martes, 16 de octubre de 2018

Tan difícil é pensar


M. A. Martínez

             Que difícil resulta pensar, pensar en algo! Con coherencia, rigor, un mínimo de orde e mirando para a verdade. Pensar algo no relativo á política, economía, sociedade. Pensar o que atinxe ás relacións cidadás, laborais, persoais. Pensar no lexítimo, xusto, equitativo. Pensar, tamén, o bo, preferible, razoablemente desexable. Por que?
Adóitase dicir que as cabezas están baleiras. As mentes baldías. Que, por exemplo, as tecnoloxías relevan o pensamento individual e os grandes centros de pensamento producen o que resulta útil pensar. Afírmase, tamén, o contrario: que nunca tivemos unha cantidade de informacións e unha calidade de coñecementos tan sorprendentes e contrastados. Que gozamos das xeracións mellor formadas da historia da humanidade. Que a capacidade destas xeracións deixa abraiados aos que son incapaces de elaborar unha mínima idea. Mais, que hai de certo en todo isto?
O pensamento de cada persoa é un feixe de cousas variadas: imaxes, frases feitas, lugares comúns, estereotipos, clixés, tópicos, convencións. Unha mixtión onde todo está ao mesmo nivel, mesturado nunha especie de borrón, unha mancha sen límites. A súa funcionalidade é clara. Eses garabatos de pensamento “axudan” a entender o que acontece, a integralo nun “todo” con sentido e “adaptarse” ao estado de cousas. Serven para capturar a realidade nunha rede na cal a persoa se sinte en casa, nunha contorna familiar, segura, non estraña. Aínda que, con frecuencia, eses trazos non representen nada e, por esta razón, poidan dar sentido a calquera suceso. Malia que sexan confusos e contraditorios, e se fagan pasar pola auténtica realidade. Dá igual. O individuo cre estar no real, non na confusión. É o seu efecto principal: producir unha crenza, unha certeza fideísta, un convencemento inequívoco. Cada persoa ten a fonda convicción de que iso é o seu pensamento propio, único, singular. E, ante todo, a realidade. A realidade de verdade. Sen dúbida.
Os anteditos hábitos  de pensamento prenden, e agroman, na pasividade e a reacción. Pasividade e reacción que, por ser involuntarias, fanse pasar por sentido común e, tamén, exercicio de protesta. Con outras palabras: son un tipo de pensamento que se presenta como cega aceptación (que reafirma o real) e forza rebelde de negación (carente de crítica), respectivamente. Esta duplicidade (aceptación irreflexiva, negación sen crítica) é un serio obstáculo para o pensamento. É a liña que dá unha figura ao tempo presente desde un pasado histórico moi achegado.
            En primeiro lugar, a herdanza dos hábitos de obediencia e submisión, aceptan e, inclusive, reclaman, que calquera posición de pensamento sexa ocupada por un significante supremo. Cal? A decisión unívoca, unidireccional. De quen? Dun portador inquebrantable, firme. Un puro signo sen significado nin fendas, sen quebras nin dúbidas. Isto é, sen contido de verdade.
En segundo lugar, as rutinas de oposición e antagonismo, devecen por substituír o significante antigo por un novo. Cal? A decisión equívoca, multidireccional. De quen? Dun rostro orixinal, inédito. Isto é, outro significante sen significado, unha aparencia de participación, un simulacro de desexo e a súa satisfacción. Dito outramente: sen vontade de veracidade. As persoas non tratan de aprender novas prácticas (de pensamento) e poñer a circular novos pensamentos (da práctica), senón de cambiar os portadores conservando espazos de obediencia e rebeldía (en realidade, intercambiables). O obxectivo é manter vixentes os procesos de pensamento baseados na pasividade e na reacción.
            Para pensar algo verdadeiro, e con vocación de veracidade, hai que comezar por cortar e baleirar. Cortar co “naturalismo” da necesidade de buscar un regra verdadeira que obedecer. Baleirar o “espontaneísmo” que atribúe veracidade ao máis recente polo simple feito de selo. Desta maneira, pódense tornar explícitos os compromisos tácitos e as falsas tolerancias, as fortes inclinacións a ceder ás vías únicas e, tamén, á multilateralidade.
De ser certa a devandita descrición, pensar é o resultado dun esforzo, dun gran desvelo por disipar o desconcerto, poñer orde na desorde e reducir o caos disfrazado de certeza. Pensar é unha inquietude que principia por un borrado, xa que logo, unha supresión. Pasar pola peneira da reflexión calquera parecer e opinión investida de razón. Isto é, antes de poñerse a pensar en algo, no que sexa, a persoa debe desfacerse de ideas completamente feitas, pensamentos redondos e sentidos fáciles.
            Restituírnos a nós mesmos é lograr pensar. Insinuar que máis alá do pensamento do xefe (que todo o impregna) e mais acá do aparente pensamento da masa (que tende ao gozo), aboian xestos, apoderamentos, arranxos, nas ondas irregulares das conversas. Mostrar que máis alá dos monólogos narcisistas da propaganda, e máis acá dos diálogos delirantes da mercadotecnia, hai marxe para a influencia e o significado. Isto é, un espazo público para os feitos verdadeiros e a vontade de veracidade. Velaquí o principio do pensar. E da emancipación.

Publicado no Progreso o 13-10-2018
________________________

martes, 9 de octubre de 2018

Crítica, si ou non?


Xosé Ramón Cando Vázquez


Afirma o historiador Hariri, na súa obra divulgativa Sapiens, que a clave do éxito do homo sapiens reside na súa capacidade para crear e aceptar como verdadeiras realidades inexistentes. Argumenta que, por falar do animal mais próximo a nos, os chimpancés viven en manadas dunhas poucas ducias de individuos que se identifican entre si e poden cooperar na consecución dalgún obxectivo pero non son capaces de transcender o seu grupo para establecer conxuntos mais amplos. Os  homínidos estarían nunha situación semellante pero serían capaces de ir ampliando as súas relacións  ata chegar ao límite marcado polo coñecemento mútuo. A revolución cognitiva experimentada por sapiens fai unhas poucas decenas de miles de anos e que xira arredor da aparición da linguaxe articulada permitiría construír e partillar ideas cada vez mais complexas que xa disporían do necesario vehículo para a súa difusión. Os mitos explicativos da realidade, cada vez mais necesarios dada a nova capacidade interrogativa, acaban por ser aceptados por grupos mais amplos de individuos e rematan por superar o mencionado límite do coñecemento mútuo.
Ademais deste autor, parece que cada vez hai mais expertos que defenden que a aniquilación dos neandertais estivo acompañada dunha forte dose de violencia na que sapiens sairía gañador. Mais alá das novas armas empregadas por este, na mencionada batalla sería decisiva a capacidade para formar grupos de individuos mais numerosos, da que disporía sapiens pero non neandertal. Para incrementar o número de membros dispostos a esta acción sería preciso atopar vínculos, algúns obvios, de carácter natural, pero outros mais refinados que so serían posibles no marco do desenvolvemento intelectual do que se está a falar. A revolución agraria operada nos últimos dez mil anos produciría grupos humanos mais numerosos e mais necesitados de cohesión polo que sapiens perfeccionou a súa capacidade creativa e desenvolvéronse todo tipo de mitos explicativos pero, sobre todo, de carácter normativo, que contaron co apoio da nova (de recente aparición) clase política e da, tamén nova, clase sacerdotal encargada do seu mantemento e difusión.
Poderíase pensar que coa paulatina substitución das explicacións míticas polas explicacións científicas, iría reducíndose a necesidade de contar con realidades fantásticas. Non parece que sexa así porque os mitos adoptan novas formas e así se os antepasados adoraban o río ou o volcán, apareceron novos obxectos de adoración que xa contaron coa ferramenta da filosofía para facerse mais aceptables, tamén para os sectores ilustrados. Se para os antigos exipcios o faraón era deus ou para a cristiandade medieval a lexitimidade política dos dirixentes procedía do seu único deus, para os burgueses do XIX, dita lexitimidade sería substituída pola da nación. Igualmente, se os  seguidores de Mahoma se reúnen, por milleiros, nas mezquitas para rezar, en Lugo tamén nos reunimos en masa, en As Termas, para mercar. En ambos casos coa fe, mais ou menos fundamentada, de que a nosa vida mellorará como resultado de acudir aos respectivos centros de culto.
Platón propoñía a salvación polo coñecemento, Aristóteles a felicidade pola sabedoría, Kant a liberdade a través da ciencia, Marx a reconciliación con un mesmo eliminando a alienación da conciencia e Freud o benestar procedente do coñecemento de un mesmo. A historia da filosofía e unha manifestación de fe, nela subxace o mito da redención do ser humano pola vía do coñecemento, idea que podería ser aceptable no contexto de Parménides ou no de Comte, pero que, dificilmente se pode abrir paso entre nos, onde existe o ensino obrigatorio e onde miles de universidades están ateigadas de xente, mais alá das súas posibilidades. Cabe outra conclusión, que o coñecemento que se transmite, de modo xeral, non sexa o que imaxinaron os pensadores antes citados, ou aínda cabe unha terceira, que, efectivamente, a desaparición do pensamento máxico podería conducir á desaparición da especie.
Que sería da humanidade sen ídolos, sen nacións, sen diñeiro, sen progreso, sen consumo, sen mitos da moda, da música, do deporte...?.
Ninguén o sabe pero, cunha óptica kantiana, a filosofía non debería abdicar da súa función crítica, desmitificadora, independentemente dos resultados a que poida dar lugar.
En todo caso, sempre nos quedará o “Imagine all the people living for today” do sempre lembrado, (mítico) John Lennon.

Publicado no Progreso o 6-10-2018

martes, 2 de octubre de 2018

Sociedade e desexo


José Domingo de Prada
 
Parece estraño que sociedades tan complexas como as nosas que tecen permanentemente intricados labirintos de relacións, significantes e interpretacións potencien de forma tan convulsa o desexo nos individuos, pero esta é a situación na que nos atopamos. As primeiras sociedades capitalistas defínense a través do traballo e moven aos individuos pola necesidade, en cambio, as actuais fano a través do desexo e móvense por sedución.
Que sociedades formais, regulamentadas e sometidas a cambios permanentes semellen compatibles co desexo resulta aínda menos comprensible se se atende á orixe do termo. O desexo é cuasi  subversivo, berce da libertinaxe, nace arroupado pola preguiza e a ociosidade e, ademais, é instigador da libido ou do apetito sexual. Nun primeiro momento o seu  significado facía referencia á vagancia, á inmobilidade, á quietude. Este é o sentido etimolóxico do termo que procede do latín DESIDIUM –‘ociosidade’, ‘libidum’-, o cal, a súa vez provén do étimo DESIDERE –‘permanecer sentado’, ‘deterse’-. Quen permanece sentado e non fai nada anhela e bota de menos aquelo que non consegue -aí xorde o desexo- e paradoxalmente cando nos poñemos en disposición de lograr o que pretendemos, o desexo desaparece, arrasado pola actividade que permitirá, ou non, obter o que nos propoñíamos.
Así, o desexo devén conciencia do propio fracaso, conciencia da imposibilidade de acadar o desexado, por dicilo con palabras de Ortega y Gasset. Ante este,  opón o filósofo madrileño o querer, a determinación da vontade para poñer os medios que fagan real algo. Continúa deste modo a liña clásica que separa desexo e querer, e que sitúa no querer a vinculación coa vontade e en cambio o desexo enlázao coa insatisfacción.
Cando Jacques Lacan analiza o desexo observa como este se despraza continuamente dun obxecto a outro para así preservar permanentemente algún obxecto de desexo. Non pode darse un cumprimento do mesmo, pois neste proceso de desprazamento queda aberta a propia imposibilidade de conseguir o que desexamos.
Estes elementos poden permitirnos entender como estas sociedades hiperactivas e da multitarefa acaban por este camiño sendo tamén sociedades desexantes e só cabe explicalo dende os propios intereses internos das mesmas. O continuo desprazamento, a necesidade de vender o producido, a imperiosidade do consumo para a supervivencia do sistema fan que o desexo se converta no eixe das nosas vidas. Non queremos, senón que desexamos aquelo que nos vén inducido pola publicidade. Sabemos e temos plena conciencia de que non poderemos obter todo o que nos seduce, e permanecemos impasibles ante moitos dos nosos desexos -literalmente permanecemos ‘sentados’- entendendo aquí o desexo como ensoñación irrealizable. En cambio, si conseguen que nos movamos e superemos o desexo para convertelo en querer noutros casos, e así activámonos na procura dos obxectos que os provocan. Velaí o extraordinario logro da publicidade.

Publicado no Progreso o 29-9-2018