jueves, 29 de marzo de 2018

Realismo ou pedagoxía


Juan Carlos Fernández Naveiro
 
A filosofía terá un pouco máis de espacio no ensino medio o curso que ven, un pequeno triunfo ao que lle quedan pasos por dar, aínda que vaian conta o sentido dos tempos.
Ensinar filosofía ten moito de ilusión, no dobre sentido de entusiasmo e engano. Un non pode explicar a Platón sen crer en Platón, a teoloxía tomista sen ser un pouco cristián ou a Marx sen ser pasablemente marxista, quen ensina travístese a cada pouco. Despois que cada quen se deite todo o realista que queira, mentres á mañá teña sido suficientemente pedagóxico, eis o contrapunto que nos escinde.
Ensinar é unha representación que debe ser tomada en serio, como fai un neno cando xoga; na vida real fóra do escenario todo pode ser relativizado ou tomado a chirigota, a verdade é que a vida real pode non ser unha cousa moi seria, pero a aula sí, a indumentaria marca, imponse o personaxe. Dentro está a inquebrantable fe do carboneiro: que algún día gobernarán os sabios, que as almas serán redimidas da súa dor, que a sociedade perfecta é un horizonte ao alcance da man, que os males do mundo teñen remedio. Fóra campa a feito o escepticismo ou incluso o nihilismo, en versión tráxica ou naif, que desconfía de todos os intentos de salvación individual ou colectiva porque os ve infectados pola carcoma do medo aos outros, pola rivalidade e as ansias de poder.
Hai cousas que non se deben explicar, que é mellor descubrir por un mesmo. Sería demasiado fácil criticar a armonía clásica sendo posmodernos, como desvirtuar os ritos relixiosos despois da crítica materialista ou desconfiar dos efectos da ciencia despois de Hiroshima. Para ensinar hai que poñerse nun lugar alleo, e facer o posible para que sexan os demáis os que fagan a viaxe alí, a costa de non dicir todo o que lles agarda. Non hai que desvelar demasiados misterios.
Parte do fracaso da educación está en que non desaprendemos suficientemente o que xa sabemos, damos demasiado por sentado. Como dí o pedagogo Philippe Meirieu, de visita hai pouco en España, “os alumnos non van á escola para averiguar que pensa o mestre, senón para saber quenes son eles mesmos” (Frankenstein educador, 1998). Quen ensina está para axudar a descubrir pero tamén para cuestionar certezas, incluidas as propias, e aguilloar a comodidade na que tendemos a instalarnos. O que está confuso debe ser aclarado, como reza o bendito realismo científico que practicamos por horas, pero o que parece estar claro debe ser confundido de novo e posto no seu contexto, relativizado. Por horas o profesor ten que ser un mago da desaparición, un alquimista que saque ouro onde non o había.
O saber que importa transmitir non é o que reporta beneficios materiais senón o que nos fai mellores. Cando se contrapón saber utilitario e saber humanístico non se repara en que as humanidades son imprescindibles se queremos ir máis alá da simple conformidade co que nos ven dado, aínda que parezan inútiles abren os horizontes onde se decide o sentido da experiencia humana.
Por eso no será a defensa do inútil o que contribuirá a prestixiar as humanidades, o que debe matizarse é a idea mesma de utilidade. Reducida a un mero axuste ás demandas do mercado laboral convírtese nunha falacia, xa que realmente non sabemos o que será útil no futuro. Pero non deberíamos distraernos demasiado co futuro. O problema é se nos servirá de algo unha acumulación inxente de coñecementos desvinculados de prácticas emancipatorias, un coñecemento inútil que levaría a asumir a impotencia e interiorizar o entramado da dominación: como a humanidade autoexplotada no “enxame dixital” do que fala Byung-Chul Han (En el enjambre, 2014).
Así que oscilamos entre o realismo dos datos (ou mellor: o hiperrealismo do big data) e unha pedagoxía do coñecemento útil, que sería aquel que está vinculado á perfectibilidade do que somos. Sen esa pedagoxía non hai práctica liberadora. O mundo estará cheo de artefactos intelixentes e de humanos tan ben adestrados como dóciles.

Publicado no Progreso o 24-3-2018

sábado, 24 de marzo de 2018

Impugno a lei do silencio


Gonzalo Pérez López

Se hai un feito na proclamada sociedade da información tendente a desvirtuar, socavar e debilitar a nosa enfermiza democracia, este é a lei do silencio. Cando este silencio, que non emana do dereito senón que o conculca, adquire  forza de lei para o seu obrigado cumprimento nun país que o sitúan entre os formalmente democráticos, a situación deriva en perversa.
Realidades económicas, sociais e políticas, nacionais e internacionais, recentes ou perdurables nun tempo interminable, todas transcendentes para a cidadanía, son minimizadas ou silenciadas polas elites dominantes coa mesma naturalidade coa que planifican o modelo de explotación máis efectivo en cada momento.
A lei do silencio non necesita ser debatida, consensuada, ou argumentada, a impoñen sen miramentos. Precisamente a súa esencia antidemocrática é incompatible co razoamento pero, por se tiveran que facer fronte a alguén que denunciara os silencios  imperantes, dispoñen dunha batería de contrapuntos disuasorios que, a modo de ideas forza, son repetidos ritualmente ata que, normalizadas e interiorizadas, pasan ó acervo popular das falacias. Precisamente por tratarse de falacias non pretenden desmontar racionalmente a denuncia senón, mediante sucesivas descargas dos voceiros do poder hexemónico, matar ó mensaxeiro para evitar que o silencio acabe por tornarse nun clamor esixindo desvelar a realidade ocultada.
Amontóanseme feitos exemplificadores deste proceso de silenciado  coidadosamente programado pola oligarquía española durante as últimas décadas. Así, o escurantismo reinante (literalmente) en torno á monarquía e os seus protagonistas (“o rei trouxo a democracia”, ”parou o golpe” ou “é como un de nós”); os amaños dunha transición que non condenou explicitamente o franquismo e garantiu que os poderes económicos, políticos, xudiciais, militares e policiais transitaran, sen perder un ápice de capacidade de manobra, da ditadura real á democracia formal (“queren cuestionar a nosa modélica transición”); a Lei de Amnistía de 1977 (perdón para os verdugos, aldraxe e esquecemento  para as vítimas), incompatible co Dereito internacional, que impediu ata hoxe xulgar o xenocidio e os delitos de lesa humanidade, imprescritibles, da ditadura (“foi a reconciliación” ou “pretenden reabrir feridas do pasado”); a lista de individuos e empresas defraudadoras do erario público (“dan traballo”) e de “patriotas” beneficiarios da amnistía fiscal (“serviu para recadar algo do que xa estaba perdido”); as inmatriculacións  e a inxerencia espuria da igrexa  na política española (“fai unha inxente labor social” ou “hai que respectar as crenzas maioritarias”); a actividade febril nas cloacas do réxime (“razón de estado”); as selectivas subvencións públicas a organizacións de escuros fins ou a determinados medios (“garanten a liberdade de prensa”); as connotacións políticas do poder xudicial e de moitas das súas decisións inasumibles pola cidadanía (“deixar actuar ós xuíces” ou “respectar o estado de dereito”); as aramadas, o desprezo e o trato inhumano aos inmigrantes (“hai que protexer as fronteiras”); a humillación  do pobo sahariano e o atentado masivo aos dereitos humanos, tanto dos “primos” árabes do rei  (“garántennos petróleo a prezo accesible”) como da ditadura turca (“axuda o frear a inmigración ilegal que pon a Europa en perigo”) e un deprimente etcétera que resulta difícil de frear.
A lei do silencio supón un escarnio á democracia e a esa constitución á que abrazan sen pudor os que a incumpren. Fulmina dereitos como a recibir información veraz, a participar nos asuntos públicos, á seguridade xurídica, ó pluralismo político dos medios públicos ou ó de que a xustiza emane do pobo e sexa administrada por xuíces independentes. Ademais pretende  manter á cidadanía en permanente “minoría de idade” para que asuma a inmoralidade como elemento intrínseco á acción política.
Vaise asentando a impresión de que trala fachada mediática, as veces evasiva e  morbosa, irreal e disuasoria outras, case sempre manipuladora, todo é silencio. Entón, cando a vivencia cidadá oscila entre a cerimonia da confusión interesada e o silencio máis ou menos cómplice, cando os inquisidores, endeusados, pontificadores, salvapatrias e demais fauna autoritaria atopan na ignorancia da realidade silenciada o caldo de cultivo para actuar, a democracia é mera ficción. E isto non é unha figura retórica, é o único claramente perceptible.
Quero pensar que pode quedar algún poro no tecido social polo que poida colarse aire democraticamente fresco, pero, en calquera caso, convén manterse alerta e non esquecer que se a realidade non fora tan teimuda nas súas manifestacións, acabaría por resultar irrecoñecible.

Publicado no Progreso o 10-3-2018

lunes, 12 de marzo de 2018

A discriminación das mulleres



Elías Pérez Sánchez

Ao longo da historia as mulleres foron perseguidas, ignoradas ou descualificadas do mesmo xeito que outros grupos sociais dominados. As súas achegas intelectuais non foron do agrado de moitos sectores políticos nin dos circuítos de control do coñecemento ao longo dos séculos. Aínda que Aspasia de Mileto escribía os discursos de Pericles, a historia relegouna a cortesá de luxo; Aglaonice de Tesalia, capaz de predicir eclipses no século V a. de C., foi recordada como unha vidente; Hipatia de Alexandría sufriu dun xeito descarnado a intolerancia relixiosa incitada por Cirilo de Alexandría —hoxe, San Cirilo—. Na mitoloxía, a muller foi acusada dos peores males a través do mito de Eva ou da Caixa de Pandora.
A idea de que as mulleres pensan dun xeito distinto que os homes serviu tradicionalmente para xustificar a súa opresión: Aristóteles dicía que non dispuñan do grao de raciocinio dos homes, de aí o seu sometemento natural; Kant engadiu que por esa razón carecían de personalidade civil, negándolles voz propia na vida pública. No Emilio, Rousseau resumía os deberes dunha muller: a obediencia e fidelidade ao marido, a tenrura e o coidado aos seus fillos. Tampouco lle recoñecía, xunto con Hegel, a capacidade intelectual suficiente para dedicarse á procura da verdade abstracta e especulativa.
Porén, John Stuart Mill, filósofo liberal do século XIX cimentou boa parte da súa filosofía en dous alicerces básicos: a felicidade e a liberdade. E felicidade e liberdade foron, tamén, o fundamento da súa defensa en favor da igualdade, a liberdade e o dereito ao voto por parte das mulleres. O seu ensaio, A escravitude feminina, é un exemplo da extraordinaria empatía que Mill sentía polo sexo feminino, tradicionalmente discriminado, maltratado e rendido polo ostracismo e a soidade. Influído por Harriet Taylor tentou sensibilizar a sociedade facéndolle ver que o sometemento da muller impedía a felicidade e o desenvolvemento individual da metade do xénero humano e privaba a sociedade dos beneficios que podía xerar o libre desenvolvemento persoal das mulleres. Felicidade e liberdade, pois, como eixos dos dereitos que a muller debía reivindicar e que ao home lle correspondía facilitar.
Hoxe, a fustrigación sexual e as discriminacións de todo tipo seguen sendo prácticas cotiás que, ademais, non se limitan a unha cultura determinada, relixión ou país, nin se circunscriben a grupos específicos de mulleres dunha sociedade determinada. Hoxe en día, as resistencias do home seguen forxando subordinacións e desigualdades entre xéneros que nos remontan a épocas pretéritas nas que a muller dificilmente podía acadar non só a felicidade da que falaba Mill, senón os canons mínimos de liberdade desexables na condición humana. Convén maiores doses de compromiso social, de respecto polas lexislacións dos organismos supranacionales sobre os dereitos da muller, a promoción dunha educación potenciadora da igualdade sustantiva entre xéneros e rebaixar o fundamentalismo relixioso e cultural que reforza a subordinación da muller. E requírese maior vontade política e unha suficente asignación de recursos fronte a meras operacións de cosmética que maquillan sibilinamente outras intencións dubidosas.

Publicado no Progreso o 3-3-2018