III Foro "Lugh Augusti"
martes, 4 de noviembre de 2014
domingo, 2 de noviembre de 2014
Olvido da terra
Juan Carlos Fernández Naveiro
Hai datos que son asoballantes, cifras que a ciencia vai convertindo en
inapelables. Como eses 10.000 millóns, cifra crítica da poboación mundial da
que fala Stephen Emmott no seu informe como director dun equipo
multidisciplinar (biólogos, climatólogos, inmunólogos, ecólogos, informáticos)
que traballa en Cambridge (‘Diez mil millones’, Anagrama, 2013). Dos 3.000
millóns en 1960 aos 6.000 millóns en 2000, e agora máis de 7.000 millóns, a
demografía avanza a un ritmo ao que chegaremos a esa cifra máxica neste medio
século.
O ecólogo español Ramón Fernández Durán adianta a cifra do colapso do
capitalismo global a 2030, que marca o umbral de agotamento dos combustibles
fósiles (sen entrar agora nos aprazamentos que se poidan obter pola técnica do
fracking, que está trastocando o comercio mundial do petróleo).
Outra cifra clave son os 2ºC de quencemento global, marxe para conter os
efectos das emisións globais de dióxido de carbono sobre o cambio climático, e
que será alcanzado en 30 anos sen crecemento dos niveis de emisión (que non é o
caso: desde os compromisos de reducción en Kyoto en 1997 o incremento foi do
30%, e as previsións para este 2014 son de outro 2,5%). Para manter o cambio
climático por baixo desde nivel crítico habería que reducir cada ano as
emisións mundiais durante varias décadas, pero iso non é en absoluto
previsible; ao contrario, a cada novo informe se constata un incremento dos
efectos do cambio climático na agricultura, na saúde humana, nos ecosistemas
terrestres e marítimos e no abastecemento humano de auga e medios de vida. O
último informe IPCC (Panel Internacional sobre o Cambio Climático) de setembro
de 2014 detalla impactos nos ecosistemas nos próximos 20-30 anos. As cifras
repítense e conflúen formando una figura sinistra do futuro.
O mesmo informe IPCC documenta o impacto humano en seguridade alimentar
(previsións de perdas do 25% en colleitas de millo, arroz e trigo, e do 50% da
pesca nos trópicos e na Antártida, de aquí a 2050), o impacto en secas e
inundacións, en taxas de mortalidade, en incremento de migracións, en conflitos
e ameazas á seguridade. «Non é casualidade -afirma Emmott- que en case todas as
conferencias científicas sobre o cambio climático haxa unha nova categoría de
asistentes: os militares».
Polo tanto o cambio climático é xa un problema político de primeiro orde,
como recoñecen organismos de todo tipo, desde institucións e gobernos a
empresas (incluindo as que fan negocio coa avaliación dos efectos do cambio
climático). Mais a relevancia política da perspectiva ecolóxica non é algo novo
porque a ecoloxía sempre tivo aspiración de novo paradigma epistémico que
debería servir como marco da acción política. Xunto ao feminismo, o ecoloxismo
é o marco epistémico máis incuestionable e transversal dos tempos recentes, con
efectos teóricos a todos os niveis, por exemplo como único fundamento posible
dunha ética non antropocéntrica, desligada da metafísica tradicional do humano
excepcional e sobrenatural, acreedor de dereitos de explotación e dominio.
Explotación do home polo home e expolio da Terra son parámetros dun mesmo marco
epistémico periclitado, como tamén a consideración puramente utilitaria das
demáis especies animais. Como dicía o filósofo Hans Jonas no célebre ‘O
principio de responsabilidade’ (1979), a ética debe vincularse ao fenómeno
xeral da vida, considerar tamén o non humano, e ter en conta os dereitos das
xeracións futuras.
O alcance político do movemento ecoloxista garda relación co seu carácter
en último termo anticapitalista, porque os problemas ambientais resultan da
mesma lóxica que universaliza os procesos de acumulación e reproducción do
capital e a busca maximizadora de beneficios. ¿Cómo poñer límites a iso? O
concepto de sustentabilidade -que forma parte do discurso oficial desde o
informe Brundtland de 1987- xoga ese papel que trata de conciliar crecemento
económico e respeto ao medio ambiente, progreso material e equilibrio natural.
Pero ¿é posible ese punto arquimédico, e finalmente a compatibilidade entre
ecoloxía e capitalismo? Polo de pronto, ese punto medio -o desenvolvemento
sustentable- tense integrado plenamente no discurso da corrección política,
pero non pasa de ser un convidado incómodo no momento de decidir, por exemplo,
cómo se asignan os recursos ou adonde van os beneficios do consumo enerxético.
A posibilidade da idea de sustentabilidade -é dicir, a posibilidade de
compatibilizar ecoloxía e capitalismo- vese moi comprometida cando a sustentabilidade
forma parte do discurso dominante pero sobre todo cando se utiliza como
pretexto para, en tempos de crise, postergar a xustiza no presente en aras da
sustentabilidade no futuro. Ese é un perigo que afronta o movemento ecoloxista,
e o ecoloxismo corre o risco de ser unha excusa acaída para a desprotección
aquí e agora da existencia e para darlle un verniz ético ao expolio organizado.
Así cabalgamos no olvido da Terra sen reparar que imos cara o abismo, iso
sí, convidados a un uso ornamental da ecoloxía, e a vestir de verde para
sentirnos satisfeitos practicando una reciclaxe sen fin, que ignora adrede o
destino final dos nosos lixos. Sen preocuparnos moito por eles, deixándolle ao
poder que vaia facendo a conta nosa o seu traballo.
Publicado no Progreso o 25-10-2014
viernes, 24 de octubre de 2014
A deusa Fortuna
María Isabel Sánchez Corral
Estes días tras os últimos acontecementos veume á memoria o libro de Martha
Nussbaum ‘A fraxilidade do ben’. A filósofa americana analiza a relación entre
a fortuna e a ética, ao longo da traxedia e a filosofía na Grecia Clásica.
Como fío condutor da obra materialízase o contraste entre a busca da vida
boa e xusta a través da razón, e o intento de evitar os avatares da deusa
Fortuna.
A idiosincrasia do pobo grego exprésase nesa busca ideal da virtude e
maniféstase na vida pública, onde os cidadáns intentan articular a razón na súa
vertente tanto teórica coma práctica.
Nesa busca da felicidade polo camiño autosuficiente da razón, evitaban os
gregos xogar á pelota coa deusa Fortuna (Tyché) nos xardíns de Zeus. É ela a
que representa o azar, o inesperado, a fatalidade que aparta o home do control
da súa propia vida véndose abocado ao seu destino.
O gusto dos gregos pola traxedia, cuxo triunfo coincide co esplendor da
polis grega, non estaría tanto nunha tendencia natural ao drama senón máis ben
nunha forma de expoñer os medos e a «fraxilidade» do ser humano. Pois é na traxedia
onde parece haber un destino inxusto, un capricho dun deus, o azar da fortuna
que mostra ao ser humano como un ser fráxil.
Pero se como nos formula a autora, a fraxilidade non radica no que a
fortuna pon diante dos personaxes tráxicos senón en como estes actúan ante ela,
na resposta que dan; entón, o feito tráxico non está no encontro senón na
resposta que se dá e a responsabilidade que se deriva de tal resposta. Aquí
debería entrar a deusa razón cun importante papel.
Esta última parte, sobre a resposta e a responsabilidade ante os
acontecementos fíxose clara na miña mente ante a traxedia do ébola. Traxedia
dunha auxiliar de enfermaría que se enfrontou de forma voluntaria á deusa
Fortuna facendo e crendo no seu traballo (e que segue loitando pola vida no
momento que escribo esto). Traxedia dos que coa súa resposta desencadan os
acontecementos de forma irresponsable, con intereses ocultos e onde media todo
menos a razón. Aqueles que se apresuran a dar explicacións vagas culpabilizando
a verdadeira heroína desta historia.
Neste teatro aínda os hai peor parados, se iso é posible cando falamos de
enfrontarse á morte. Para eles non hai vida boa e xusta. A razón non opera na
súa terra. Nós deseñamos o seu destino e non poden deixar de xogar coa pelota
do infortunio que lles lanzamos unha e outra vez. No continente africano non só
morren miles de persoas polo ébola, senón que tamén se produce ese destino pola
tuberculose, a malaria, a cólera, a sida e moitas outras enfermidades. Sendo
espoliados dos seus recursos naturais e inducidos a innumerables guerras ao
longo de moitas décadas. Eles non poden actuar, non poden dar a súa propia
resposta, quitámoslles a capacidade de decidir sobre a súa propia vida.
Nós, os ‘herdeiros’ e ‘herdeiras’ da cultura grega estamos a esquecer os
ideais da excelencia e a vida boa ou quizais haxa certo interese nese
esquecemento. Esquecemento do pensamento, da memoria, da razón..., esquecemento
da filosofía.
Publicado no Progreso o 18-10-2014
República democrática emocional
Gonzalo Pérez López
Parece evidente que só no marco dunha república cabe pensar, en sentido
estrito, nunha democracia como tal, xa que calquera outra forma de organización
do Estado -unha monarquía, por exemplo, baseada en privilexios- supón unha
restrición inaceptable da vida democrática. Non é menos certo, tamén, que a
constitución dun Estado como república non supón garantía algunha de concreción
da democracia na vida diaria dos cidadáns.
Por iso, dende un punto de vista racional, non cabe centrar o debate na
opción entre república ou monarquía, xa que a primeira é a única que ten en si
mesma potencialidade democrática, aínda que non a faga efectiva. O realmente
esencial é tratar de delimitar, nun exercicio dialóxico tan necesario como
urxente, as condicións esixibles para que se poida considerar unha república
como democrática. É dicir, esbozar o sentido pleno da democracia, aspiración
esta que cruza transversalmente a historia dende a primeira vez que se empregou
o termo para describir unha maneira de concibir a organización social e
política, a convivencia dunha colectividade.
As insuficiencias das múltiples aportacións históricas que manteñen o tema
de permanente actualidade veñen provocadas, ao meu entender, tanto polos a
priori dos que se parte no debate como polas concrecións da natureza do termo,
máis preocupadas a maioría das veces por axustalas aos a priori, intentando
lexitimar inconfesables intereses particulares, que por precisar a súa esencia.
A esta só se pode chegar simultaneando o deslinde do concepto libres de
prexuízos coa nidia motivación de emprender o camiño que conduza á realización
práctica dunha democracia global.
Por iso, centrar o debate sobre a democracia en se o ámbito do privado ten
que estar separado do público ou se, como defende algún dos modelos da mesma, a
autonomía do individuo, aínda a excluínte, xustifica calquera decisión á marxe
do colectivo, parece case tan fóra de lugar como tratar de poñerlle apelidos,
sempre limitadores, caso da chamada democracia liberal ou doutras,
concomitantes coa anterior, como a democracia elitista. Estas parten
exclusivamente dos intereses puramente individuais, que sempre deveñen en
individualistas, deixando a presunta democracia reducida a unha posta en escena
que permita frear todo o que poida poñer en cuestión ese fluír sen límites dos
intereses privados, para perfilar o que poderíamos denominar unha «democracia
de mercado», na que a intención última é mutilar toda posible participación
cidadá, para deixala reducida a unha mera formalidade, cedendo aos «técnicos
políticos» a toma de decisións que salvagarden os intereses oligárquicos. Isto
supón a redución da esfera política á esfera económica para garantir o control
social total desde esta última.
A pesar das interesantes contribucións ao tema que realizan os defensores
dos modelos de democracia participativa e deliberativa, o intento de concretar
os mesmos acaba desembocando en contradicións, ó seguir dándolle unha sibilina
prioridade á liberdade e a autonomía individual sobre a colectiva, como se
representaran dous niveis diferentes de calidade democrática polos que optar.
Que o diálogo con outros seres humanos libres e autónomos permitirá acadar
acordos aceptables para todos sen concretar a superación da eiva máis
importante que impide a autonomía do individuo e imposibilita a convivencia, o
déficit social e moral das sociedades clasistas, resulta tan incongruente que
dificilmente se pode falar con propiedade, non só de democracia, senón de
racionalidade. Porque a racionalidade esixe universalidade e non cabe entender
a autonomía do individuo senón como a realización libre e autónoma de todos, pero
esta pasa pola consecución previa xeneralizada de principios sociopolíticos e
morais básicos, como igualdade real e xustiza, fóra dos cales falar de vida
digna, autonomía e democracia é unha quimera.
Agora ben, o ser humano ten un compoñente non racional nada desprezable a
ter en conta porque pode contribuír xenerosamente a potenciar esa a vía
racional apuntada á que ten que aspirar o ser humano aínda que, con frecuencia,
sexa especialmente remiso a seguila no espazo político.
Polo tanto, a utopía realizable esixe, ademais da que supón a organización
da convivencia baixo os criterios de racionalidade socio- moral citados, outra
revolución complementaria, a emocional e afectiva, que a propicie. Probablemente
sexa esta revolución a única que pode producir o efecto devecido, evitando
calquera tentación de barbarie destinada a cortar de raíz a tendencia á
igualdade, á xustiza social e á participación colectiva directa na toma de
decisións moralmente desexables para a humanidade, polas que necesariamente
terá que pasar o exercicio práctico da democracia que sexa fiel a esencia que a
constitúe.
As achegas das investigacións en neurociencia das últimas décadas poñen de
manifesto a imperiosa necesidade de tomar en consideración a decisiva
incidencia da empatía, nos seus aspectos cognitivos e afectivos, e de certas
emocións, no pensamento e na práctica moral e política. Comprender, compartir e
querer aliviar a situación de sufrimento dos outros é unha manifestación desa
intelixencia emocional especificamente humana, pero que necesita activarse para
desenvolver un pensamento e unha acción pro social, fundamental para superar
ese estado de inxustiza crónica que padece boa parte da poboación mundial,
incluso baixo sistemas que se autodenominan, con intencionada falta de
obxectividade, democráticos.
Á luz de certos descubrimentos, Singer, neurocientífica especializada na
relación entre as nosas bases emocionais e a conduta social, coa súa proposta
alternativa da «economía protectora», onde a cooperación substitúa á
competición do actual modelo dominante, parece abrir unha pequena porta ao
optimismo, dado que a comprensión da potencialidade moral, social e política
das proxeccións superiores da empatía, unida a un consenso en educación para
potenciala, convertería en realidade a utopía actual dunha república universal
e, como resultado do desenvolvemento da condición racional e emocional dos
humanos, realmente democrática.
Publicado no Progreso o 11-10-2014
Libres e responsables
Mar Carballo Cela
Educar significa formar a individuos libres para
que, no exercicio da súa liberdade, actúen de maneira responsable. Ser libres
implica ter unha vontade forte. Non se trata, pois, de facer o que nos dea a
gana en cada momento, senón de, entre outras cousas, aprender a controlar
moitos impulsos que, de non facelo, nos poden acabar escravizando ou danando o
noso entorno familiar e social e, por tanto, tamén a nós mesmos ( é o que
chamamos autodominio). E para aprender a ser libres, a ter o control sobre as
nosas vidas, debemos progresivamente ir tomando decisións, equivocarnos e
comprobar as consecuencias, asumir os nosos erros e reconducirnos, ou
experimentar a satisfacción dos nosos éxitos. Estamos a falar da liberdade da
nosa vontade, esa sen a cal nunca se nos podería atribuir responsabilidade
ningunha.
Preocúpame a tendencia actual dos centros
educativos de implantar sistemas de control e vixilancia cada vez máis
excesivos ata idades moi avanzadas. Hai colexios en Inglaterra que teñen
instaladas ata 20 cámaras, aseos incluídos. Aquí non chegamos, de momento, a
eses extremos; pero si hai un interese crecente por impoñer desde as
institucións educativas medidas cada vez máis controladoras: nos institutos de
ensino secundario, empezouse por establecer gardas do profesorado nos
corredores e no patio no tempo de lecer impedindo a saída do alumnado do
centro, recentemente incluíronse tamén gardas
para ir recibilos ós autobuses escolares e para devolvelos a eles na
saída (estou falando de prácticas que deben manterse ata os 16 anos!); e o
último consiste en programas informáticos para alertar ós pais das faltas de
asistencia ou do comportamento e realización das tarefas na aula en tempo real
(aquí vai incluído tamén o bacharelato: ata os 18 anos!)… É posible aprender a
ser libres e responsables nestas condicións?
A este respecto, quixera lembrarlles ós artífices
de tales medidas que Jeremy Bentham deseñou o seu “panóptico” para centros
penitenciarios, ou sexa, para persoas coas que a educación fracasara
previamente. Debemos supoñer, pois, que as institucións correspondentes
pretenden que os centros de ensino asuman a catástrofe social no tocante á
educación, e apliquen como norma xeral algo que, en calquera caso, debería ser
unha medida excepcional. Non nos queixemos logo de ter unha xuventude
infantilizada ata os 40 e incapaz de desenvolver unha vida autónoma con
sensatez. Precisamente da falta de autonomía do alumnado se lamentan xa os
profesores universitarios, que se sorprenden ante a súa dificultade para
manexarse sen pautas concretas e reiteradas. Estamos no camiño correcto?
Por outra banda, aumentando o control, non imos
solucionar os erros educativos. Teremos que abordar con seriedade a raíz do
problema e, antes ou despois, verémonos obrigados a pensar nos motivos que
están provocando a grave dificultade que teñen moitos rapaces e rapazas para
respectar a autoridade educativa de pais e profesores. A mala educación da
xuventude non é máis que un síntoma da mala educación dos adultos ou da súa
incapacidade ou preguiza á hora de transmitila, en caso de tela.
No pasado era a presenza do ollo de Deus e o medo
a consecuencias desproporcionadas, e agora cambiamos iso por unha relaxación na
esixencia do que debe ser unha boa conduta pretendendo compensalo cun
teleobxectivo na caluga. E aquí está a clave, nesa neglixencia cos
comportamentos irrespectuosos desde os primeiros anos da infancia ata a
adolescencia, que non se corrixen por temor a ser demasiado esixente ou
retrógrado en prol dunha liberdade individual moi mal entendida, porque a miudo
se perde de vista que dita liberdade ha de ser pensada sempre dentro do marco
da covivencia social. E así nos atopamos despois con aulas cheas de individuos
escravos da súa “gana”, incapaces de practicar o respecto cara ós demais e de
adaptarse ó funcionamento do grupo, tendo que asumir esta situación como normal.
Creo, ademais, que estas novas técnicas de
control, aparte de equivocadas, degradan tanto a dignidade do alumnado como a
do profesorado. A do alumnado porque, xeralizando este tipo de estratexias,
estase privando a moitos rapaces e rapazas do dereito a medrar e a educarse nun
clima de confianza e a ser tratados como suxeitos conscientes e non como
obxectos; e a do profesorado porque se pensa neles máis como controladores que
como docentes. Un centro educativo non é unha industria de producción en cadea e
ese ambiente de control obsesivo resulta deshumanizador.
Pero a política de “parcheo” e a pouca seriedade
coa que se tratan os temas educativos xa ven sendo o habitual nos tempos que
corren… normas improvisadas en atención a intereses que nada teñen que ver co
labor docente e solucións que pouco se corresponden coa natureza dos problemas.
Publicado no Progreso o 27-9-2014
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


