III Foro "Lugh Augusti"

viernes, 20 de noviembre de 2015

Cidadanía aprazada



Gonzalo Pérez López

O que subcribe é un dos perennes aspirantes a acadar a categoría de cidadán que, condicionado pola implacable ditadura dos anos, empeza a desesperar de acadala algún día.
Padecemos o franquismo, que prohibiu por decreto ata o uso mesmo da palabra, máis tarde o franquismo sen Franco deu paso á democracia formal pola que transitamos e que, aínda que recuperou a palabra, empregándoa en van ata a saciedade, ao transcorrer o tempo sen concretarse nunca na realidade, acabou por converterse nunha entelequia.
Constatar a evidencia de que a división e independencia de poderes propias do Estado de Dereito non están asentadas neste país, supón confirmar que a democracia está lonxe de estar consolidada, competindo entre eles por liderar a xeración de desconfianza entre os aspirantes á cidadanía. Deles, o poder xudicial, que ademais de controlar os outros ten a obriga de autocontrolarse, non é o que menos receo provoca entre nós. Parece difícil isto tendo en conta a erosión da credibilidade que sofren os outros poderes, pero as consecuencias que, por acción ou omisión, se derivan das súas decisións e os reiterados brotes de connivencia máis ou menos explícita co Executivo, acabaron minguando tanto a nosa confianza nel que tememos estar bordeando a inconsistencia e a inseguridade xurídica, impropias dun estado democrático.
Rights International Spain, Greco (Grupo de Estados contra a corrupción do Consello de Europa), mesmo Foro Xudicial Independente (non o son todos?) e Xuíces para a Democracia (hainos contra ela?), veñen denunciando a falta de garantías e as graves inxerencias do executivo na independencia do poder xudicial, con especial incidencia no Tribunal Constitucional e no CGPJ. Pero non pretendo apoiarme neles para avalar a miña reflexión, senón aproximar a ese decisivo poder, endogámico ás veces e case sempre obstinado en manter formas, actitudes e criterios decimonónicos, á visión, errada ou non, que temos del os aspirantes á cidadanía.
Non é doado comprender que se condene a varios anos de cárcere os que esixen o dereito constitucional ao traballo que garanta a nosa dignidade, mentres os que atentan contra ela se paseen impunes tras saquear o erario público, basicamente alimentado polas rendas do traballo xeradas precisamente polos condenados.
Tampouco resulta asumible a redución á mínima expresión polo Executivo, por intereses puramente económicos, da xustiza universal, co silencio cómplice dos que debían denuncialo por tratarse dun atentado á universalidade dos dereitos humanos.
Máis enviciado, se cabe, resulta que moitos dos que ampararon a corrupción, por beneficio directo ou omisión consciente, ocupen cargos da máxima responsabilidade nos distintos gobernos do estado sen que a fiscalía, que pretensiosamente se denomina anticorrupción, adopte medida algunha, ou que esa mesma fiscalía pareza exercer de fiscal ou defensor en función da relevancia económica, social ou política do presunto/a corrupto/a.
Non resulta aberrante que a Reforma da lei reguladora do CJPJ se oriente a restarlle democracia interna e independencia co silencio cómplice deste poder? Non dá a impresión de que o fiscal xeral do Estado confunde estado e goberno? E a LOP, non restrinxe gravemente a intervención democrática da sociedade civil?
Algúns prebostes da Administración de Xustiza aducen ignorancia da «técnica xurídica» para explicar a indignación dos demandantes de cidadanía. Pero se a razón das dispares actitudes na persecución dos delitos ou na imposición de penas fose a aplicación desa «técnica», parece obvio que a lexislación na que se basean mutilaría a vía da equidade, pero facilitaría algún perverso subterfuxio que permite simultaneamente salvagardar os intereses dos poderosos e asañarse cos máis débiles.
Aínda concedéndolles aos lexisladores e aos xuíces o beneficio da dúbida sobre avesas intencións, a realidade é que non hai ningún responsable, xudicial ou político, que intente restaurar a nosa confianza e, o que é peor, o distanciamento da sociedade, que parece intrínseco ao exercicio destes poderes, provoca un medo, alimentado pola suposta arbitrariedade, que inmobiliza o aspirante a cidadán e blinda aqueles fronte a calquera intento de crítica, elevando a lei á categoría de verdade absoluta, confundindo legalidade e moralidade e afastando o dereito do ideal moral de xustiza.
Se os poderes aludidos emanan do pobo, como non vai ter dereito o pobo a esixir xustificación do uso que aqueles fixeron do poder que delegou neles? Non é unha concesión, é unha obriga dos poderes do Estado dar unha resposta racionalmente argumentada cun nivel máximo de intelixibilidade que despexe as dúbidas que nos atenazan e nos permita retomar o camiño cara á conquista da sempre postergada cidadanía plena e universal.

Publicado no Progreso o 7-11-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario