III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 12 de mayo de 2014

Colaborar vs. competir



Mar Carballo Cela

A competencia é un substituto sublimado da guerra» (John Maxwel Coetzee). Se nos preguntasen, ninguén de nós se atrevería a defender a guerra como mellor estratexia de vida, pero en cambio moitos pensan que a competencia é un mecanismo xusto para manter a estabilidade social. O certo é que non só no campo de batalla se perden vidas: no silencio e a soidade das casas e das rúas de calquera cidade ‘desenvolvida’, tamén; e, en moitas ocasións, froito dunha encarnizada competencia.
Desde que se impuxo o paradigma neodarwinista como modelo explicativo da evolución natural, temos fortemente interiorizado que a vida é esencialmente loita e competencia, e non foi difícil asumir o modelo capitalista como inevitable dado que, supostamente, se axusta a unha lei invariable da natureza humana. A política económica neoliberal non sería máis que a consecuencia natural dun mundo no que, ó non haber suficiente para todos, nos vemos obri gados a unha loita permanente na que vencen os máis fortes. Pero, é iso certo? Sería posible explicar a natureza e a sociedade baixo outro paradigma? Cando menos, podemos intentalo.
Xa hai tempo que a bióloga estadounidense Lynn Margulis (1938-2011) defendeu unha teoría na que os organismos non sobreviven como resultado da competencia e a loita entre eles, senón moito máis a miúdo como consecuencia da colaboración. A base desta teoría sería a simbioxénese, segundo a cal ditos organismos conseguirían sobrevivir grazas á cooperación, integrándose noutras forma de vida máis complexas e estendendo toda unha rede de interaccións e mutua dependencia; e, o que é aínda máis interesante, estas entidades máis complexas non competirían por un medio externo de recursos escasos para desprazar a outras, senón que terían capacidade para modificar o ambiente de maneira favorable creando novos recursos. Pura poesía social….non lles parece?
Xa sabemos o difícil que resulta desbancar os paradigmas dominantes que tantos anos levan admitidos pola comunidade científica, pero finalmente Margulys conseguíu (non sen esforzo) que a súa teoría fose aceptada, aínda que só para un restrinxido ámbito da ciencia biolóxica: para describir a orixe das células eucariotas; pero sempre estivo convencida de que era este paradigma o que mellor podía explicar a vida en termos xerais. Parece ser que, ante a insistencia dos defensores da loita pola supervivencia, adoitaba proporlles o seguinte: «¿Sabían vostedes que o estómago das vacas non pode dixerir a herba e son as bacterias que habitan dito estómago as que, formando un conxunto simbiótico coa vaca, metabolizan a celulosa e permiten que o animal viva?»
Desde logo, baixo este modelo, non é certo que o capitalismo se axuste a unha lei inmutable da natureza, máis ben atenta contra ela. De feito, atreveríame a afirmar que estamos aquí non precisamente grazas á loita que este sistema defende, senón a pesar dela: grazas ós reaxustes que impiden que a pura competencia desequilibre fatalmente a sociedade. ¿Cómo sería un mundo sen acordos, sen intervencións estatais, sen axudas sociais… sen colaboración e altruísmo? ¿Sería un mundo no que poder vivir? Logo, ¿por que aceptamos o reduccionismo da teoría da competitividade? Esta teoría, desde logo, é fantástica para lexitimar un tipo de sociedade na que uns poucos se enriquecen a costa de fomentar a loita despiadada entre os moitos. Unha loita que nos vemos obrigados a asumir para sobrevivir nun contorno no que eses poucos deciden a canto debemos aspirar e en que orde.
Os paradigmas explicativos da realidade son reducionistas, destacan certos aspectos e obvian outros de maneira que permitan construír unha argumentación o máis sinxela e coherente posible; e, en moitas ocasións, a selección de aspectos destacables está dirixida por intereses ou simplemente é aproveitada por certos sectores dominantes ó coincidir cos seus fundamentos ideolóxicos. A quen pode beneficiar se non a teoría da competitividade?
Basta con facer un exercicio de cambio de perspectiva para darse conta de que as nosas vidas se sustentan, fundamentalmente, nunha rede de cooperación social que diariamente fai posible a nosa existencia: para iso vivimos en sociedade. E desde esta óptica, a competencia ben pode ser un obstáculo a pesar do cal seguimos aquí.
Quen dixo que as ideas non moven o mundo?: imaxinen o que sucedería se cada un de nós estivese intimamente convencido de que é a colaboración o que nos mantén vivos.

Publicado no Progreso o 3-5-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario