Mª Isabel Sánchez Corral
Seguramente, unha ampla maioría
de profesores e profesoras de filosofía utilizamos nalgún momento un pequeno
texto de Bertrand Russell, extraído do seu libro ‘Os problemas da filosofía’,
onde caracteriza o «home que non ten ningún verniz de filosofía».
A intención sería suscitar no
alumnado,que se achega por primeira vez á filosofía no bacharelato, o interese
pola importancia deste saber e a súa caracterización a través das palabras do
filósofo e matemático. Para Bentrand Russell ese home sen ningún tipo de verniz
filosófico é aquel que preso dos prexuízos, o sentido común e o costume, se
deixa levar acríticamente pola obviedade. Aquel que camiña desposuído da razón
en mans dos poderes que o utilizan, sen saberse utilizado.
Fronte a el, debúxanos a ese ser
humano, a esa persoa fiel así mesma que busca sen atopar, pregunta sen resposta
precisa, non se guía polo establecido e o dogma non ten cabida no seu credo.
Así o profesor/ra de Filosofía soña ao filósofo para que o seu auditorio se
admire, se resolva crítico, utópico, e se emancipe, impulsándoo a que se
constitúa como ser humano libre e independente.
A filosofía, ou quen a practique,
polo seu carácter crítico non pode ser morna senón radical, debe buscar a
verdade sen presupoñela e aínda que non a atope debe seguir buscando e expondo
problemas. Aquí é onde o seu labor se achega á poesía e ao poeta,
encomendándose a escribir o verso perfecto, aínda que morra. Quizais por esa
razón quen utilizou e utiliza ese texto para espertar a inquietude e tentar que
o círculo non peche, non se pode permitir a indiferencia, o acomodo, esperar a
que o tempo o solucione todo.
A actualidade, o momento histórico
require po- ñer máis que nunca en práctica o esencial da filosofía. Heidegger,
a principios do século XX, anunciou que o problema da filosofía xa non era a
verdade senón a linguaxe. Esta afirmación abriu un panorama novo na filosofía e
xerou unha gran influencia en distintos filósofos e distintos campos do saber.
Quizais esta afirmación que tentaba socavar os cimentos da metafísica, tamén
influíu no pensamento posmoderno que acabou relativizando ata a propia
filosofía. Pero a linguaxe como reflexo do noso pensamento —pensamos a través
de conceptos que verbalizamos en palabras— catalizador e xerador de ideas, debe
tentar desvelar a verdade.
Cousa da que se esqueceu o
filósofo alemán cando desde a fría indiferencia non aclaraba a súa posición
fronte aos acontecementos da Alemaña nazi, máis ben pareceu esquecer botarlle
unha mirada crítica ao poder que se constituía no seu país. Por esa razón,
independentemente das nosas inclinacións intelectuais, non podemos esquecer o
noso compromiso co ser humano, coa sociedade, co presente que xera futuro; en
definitiva, coa vida. Non podemos traizoar aquilo do que alardeamos
converténdonos en silenciosos colaboradores. Por esa razón, parte do alumnado
que comeza a estudar Filosofía lerá ou xa leu a Bertrand Russell.
Publicado no Progreso o 14-11-2015