III Foro "Lugh Augusti"

martes, 4 de marzo de 2014

Xustiza e dereitos humanos



Elías Pérez Sánchez

Na clausura do Foro Mundial Social celebrado en Porto Alegre no 2002, José Saramago leu un breve relato sobre un campesiño florentino do século XVI que sufrira un atropelo por parte dun rico lugareño quen, sen escrúpulos, lle espoliara a súa pobre parcela mediante o procedemento consistente en ir pouco a pouco cambiando de sitio os marcos dos lindes das súas terras, meténdoos na pequena parcela do campesiño co fin de reducir ao máximo a súa extensión. Ante semellante situación o campesiño protestou, implorou compaixón e queixouse amargamente ante as autoridades. Porén, a espoliación da súa terra continuou. Desesperado, o campesiño decidiu anunciar a morte da xustiza facendo soar a defunto a campá da igrexa talvez, dicía Saramago, coa finalidade de que o seu xesto de exaltada indignación lograría conmover e facer espertar ao mundo adormecido acerca do perigo que supoñía a morte da xustiza. Pero o son melancólico daquela campá de bronce non conseguiu introducirse nos xélidos corazóns do rico lugareño nin das autoridades xudiciais.
O relato do campesiño florentino foi utilizado polo escritor portugués co fin de levar a cabo unha descrición descarnada da situación do mundo, ofrecendo a súa visión persoal sobre o papel dos dereitos humanos, a participación cidadá nos sistemas democráticos, e para denunciar o estado de inxustiza global e indefensión no que se encontraba o ser humano en contextos democráticos claramente decadentes e dominados polo poder económico e financeiro mundial.
Hai pouco celebrouse o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Asinada en 1948, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos tiña como obxectivo o recoñecemento e a expansión da protección dunha ampla gama de dereitos e liberdades básicas que todos os Estados debían recoñecer e recoller explicitamente nas súas respectivas Constitucións. Tratábase, pois, dun "ideal común" de todos os pobos e todas as nacións. Non obstante parece unha obviedade dicir que nin a citada Declaración nin a súa "tradución normativa" a través da Constitución Española poden considerarse vixentes. O goberno español foi amoestado nos últimos tempos polo Comité de Dereitos Humanos, polo Comité de Tortura e polo Comité contra a Desaparición Forzada ao considerar prescritos os crimes cometidos durante o franquismo e ao negar calquera posibilidade de investigación sobre as violacións dos dereitos humanos levadas a cabo durante a transición política. Tamén foi advertido por Amnistía Internacional ao adoptar medidas económicas afastadas dos principios éticos e das necesidades primarias das persoas máis desprotexidas.
O ideal dunha sociedade libre e democrática na que todas as persoas vivan unidas en harmonía e gozando das mesmas oportunidades, dereitos e liberdades, parece esvaecerse a medida que transcorre o tempo. E aqueles dereitos considerados sempre como o "couto vedado" (Garzón Valdés) ou o "territorio inviolable" (Norberto Bobbio), é dicir, aqueles dereitos absolutamente inalienables están a ser hoxe mancillados dun xeito absolutamente pavoroso, moitas veces en beneficio dos intereses de determinadas elites económicas e financeiras.
"Non hai dereito", berraba o campesiño florentino. "A xustiza morreu", insistía, cando os veciños da aldea lle preguntaban a razón pola que facía soar a campá a morto. Catro séculos despois, o amargo episodio do campesiño florentino debera servir para reformular a esencia da democracia moderna e os seus defectos, a necesidade imperiosa de considerar os dereitos humanos como o maior avance que a humanidade levou a cabo ao longo da súa historia e, por fin, levar a cabo un serio debate sobre as novas estratexias de dominio sobre a cidadanía que, pouco a pouco, se están a institucionalizar.

Publicado no Progreso o 14-12-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario