Elías Pérez Sánchez
No debate levado a cabo na Grecia antiga sobre as condicións da boa vida,
ningún filósofo destacado identificaba o éxito persoal e colectivo co acopio
das riquezas materiais. Na ‘República’ de Platón só os artesáns traballarían co
fin de acumular bens e abastecer á polis, mentres que tanto aos gardiáns como
aos gobernantes negábaselles a propiedade privada. En realidade, Platón
entendía que os gobernantes serían quen de dirixir a polis con xustiza e
sabedoría se se atopaban libres do efecto corruptor do diñeiro.
Por suposto, esta proposta utópica non saíu adiante do xeito previsto por
Platón e nin sequera o seu discípulo Aristóteles a apoiou. Este último,
coherente coa súa distinción entre o sentimento natural do amor cara a un mesmo
e o egoísmo, defendía na súa ‘Política’ a necesidade de acadar os medios de
vida necesarios para satisfacer as necesidades supervivenciais (economía
doméstica) fronte á antinatural e deshumanizadora acumulación ilimitada de
riquezas e a adquisición do diñeiro polo diñeiro mesmo.
No libro ‘La riqueza de las naciones’, Adam Smith sostiña a tese de que a
riqueza nunha economía de mercado consistía en superar á competencia co fin de
satisfacer os desexos dos consumidores e xustificaba as desigualdades
resultantes da persecución da riqueza baixo un sistema de libre empresa. Smith
defendía o afán por acumular propiedades e diñeiro xunto cos praceres egoístas
que xeraban tal provisión, sendo a liberdade irrestricta do mercado (o ‘laissez
faire’ liberal) xunto coa ‘man invisible’ os piares esenciais do funcionamento
da economía e do mantemento da orde social.
Deixando Platón á marxe, o enfoque aristotélico é excelente, salvo que hoxe
en día os especuladores demostran ser máis poderosos que a boa intención de
Aristóteles quen, baseándose en criterios de proporcionalidade, prudencia e
xustiza distributiva, propuña que o capital estivese ao servizo do home e non
ao revés. Con outras palabras: no universo filosófico aristotélico definíase a
vida (humana) en termos do que as persoas son e fan e non do que teñen, polo
que a riqueza non era, precisamente, o ben que o home debía buscar senón un
mero instrumento —en último caso— para conseguir outros fins máis elevados.
Xa que o mundo económico tivo máis en consideración a Smith que a
Aristóteles, non podemos sorprendernos das consecuencias perversas da devandita
elección. Ao entender que a eficiencia económica pode cimentarse sobre o
egoísmo humano e o interese propio, ademais das desigualdades sociais
atopámonos co que Ignacio Ramonet denominou a «práctica (xa banalizada) da
corrupción global de dimensión estrutural», é dicir, a corrupción e a
actividade delituosa global como alicerce fundamental do capitalismo. E así
estamos. Mentres, Aristóteles nin está nin se lle espera.
Publicado no Progreso o 10-5-2014