José Domingo de Prada
Non sei se a seguinte situación lles di algo: hora de comer/cear,
televisión accesa na cociña, charla desinteresada co ruído de fondo que chega
do aparato e de pronto, comezan a falar e amosar imaxes de refuxiados,
atentados, miserias, fames, deportacións ou crueldades tales que descualifican
a calquera que se asome a elas. A un, sentado ante a mesa e asentado no
primeiro mundo, se lle fai un pequeno nó na gorxa que impide o fluído trasfegar
do bolo alimenticio. Rubricamos un ricto de indignación (breve, hai que
recompoñer a faciana para facilitar a deglución), pronunciamos unhas verbas
contra a inxustiza e a depravación social (allea, nós non formamos parte dela),
botamos unha ollada aos nosos familiares (que nos recompensan pola actitude
moral superior que acabamos de amosar) e continuamos, a partir dese momento,
coa comida que espera no prato, coas novas imaxes que nos serven na pantalla e
cos nosos lacerantes problemas cotiás. Así, entre todos conseguen que esquezamos aqueloutras imaxes
tan desacougantes, distantes, alleas.
Lembran o que se indignaron coa imaxe do neno sirio afogado na praia? a que
esa indignación decaeu co segundo neno afogado? a que despois de velos mortos,
velos tremelar de frío xa non impresiona? a que estamos criando callo ante o
sufrimento alleo? e, a que o callo e cada día máis grande e máis duro, tanto,
tanto coma unha coroza?
Pois velaí que a algúns nos dá de cando en vez por escarvar no callo, e
resulta que debaixo del a carne é máis sensible. É doloroso, pero haino que
facer; non para poder manter ergueita a mirada, a iso non temos dereito ninguén
do primeiro mundo, senón só para non sucumbir ante a nosa ignominia moral. O
que ocorre nas fronteiras de Centroeuropa, no corazón de África, no Oriente
Medio, en Asia ou América do Sur, é responsabilidade do Occidente limpo e
benpensante, dos pulcros cidadáns consumidores de produtos inmaculados, dos
suxeitos de dereitos carentes de deberes, daqueles que non ven alén do seu
embigo ou o seu interese. Como a periodista serbia, cambadelamos aos que máis o
necesitan, e coma ela, despois demandámolos por interpoñerse no noso camiño.
Mal que nos pese, parecémonos máis a ela que ao pai que cae co fillo en brazos.
Di Michel Foucault que hai momentos
nos que mirar e pensar de forma diferente é a única posibilidade para seguir
observando e reflexionando. Creo que este é un deses momentos, porque nós,
cegos pola sobreexposición ás imaxes, temos que aprender a mirar de novo se
queremos ver algo; porque apampados polo
exceso de información banal que consumimos desaforadamente, temos que aprender
a pensar outra vez desde a simplicidade do natural e desde a complexidade do
humano.
Necesitamos facer este exercicio de renovación da mirada e do pensamento,
non só porque nós somos o punto de encontro das crueldades e miserias da
humanidade, en palabras de Gluksman, senón tamén, e sobre todo, porque nós
somos a única posibilidade de superación desas mesmas crueldades e miserias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario