Mar Carballo Cela
A filósofa estadounidense Martha C. Nussbaum achega na súa recente obra
‘Emocións políticas: por que o amor é importante para a xustiza?’ unha idea
imprescindible, creo eu, para afrontar os retos da democracia actual: todo
sistema político necesita sustentarse sobre aquelas emocións que lle sexan máis
propicias para perdurar, e debe facer o necesario para fomentalas.
Habitualmente, tendemos a asociar a manipulación emocional cos réximes
totalitarios, réximes que inculcan na cidadanía o temor á disidencia solitaria,
á dependencia infantil, ou ao orgullo nacional unido sempre ao desprezo e ao
odio cara algún inimigo. Este tipo de sentimentos, impostos mediante a
coacción, son os que fan posible que todo un pobo soporte sen rebelarse longos
anos de dictadura. Pero os sistemas democráticos tamén se manteñen grazas ás
súas adhesións emocionais propias: fundamentalmente o respecto e a simpatía
cara aos diferentes, ao amor á liberdade e á honestidade e a indignación ante a
inxustiza; e a única forma de que estas emocións arraiguen é mediante a
educación.
Na nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), o
obxectivo primordial é fomentar o talento, entendido este como o
desenvolvemento das capacidades que lles permitan aos individuos competir con
éxito no mercado laboral globalizado. Parece que non se contara con eles en
absoluto para o coidado e o progreso do sistema democrático, só se espera que
sexan traballadores competitivos dispostos a unha alegre mobilidade social
(emigrantes). Para iso deben, ademais das disciplinas propias da profesión,
saber idiomas e manexar as novas tecnoloxías. No tocante a todo o demais, ou
sexa, á ‘banal’ tarefa de asumir unha cidadanía responsable que garanta a paz e
a xustiza social, non hai necesidade de que reciban instrución ningunha, basta
con que obedezan. É curioso o pouco respecto que se amosa cara un dos logros
máis importantes da humanidade, que tanto esforzo e sufrimento costou
construír, e que agora vemos corromperse nas mans de novos tiranos e
saqueadores. A este respecto resulta moi actual a alusión que facía Platón á
democracia da súa época, tamén corrupta, na obra ‘Menéxeno’: «Uns chámano
goberno do pobo, outros danlle outro nome, según lles prace, pero é, en realidade,
un goberno da elite coa aprobación da maioría. Porque reis sempre temos, unhas
veces sono pola súa linaxe, outras por elección».
E afondando máis no tema da tiranía, sorpréndeme gratamente que no século
XVI un mozo humanista francés (por suposto, completamente ignorado polos canons
académicos aínda na actualidade) escribira con gran mestría unha pequena obra
titulada ‘Discurso sobre a servidume voluntaria’. Chamábase Étienne de La
Boétie, e aquí analiza a lexitimidade do poder político e as razóns que levan a
que todo un pobo sexa submiso. Distingue tres clases de tiranía: pola forza das
armas, por sucesión hereditaria e por elección popular, e conclúe que en todas
elas os pobos, pese a todo empeño por sometelos, sempre teñen na súa man acadar
a liberdade: basta con desexalo, deixando de servir a quen os domina sen
necesidade de utilizar a violencia. Pero o que máis chama a atención é outra
vez a actualidade do símil que emprega para describir o trato que un tirano
electo lle dispensa ó seu pobo: «tratan os pobos como touros que deben
domarse», ou sexa, gando doméstico que traballe e obedeza. E cando sufran
algunha inxustiza ou agravio, que busquen amparo en solitario baixo o paraugas
do cacique axudando así a tecer a rede que sustenta o seu poder, «a pirámide da
opresión» en palabras de La Boétie. Deixan así reducida a nosa actividade
cidadá á mera adulación.
A ilusión por construír e conservar unha sociedade pacífica, honesta e
solidaria é o maior patrimonio que moitos dos nosos antepasados nos legaron, e
así debería constar nas primeiras páxinas de calquera proxecto pedagóxico
verdadeiramente democrático. Se non educamos para amar iso, subsidiariamente
careceremos de todo o demais, porque non debemos olvidar que non hai conquistas
definitivas e cada xeración debe aprendelo todo de novo. Pero tal intención
parécenlles ás nosas autoridades educativas unha banalidade carente de sentido
realista, ou máis ben charlatanería perigosa que contamina as mentes dos
futuros traballadores, obstaculizando así os obxectivos de lucro que inspiran
as súas leis orgánicas.
Se algúns loitaron por converter a política nun proxecto común ilusionante
que nos permita mellorar as vidas, outros transfómana nunha experiencia triste
e decepcionante que alonxa ao individuo dos seus semellantes e o devolve á
loita cruel, solitaria e desesperanzada. Quérennos moi bos técnicos, pero
humanamente degradados… Hai mellores cómplices?
Publicado no Progreso o 6-12-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario