Elías Pérez Sánchez
Fai anos, Abraham Lincoln definiu a democracia como o goberno do pobo, polo
pobo e para o pobo. Entón, se compartimos esa visión inicial da democracia,
como se pode denominar o goberno dos ricos, polos ricos e para os ricos? Parece
que o concepto axustado a devandita realidade é o de plutocracia, ou goberno
(anómalo) no que existen influencias desequilibradas na toma de decisións a
favor dos que ostentan as fontes de riqueza, e que procura a máxima
concentración de poder e riqueza propiciando alarmantes desigualdades
económicas e sociais entre os cidadáns.
Xa dende Platón e Aristóteles a plutocracia, ou oligarquía económica, era
considerada a expresión dunha forma dexenerada de goberno. Na actualidade,
pódese falar dunha plutocracia transnacional (supranacional ou global) que, a
través dese ente chamado mercado ten secuestrada á humanidade. Sobre tal
escenario, o sociólogo Heinz Dieterich ten dito o seguinte: “Que esa
plutocracia prospere na profunda crise capitalista actual, mentres centos de
millóns de persoas ven arruinadas as súas existencias, non sorprende. É a
nomenclatura que manexa o sistema e faino, por suposto, en beneficio propio.
Ten un dobre veo de teflón para protexerse das masas e das responsabilidades.
Estatalmente teledirixen o sistema a través dos seus lobbyistas e peleles
políticos en gobernos e parlamentos; economicamente ocúltanse no anonimato do
mercado mundial ou mercado a secas cuxas decisións determinan o benestar e a
miseria das xentes”.
O capital supranacional e impersoal impón o que certos economistas
cualifican con rotundidade un “estado de excepción económica permanente” e, ao
sucumbir ante a chantaxe e a presión
plutocrática e aos intereses das minorías especuladoras, os Estados e os seus
gobernantes móstranse incapaces de garantir o ben común e o interese xeral dos
seus cidadáns. Esta forma de “capitalismo de amiguetes, de gansters ou
mafiosos” (como di o sociólogo Álvaro Espiña), este “latrocinio organizado”,
apoiándose na desregulación legal e administrativa da economía, está a xerar un
aumento da pobreza estrutural e a perda dos consabidos dereitos sociais que
tanto esforzo custou acadar.
É un feito real que a consecuencia máis visible de esta situación é a perda
da esencia do Estado de Benestar, esencia que, por simplificar, consiste na
redistribución equitativa dos bens básicos que satisfagan as necesidades da
cidadanía. E é unha evidencia que os dereitos humanos aínda que na súa orixe
pretendían “atrincheirar” (Carlos S. Nino dixit) e protexer as liberdades
básicas, fóronse ampliando e estendendo mediante a reivindicación dos chamados
dereitos económico-sociais co fin de ofrecer unha solución ás necesidades
humanas máis básicas.
Porén, resulta hoxe indiscutible que eses dereitos económico-sociais (en
realidade, conquistas cidadás), por exemplo o dereito a un traballo e un salario
digno, a unha pensión decorosa, á protección da saúde, a un ensino público de
calidade, desenvolvidos co fin de atenuar o esquecemento manifesto dos sectores
sociais máis desprotexidos, están sendo literalmente mancillados por gobernos
liberais, ultraliberales e ata socialdemócratas, cando estes últimos foron os
que precisamente colaboraron dun xeito razoablemente eficiente na súa
implantación e consolidación.
Ante as leis do mercado e a súa influencia actual nos recortes sociais
cimentados -como non!- na crise global, compre esixir non só a preeminencia dos
Estados democráticos fronte ao mercado senón tamén o control deste por parte
daqueles. Mentres, a maioría da
cidadanía denigrada e timorata vive nunha posición de submisión, de
indolencia e apatía ante os poderes financeiros e a perda dos dereitos antes
sinalados e hoxe desprotexidos polo Estado; elixe converterse en súbdita no
canto de optar pola insurxencia; sitúase na unidimensionalidade e no
conformismo descartando a crítica, a disidencia e o seu potencial
transformador. Tamén está en crise. Ata cando?
Publicado no Progreso 27-4-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario