miércoles, 24 de febrero de 2016

Explotación laboral




Mar Carballo Cela

A mediados do século XIX o diputado a Cortes ourensán Urbano Feijóo Sotomayor puxo en marcha, co beneplácito real, a Compañía Patriótico Mercantil coa intención de axudar ós seus compatriotas galegos pobres á vez que favorecer a economía da Cuba colonial. O experimento consistíu no monopolio para introducir na Illa de Cuba a traballadores galegos durante 15 anos, incorporándoos nas empresas azucareiras e cafeteiras, xa que a prohibición do tráfico de escravos africanos requería agora facerse con man de obra barata. Isto permitiría, ademais, “branquear a poboación” da zona para impedir a súa “perigosa africanización”. Con este propósito partiron dos portos galegos 1.742 braceiros cuns contratos laborais inhumanos, aceptando condicións que ían desde o maltrato físico ata xornadas de 16 horas. O certo é que o espírito emprendedor do tal Urbano levouno a ver o píngüe negocio que supoñía aproveitarse da extrema necesidade dos desposuídos  dun sistema abusivo e inxusto na súa terra.
Estamos no contexto europeo do capitalismo industrial e a súa expansión. Casos como este non eran nin moito menos excepcionais, senón a base sobre a que se construíu dito sistema, substituíndo escravos por traballadores formalmente libres que máis ben podían ser definidos como os escravos da nova era industrial da producción en cadea.
Este tipo de relación laboral indecente, amparada por unha legalidade ó servizo dos ricos, foi unha constante ó longo da historia do capitalismo, obrigando ós traballadores a duras loitas reivindicativas pola súa supervivencia e dignidade. Só basta volver a mirada a datas moito máis recentes, ós anos 60, para atopar de novo a emigrantes españois fletados en trens, esta vez cara á Alemaña, resignados a vivir en barracóns a pe de fábrica nos que poder descansar o maltreito corpo despois de interminables xornadas.
Estas prácticas afondan as súas raíces nas orixes mesmas da industrialización: nos séculos XVIII e XIX  en Inglaterra, as “actas de cercamento” obrigaban ós campesiños a comprar as terras que nese momento traballaban en réxime comunitario. A imposibilidade de facer fronte a estes custos deixou tras de si unha gran masa de desposuídos cuxa única oportunidade de sobrevivir era aceptar o traballo que a industria nacente necesitaba, un traballo en condicións abusivas amparado pola legalidade que protexía os intereses dos grandes propietarios. A partir de aquí a historia repítese: xentes desposuídas, sen ningún tipo de representación política, ó servizo dos ricos que tomaban os parlamentos.
Pero é que na actualidade, as grandes multinacionais que deciden o destino do mundo seguen impoñendo as condicións políticas que máis lles favorecen para sustentarse e medrar ó amparo de relacións laborais infames en todo o planeta. E a deriba laboral á que estamos asistindo nos últimos tempos en Europa non é máis que un anticipo dos plans que teñen para a futura clase traballadora: render máis e máis aló do que o corpo e a mente poden dar. Tal parece que non se tivese intención de desvincularse da orixe etímolóxica da palabra “traballo”, que fai referencia ó sufrimento do corpo, “tripalium”: xugo feito con tres paus onde amarraban ós esclavos para azoutalos.

Publicado no Progreso o 20-2-2016

domingo, 14 de febrero de 2016

Filosofía e Progreso




M. A. Martínez
 
Os días 17, 18 e 19 de febreiro celébrase o IV Foro de Filosofía da cidade de Lugo organizado polo Grupo Doxa de Filosofía. O  tema deste ano é “Filosofía e progreso”. O título non é casual. A día de hoxe hai un bloqueo (político) da potencialidade revolucionaria (crítica) da idea de progreso. Tamén un ataque (gobernamental) á filosofía. Son fenómenos correlativos. A idea de progreso redúcese a perfeccionamento tecnolóxico. A filosofía sufre restricións moi graves no seu exercicio público. Quen rexeita a filosofía soe negar a posibilidade do progreso moral (nas persoas) e político (nas sociedades). Pensemos no actual declinar das ideas de ben común e xustiza. E no sorriso escéptico que esperta a idea dunha sociedade mellor. Individualismo e cinismo son os seus efectos. Que relación existe entre progreso social e filosofía? Como contribúe a filosofía ao benestar colectivo?
Progresar é crear novas posibilidades de vida boa para as persoas. Tamén é dispoñer de capacidade de resistencia contra o mal moral, o horror político, a asneira asociada á corrupción transversal. O progreso é filosófico. Por que?
1. Nas sociedades existe engano, trampa, mentira. Mais quen se compromete a buscar, examinar e argumentar a verdade asume un compromiso filosófico. Chomsky, Vattimo, Adela Cortina, Lledó, Sádaba, entre outros, instan a dicir a verdade. Desmontar argumentos falsos é unha disposición que se aprende grazas á filosofía. Resulta de proveito para a sociedade. De tal xeito, a filosofía impregna o auténtico ethos profesional de calquera profesión (médico, científico, xornalista, etc).
2. As pseudociencias (astroloxía, economía neoclásica, cosmoloxía creacionista, revisionismo histórico, parapsicoloxía, entre outras) e pseudosaberes (coaching, mercadotecnia, “bloguerismo”, por dicir algúns) teñen éxito. Son discursos que non se someten a proba, cometen fraudes, son dogmáticos, rexeitan a crítica, os seus principios son incompatibles cos máis seguros da ciencia, só buscan a rendibilidade económica, obstaculizan a investigación da verdade. A filosofía deita luz sobre estas manipulacións. Nesta tarefa o filósofo Mario Bunge xa foi galardoado con vinte doutoramentos honoris causa.
3. Todos os saberes están sacudidos por controversias que teñen unha forte compoñente filosófica. Problemas lóxicos, como os da estrutura das argumentacións en neuroloxía e computación; éticos, como a eutanasia e a experimentación animal; políticos, como o uso da enxeñería social para a organización e gobernanza da sociedades. Neles filosofía e ciencia solápanse. A filosofía amplía horizontes, establece pontes entre dominios científicos diferentes creando novos obxectos, disciplinas e argumentos. Lembremos o impacto mundial da reflexión lóxica de Saul Kripke, ética de Peter Singer e política de Martha Nussbaum.
A filosofía é creación de pensamento. Tamén innovación que establece novos niveis de consciencia crítica e autoconsciencia. De aí as súas repercusións nas sociedades da información e a comunicación: atravesa as artes, a ciencia, a técnica; penetra na moral persoal e impulsa á práctica da democracia; axuda a loitar contra a corrupción política e social. É un refuxio para a verdade e a liberdade. Inspira, xa que logo, un novo xeito de progreso social. Todos estamos convidados a pensar nel.

Publicado no Progreso o 13-2-2016

Woodstock




Xosé Ramón Cando Vázquez

Conta Platón que, co gallo de festexar ao dramaturgo Agatón, reuníranse, tempo atrás, persoeiros prestixiosos da cultura de Atenas nun banquete no que, rematada a comida e correndo o viño en abundancia, os presentes decidiron pronunciar, sucesivamente, discursos en louvanza do deus Amor. Non e propósito deste artigo enguedellarse coas distintas aportacións  surxidas en tan memorable ocasión senón utilizala como pretexto para traer aquí outra forma de banquete que tamén tivo lugar fai uns cantos anos e que, igualmente, resultou un acontecemento digno de ser lembrado. Entre ambos hai escasas coincidencias pero, se cadra, convén poñelas de manifesto porque Woodstock 1969 tentou tamén facer unha louvanza coral do amor, con mais de medio millón de persoas. Así mesmo, a intensidade do panexírico gardaba relación, en ambos casos, co consumo de substancias que, en maior ou menor medida, alteraban a conciencia dos presentes.
O festival de Woodstock ao que se fai referencia figura como o mais salientable de todos os que se teñen producido, o mais sentido, o mais estudado e o que xerou unha maior ansia de repetición. Seguramente non foi o mellor canto a calidade dos e as actuantes (O cartel do de Monterrey 67 era mais impresionante), o escenario era bastante mellorable, a calidade do son non era, precisamente, exquisita e, en xeral, a organización, probablemente desbordada pola inesperada cantidade de público, foi incapaz de prestar os servizos que serían precisos. Haberá que buscar logo a causa do seu suceso noutros parámetros que, seguramente, teñen menos a ver co aparente do festival e mais con posicións ideolóxicas e, sobre todo, con disposicións de carácter mais emotivo que racional.
En Woodstock eclosiona a cultura hippie que se viña desenvolvendo na segunda metade da década, dende os seus inicios en San Francisco. Hai autores que vinculan este movemento coa filosofía de Marcuse, en concreto, coas súas obras “O home unidensional” e de xeito mais directo con “Eros e civilización”. Por certo que, xa xubilado, Marcuse comezou en 1965 o seu labor docente na universidade de San Diego (California). É ben coñecida a cualificación de freudomarxista que se aplica a este filósofo, integrante da Escola de Frankfurt da que foi un dos iniciadores, cualificación que obedece a súa teima pola superación do traballo alienado e pola desaparición das represións de carácter sexual que, a diferenza de Freud, non considera imprescindibles para a estabilidade social.
Unha das críticas que de maneira mais reiterada se ten feito da cultura que en Woodstock se expresa cun formidable impacto social é a da súa inadaptación. Os defensores desa cosmovisión manifestaban que estaban un pouco fartos de pensar racionalmente (racionalidade instrumental?), como, ao seu xuízo, esixía o modo de vida establecido e pretendían substituír este pensar polo sentir, na dobre acepción de sensación e sentimento. Esta pretensión de sentir mostrou a súa ausencia de límites no emprego de sustancias estimulantes e/ou alucinóxenas que se revelarían como extraordinariamente tóxicas para a saúde e que se converterían nunha das razóns da decadencia dunha cultura que, no tempo de  maior esplendor, contou coa participación de varios millóns de persoas esparexidas por todo o mundo.
Compre interrogarse se a mencionada inadaptación era, na súa totalidade, un erro tan grande como se quixo mostrar dende a sociedade benpensante ou hai algo que se pode (se debe) rescatar. Sen poder afondar aquí na cuestión, o certo e que a adaptación, bendecida (sempre a maldición das palabras!) polos que nos dirixen, semella ter importantes “disfuncións” que permiten que nos encamiñemos ao desastre mais absoluto dacabalo de dúas bombas de destrución masiva como son o deterioro do noso medio vital de supervivencia e a ameazadora desigualdade social que, perseverantemente, incrementamos cunha teimosía miope alimentada pola avaricia ilimitada duns cantos.

Publicado no Progreso o 6-2-2016