lunes, 3 de septiembre de 2018

Vella e nova política


Elías Pérez Sánchez


Nos últimos anos xurdiron novas organizacións políticas de carácter plural compostas por afiliados de diversos partidos políticos e persoas sen adscrición política algunha. Un dos obxectivos políticos consistía en rachar coa dinámica bipartidista instaurada nas últimas décadas nas institucións, intervir nos concellos, transmitir a idea de que, desde un espazo plural e aberto, podíase tentar cambiar o rumbo político institucional ou polo menos exercer certa influencia no devandito cambio e, sobre todo, construír un espazo de encontro aberto a novas formas de facer política.
Entendíase que a responsabilidade cívica esixía vertebrar unha nova cultura política máis participativa, transparente, inclusiva e colaborativa; que a radicalidade democrática debía ser un principio práctico (non meramente formal) que eliminase o parasitarismo e os condicionamentos orgánicos dos aparellos dos partidos clásicos que vivían ancorados na endogamia interna (“vella política”). Por outra banda, estas novas iniciativas políticas pretendían unir forzas para tentar levar adiante un cambio político con novas formas políticas, atendendo a unha nova maneira de facer política. “Nova política”, chamábanlle.
Co tempo, diversas causas específicas foron minguando a participación activa dos inscritos e descolgando paulativamente a aqueles que formaron parte esencial nos seus comezos. Silenciáronse constantemente as voces discrepantes pero construtivas facendo imposible a convivencia interna dentro do proxecto político que se supoñía debía ser plural; incumpríronse acordos que rachaban frontalmente os principios fundacionais das devanditas organizacións; traballouse con afán e esmero a autoexclusión daquelas persoas apartidarias (e imprescindibles nos inicios) que podían comprometer o despotismo interno dos núcleos orgánicos das organizacións (tan habitual, por certo, naqueles partidos que practicaban a “vella política de sempre”). Volveuse aos vicios do pasado, á práctica da máis vella e rancia política converténdose, unha vez máis, en organizacións monocolores, minoritarias, enquistadas e necrosadas. Aquelas organizacións líquidas, conformadas por cidadáns apartidarios convivindo con militantes políticos, foron aos poucos converténdose en organizacións sólidas e densas controladas hermética e despoticamente por un determinado partido ou grupo de poder, eses pequenos “buracos negros” dedicados a fomentar a obediencia, o servilismo e a corrupción interna.
Ridículo exemplo estase a transmitir á cidadanía, cuxo desdén e escepticismo cara a “o político” acrecéntase na actualidade. E o que é peor: convertendo o interior das devanditas organizacións nun territorio no que non hai máis autoridade reconocible que a do que manda, estase desdibuxando esa “nova forma de facer política” e ilustrando dun xeito ostensible que Peter Mair, politólogo francés, puido ter moita razón no seu libro Gobernando o Baleiro (A banalización da democracia occidental) ao defender a idea de que a escasa identificación entre partidos políticos e cidadanía converten aos primeiros en instrumentos meramente accidentais, á cidadanía en orfa, e á democracia nunha categoría baleira. A epojé está servida.

Publicado no Progreso o 1-9-2018

Tres interdicións


M. A. Martínez

            Como calquera outra sociedade, as sociedades posmodernas teñen os seus ritos, cerimonias e costumes, que se apoian en autorizacións e prohibicións colectivas. Formas de acción cuxos marcos son consentimentos tácitos e asentimentos explícitos. Entre estas prohibicións hai tres: prohibido envellecer, prohibido morrer, prohibido sufrir. Que fai que as sociedades avanzadas obturen a visión razoable, vivencia saudable e expresión normalizada da vellez, morte e sufrimento? Por que estas tres experiencias permanecen innomeables, ausentes da axenda política e do quefacer diario das institucións (sociais, políticas, administrativas)?
            Algunhas prohibicións son síntomas que exhiben e disimulan unha realidade que resulta incomprensible, insoportable e intraducible, para as persoas. Un tipo de realidade que o individuo posmoderno, expropiado de calquera madurez moral, competencia práctica e formación ética, só é capaz de abordar baixo o modo do espectáculo, do simulacro, dunha aparencia adornada. Isto é, como mentira. Por un lado, é exhibición dunha imaxe (televisiva, propagandística, dixital) que ensina a converter o mal en algo banal, alleo, sen substancia. A imaxe é unha icona que baleira o seu referente (de sentido), e o converte nun signo que circula (mercadoría). Por outro lado, é ocultación (mercé aos psicofármacos) do dano real que padecen as persoas. Afastamento (ao íntimo) e recondución (clínica) de calquera asomo de incomodidade, inadaptación, pena. A ocultación marca o limiar daquilo do que non se fala, ou se fala de máis, ou non se chega a entender, ou se entende dun modo limitado, recuberto con todo tipo de eufemismos e frases feitas.
A prohibición de envellecer, morrer e sufrir, é unha tripla negación, non unha simple represión. Está investida cos prestixios da tecnociencia e a biotecnoloxía, suplida co narcótico do perfeccionamento histérico do corpo, exaltada coa propaganda do poshumanismo, velada mercé ao seu recollemento en espazos pechados (institucionais, domésticos), espectacularizada en circuítos abertos (dixitais, televisivos), substituída co imaxinario da omnipotencia individual e a metafísica da xuventude. Esta tripla negación é a plataforma sobre a cal se constrúen vínculos sociais deshumanizados, intolerables a calquera miseria, dor, dependencia. O soño do individuo posmoderno autosuficiente, isto é, infantil.
A resposta social e individual ao triplo feito de envellecer, morrer, sufrir, baséase no desexo imaxinario de invulnerabilidade (como aspecto fundamental do éxito na vida adulta). Tamén no gozo simbólico da dominación ilimitada (sobre un mesmo, os demais, a natureza), como segundo trazo do triunfo persoal. É unha ficción cuxa función é impedir o recoñecemento de que, por exemplo, a fame, soidade, fatiga, aflición, ansiedade, malestar físico, medo, vergonza, doenza, son acontecementos fundamentais da vida cotiá de cada persoa. Que a debilidade, en todas as súas formas, afecta a todos en calquera momento e circunstancia. Que a fraqueza caracteriza a nosa constitución biolóxica, psicolóxica e social. Que a incapacidade de comunicar o íntimo con plenitude, e a inaptitude para replicar con coherencia, suficiencia e solvencia, ao desafío do día a día, traza os marcos do pensamento e da acción individual. Desposuír á sociedade da consideración de que ser humanos é ser vulnerables, necesitados de coidado, amparo, atencións, produce alienación, impotencia e frustración. Furtar ás persoas o recoñecemento social e institucional da face doente da realidade humana, é abandonalas no terreo dos voceiros do odio, rancor e resentimento.
Prohibir (censurar) ou desviar (manipular) a representación (abordaxe aberta e saudable) das experiencias dolorosas, converte as persoas en irresponsables dos seus actos. Impedir que poñan o nome certo ao seu desexo máis íntimo, invitalas a reconducilo a percepcións sociais e políticas enganosas, supón entregalas a unha dupla manipulación. A primeira consagra as persoas á exaltación nihilista do tráxico e da dominación (dicindo que é inevitable). A segunda proxéctaas na vertixe dunha acción transformadora delirante, imposible de atender, sen fin nin final emancipador, sen gozo (afirmando que é a máis directa). Dupla manipulación que orienta o desexo, de novo, ao infantilismo.
Un estado (social e de dereito) que exclúe, tapa, afasta, as experiencias da vellez, morte e sufrimento, retorce e rabena o sentido da vida real dos individuos. Un estado (social e de dereito) que non dá cumprida atención institucional a estas experiencias, non financia estruturas e redes públicas de coidado, arroxa aos seus cidadáns a repetir, no plano indicible do síntoma, unha dor suplementaria. Un estado (social e de dereito) que non promociona unha ética cívica do coidado, e se empeña en mirar para outro lado, é un estado digno de ser repensado no que atinxe a unha das súas finalidades: a redución do sufrimento dos seus cidadáns.

Publicado no Progreso o 18-8-2018

domingo, 2 de septiembre de 2018

U-las máxicas realidades?


Xosé Ramón Cando Vázquez

Pode o máxico ser real? Acougue o posible lector ou lectora que non se vai levar a cabo unha especulación de carácter ontolóxico aínda que, se cadra, falaremos de epistemoloxía, ou sexa, de cal pode ser o estatuto do máxico/real na vida de cada quen e as repercusións que esa consideración produce na (sempre política) vida social.
É ben coñecido pola bioloxía e, no seu caso, pola antropoloxía o paralelismo entre a evolución dunha especie (filoxénese) e o desenvolvemento de cada individuo (ontoxénese); de maneira que  unha boa parte das características que actualmente se poden observar nun ser humano dende que nace ata que morre, poden igualmente ser rastrexadas na historia evolutiva da especie humana. O paradigma actual afirma que o pensamento racional aparece, evolutivamente, de xeito simultáneo  coa linguaxe e  fundaméntao en que  so a linguaxe articulada pode servir de soporte ao que, en termos xerais, entendemos por lóxica. Aliás, a psicoloxía evolutiva (Piaget mediante) aporta datos empíricos que parecen confirmar dita simultaneidade. De maneira semellante podemos facer referencia a algún outro aspecto como  o que se coñece por “pensamento máxico”, tan presente nas cosmovisións dos nosos antepasados como nas dos nosos nenos e á que adoitamos contribuír con figuras como á dos Reis Magos que os adultos consideramos irreais pero que para nenos e nenas son incuestionablemente reais. Estamos, logo, diante dunha realidade fundamentada polo desexo e sen outra apoiatura que a da fantasía.
O binomio máxico desexo+fantasía segue a operar, en termos xerais, na madureza e serve de fundamento á visión do mundo de moitos e moitas de nós. Diría o meu admirado (case tocaio) Kant que o mencionado binomio non nos vai permitir levar adiante unha vida plenamente humana porque nos manterá na minoría de idade e polo tanto teremos vedado o acceso ao universo da liberdade e da moralidade. Con ser este un asunto nada menor, atinxe, de todos xeitos, á vida privada das persoas e  aí non temos dereito a intervir; a crise prodúcese cando este binomio guía a nosa actuación pública, cidadá e temos dificultade para entender que o noso binomio non é compartido por todos e todas e que mesmo hai xente, rara, que non contempla a maxia como ámbito de “realización” dos desexos.
Hai, polo tanto, persoas que aceptan que os mitos da infancia están ben para a infancia que os pais e as nais son máxicos/as pero chega un momento no que deixan de selo e que ser adulto significa vivir á intemperie pero, pola contra, ten a impagable vantaxe de apropiarse dun mesmo e vivir sen ningunha caste de tutela. Esta posición, mais alá da vertente individual, privada, ofrece importantes melloras no eido da convivencia porque permite transcender a perspectiva binomial, antes mencionada, e enfrontar o necesario debate arredor da cousa pública dende o desexo (sempre presente) pero, igualmente, partillando a aceptación dun espazo, mais ou menos amplo, do que se entende por real, superando barreiras procedentes dunha perspectiva máxica (desexo+fantasía), que corresponde ao eido da privacidade.

Mais alá dos deuses, a nosa vida política está chea de realidades que, pola súa vinculación co pensamento máxico, habitan no mundo das asuncións incuestionables. Vexamos algunhas:
España: Hai cidadáns e cidadás que teñen un concepto de España moi próximo ao do líder histórico do fascismo español, José Antonio Primo de Rivera: “España es una unidad de destino en lo universal” afirmación que leva a realidade España pouco menos que ao Xénese, por enriba  de continentes, do planeta e do propio sol que están sometidos á caducidade que rexe o universo.
Rei: Polo que parece, boa parte da cidadanía española non pode vivir sen monarca, ten medo de que desapareza unha “presunta” protección, maxicamente, atribuída a esa ancestral institución. Este segmento cidadán prefire ver eliminada a súa liberdade que arriscarse a elixir.
Entrambas construcións políticas deben ser extraídas do reino da maxia para poder constituírse en obxecto do debate público porque este so é posible cando a alienación derivada do pensamento máxico é suprimida polo pensamento lóxico que permite a xestión do desexo sen desconectar da realidade. En síntese, partindo da base da existencia de compoñentes subxectivos na confección do real individual, pero, tamén, de que o ámbito do público, das relacións de convivencia, debe quedar fora de calquera imposición, faise imprescindible establecer un espazo de realidade partillada que debe ter como vía de acceso o pensamento racional de cara a facilitar a toma de decisións, nun marco, o lóxico, predicable do conxunto da humanidade e cunha base, o desexo, aplicable co mesmo carácter xeral.

Publicado no Progreso o 11-8-2018