosos fillos que pasan fame todos os días, que comen ben só no comedor do colexio, que lles custa vestirse correctamente, que na súa casa pasan frío porque os pais non teñen cartos para poder pagar a calefacción, e por iso poden caer enfermos máis asiduamente, que non poden pagar a luz, a hipoteca, o material escolar…
É entón cando te preguntas en qué clase de mundo vivimos. A resposta é nun mundo en que como consecuencia da crise se produce un rápido e progresivo empobrecemento das familias.
Estase situando a España como segundo país da UE con maior índice de pobreza infantil, superado só por Romanía. Isto debería provocar unha reacción inmediata do goberno na búsqueda de solucións e non a negación desta realidade, demostrando unha falta de responsabilidade sobre a situación económica e social que están a soportar as familias dende hai xa cinco anos.
Esta situación está a afectar non só a familias que xa eran vulnerables (inmigrantes, con persoas dependentes..), senón a calquera familia onde se produza unha perda de emprego, e como consecuencia que aparezan cada vez máis familias en risco de exclusión social, estendendo por isto segúndo estatísticas feitas «aquelas persoas que só teñen un 60% do ingreso medio do resto da poboación, as que teñen entre o 40% e o 50% son denominadas pobres e as que teñen menos do 40% sitúanse na pobreza extrema».
A situación, como apunta Gabriel González Bueno, responsable de Políticas da Infancia en España de Unicef «non é só que haxa máis pequenos pobres en España, senón que cada vez son máis pobres». Todo isto é moi preocupante tendo en conta que os nenos son o noso futuro e todos deberían ter as mesmas posibilidades de desenvolvemento, e estámolos deixando atrás dentro do conxunto da poboación. España está tendo a maior taxa de abandono escolar de Europa, o que demostra que a situación económica que estamos a vivir está impedindo a igualdade de oportunidades e xerando discriminación cara ás familias con menos recursos, cando todos deberiamos saber que a educación é o sistema de combater a transmisión interxeracional da pobreza.
Igualmente os estudos revelan que o 12% da poboación española que traballa, non gaña o suficiente para escapar da pobreza nun país que xunto con Grecia experimentou o maior incremento do desemprego dende o inicio da crise. Como consecuencia, moitos cidadáns víronse obrigados a buscar traballo no estranxeiro, e se isto fora pouco o Estado diminuíulles as prestacións sociais. Dende que o Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional e Comisión Europea decidiron o rescate bancario e as reformas, que consistiron en baixar os salarios dos máis desfavorecidos e das clases medias, en recortar os servizos sociais que garantían a protección social na infancia, enfermidade, xubilación, somos máis pobres e todo por culpa da política chamada de ‘austeridade’ que propicia o Goberno do PP que está a violar os dereitos fundamientais de gran parte do pobo español, que depositou a súa confianza en políticos inútiles, mentirosos e corruptos.
Que será destes nenos e destas nenas cando sexan adultos?

Pulicado no Progreso o 20-9-2014

Unha vida filosófica aínda é necesaria



M. A. Martínez

En momentos difíciles da existencia é común escoitar dos achegados un consello: “tómate a vida con filosofía”. Ou facerse a un mesmo a recomendación: “hai que tomarse a vida con filosofía”. Quérese dicir que para levar unha vida boa, digna de vivirse, hai que afrontala con paciencia, distancia, obxectividade, un toque de humor fino. Sen entrar a valorar a rica tradición que latexa neste parecer, e tampouco o rigor de nomear como “filosófica” este modo de vida, algo está claro: na actualidade unha vida deste tipo resulta difícil (algúns dirán imposible, outros innecesaria). Por que? Non importa a paz interior, a serenidade reflexiva, a liberdade que dá o exercicio da ironía? Que acontece para que unha vida prudente, consciente e crítica sexa pouco desexada polo común da xente?
Nas sociedades avanzadas alborea un novo tipo humano e xermolan novos comportamentos. A expansión do consumo, a industria do ocio, as tecnoloxías da información e da comunicación, a mundialización dun único estilo de vida baseado nun ritmo e intensidade crecente do traballo, contribúen ao nacemento desta disposición inédita. O resultado resta patente en tres fenómenos.
O primeiro é a sobrevaloración das inclinacións, sensacións, experiencias e desexos persoais, vinculada ás “políticas da desinhibición”. A súa finalidade é facer do individuo unha burbulla expansiva e autosuficiente cuxo primeiro criterio de actuación é satisfacer os seus propios apetitos sen miramentos.
O segundo é a hiperexcitación sensorial asociada á produción incesante, consumo rápido, velocidade no traballo, que involucra a afectividade completa do individuo. É o “capitalismo emocional”: o compromiso de todas as facultades afectivas do individuo no proceso de produción-consumo.
O terceiro é a inflación da importancia das “propias” verdades, ideas, opinións. Esta “propietarización do pensamento” acontece e foméntase, sobre todo, nas redes sociais, foros de opinión e outras plataformas da Internet.
Estes tres fenómenos adórnanse cos prestixios da conquista do gozo psicofísico, o benestar material, a autonomía persoal. As persoas modeladas por este triplo dispositivo entenden que a súa “liberación” consiste en dispoñer do poder de responder inmediatamente ás premas imperativas do entorno comercial, laboral, de consumo. Mais, xorden dous interrogantes: os fenómenos anteditos expresarán unha nova forma de control do pensamento e o corpo, realizada coa complicidade implícita dos individuos?; representan unha nova e máis sutil doma da conciencia?
O prezo da adopción destas disposicións é moi alto. A elaboración desbordante de obxectos soñados, representacións ficticias, imaxes ilusorias, producen un malestar con risco de converterse en patolóxico (frustración, anguria, enfermidades depresóxenas). Ocúltase que os individuos, instalados no reino gozoso da autonomía, séntense, e son, realmente impotentes para cumprir as súas “propias” expectativas. Seducidos polos seus “propios” cálculos egoístas, caen presos do neuromarketing. Entusiastas da “propia” liberdade de consumo, emprenden o camiño da súa ruína. Escoitando a “súa” voz interior, obedecen ao amo exterior.
Nesta confusa situación a filosofía pode poñer algo de sentido. A filosofía é a resolución tomada dunha vez por todas de mirar e escoitar de novo arredor e dentro de nós. É, primeiro, unha elección de vida, non un discurso. Unha decisión, non un sistema teórico. Unha actitude: a escolla de desprenderse do propio eu para abrirse a unha perspectiva universal, racional.
Dada a actual situación, isto require un gran esforzo de transformación interior. Como o do pintor que quere mirar de novo a paisaxe que moitos pintaron. Como o do músico que quere desembarazarse dalgúns hábitos de interpretación e composición que lle aprenderon no conservatorio. Como o do biólogo que devece por desprenderse dalgúns prexuízos que lle inculcaron e arela por ver de novo a natureza. Como o do historiador que ansía lograr ese punto de imparcialidade e afastamento que lle permite comprender o pasado e redescubrilo no presente.
Habitualmente as persoas temos un discurso interior e exterior sen estrutura, caótico, disperso. Require moito esforzo e dedicación poñer en orde os nosos pensamentos, elaborar argumentos, expoñelos en público, escoitar contraargumentos, valoralos e dar novas razóns. Esta disposición, aderezada coa preocupación por actuar ben sen perderse nos vieiros do odio, a cobiza, a envexa, a compaixón, ou, tamén, a fatiga, o cansazo, o aburrimento, é, con xustiza, unha disposición filosófica.
A resolución de mirar por primeira vez, escoitar con atención, é filosófica. A verdadeira filosofía é aprender a ver o mundo de novo. Para refacer as relacións cun mesmo, cos demais e co entorno. Para desinchar o eu, distanciarse dun mesmo, aprender a poñerse no lugar dos demais humanos e dos outros seres deste planeta. Para actuar de maneira desinteresada.
A vida filosófica consiste na coraxe de asumir conscientemente o feito de que entre a miseria humana e a indiferenza da natureza, o ideal humano aínda é realizable. Que entre a atroz historia dos pobos e o sen sentido do universo, a conciencia humana intensifícase, preparándose para unha determinación inequívoca pola xustiza, a imparcialidade. Entón, unha vida filosófica aínda é necesaria?

Publicado no Progreso o 13-9-2014

Renda básica



Xosé Ramón Cando Vázquez

A ideoloxía político-económica aceptada comunmente defende que, no marco da economía de mercado, o crecemento do PIB supón de xeito mecánico o incremento dos postos de traballo polo que a acción de goberno neste eido consiste en eliminar os atrancos que dende unha concepción mais social do estado  (constitucionalmente España defínese como un estado social) se teñen  establecido de cara ao que se entendía como ben común e que poden dificultar o mencionado crecemento e, como consecuencia, impedir a recuperación do emprego.
Esta posición ideolóxica que permite xustificar a paulatina proletarización do traballo ten unha eiva fundamental, non responde á realidade actual. A gradual substitución do ser humano por elementos procedentes da robótica, a informática, a telemática, etc., asociada a procesos de deslocalización da produción, establecen variables que os ideólogos oficiais non contemplan pero que, no mencionado marco político-económico, conducen á frustración e a desesperanza a boa parte de cidadáns e cidadás, nomeadamente a aqueles que teñen que se converter nos piares da sociedade, a xente moza que remata o seu período de formación.
Unha das alternativas a esta ideoloxía dominante e aos seus “disfuncionais” efectos,  debatida xa dende os anos oitenta, é a “renda básica”, concepto non estritamente unívoco ao que tentaremos aproximarnos:
Dende unha perspectiva, fundamentalmente ética, a Rede Renda Básica define este concepto como un ingreso pagado polo estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou residente da sociedade, mesmo se non quere traballar de forma remunerada, sen ter en consideración se é rico ou pobre ou, dito doutra maneira, independentemente de cales podan ser as outras posibles fontes de renda e sen importar con quen conviva. Partillando esta definición o economista Santiago Niño defende que hai que “garantir o sustento mínimo a unha poboación que sendo activa xa non é necesaria"
Ramiro Pinto (Arenci), dende unha óptica mais funcional, na súa obra:  “Los fundamentos de la Renta Básica y la perestroika del capitalismo”, formula con  base na Taxa Tobin o que chama Taxa RB na que aquela, limitada aos movementos de capital, se estende a todo beneficio de carácter especulativo, a toda revalorización económica que non corresponda con economía produtiva. Esta taxa non debe servir para financiar os servizos sociais ou as pensións, debe distribuírse directamente a cidadáns e cidadás. As principais vantaxes económicas serían: a) mellorar o funcionamento do sistema monetario ao que ofrece estabilidade, b) eliminar a pobreza nos países desenvolvidos, c) favorecer o desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo facilitando e promovendo a deslocalización produtiva.
Aínda que sen abranguer ao conxunto da poboación, están  a desenvolverse diversos modelos de renda básica en diferentes países e mesmo no Estado Español nalgunhas comunidades autónomas, porén o caso mais salientable é o de Suíza onde a cidadanía decidirá en referéndum sobre a proposta de outorgar, por parte do estado,  a cantidade de 2500 francos (uns 2000 euros) mensuais a cada persoa maior de idade. Esta iniciativa nace do descontento popular ante a crecente desigualdade salarial produto da xestión da crise económica. O comité popular que promove esta iniciativa, apoiada xa por mais sinaturas das precisas para a celebración da consulta, ten como último obxectivo “proporcionar unha rede de seguridade financeira á poboación”.
Parece ser que no país helvético é posible afrontar orzamentariamente esta medida pero moitas persoas se preguntarán se tamén sería factible algo semellante en España. Para iso é preciso cuantificar dita renda básica e, tendo en conta que o limiar de pobreza se sitúa arredor dos 7000 euros anuais para unha persoa que vive soa, o mencionado ingreso debe estar por enriba desa cantidade. Ramiro Pinto deixa claro que coa súa Taxa RB é perfectamente posible, Daniel Raventós dende Rede Renda Básica non ten ningunha dúbida, garantindo ademais que dereitos como a sanidade e a educación non se verían afectados negativamente na súa financiación.
Neste artigo non é posible abordar con mais amplitude un asunto tan complexo como o que nos ocupa, polo que o obxectivo non está tanto na información a que calquera pode ter acceso, como na interpelación sobre a realidade e a diversidade de alternativas que existen, mais ou menos diverxentes, para enfrontala.

Publicado no Progreso o 6-9-2014

sábado, 4 de octubre de 2014

Moderno ou posmoderno?



José Domingo de Prada

En 1979 Lyotard escribe ‘La condición posmoderna’. Desde entón abriuse unha polémica para tratar de clarificar se aínda estamos no período moderno ou se xa o superamos e entramos na posmodernidade. Moitos consideran esgotados e caducos os esquemas da modernidade, especialmente os derivados da Ilustración. A frustración ante ideais perdidos e a necesidade de novas expectativas tentaron abrirse paso pregoando unha nova época.
En ‘Nosotros, los modernos’, Alain Finkielkraut analiza o significado da modernidade dende o século XXI ofrecéndonos interesantes matices. Destaca a influencia do coñecemento -en especial do científico-, a importancia da acción que terá como finalidade a (re)construción do mundo e reflexiona sobre como afectou ao século XX e aos comezos deste XXI. Tal parece que a modernidade aínda non feneceu, dende logo non esta tan morta como algúns pretenden.
Finkielkraut inicia a súa mirada tratando de situar a orixe do home moderno e establécea nun autor case esquecido hoxe, Pico de la Mirándola, quen en 1482 reescribe o relato do Xénese subliñando que Deus creou ao home para que houbese alguén que puidera admirar a súa obra e, tras facelo dunha forma indefinida, faloulle así: -«Non che demos ningún posto fixo, nin unha faciana propia, nin un oficio particular, Oh Adán!, para que o posto, a imaxe e os empregos que desexas para ti os obteñas e posúas pola túa propia decisión e elección»-.
Sitúa así a orixe da modernidade nesta relectura do Xénese na que o home se independiza de Deus. Esa independencia vai supoñer, tamén, que queda só, desvalido. O home moderno ten que facerse a si mesmo e, á vez, ten que facer o mundo, pero non sabe moi ben como ao non ter un guía. Non era así para o medieval, home fundamentalmente relixioso que tiña xa estipulado o que debía facer: o mesmo que o resto das criaturas, debía glorificar a Deus. A novidade de Pico de la Mirándola consistiu en liberarnos desta esixencia glorificadora e, ao perdela, perdemos as ataduras coas tarefas que implicaba: ter que obedecer permanentemente o que Deus mandaba (as máis das veces a través dos seus ministros ou intermediarios).
Ao quedar desvalido, este home moderno, non é nada. Se o home antigo era fundamentalmente ‘natureza’ e o medieval ‘crenza’, agora todo se perde, pois nin se recoñece como un ser natural, nin como un ser glorificador. Neste quedar só consiste a radicalidade da modernidade. Se non somos nada, que somos? A resposta a esta situación vai chegar da man de dous pensadores que establecerán o punto de inflexión dos novos tempos.
Un será Francis Bacon, con el a modernidade deixa de lado a autoridade e o natural adquire unha inocencia orixinal, que lle vai permitir (re)modelar o mundo á imaxe e semellanza do propio home, e rematará no ideal de progreso, que procurará, entre outras cousas, o acceso lento -penoso ás veces- ao coñecemento.
O outro pensador é René Descartes, quen non satisfeito co que lle transmitían os legados do pasado, decide aprender no ‘gran libro do mundo’. Crea un novo método de traballo e a partir del preguntarase e preguntará á realidade como funciona; a construción do coñecemento deslígase do pasado e da revelación.
A modernidade culmina na Ilustración, onde o home se fai autosuficiente, ‘maior de idade’ na célebre expresión de Kant, liberado de titores e confesores. O home moderno é o que el mesmo fai de si mesmo, seremos o que queiramos ser, coa única condición de que o fagamos.
Pola contra, o home posmoderno trala perda dos metarrelatos vólvese ecléctico, acepta calquera idea ante a incapacidade de sopesalas, a realidade tórnase líquida ante el (Bauman), móvese continua e indefinidamente, faise volátil -por usar un termo financeiro, xa que tamén el mesmo acabará cotizando nas bolsas de valores a través dos xigantes informáticos que mercadean cos seus datos persoais-. O cambio convértese no seu elemento constituínte, pero carente agora de metas, e trastócase nun cambio compulsivo ao que só lle importa moverse, aínda que só sexa en círculos. O subxectivismo imponse, o que descualifica as certezas e a razón deixándonos ante a intuición e o azar.
A posmodernidade é sedutora (Lipovetsky), fainos consumistas e hedonistas, todo nace fenecido -modas, obsolescencia programada-. A virtualidade substitúe á realidade: imaxes, plasmas, teclados e conexións wifi estrutúrannos. O noso pensamento é analizado pola enxeñería social, e a nosa realidade, incluso a física, é virtualidade programada que analiza o que queremos ou o que podemos necesitar, se é que hoxe hai diferencia entre ambos conceptos. Entramos entón no reino da confusión, no que as palabras xa non significan o que significaban, senón que ocultan o que non queremos que se exprese mentres falamos.
Así, para algúns, tras observar este proceso é difícil definirnos, nin deixamos de ser modernos nin somos aínda posmodernos. Xorde a dúbida aínda con máis virulencia cando pensamos no Presidente de Goberno: chegou á Moncloa prometendo que faría as cousas «como Deus manda», que faría «O que sempre se fixo e o que se debía facer». Tras este tempo de goberno só se nos mostra virtualmente, ‘plasmático’, repetindo o seu discurso como nun replay: estamos a facer as cousas «Como sempre se fixeron», «Como está mandado», «Como Deus di». Onde situalo, é moderno ou posmoderno? As súas verbas terán un sentido oculto?

Publicado no Progreso o 30-8-2014