José Domingo de Prada
Nestes tempos tan neoliberais -eufemismo de neoconservadores- pode parecer
un anacronismo recorrer ao pensamento de Marx. Non obstante, é necesario
recordar que elaborou un sistema filosófico potente, amplo e con matices
suficientes para poder dar conta dunha parte importante do seu mundo e incluso para
insinuar reflexións que permiten interpretar algún aspecto do noso. Esta
característica aflora nos grandes sistemas filosóficos e permítelles manter a
súa vixencia, á marxe dos avatares históricos que logren os intentos de
aplicalos que outros fagan deles. Os sistemas manteranse mentres inciten
reflexións das que careceriamos sen eles.
Querería, pois, analizar un aspecto da nosa sociedade desde o outeiro
marxista ‒marxiano din os eruditos para marcar diferenzas‒, e desde a
actualidade na que vivimos. Leamos, por exemplo, a anécdota da fallida
presentación da Candidatura Madrid 2020, da que hoxe apenas lembramos xa nada.
Claramente foi un fiasco ‒fiasco, que non fracaso, pois non podemos falar de
fracaso cando non se fan os esforzos mínimos adecuados para acadar os
obxectivos que se pretenden‒. Todos estabamos convencidos que ía ser elixida
Madrid, incluso os que non tiñamos claro que iso supuxese beneficio algún e si
moitas cargas, débedas a sufragar por man común, niños de corruptelas e
enchentes a costa do erario público. Dá boa conta das intencións do que se
preparaba o feito de que enviaramos máis representantes a Bos Aires para cantar
as loas da nosa candidatura que a suma das outras dúas (cos correspondentes
gastos de representación, supoñamos).
Ademais, como se predicou oficialmente e se amplificou nos medios de
comunicación ‒sobre todo nos afíns, e por contaxio, en todos‒ eramos os
mellores. Desenvolveuse unha imaxe exacerbada dos méritos propios unida a unha
incidencia sobreactuada nos defectos dos demais. Todo isto xerou unha
autocomplacencia convencida cos nosos méritos, e creamos unha imaxe falsa de
nós e das nosas bondades e outra, non menos falsa, dos nosos rivais e dos seus
defectos. Isto denomínase, en termos marxistas, ideoloxía. E como denuncia
Marx, a ideoloxía deforma a nosa percepción da realidade. A de todos.
Estean seguros de que Ana Botella estaba convencida ‒ideoloxicamente
convencida‒ de que o seu «relaxing cup» ía ser unha auténtica bomba que
esnaquizaría as derradeiras reticencias que poderían manter os membros do COI
para votar por Madrid, o mesmo pasa co ton empregado na súa alocución:
ridículo, si; intencionado, tamén. Esa intencionalidade, e o esforzo que, de
certo, lle supuxo conseguilo, teñen un fundamento ideolóxico. O seu asesor
dicía que traballara a reo para dar o mellor de si mesma, aínda que igual non
debemos fiarnos do seu asesor, que ten que xustificar os cuantiosos emolumentos
que percibiu.
Ideoloxía foi tratar de tapar os defectos da candidatura de Madrid, por
extensión de toda España ‒a non ser que Madrid queira manter sinais de
identidade propios separados do resto do Estado‒ como por exemplo as liortas
que houbo nos xuízos por dopaxe, as bolsas de sangue e a súa polémica
destrución. É aquí cando é cuestionado o nome de atletas significativos, cando
se cuestionan actuacións xudiciais ou se
mira con receo desde a comunidade internacional a loita contra a dopaxe en
España. Entón non serve para nada dicir: ‒ «No dopping in Spain».
A presentación dunha candidatura austera pretendía ocultar problemas reais
da nosa economía, tanto de Madrid (pénsese na descomunal débeda dese Concello)
como do país (case mellor non pensar na débeda do país). Percibírono
inmediatamente moitos xornalistas e membros do COI que preguntaron rapidamente
polos recursos. Posiblemente non estaban preocupados pola xustiza social en
Madrid, nin, por extensión, en España, senón polo mantemento dos seus
privilexios e do seu estatus (ideoloxía de clase dominante).
A realidade púxonos no noso sitio. Quedamos eliminados fronte a rivais que
considerabamos máis febles pola nosa mala planificación, pola nosa mala
presentación, por non enfrontar os problemas de cara, tentando poñer sobre a
mesa algunha solución, como si fixeron os outros. Aínda así, algúns gritaron: ‒
«Tongo», «tongo», principalmente desde a festa frustrada que se pretendía levar
a cabo para celebrar a vitoria de Madrid. Decátense da sibilina actuación da
ideoloxía que só está disposta a admitir o que lle interesa e que pretende
mover o mundo ao seu antollo.
Xa sei que moitos replicarán que desexaban que ganase Madrid por vontade
propia, por afinidade afectiva coa candidatura de Madrid, pero isto como
sinalou Foucault, non é máis cá forma capitalista da ideoloxía, que se
enmascara e amosa como desexo o que nos impoñen, que tenta camuflarse
proclamando a fin das ideoloxías e autodefiníndose como non ideoloxía, como
dato, de tal xeito que o que nos mostra pretende ser a verdadeira e única
realidade e non unha deformación dela. De igual forma, ideoloxía é o
esquecemento, non querer volver a lembrar o fiasco institucional e persoal nin
o derroche de recursos que supuxo. Todo o que non lle convén á ideoloxía
dominante se esconde con novas realidades prefabricadas ad hoc.
Para rematar, e dado que vexo que estamos excesivamente relaxados ante as
‘extravagancias’ dalgúns dos nosos representantes, permítanme pedir café só,
dobre e ben cargado, a ver se conseguimos estimularnos un pouco e saímos do
marasmo en que a crise e os que nos maldirixen nos meteron.
Publicado Progreso 12-10 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario