Mª del Mar Carballo Cela.
Parece ser que a primeira
experiencia que temos do tempo é a través dos latexos do corazón da nosa nai (é
un fermoso comezo), pero isto que nos une inicialmente a todos baixo a orde
natural, logo nos acabará separando dependendo da latitude na que teñamos por
sorte nacer. Así é: a experiencia do tempo, á que os antropólogos chaman
“temporalidade”, será finalmente modelada pola cultura atendendo ás necesidades
que esta nos reclame.
Isto fíxome reflexionar
sobre por que na nosa cultura o tempo nos acabou tiranizando. Quen é o
responsable de que nos vexamos vivindo baixo a escravitude do reloxo?... Sinto
acabar sempre no mesmo punto, pero a industria, como “alma mater” da
organización social moderna, é sen dúbida a culpable . A nosa vida laboral
organízase en función dunha estrica exactitude temporal e o peor é que isto se
acabou estendendo ó outro tempo que
chamamos “libre”. É bastante habitual ver como na nosa sociedade se programa o
ocio con estritos horarios que a calquera persoa amante do sosego e da
liberdade lle resultarían intolerables. A vida urbana, en todas as súas ordes,
acaba sendo absorbida por unha
organización temporal propia da empresa, que como autómatas reproducimos sen
decatarnos e mesmo levamos á esaxeración: actividades programadas, cronómetros
para o deporte, obsesión por acadar marcas temporais... Chegamos a sentirnos
perdidos, desorientados, cando non sabemos que día é, aínda estando de
vacacións, e botamos de menos a disciplina horaria que devolva o equilibrio ás
nosas vidas… Incluso falamos do tempo en termos económicos: gañamos e perdemos
tempo, aforrámolo, investímolo… e ata o compramos e o vendemos (págase por
horas de traballo e de ocio). Resulta moi indicativo que a palabra “calendario”
veña do termo latino “calendarium” , que era como os romanos lle chamaban ó
libro de contabilidade. O primeiro día do mes, a “calenda”, era cando o
contador pasaba co seu libriño ou “calendarium” a cobrar as contas.
Desde logo, esta estrica
organización só é posible baixo unha consideración do tempo como algo
abstracto, con entidade propia, que pode ser cuantificable e medible. Algo
imposible para outras culturas que non entenden o tempo como algo que discorre
separado dos acontecementos. A tribo dos amondawa, por exemplo, carece de
palabras para computar o tempo, non existe na súa linguaxe algo equivalente a
“hoxe”, “mañá” ou “o ano que vén”, non teñen calendario e deben facer
referencia a algún suceso para situarse cronoloxicamente (un nacemento, unha
morte). Só distinguen entre a noite e o día, e a estación das chuvias da
estación seca.
Son formas diferentes de
vivir . Efectivamente a cuantificación temporal é necesaria para a organización
social moderna, e esta puido prosperar grazas ó noso concepto de “tempo”; pero
tamén invade innecesariamente outros ámbitos da vida non contribuíndo en
absoluto a aumentar o noso benestar e a nosa felicidade. O estres é un dos
peores males da nosa era.
Nin que dicir ten que o noso é un “tempo”
propio dunha cultura materialista, obsesionada con pesos e medidas. Falamos de
algo tan intanxible como se fose un obxecto: as horas pasan lixeiras ou fanse
pesadas, os anos pesan. Tamén, quizais alentados pola idea de ter cada vez
máis, lle supoñemos ó tempo a capacidade de recipiente que debemos ir enchendo,
ocupando, como se esta fose a maneira de engrandecer a nosa vida, de facela
máis valiosa… A linguaxe é un síntoma
que nos delata.
Publicado no Progreso o 9-2-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario