domingo, 4 de diciembre de 2016

Ciencia política e compaixón humana




Mar Carballo Cela

Dous grandes filósofos do mundo clásico, Platón e Aristóteles, representan dúas maneiras opostas de conducirnos cara á comprensión do ser humano. Platón pretendía achegarnos á verdade do que somos descubrindo as esencias, as ideas inmutables e eternas que nos definen (que habitualmente acaban sendo as ideas inmutables e eternas que outros din que nos definen). Aristóteles, pola contra, partía dos individuos concretos e particulares, das súas vivencias e experiencia para, desde elas, ir construíndo cada quen a súa propia identidade e felicidade.
Dúas maneiras diferentes, desde logo, de pensar o que somos que os levaron a dúas maneiras diferentes de pensar a política: a maneira de Platón impón un modelo ahistórico, xeométrico e ríxido elaborado polos sabios; a de Aristóteles, unha sociedade que ha de ser construída na deliberación permanente dos cidadáns sobre o que debe ser conservado ou cambiado en virtude de cada nova circunstancia. E aínda que tamén se atrevía a aconsellar o que consideraba mellor no sentido platónico (influído seguramente polo seu mestre), no seu pensamento atopamos xa esa apertura ó debate, á revisión constante, tendo en conta que revisar non significa necesariamente cambialo todo, senón ter a oportunidade de rectificar o que estimemos conveniente.
A base da democracia está representada nesta segunda maneira de ver as cousas: os cidadáns temos a oportunidade de revisar e de rectificar. Pero as condicións baixo as cales se produce a deliberación son determinantes: non se pode esperar que persoas cun presente deshumanizado e atemorizadas polo seu futuro sexan solidarias e benevolentes, por iso o poder (sempre o poder da elite económica) se encarga de crear as condicións necesarias para fomentar no pobo a insolidariedade e o egoísmo propios de calquera individuo ameazado.
Desta maneira, asegúranse de que prosperen decisións favorables ós seus intereses. E mentres tanto, seguimos inxenuamente esperando a que algún iluminado coa súa ciencia política ou económica deseñe un mellor modelo social, sen darnos de conta de conta de que non é tanto cuestión de ciencia en xeral como de empatía en particular, é dicir, de sensibilidade coa situación de cada ser humano: iso é o que nos falta. Coñecemento político e económico hai moito, suficiente; pero empatía, pouca.
Sentirnos a salvo mentres outros caen na desesperación non conduce a ningún futuro prometedor. Ningún modelo racionalmente perfecto poderá salvarnos, tal e como pretendía Platón. Certo que hai modelos mellores e peores; pero os peores non chegan a realizarse cando se impón a mirada nada científica da compaixón humana.

Publicado no Progreso o 12-11-201

Traballo intelectual e avaliacións externas



M. A. Martínez
 
Observemos calquera traballo que implique esforzo e dedicación intelectual. Nas sociedades avanzadas da investigación, desenvolvemento, comunicación e innovación, cada vez son máis numerosos. Entre as súas características están a especialización funcional, o forte compromiso persoal, o exercicio da profesionalidade intelixente. Mais, recentemente xorde un trazo inquietante. Este traballo, útil no social e o persoal, é sometido a un xuízo externo periódico que ditamina que é necesario ou importante no seu desempeño. Malia estar claro que calquera actividade retribuída debe someterse a control e avaliación, os efectos sobre este tipo de traballo poden ser contraproducentes.
A primeira consecuencia é que o traballo intelectual, despoxado da súa espontaneidade e libre exercicio, autoformación e autorrevisión, resta anulado. Dubidar do recto exercicio dun profesional erosiona o seu compromiso persoal, sempre entusiasta mais delicado. A supervisión e control externos, de ser realizados con criterios espurios, discrecionais, pouco contrastados na súa validez, tende, paradoxalmente, a converter o traballo en incomprensible para a sociedade e gravoso para o individuo.
En segundo lugar o instrumento principal do traballo intelectual, a intelixencia, o pensamento, redúcese a unha serie disposicións inconexas, absurdas: implementar matrices, revisar unha e outra vez o produto elaborado, avaliar sen cesar o proceso de elaboración (lembremos que non estamos a falar de produción fabril, actividades repetitivas, xestión ou distribución). Devagar infíltranse valores e prioridades alleos á propia actividade e aos seus resultados. Como sucede isto?
A noción do que é importante establécese só desde un punto de vista organizativo. A do actual mídese segundo as tendencias máis poderosas no ámbito produtivo. A do accesorio atende á orde de valores da práctica dominante. Organización, produción, praxe dominante, rexen desde fóra o traballo intelectual. Con que finalidade?
Quen establece o relevante adoita erguer o trivial á categoría de imprescindible. Quen fixa o actual mimetiza e reproduce irreflexivamente a violencia do sistema. Quen ditamina o prescindible, invalida argumentos que empregan a lóxica, decreta a súa inintelixibilidade. Este desprezo ao traballo teórico non é só por agnosia intelectual, resentimento ignorante (explicación psicolóxica). Máis ben, a persoa que traballa intelectualmente é, neste tempo histórico, substituíble por outros axentes ou, directamente, por ningún (explicación sistémica). Así, o xesto de quen administra e xestiona o traballo intelectual é tender a prescindir da persoa que o desempeña.
Os procesos de supervisión e avaliación, beneficiosos se son transparentes e autocríticos, afogan o labor intelectual de tal modo que a subxectividade pensante non pode integrarse na esfera de tarefas heterónomas impostas desde fóra. A subxectividade pensante convértese nun lastre e a existencia en angustiosa. O pragmatismo que pretende xestionar o traballo intelectual é paradoxal: sacrifica o suxeito creador de verdades e obxectividades en nome da verdade e obxectividade que di promover. A fixación pragmática, que renuncia a autognose, é o criterio desta nova forma de pensar, tan pegada á realidade que a propia realidade xa non a tolera.
Só no distanciamento do pragmático a realidade cobra autonomía e o pensamento capacidade de comprensión. A distancia non é unha zona de confort ou seguridade. É un campo de tensión cognitiva, o elemento vital do pensamento libre e a realidade non cousificada. O resto é reprodución mimética do que hai. De non detectar isto a tempo, a esixencia de xustiza pode rebordar a nosa capacidade de satisfacela, o intolerable chamar ás nosas portas, o temor estrinxir a intelixencia.

Publicado no Progreso o 5-11-2016

A vontade xeral




Xosé Ramón Cando Vázquez

Explicaba Rousseau que o concepto "vontade xeral", que define a expresión democrática dunha sociedade, non debe ser entendido como a suma das vontades de todos. O philosophe esixe máis que unha vontade conformada polo denominador común dos intereses de cada membro da sociedade, esixe que se asuma a categoría de cidadán que neste caso consiste –nin mais nin menos– que en constituírse como parte dun todo e comprometerse con ese todo, feito que a efectos prácticos significa que a vontade de cada cidadán debe estar determinada, non polos seus intereses particulares, senón polos do conxunto da sociedade, ou sexa, polo ben común. Ben sabemos que esta é unha teima da filosofía antiga na que teñen insistido tanto Platón como Aristóteles xa que só no benestar da polis pode agromar a felicidade individual.
Vén de facer un mes que os galegos e as galegas participamos (en diversa medida) nunha xornada electoral que expresou a nosa vontade de adxudicar a competencia de gobernar este país ao Partido Popular, a expresión da vontade dos galegos e as galegas foi absolutamente diáfana, un de cada dous electores que exerceu o seu dereito ao voto manifestouse no sentido mencionado. Cabe preguntarse agora se esa vontade expresada de xeito tan rotundo, corresponde ao concepto de "vontade xeral" antes definido.
Por que a vontade maioritaria se conformou no sentido que expresaron as urnas? Quizais porque os indicadores económicos mostran unha sólida recuperación do país? Quizais por un incremento do gasto na atención a persoas dependentes? Quizais porque grazas ao goberno desa forza política as persoas pensionistas non teñen que pagar nada polas menciñas que precisan? Quizais nas zonas rurais percíbese un renacemento da economía relacionada coa gandería e a agricultura? Quizais porque os que residen na costa constatan unha recuperación clara dos sectores relacionados co mar? Quizais porque o país está aumentando a súa poboación? Quizais porque ningún rapaz ou rapaza ten que marchar fóra do país porque aquí hai traballo digno para todos e todas? Quizais porque o sector da investigación científica está acadando cotas que o converten en punteiro en Europa? Quizais porque os rapaces e as rapazas que estudan teñen máis oportunidades grazas ao incremento do gasto en becas? Quizais porque o partido no poder é un esforzado axente na defensa da igualdade de dereitos entre homes e mulleres? ou quizais porque dita forza política se ten convertido no valado que impide a corrupción?
Consonte ás informacións que recollen os medios de comunicación e á experiencia diaria da vida aquí, non parece que poida darse unha resposta afirmativa en ningún dos indicadores mencionados, os cales deberían constituír unha parte importante da vontade cidadá expresada nas urnas se esta tivese algunha semellanza coa vontade xeral rousseauniana. A conclusión resulta evidente, existe un déficit democrático en canto que o ben común non e apreciado por unha porcentaxe elevada (como de elevada?) da poboación galega como o ben que convén a todos e todas e os criterios de decisión electoral teñen máis a ver cun percibido ‘presunto’ beneficio individual. Con todo, debe quedar claro que ese déficit non afecta exclusivamente ao electorado do partido maioritario pero resulta escandaloso observar concellos nos que a porcentaxe de sufraxios destinados a ese partido está preto do 90 por cento.
Neste contexto de hábitos democráticos mellorables, é no que o goberno presidido polo señor Rajoy decidiu suprimir unha materia de carácter obrigatorio para todo o alumnado de Primaria e Secundaria que se chamaba Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos e aínda quedan (quedamos) cidadáns e cidadás que preguntan (preguntamos) que parte da mesma non gustaba a quen nos goberna, se a educación cidadá ou a formación en dereitos humanos.

Publicado no Progreso o 29-10-2016