lunes, 11 de febrero de 2019

O sádico concepto de feminazis



Carlos Mendaña Pardo

A intelixencia humana, di o filósofo inglés Francis Bacon, está cercada por ídolos: falsas imaxes ou representacións, supersticións, falsas crenzas ou prexuízos inculcados pola relixión, a filosofía, a educación ou a tradición que deforman e perturban o bo razoamento. Hoxe, época da postverdade, habería que incluír as trolas, no argot ideolóxico actual, as fake news. Ademais, advírtenos, non son fáciles de purgar, pois, o noso intelecto tende máis a afianzar as súas crenzas, cada vez que un evento as semella confirmar, que as rexeitar cando se produce unha instancia que as refuta.
Bacon, no Novum organum, describe catro tipos de ídolos, un deses confórmano os ídolos do Foro, é dicir, os prexuízos froito das relacións e controversias humanas no foro –lugar onde se tratan asuntos de interese colectivo-, que na conversa adoitan desvirtuar o significado das palabras.
É fácil concordar en que o foro da época contemporánea son os medios de comunicación de masas como os xornais, a radio, a televisión e as redes sociais. Novos foros nos que algúns deses ídolos son introducidos coma no Renacemento de xeito inconsciente, porén outros son introducidos intencionadamente para tratar de adoutrinar ou impoñer ou defender unha ideoloxía (precisamente un dos significados desta palabra é o de ídolo ou prexuízo).
Disque un presentador de radio estadounidense introduciu no foro aló polos anos noventa a palabra “feminazi”, escusa buscala no dicionario, ende ben, non existe. Tal vocábulo, neste caso un acrónimo, hoxe tristemente popularizado, é unha contradictio in adieto ou oxímoro, este consiste na utilización de dous conceptos de significado oposto nunha soa expresión. Pois ben, feminismo e nazismo é unha contradición nos termos. O nazismo é un movemento de masas totalitario, que nada máis chegar ao poder prohibiu os movementos feministas e estabeleceu una política natalicia que pretendía colocar a “cada sexo no seu sitio”, daquela o rol principal da muller alemá había ser o dunha sinxela “ama de casa”. Pola contra, o feminismo é un movemento de liberación da muller que, tras séculos de opresión, marxinación e segregación social, política e económica, pretende que a democracia non ten sentido se a muller non posúe os mesmos dereitos có home e non é tratada coma unha igual.
Por “feminazi” adoita entenderse “feminista radical” e pexorativamente, isto é, como insulto, “unha feminista comprometida ou de vontade forte”, mais o presentador radiofónico Rush Limbaugh di que con “feminazi” se quere referir “a feministas radicais que queren que haxa tantos abortos como sexa posíbel”.
A primeira definición procede do dicionario Oxford, e é intencionadamente ambigua, hai nela un claro intento ideolóxico de facer crer que o feminismo é un movemento antidemocrático e totalitario.
A segunda se corresponde cun ídolo do foro ou prexuízo, pois o seu uso é completamente irracional cando perante un discurso feminista fundamentado, coherente e con bos argumentos o único recurso que se encontra para aferrarse ás falsas crenzas ou á ideoloxía (machista) é o insulto. A declaración de odio cara a muller como ser máis débil, dixo Horkheimer, é a mesma cá do antisemitismo. Xusto, entón, o contrario.
A terceira, procede do seu autor, é a “auténtica” definición. Non obstante semella ser un concepto baleiro. Ningunha feminista nin ningún feminismo defenden “que haxa o maior número de abortos posíbeis”. A diferenza é tan enorme que evidentemente dicir “feminazi” é unha moeda falsa.
O concepto de “feminazi” pretende ser unha imaxe, unha metonimia ou, como di Roland Barthes, un fetiche social -un ídolo do foro, xa que logo- no que se xustapón a un mesmo sintagma fragmentos heteroxéneos que poden ser tan fortemente ofensivos coma unha transgresión moral, coma as que abondan nas novelas do marqués de Sade.
Segundo Barthes, os personaxes poderosos da obra sadiana, os amos, son os que falan, os que dispoñen da linguaxe na súa totalidade; mentres que o obxecto, a vítima, cala, é dicir, permanece marxinada de calquera acceso ao discurso. A práctica segue á palabra, o que se fai foi previamente anunciado, pois sen a palabra o crime (a perversión) non se podería inventar. E coma os desapiadados e apáticos personaxes dunha novela do sádico marqués, ese grupo que se autodenomina “A Manada” -toda unha imaxe metonímica- tamén eles anunciaron antes o que ían facer. E tamén coma na ficción sadiana, e grazas aos medios de comunicación, eles e o seu avogado puideron expoñer o seu discurso: una escabrosa figura máis dunha obscena obra sádica. Pero neste caso non é ficción, senón que é a pura realidade.
A vítima, entón, se non quere lembrar o oprobio sufrido debe gardar silencio… condenada pola memoria e esquecida para sempre na opinión pública. Se decidise falar, daquela sería sometida ao cruel e desapiadado escarnio público.
Por primeira vez una sentenza xudicial recibiu unha ampla contestación pública nas rúas mediante manifestacións en diferentes lugares do país. Non obstante, o tribunal non viu puntos descolocados, liñas tortas nin unha masa cerebral lesionada, a súa fría lóxica da razón ilustrada non puido ver unha conciencia desgarrada e rota para sempre. Dura lex, sed lex apática, nada de empatía. Asemade, nas redes sociais e por parte dalgún presentador de radio nomeouse a palabra “feminazis”, tan pornográfica coma inxusta, tan inmoral coma antidemocrática.

Publicado no Progreso o 9-2-2019

miércoles, 30 de enero de 2019

Certeza vs. verdade na construción da polis


Xosé Ramón Cando Vázquez

Na xuntanza da pasada fin de semana, José María Aznar arengou ao seu partido, o PP, a defender a unidade de España “custe o que custe”. Isto trae a memoria como, no ano 2003, este home, daquela presidente do goberno de España, tamén mostraba o seu talante belicoso cando tentou persuadir ao país da necesidade de invadir Iraq porque nos ameazaba coas armas de destrución masiva, mesmo apelando á sinceridade da ximnasia dos seus beizos por se non acreditabamos nas súas palabras. O seu partido si que acreditou e apoiou unanimemente aquel escandaloso episodio que tanto sufrimento ten causado e está a causar.
Vinteún anos antes, Felipe González Márquez, secretario xeral do PSOE, rexeitou de maneira entusiasta a entrada na OTAN, lémbrese o eslogan “OTAN, de entrada non” para, catro anos mais tarde, sendo presidente do goberno, convocar un referéndum no que defendeu, co mesmo entusiasmo, ficar nesa organización militar.  Nas eleccións xerais de 2008, outro presidente do goberno, tamén do PSOE, José Luís Rodríguez Zapatero, negou calquera posibilidade de crise económica, sendo consciente do contrario. Na campaña electoral de 2011, o candidato do PP, Mariano Rajoy Brey prometeu que, no caso de gañar as eleccións, baixaría os impostos indirectos pero, coa escusa da herdanza recibida, remataría por incrementalos, como parece que era a súa primeira intención.
Todos estes casos teñen en común o intento (interesado) de crear, na cidadanía, certezas que non correspondían coas intencións nin cos feitos dos que mais adiante seriamos testemuña, ou sexa certezas que non eran nin serían verdade. Ao longo da historia temos asistido á sucesión de certezas asumidas como verdades que conduciron á represión, á violencia, ao sufrimento e, sempre á dor. Esas certezas, na maior parte dos casos, tiñan unha etioloxía relacionada coa ambición e o poder que ían dacabalo do limiar do coñecemento da época e, aínda que semellaba que poderiamos aprender a lección e aceptar que a certeza non é mais que unha crenza, con mais ou menos fundamento, lexitimamente compartida ou non, constátase a dificultade para construír espazos destinados ao acordo racional, única posibilidade de convivir nun marco caracterizado polo plural.
Hoxe en día, hai persoas (agardo que moitas) que se laian do incremento do número de cidadáns e cidadás (menos) que apoian a VOX, esa formación política que tenta atraer o foco da atención pública ás súas propostas de retroceder na aplicación da Declaración Universal de Dereitos Humanos proclamada pola ONU en 1948 despois dese período histórico espantoso e vergoñento do que a humanidade tentaba saír (probablemente os seus principais apoios non teñen interese en que o foco se dirixa ás propostas económicas). Lémbrese que en dita Declaración se afirma que todos os seres humanos teñen os dereitos que alí se recollen, independentemente da súa raza, nacionalidade, sexo e calquera outra condición, consecuentemente, discriminar negativamente aos humanos mulleres e aos humanos migrantes vai contra a mencionada Declaración que o Reino de España se ten comprometido, formalmente, a defender e a aplicar.
Hai unha maioría de analistas que sosteñen que as propostas de VOX se fundamentan na terxiversación de datos ou, directamente, na falsificación dos mesmos, provocando, na cidadanía menos crítica ou mais sectaria, a asunción de certezas que pretenden (velaí a súa gravidade) mancar a  determinados grupos sociais, cuxa dignidade non merece, aos seus ollos, ser recoñecida. O trunfo, de momento parcial, de organizacións como a mencionada ten un forte alicerce na falla de ética política das formacións que, tradicionalmente, nos gobernan. Segundo Aristóteles, os animais son quen de transmitir aos conxéneres avisos e sensacións pero o animal humano dispón da linguaxe e a través dela pode transmitir contidos de carácter moral. Aparcando ao filósofo pero aproveitando o seu pulo pódese afirmar que o uso, deliberadamente enganoso, da linguaxe, incorre na categoría do inmoral e, polo tanto, no espazo do rexeitable, pero cando os líderes políticos “comme il faut” non son obxecto da censura moral e política correspondente, a falsidade  muda en moeda de curso legal e a cidadanía queda desprotexida fronte a mensaxes, ben adubadas, que agachan intereses, absolutamente contrarios ao conxunto da mesma, ou sexa, convértese en presa vulnerable para os depredadores, mestres da alienación.
Por desgraza, a alienación é tan vella coma a humanidade pero algúns coidamos que a mellora da calidade formativa da poboación debería supor, e agardamos que así sexa, unha barreira ante a mesma e unha coiraza que permita seguir desenvolvendo os dereitos de todas e todos, tamén os de quen tenta agredilos.

Publicado no Progreso o 26-1-2019

miércoles, 23 de enero de 2019

Esencias


José Domingo de Prada


O pensamento de Platón ten un aire esencialista, atemporal e profundamente antidemocrático. Bertrand Russell, na súa Historia da Filosofía, destaca este aspecto do filósofo grego e, á vez que lle profesa a súa admiración e busca comprender o que pensou, está disposto a tratalo “con tan pouca reverencia coma a un inglés ou un americano contemporáneo partidario do totalitarismo”, segundo manifesta este último.
Poderiamos realizar un paralelismo do enfrontamento entre estes dous grandes referentes da filosofía e o momento actual.
Fixémonos, en primeiro lugar, na situación e nas teses de Platón. Pertence a aristocracia grega e analiza o mundo desde a súa posición de privilexio. Defraudado coa democracia ateniense por varias situacións propugna un sistema alternativo con verdades eternas e unha ríxida estrutura de valores inalterables que asenta nun mundo xerarquizado. Todo isto permanece oculto para a maioría dos individuos e só os que saben, os que conseguen achegarse á ciencia e á sabedoría, poden entendelo. Esta comprensión permitiralles dirixir a sociedade e obrigará ao resto, os ignorantes, a terse que someter ao seu mandato. Platón está propoñéndonos un modelo de estado que moitos cualificaron como a primeira utopía da historia, sendo que quizais fora mellor etiquetala como a primeira distopía.
En segundo lugar hai que sinalar a interpretación que realiza Russell, un aristócrata inglés que, a diferencia de Platón, está comprometido coa democracia e a defensa de asuntos sociais como o pacifismo, a educación, a tolerancia ou a loita contra os totalitarismos. Fai unha interpretación esclarecedora da obra do ateniense na que destaca a lectura crítica, que é a que debe prevalecer en filosofía. Cuestiona a existencia dunha sabedoría que poida sustentar verdades esenciais e, ademais, reflexiona, que en caso de habela, a dificultade sería atopar a alguén que poida facela súa e levala á práctica. Non están libres de erro ou de intereses particulares os consellos xerais, nin os reis, nin os Papas. Só admite que poida actuarse con certa prudencia cando quen decide ou se expresa é a comunidade estatal. A democracia resulta así o único sistema aceptable, en tanto que presupón a asunción do erro e a corrección do mesmo.
Os herdeiros da posición de Platón son máis numerosos e teñen maior continuidade histórica. Incluso o mesmo Platón é unha manifestación dese modo esencialista de organizar un Estado. Parecía que nos nosos tempos melloraran algo as cousas, que estabamos efectuando lecturas máis escépticas ou simplemente máis neutras da realidade. Iso permitiunos crear a fantasía de que estabamos vivindo no mellor dos mundos reais, non no mellor dos mundos posibles, cuestión que quedou desbotada despois de Leibniz. Como toda ilusión, tamén esta era falsa, mera falacia inducida de forma interesada. Agnes Heller advertía fai pouco que non hai ningún motivo, polo que o noso mundo non poida  ser un mundo perigoso e convén ter en conta esta advertencia á vista dos últimos acontecementos políticos.
O abandono da razón, a aceptación do prexuízo e do simplismo, a ausencia de conciencia e compromiso con ningunha causa, a molicie vital, distinta incluso do hedonismo (pois nin o pracer se busca), a exclusividade do interese persoal, a perda de valor da política, están dando como resultado que consintamos calquera situación. Reivindico con Russell a irreverencia pacifista. Non podemos aceptar o dado e, menos, o imposto. Fai falta un acto de rebeldía que debe provir da política (o ‘político’ grego era o que se ocupa dos asuntos da ‘polis’, dos problemas comúns, fronte a el situábase o ‘idiotés’, o que non quería saber das cuestións da cidade e só se ocupaba dos intereses propios). Hoxe precísase facer fronte as verdades eternas, únicas e imperecedoiras que empezan a destilar certos políticos para evitar que poidan impoñerse da man dun estado absoluto (modernamente isto recibiu o nome de fascismo).
Temos o problema cos que non aceptan ningunha lei, se eles mesmos non a ditaminan, cos que cuestionan a lexitimidade e o valor daquelas que intentan defender algo a igualdade ou a reparación, cos que claman contra a Constitución e a legalidade se vai contra os seus desexos e apelan a elas cando lles convén. Moito me temo que calquera día comezarán a cuestionar mesmo os Dereitos Humanos. Mal futuro se seguimos mirándonos o embigo coma se fósemos ‘idiotés’!

Publicado no Progreso o 19-1-2019