III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 8 de junio de 2014

A velocidade do futuro



Juan Carlos Fernández Naveiro

Europa parece encamiñarse a xestionar o seu declive no sistema-mundo cun regreso ao taboleiro de xogo da xeopolítica. O euroescepticismo apunta a una renacionalización do poder que non exclúe a súa integración nos fluxos da hiperglobalización, pero si parece excluir os principios do idealismo democrático. Retornan vellos demos como a obsesión por fixar as identidades colectivas a un territorio, e xurden novos demos na propia dinámica imparable dos fluxos globais, que revelan a impotencia da política. Mentres, as agullas corren por outras latitudes.
A dialéctica das zonas de influencia, das soberanías rivais e dos intereses ameazados dificultan calquera construción política inclusiva, pero a pesares da impotencia macropolítica propia dunha época imperial, e tamén das limitacións da experiencia micropolítica que se privilexiou en anos de ‘movementos sociais’ que non deron conformado una nova visión ideolóxica, a pesares do todo iso, o pensamento non pode dimitir desa función constructiva respecto da convivencia social que tivo desde o seu inicio; porque sabemos que o prezo de desentenderse da política -dicía Platón- é ser gobernado polos máis mediocres.
Vaiamos pois: para construír alternativas (ou facer revolucións) hai que deslindar o que debe ser conservado e o que debe ser transformado. Destes anos de crise global tería que quedar clara a necesidade de cambiar alomenos en tres aspectos: primeiro, que os intereses económicos das grandes corporacións deixen de ser os que marquen as liñas de actuación política; segundo, que as democracias necesitan revitalizarse, favorecer cauces participativos e dotarse dunha nova lexitimidade; terceiro, que é preciso contrarestar a colonización xeral da existencia pola razón instrumental. Tres eixos por tanto de intervención, na economía, na política e na cultura, que contribuirían a debuxar as liñas dun futuro posible.
No lado do que hai que conservar: os mínimos vitais da singularidade humana. Nun mundo de cambios acelerados que poden poñer en cuestión a propia supervivencia hai que ter claras as prioridades, e entre elas é preciso, primeiro, un conservacionismo das condicións vitais da biosfera; segundo, un respecto pola diversidade das culturas humanas; terceiro, o mantemento das conquistas históricas que deron lugar a un modelo social europeo (será posible facer del un «tesouro da humanidade», como lle chamou Lula da Silva?) Por tanto, natureza biolóxica, especificidade antropolóxica e progreso histórico como vectores de conservación que nos vinculan ao pasado.
Xa Marx advertira que a expansión mundial do capitalismo arrumbaba os modos tradicionais de vida; é o efecto disolvente da velocidade do capital, pola que «todo se esvaece no ar». Pero nun mundo que aspire a ser pos-colonial temos que resistirnos a perder os saberes e as estratexias vitais das sociedades tradicionais, temos que aprender delas. A globalización do influxo cultural moderno fai da humanidade un inmenso laboratorio antropolóxico, a aínda que nos pensemos no cibermundo no fondo somos como ese papúes asustados que contactaron por vez primeira coa civilización moderna cando os holandeses chegaron a Nueva Guinea en 1938 (cóntao Jared Diamond, con fotos, en ‘El mundo hasta ayer’, último Premio Pulitzer, que subtitula precisamente: ‘Qué podemos aprender das sociedades tradicionais?’)
E no outro extremo do arco civilizatorio, a imparable aceleración histórica do capitalismo. Na base tamén está Marx: a idea de que o capitalismo tende a traspasar os límites e a amplialos indefinidamente. É a «desterritorialización capitalista» (Deleuze/Guattari), que descodifica tanto ao traballo e ao traballador (reconvertido en precariado) como ao diñeiro (reconvertido en capital financeiro). Liberación dos fluxos que desfán os vellos códigos sociais e «esquizofrenizan» á sociedade; constitución dunha axiomática máximamente flexible, sempre preparada para adaptarse a novas circunstancias (totalitarismos, capitalismo de Estado nos países que se chamaron socialistas, estados de benestar occidentais, o modelo autoritario do capitalismo chinés…) e para expandir así os seus límites: pura velocidade de circulación de capital, de traballo e agora tamén de datos nas ‘autopistas da información’.
Esa ampliación constante anula calquer ‘afora’ do capitalismo; como dícía Jameson -e repite Zizêk- «é máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo». Por tanto, dentro da lóxica marxista da agudización das contradiccións levando as forzas productivas ao seu límite, cabe que para saír do capitalismo só quede acelerar o proceso, levalo ao extremo, e consumar o destino inevitable da súa obsolescencia. Son as teses chamadas ‘aceleracionistas’ (por exemplo, de Nick Land), que pretenden extremar as condicións do capitalismo e conflúen así co máis extremo neoliberalismo -que para realizarse precisa dun espazo ‘off shore’ fóra de toda regulación política (os paraísos fiscais como condición para a circulación do capital), ou proclamar directamente a obsolescencia do humano, como dicía Günther Anders a propósito do programa nazi.
Por tanto non se pode menosprezar a potencia do sistema nin pensar que con ser antisistema xa hai un programa. É difícil saír do sistema-mundo, desaparecer da rede (supoñendo que sexa unha posibilidade).
Máis tamén cabe un aceleracionismo con aspiración de programa político e talante de esquerda (ver ‘Manifiesto por una política aceleracionista’, de Alex Williams e Nick Srnicek), que buscaría coa aceleración tecnolóxica non o delirio da desregulación total senón unha reprogramación social acorde co mundo das redes. Todo moi incerto aínda, cuestión de vectores e velocidade; e cunha dificultade engadida: que para construir un novo suxeito político e ter perspectivas de superar o sistema sería preciso chegar a un extremo do capitalismo máis aló do que… a verdade é que non hai maneira de encher aínda ese puntos suspensivos. Hai que acudir de novo a Jared Diamond, que nos ilustrou nun famoso libro anterior sobre as variadas razóns, económicas e tamén ecolóxicas e culturais, que levaron ao ‘colapso’ a distintas civilizacións. Aí chegamos, á desaparición final dun longo ciclo histórico e quen sabe se humano, pero ese é o taboleiro de xogo das loitas futuras. O que nos xogamos de aquí a poucas décadas.

Publicado no Progreso o 31-5-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario