III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 10 de octubre de 2015

Prostitución, o oficio máis vello do mundo?



María Isabel Sánchez Corral

Hai certos datos de interés que nos poden axudar a entender: O 90% das persoas que exercen a prostitución son mulleres, o 3% homes e o 7% transexuais; o 87% son mulleres migrantes procedentes de América Latina, África Subsahariana e nos últimos anos de Europa do Leste -aínda que coa crise as mulleres españolas vense forzadas a voltar a esta situación-; catro millóns de mulleres e nenos en todo o mundo están sendo víctimas da trata e o tráfico con fines de explotación sexual (Informe Poboación de Nacións Unidas); un 70% de homes declaran demandar nalgún momento da súa vida a prostitución doutra persoa, e 12.000.000 millóns de dólares move a industria do sexo anualmente no mundo. Segundo negocio máis importante, superando ao tráfico de drogas e de armas.
A prostitución segue sendo un tema controvertido, con moitos intereses, con distintos posicionamentos, pero cunhas vítimas claras que sofren as consecuencias nun mundo cunha tendencia a relativizalo todo e a socializar a súa normalización.
É a prostitución un traballo ou unha forma de subordinación específica das mulleres? Cal é a situación das prostituídas? As respostas a estas cuestións, tanto a nivel teórico como práctico, son as que nos dan unha visión clara sobre este tema.
No século XVIII conceptualízase a creación das sociedades a partir dun contrato. Hai unha serie de dereitos naturais: liberdade, igualdade,etc. tanto a nivel político como social pero non para as mulleres. Pregúntanse neste momento os pensadores se poden construír unha sociedade libre e igualitaria. A resposta no imaxinario político é afirmativa, nacendo así as democracias formais onde non se dá a igualdade e menos para as mulleres. Locke establece o contrato liberal: dáse un pacto de asociación pero exponse un posible caos e realízase un pacto de suxeición: eliximos un xefe e sometémonos a el. En cambio para Rousseau un home non pode decretar a súa escravitude. Para o ilustrado francés o contrato non pode ser lexítimo se unha das partes ten dereitos formais sen contidos.
Xa no século XIX Marx seguindo a Rousseau non sen certa sospeita, dinos que ante unha situación de extrema necesidade non se é libre para contratar.
A pregunta que xorde é por que un contrato que nos parece ilexítimo cando nos referimos aos traballadores, non nolo parece tanto no caso das mulleres prostituídas, tomando así unha posición liberal.
Carole Pateman no seu libro ‘O contrato sexual’ dános a clave ao explicarnos que o contrato social esta precedido dun sexual. As mulleres foron apartadas fraternalmente, sendo confinadas ao ámbito doméstico, sen dereitos. No dereito patriarcal, o contrato sexual fundaméntase no dereito de acceso ao corpo das mulleres, a través da regulación dun contrato matrimonial ou da prostitución.
Un contrato dunha prostituta e un prostituidor podería ser legal pero non lexítimo, a situación de subordinación e desigualdade é clara. No traballo retribuido o que se vende é unha actividade, sexa produtiva de obxectos (actividade artesanal ou industrial), sexa prestadora de servizos (domésticos, educativos, médicos,etc.). Non se vende nin aluga o corpo, nin a intimidade. Todo ser prosituído se deshumaniza, o escravo perde a súa condición de persoa.
A prostitución é a utilización dun corpo por un usuario para a súa satisfacción. Cómprase o acto sexual, libres para comprar e libres para vender. Nesa lóxica discursiva a seguinte liña é que o que paga manda.
Neste suposto mercado só un 5% da prostitución exércese libremente. A pregunta que nos facemos é que métodos utilizaron para as 95% restantes: malos tratos (50%), abuso sexual (53%), reclamo ficticio de traballo, peche, ameazas con violencia, alcohol, drogas, secuestros, explotación infantil...
A prostitución é un produto do sistema patriarcal onde se subordina ás mulleres. Dentro do sistema capitalista, como diría Carlos Paris coa súa acepción do panmercantilismo todo se volve mercadoría. Aséntanse así os eixos dun sistema en crise. Prostitución, armas, drogas e construción. As mafias souberon levar o ideal capitalista de «máximo beneficio a menor custo» á súa máxima expresión a través da prostitución. As drogas ou as armas necesitan investimento, as mulleres supoñen un custo cero (na maioría dos casos pagan na procura dunha vida mellor).
A prostitución xerou distintos posicionamentos. Os que se fundamentan en que é inevitable e que debe haber mulleres dispoñibles para satisfacer as necesidades dos homes. Dentro destes, por unha banda o prohibicionismo, que carga sobre as mulleres, castigándoas, baseado nunha actitude conservadora ligada a unha moral catolicista, dobre moral que consente mentres non sexa visible e evidente. E o reglamentarismo ou regulacionismo.
Este último parte desa inevitabilidade, da súa existencia ao longo do tempo, sen cuestionarse o feito mesmo, invocando un discurso naturalista. Regularízase para que as prostitutas teñan mellores condicións, para acabar coa trata. Porque é unha cuestión de mercado, hai oferta e demanda, polo tanto hai que regular. Eses son algúns dos argumentos dos que defenden a regularización. Pero o que nos atopamos é que a regularización só significa a liberdade do cliente, nunca da prostituta e a institucionalización do proxeneta. Leva á identificación permanente das persoas prostituídas (tarxeta sanitaria) e o acotamento dos espazos (macroburdeles), vertebrando así dous eixos: O mal social e a saúde -acta para o consumo? Identificación de proxenetas organizados baixo o nome de Anela-. O que se regulariza é o proxeneta que poderá cotizar en bolsa, como en Australia, e o branqueo de diñeiro.
Pero tamén haberá que asumir as consecuencias. Se o corpo é un obxecto entón pode mercantilizarse establecendo a asimetría nas relacións, non somos iguais, polo tanto: as mulleres somos obxectos, pódesenos comprar, servimos para a satisfacción dos homes. Estariamos regulando a submisión e neste contexto non poderiamos educar na igualdade. O único que se faría lexitimando a prostitución sería convertela nun instrumento de control patriarcal e de suxección sexual das mulleres, cun efecto negativo non só sobre as mulleres e as nenas que están na prostitución senón sobre elas como grupo. A función sería estar ao servizo sexual dos homes. Podemos educar na igualdade con mulleres detrás de escaparates como mercadorías, ou haberá futuro laboral para as nosas fillas?
Por último, o abolicionismo define a prostitución como unha forma de violencia de xénero, cuestionan as leis reglamentaristas, non separan tráfico de prostitución xa que o tráfico abastece os prostíbulos. Avogan para que o poder público interveña contra os que organizan, promoven e inducen á prostitución. Crear unha rede de protección sobre e para as mulleres prostituídas dándolles os seus dereitos a través de políticas públicas. Visualizar o prostituidor xa que non se pode considerar unha forma de lecer senón de explotación e excravitude. A prostitución é froito do patriarcado e hai que combatela, pero iso significa dotar de dereitos económicos, políticos e sociais ás mulleres prostituídas.

Publicado no Progreso o 19-9-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario