III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 11 de noviembre de 2013

Volver a pensar a democracia



Juan Carlos Fernández Naveiro

“Volver a pensar a democracia”, este é o título deste 1º Foro de Filosofía, Educación e Política, que estes días celebramos aquí en Lugo. No Grupo DOXA parécenos especialmente preocupante o problema actual da democracia, seguramente un dos grandes problemas a dilucidar cara o noso futuro.
Contan as crónicas que aló polo século V a.C., cando un estranxeiro chegaba ás portas de Atenas e preguntaba que quén mandaba alí, dicíanlle: “aquí non manda ninguén, aquí manda o nomos, a lei”. Era o tempo das reformas de Clístenes e despois de Pericles, coas que nace a “polis” e a relación entre os membros da cidade se institúe como unha relación propiamente política. As vellas tribos da Ática foron mesturadas en novos distritos, e así quedaron atrás para sempre as anteriores pertenzas dinásticas e unificouse o corpo social. Realizouse o que se chamou “isonomía”, a igualdade ante a lei, que foi o compoñente decisivo da democracia. Mandar e obedecer transformáronse en dous termos inseparables dunha mesma relación reversible. Os que mandan non deberían esquecer esta lección, que o poder é transitorio e non pode ter impunidade, e non perder de vista que os que hoxe obedecen poden ter no futuro a súa oportunidade. ¿Pódese dicir algo así da situación actual? Non parece que os poderes reais estean hoxe nas mans dos cidadáns, e iso converte en precarios aos poderes democráticos. Se dúbida hai que botar moita luz sobre estas cuestións.
Mais se cadra a democracia grega sexa demasiado allea para os nosos ollos modernos, desde logo era demasiado restritiva se a miramos dende a perspectiva xa non do “demos” senón do “people” ao que invocaba Thomas Jefferson ao proclamar a independencia americana. Desde aí a democracia aínda tería un longo camiño por diante para facerse respectable, pero hai outro compoñente destacado polos primeiros revolucionarios americanos que vai ser tamén decisivo no que entendemos por democracia: a idea de que o pobo ten nas súas mans a posibilidade de construír un futuro mellor. As loitas obreiras dende o século XIX non se entenderían sen esa forma de esperanza, e con elas o concepto de “pobo” acada unha nova complexidade interna que aínda non demos resolto, e as diferenzas de clase permanecen por baixo dos intentos por constituír un suxeito político.
Agora imponse ter que pensar de novo o vínculo da política coa filosofía, entre verdade e xustiza, pensamento e realización efectiva das condicións da felicidade. Neste senso é preciso ser clásicos; pero nós non acreditamos en posicións atemporais ou insensíbeis aos condicionantes do concreto. Somos conscientes de que as ideas son respostas provisionais a circunstancias particulares e irreproducibles, e que a súa supervivencia non depende da súa inmutabilidade senón da súa adaptabilidade. Neste senso temos que ser modernos e conscientemente históricos, e pensar que as ideas son ferramentas que teñen que ter unha utilidade práctica –aínda que esta non sexa moitas veces ben visible.
Non podemos deixar de sinalar a dimensión especificamente política desta crise da que, se nos atemos á superficie da actualidade, parecería que fose unha crise só económica da que sairemos cando cambie o ciclo e retomemos, como se di, a senda do crecemento. Palabras que gusta de pronunciar a clase política. Mais o que non lles resulta tan atractivo é detectar as feridas, as rupturas, os cambios irreversibles. Para iso, aínda que non esteamos de moda, seguramente fan falla os filósofos, para imaxinar novas formas de pensar apropiadas a esta realidade tan cambiante. Porque se as estruturas políticas non cumpren os fins que proclaman, se prácticas e discursos diverxen de cotío, haberá que mudar esas estruturas; igual que se os valores da civilización non cumpren os fins para os que foron pensados, haberá que idear novos valores e novos fins para construír neste planeta a vida que realmente queremos.

Publicado no Progreso 10-11-2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario