Mar Carballo Cela
A mediados do século XIX o diputado a Cortes ourensán Urbano Feijóo
Sotomayor puxo en marcha, co beneplácito real, a Compañía Patriótico Mercantil
coa intención de axudar ós seus compatriotas galegos pobres á vez que favorecer
a economía da Cuba colonial. O experimento consistíu no monopolio para
introducir na Illa de Cuba a traballadores galegos durante 15 anos,
incorporándoos nas empresas azucareiras e cafeteiras, xa que a prohibición do
tráfico de escravos africanos requería agora facerse con man de obra barata.
Isto permitiría, ademais, “branquear a poboación” da zona para impedir a súa
“perigosa africanización”. Con este propósito partiron dos portos galegos 1.742
braceiros cuns contratos laborais inhumanos, aceptando condicións que ían desde
o maltrato físico ata xornadas de 16 horas. O certo é que o espírito
emprendedor do tal Urbano levouno a ver o píngüe negocio que supoñía
aproveitarse da extrema necesidade dos desposuídos dun sistema abusivo e inxusto na súa terra.
Estamos no contexto europeo do capitalismo industrial e a súa expansión.
Casos como este non eran nin moito menos excepcionais, senón a base sobre a que
se construíu dito sistema, substituíndo escravos por traballadores formalmente
libres que máis ben podían ser definidos como os escravos da nova era
industrial da producción en cadea.
Este tipo de relación laboral indecente, amparada por unha legalidade ó
servizo dos ricos, foi unha constante ó longo da historia do capitalismo,
obrigando ós traballadores a duras loitas reivindicativas pola súa
supervivencia e dignidade. Só basta volver a mirada a datas moito máis
recentes, ós anos 60, para atopar de novo a emigrantes españois fletados en
trens, esta vez cara á Alemaña, resignados a vivir en barracóns a pe de fábrica
nos que poder descansar o maltreito corpo despois de interminables xornadas.
Estas prácticas afondan as súas raíces nas orixes mesmas da
industrialización: nos séculos XVIII e XIX
en Inglaterra, as “actas de cercamento” obrigaban ós campesiños a
comprar as terras que nese momento traballaban en réxime comunitario. A
imposibilidade de facer fronte a estes custos deixou tras de si unha gran masa
de desposuídos cuxa única oportunidade de sobrevivir era aceptar o traballo que
a industria nacente necesitaba, un traballo en condicións abusivas amparado
pola legalidade que protexía os intereses dos grandes propietarios. A partir de
aquí a historia repítese: xentes desposuídas, sen ningún tipo de representación
política, ó servizo dos ricos que tomaban os parlamentos.
Pero é que na actualidade, as grandes multinacionais que deciden o destino
do mundo seguen impoñendo as condicións políticas que máis lles favorecen para
sustentarse e medrar ó amparo de relacións laborais infames en todo o planeta.
E a deriba laboral á que estamos asistindo nos últimos tempos en Europa non é
máis que un anticipo dos plans que teñen para a futura clase traballadora:
render máis e máis aló do que o corpo e a mente poden dar. Tal parece que non
se tivese intención de desvincularse da orixe etímolóxica da palabra
“traballo”, que fai referencia ó sufrimento do corpo, “tripalium”: xugo feito
con tres paus onde amarraban ós esclavos para azoutalos.
Publicado no Progreso o 20-2-2016