Miguel Ángel M. Quintanar
Unha corrente subterránea atravesa a nosa cultura como
un regueiro de auga limpa: a filosofía galega. Diante da ameaza de minorar a
súa presenza nos currículos educativos, de lei é lembrar a algúns dos que,
nalgún momento, ou ao longo da súa traxectoria, inseriron nela a súa
inscrición: Eloy Luís André, Vicente Viqueira, Ramón Piñeiro, Celestino
Fernández de la Vega, García Sabell, Dieste.
En 1973 bota a andar a Facultade de Filosofía da
Universidade de Santiago. As actividades da Aula Castelao (Pontevedra), Sogagi
(Sociedade Galega de Filosofía), grupos Aletheia (Vigo) e Doxa (Lugo), e os
Encontros de Filosofía na Costa da Morte, manteñen viva a súa utilidade cívica.
Contribúen a esta labor filósofos e filósofas singulares que coa súa escrita
fornecen á cultura galega de ideas, análises e perspectivas innovadoras.
Exemplo disto é Luís G. Soto que vén de recibir o premio Carvalho Calero na
modalidade de investigación polo seu libro ‘O labirinto da saudade’, editado
por Laiovento.
O protagonismo da saudade non é novo na nosa cultura.
Asenta en fondas raíces: Pondal, Rosalía, Curros. Nas dúas primeiras décadas do
século XX é estudado por Porteiro Garea, Xaime Quintanilla, Cabanillas, Risco,
Dieste e Viqueira. Logo da polémica provocada en 1927 polo médico Nóvoa Santos,
resulta exemplar a reacción de Plácido Castro en defensa do triplo elo de
galeguismo, saudade e vida. Blanco Amor e Castelao, nos anos corenta, e a
comezos dos cincuenta Ánxel Fole e Otero Pedrayo, meditan sobre ela. A partir
de 1953 cinguen o tema Piñeiro, Sabell, Rof Carballo, Salvador Lorenzana, entre
outros. Próximos a nós están os traballos do filósofo e teólogo Andrés Torres
Queiruga.
No país veciño, en Portugal, a saudade tamén é
protagonista da cultura. O saudosismo, inaugurado por Teixeira de Pascoaes na
primeira década do século XX, configúrase como unha potente corrente de
renovación artística, social e política, materializada nun notable florecemento
da cultura portuguesa, que abarca filosofía, literatura e arte. E nos nosos
tempos a saudade ten suscitado as reflexións dun filósofo tan laureado como
Eduardo Lourenço ou, entre os máis novos e xa no século XXI, Paulo Borges.
Nos nosos eidos a saudade tense investigado desde tres
puntos de vista: estético, psicolóxico, metafísico. A novidade de ‘O labirinto
da saudade’ radica en tratala outramente, nas súas dimensións menos evidentes,
malia ser as máis produtivas e fértiles: ética e política.
Cunha escrita áxil e persoal, cómplice coas
experiencias do lector atrevido e curioso, Luís G. Soto proponnos un percorrido
biográfico sobre os fitos da saudade súa: libros, paisaxes, esculturas,
pinturas, poemas, encontros, fotos, lugares. As reflexións sobre as saudades galegas,
o saudosismo portugués, e, sobre todo, Pondal, entre outros, sorpréndennos co
descubrimento (ou construción) dun novo concepto de saudade e agasállannos
cunha conclusión (ou hipótese) inédita. O autor atopa na saudade un percorrido
pola «experiencia do recoñecemento»: da propia situación de soidade, do
contexto social no que acontece esa soidade, das outras persoas como
posibilidade de superación desa situación, da mensaxe da saudade como rotura do
illamento e reactivación da socialidade (durmida, silenciada, alienada). Esta
experiencia de recoñecemento encárnase nun chamamento público, político, e,
tamén, nunha interpelación persoal, ética.
A saudade non é parva morriña dun lugar, ou señardade
sinxela dunha época pasada, dunha persoa ausente. Non é tristura no tempo nin
presenza rabenada. É consciencia da propia soidade, mais acompañada dunha
«vontade de sociedade» que se materializa nunha mensaxe comunicativa lanzada
aos outros. Mercé á saudade as persoas expresan a súa soidade tentando
establecer (ou restablecer) a común sociedade a través da lingua, artes,
pensamento, actividade política a prol dun ben común. É a dimensión ética da
saudade: camiño de encontro do outro. E a súa faciana política: procura dun
contexto solidario que busca un novo contrato (pacto) social.
A saudade non é un tema pasado de moda. A lectura de
‘O labirinto da saudade’ mostra o seu proteico dinamismo. Se a sociedade devece
por construír saídas á gravísima crise actual, quizais cadaquén deba encontrar
o tempo de reflexión no que poida volverse sobre si, descubrirse de novo nas
súas perdas e ausencias, e, desde aí, comezar a refacer (e revalorizar) as
relacións de convivencia desde o que eu chamaría Principio da Saudade: é
inelutable a necesidade que temos do outro, e o outro de nós, para facérmonos
xuntos (na xustiza, na ledicia) o camiño do labirinto no todos que estamos
arroxados.
Publicado no Progreso 6-4-20123
No hay comentarios:
Publicar un comentario