Xosé Ramón Cando Vázquez
A ideoloxía político-económica aceptada
comunmente defende que, no marco da economía de mercado, o crecemento do PIB
supón de xeito mecánico o incremento dos postos de traballo polo que a acción
de goberno neste eido consiste en eliminar os atrancos que dende unha
concepción mais social do estado
(constitucionalmente España defínese como un estado social) se
teñen establecido de cara ao que se
entendía como ben común e que poden dificultar o mencionado crecemento e, como
consecuencia, impedir a recuperación do emprego.
Esta posición ideolóxica que permite xustificar a
paulatina proletarización do traballo ten unha eiva fundamental, non responde á
realidade actual. A gradual substitución do ser humano por elementos
procedentes da robótica, a informática, a telemática, etc., asociada a procesos
de deslocalización da produción, establecen variables que os ideólogos oficiais
non contemplan pero que, no mencionado marco político-económico, conducen á
frustración e a desesperanza a boa parte de cidadáns e cidadás, nomeadamente a
aqueles que teñen que se converter nos piares da sociedade, a xente moza que
remata o seu período de formación.
Unha das alternativas a esta ideoloxía dominante
e aos seus “disfuncionais” efectos,
debatida xa dende os anos oitenta, é a “renda básica”, concepto non estritamente
unívoco ao que tentaremos aproximarnos:
Dende unha perspectiva, fundamentalmente ética, a
Rede Renda Básica define este concepto como un ingreso pagado polo estado, como
dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou residente da sociedade,
mesmo se non quere traballar de forma remunerada, sen ter en consideración se é
rico ou pobre ou, dito doutra maneira, independentemente de cales podan ser as
outras posibles fontes de renda e sen importar con quen conviva. Partillando
esta definición o economista Santiago Niño defende que hai que “garantir o
sustento mínimo a unha poboación que sendo activa xa non é necesaria"
Ramiro Pinto (Arenci), dende unha óptica mais
funcional, na súa obra: “Los fundamentos
de la Renta Básica y la perestroika del capitalismo”, formula con base na Taxa Tobin o que chama Taxa RB na que
aquela, limitada aos movementos de capital, se estende a todo beneficio de
carácter especulativo, a toda revalorización económica que non corresponda con
economía produtiva. Esta taxa non debe servir para financiar os servizos
sociais ou as pensións, debe distribuírse directamente a cidadáns e cidadás. As
principais vantaxes económicas serían: a) mellorar o funcionamento do sistema
monetario ao que ofrece estabilidade, b) eliminar a pobreza nos países
desenvolvidos, c) favorecer o desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo
facilitando e promovendo a deslocalización produtiva.
Aínda que sen abranguer ao conxunto da poboación,
están a desenvolverse diversos modelos
de renda básica en diferentes países e mesmo no Estado Español nalgunhas
comunidades autónomas, porén o caso mais salientable é o de Suíza onde a
cidadanía decidirá en referéndum sobre a proposta de outorgar, por parte do
estado, a cantidade de 2500 francos (uns
2000 euros) mensuais a cada persoa maior de idade. Esta iniciativa nace do
descontento popular ante a crecente desigualdade salarial produto da xestión da
crise económica. O comité popular que promove esta iniciativa, apoiada xa por
mais sinaturas das precisas para a celebración da consulta, ten como último
obxectivo “proporcionar unha rede de seguridade financeira á poboación”.
Parece ser que no país helvético é posible
afrontar orzamentariamente esta medida pero moitas persoas se preguntarán se
tamén sería factible algo semellante en España. Para iso é preciso cuantificar
dita renda básica e, tendo en conta que o limiar de pobreza se sitúa arredor
dos 7000 euros anuais para unha persoa que vive soa, o mencionado ingreso debe
estar por enriba desa cantidade. Ramiro Pinto deixa claro que coa súa Taxa RB é
perfectamente posible, Daniel Raventós dende Rede Renda Básica non ten ningunha
dúbida, garantindo ademais que dereitos como a sanidade e a educación non se
verían afectados negativamente na súa financiación.
Neste artigo non é posible abordar con mais
amplitude un asunto tan complexo como o que nos ocupa, polo que o obxectivo non
está tanto na información a que calquera pode ter acceso, como na interpelación
sobre a realidade e a diversidade de alternativas que existen, mais ou menos
diverxentes, para enfrontala.
Publicado no Progreso o 6-9-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario