lunes, 29 de octubre de 2018

Liberalismo e socialismo en Mill


Elías Pérez Sánchez


Resulta difícil atopar un filósofo tan prolífico e rico en matices como John Stuart Mill, polo menos no ámbito da ética e a filosofía política do s. XIX. A Inglaterra daquela época mantiña moitos vicios políticos herdados da estrutura aristocrática edificada durante o século anterior: letargo institucional, corrupción, fortes desigualdades sociais, e un clientelismo político que maniataba o Parlamento. E nese contexto emerxeu a figura de Mill como paladín do reformismo político, como un home cunha flexibilidade acentuada cara ao revisionismo dos seus principios filosóficos á vez que permeable coas novas propostas da época. Afastado de calquera radicalismo ou dogmatismo, Mill pode ser considerado como un reformista decimonónico que mantivo o seu optimismo no progreso e que evolucionou (sobre todo nos seus principios políticos) desde un liberalismo pechado e homoxéneo (influencia do seu pai e de Bentham) cara a posturas políticas máis eclécticas. Con todo, sobre esta última cuestión, as opinións son diverxentes: moitos estudiosos consideran a Mill como un liberal sen máis, outros como un liberal-socialista (Robson e Pappé), como un liberal ecléctico (Carlos Mellizo), como un “liberal de fronteira” (J.M. Lasalle), e mesmo como un socialista sólido (Ryan e Van Holthoon).
Cuestións nominalistas aparte, Esperanza Guisán, catedrática de Ética da USC e unha das estudiosas de Mill con máis prestixio, en varios escritos académicos defendeu insistentemente a figura de Mill como unha persoa capaz de axuntar o bo do liberalismo e do socialismo influído polo socialismo utópico e pola súa muller, Harriet Taylor. A profesora Guisán vía en Mill a un pensador que sintonizaba cunha sociedade progresista, laica, non dogmática que tentase axuntar os desiderata de liberdade e solidariedade, que apelaba á felicidade moral compartible, solidaria e capaz de alcanzar a través da educación e a autonomía do pensamento. Para esta autora, Mill defendía un bo goberno que priorizase a consecución de homes dignos de ser estimados máis aló de obxectivos meramente economicistas, isto é, cidadáns autosuficientes e libres; un bo goberno que considerase a xustiza como a virtude por excelencia e instrumento moral e político capaz de reducir ao máximo as desigualdades sociais e económicas e que asegurase as condicións mínimas que puidesen facilitar unha vida pracenteira e digna.
 Esta intelección de Mill como un “socialista liberador”, como un socialista reformador que cría cegamente nos efectos revolucionarios do incremento da simpatía (empatía) e da racionalidade humana, non é unha cuestión menor. A socialdemocracia de mediados do s. XX sacou proveito (non exclusivamente, por suposto) da filosofía moral e política de Mill ao defender as ideas de progreso e desenvolvemento social, a solidariedade, o pluralismo e igualdade de oportunidades, a tolerancia, o internacionalismo, a economía social de mercado, a redistribución xusta da riqueza, a protección dos máis vulnerables e o compromiso cos dereitos sociais.

Publicado no Progreso o 27-10-2018

lunes, 22 de octubre de 2018

Adictos ás máquinas



Mar Carballo Cela

Comprendemos facilmente que se banalizamos o uso dos fármacos e os utilizamos frivolamente na nosa vida diaria como simples fontes de pracer e divertimento, estamos entrando no ámbito das adiccións, da perda de liberdade, da banalización da nosa existencia; en cambio, percibimos con maior dificultade que iso é exactamente o comportamento que nos están inducindo con respecto ó uso da tecnoloxía.
O capitalismo, sempre ávido de novos mercados, ábrese paso na industria tecnolóxica e, para iso, debe converternos en consumidores adictos ás máquinas. Xa pouco importa o que ofrezan os novos aparellos, o simple feito de ter un nas mans e entreterse co seu funcionamento e xa unha fonte de pracer e satisfacción. Asombrámonos ante o feito de descubrir unha nova aplicación sen pararnos a analizar se o que nos ofrece é realmente importante para a nosa vida, e pensamos, erroneamente, que debemos sucumbir ante ela debido ó inevitable da nova era tecnolóxica.
“Velocidade”, “inmediatez”, “conectividade permanente”, “todo ó alcance da nosa man nun simple clic”….son slogans que nos venden como valores en si mesmos, e conseguiron que os asumiramos sen cuestionalos. O resultado: unha sociedade cada vez máis ensimesmada, atenta ás pantallas, frívola, narcisista, idiotizada e saturada de información irrelevante. “Novidoso” non é sinónimo de “mellor”, pero a industria manda tecnificar ó máximo as nosas vidas ata o absurdo.
E aí nos atopamos, repetindo mecanicamente o discurso imposto polo mercado, temendo ser tachados de resistentes ó progreso cando, en realidade, non somos máis que amplificadores da súa publicidade.
É propio da nosa especie idear ferramentas. Cada unha delas cambiou, en maior ou menor medida, a nosa relación co mundo e a percepción que temos del; pero este non é un argumento que xustifique o avance tecnolóxico sen límites. En decidir os límites, precisamente, está a cuestión: Ata onde resulta beneficioso incorporar a tecnoloxía ás nosas vidas? A lóxica do mercado non se ocupa deste tipo de cuestións, a súa é unha lóxica imperialista, que avanza colonizando calquera aspecto da nosa existencia que xere beneficios. Silicon Valley non entende de límites.

Publicado no Progreso o 20-10-2018

martes, 16 de octubre de 2018

Tan difícil é pensar


M. A. Martínez

             Que difícil resulta pensar, pensar en algo! Con coherencia, rigor, un mínimo de orde e mirando para a verdade. Pensar algo no relativo á política, economía, sociedade. Pensar o que atinxe ás relacións cidadás, laborais, persoais. Pensar no lexítimo, xusto, equitativo. Pensar, tamén, o bo, preferible, razoablemente desexable. Por que?
Adóitase dicir que as cabezas están baleiras. As mentes baldías. Que, por exemplo, as tecnoloxías relevan o pensamento individual e os grandes centros de pensamento producen o que resulta útil pensar. Afírmase, tamén, o contrario: que nunca tivemos unha cantidade de informacións e unha calidade de coñecementos tan sorprendentes e contrastados. Que gozamos das xeracións mellor formadas da historia da humanidade. Que a capacidade destas xeracións deixa abraiados aos que son incapaces de elaborar unha mínima idea. Mais, que hai de certo en todo isto?
O pensamento de cada persoa é un feixe de cousas variadas: imaxes, frases feitas, lugares comúns, estereotipos, clixés, tópicos, convencións. Unha mixtión onde todo está ao mesmo nivel, mesturado nunha especie de borrón, unha mancha sen límites. A súa funcionalidade é clara. Eses garabatos de pensamento “axudan” a entender o que acontece, a integralo nun “todo” con sentido e “adaptarse” ao estado de cousas. Serven para capturar a realidade nunha rede na cal a persoa se sinte en casa, nunha contorna familiar, segura, non estraña. Aínda que, con frecuencia, eses trazos non representen nada e, por esta razón, poidan dar sentido a calquera suceso. Malia que sexan confusos e contraditorios, e se fagan pasar pola auténtica realidade. Dá igual. O individuo cre estar no real, non na confusión. É o seu efecto principal: producir unha crenza, unha certeza fideísta, un convencemento inequívoco. Cada persoa ten a fonda convicción de que iso é o seu pensamento propio, único, singular. E, ante todo, a realidade. A realidade de verdade. Sen dúbida.
Os anteditos hábitos  de pensamento prenden, e agroman, na pasividade e a reacción. Pasividade e reacción que, por ser involuntarias, fanse pasar por sentido común e, tamén, exercicio de protesta. Con outras palabras: son un tipo de pensamento que se presenta como cega aceptación (que reafirma o real) e forza rebelde de negación (carente de crítica), respectivamente. Esta duplicidade (aceptación irreflexiva, negación sen crítica) é un serio obstáculo para o pensamento. É a liña que dá unha figura ao tempo presente desde un pasado histórico moi achegado.
            En primeiro lugar, a herdanza dos hábitos de obediencia e submisión, aceptan e, inclusive, reclaman, que calquera posición de pensamento sexa ocupada por un significante supremo. Cal? A decisión unívoca, unidireccional. De quen? Dun portador inquebrantable, firme. Un puro signo sen significado nin fendas, sen quebras nin dúbidas. Isto é, sen contido de verdade.
En segundo lugar, as rutinas de oposición e antagonismo, devecen por substituír o significante antigo por un novo. Cal? A decisión equívoca, multidireccional. De quen? Dun rostro orixinal, inédito. Isto é, outro significante sen significado, unha aparencia de participación, un simulacro de desexo e a súa satisfacción. Dito outramente: sen vontade de veracidade. As persoas non tratan de aprender novas prácticas (de pensamento) e poñer a circular novos pensamentos (da práctica), senón de cambiar os portadores conservando espazos de obediencia e rebeldía (en realidade, intercambiables). O obxectivo é manter vixentes os procesos de pensamento baseados na pasividade e na reacción.
            Para pensar algo verdadeiro, e con vocación de veracidade, hai que comezar por cortar e baleirar. Cortar co “naturalismo” da necesidade de buscar un regra verdadeira que obedecer. Baleirar o “espontaneísmo” que atribúe veracidade ao máis recente polo simple feito de selo. Desta maneira, pódense tornar explícitos os compromisos tácitos e as falsas tolerancias, as fortes inclinacións a ceder ás vías únicas e, tamén, á multilateralidade.
De ser certa a devandita descrición, pensar é o resultado dun esforzo, dun gran desvelo por disipar o desconcerto, poñer orde na desorde e reducir o caos disfrazado de certeza. Pensar é unha inquietude que principia por un borrado, xa que logo, unha supresión. Pasar pola peneira da reflexión calquera parecer e opinión investida de razón. Isto é, antes de poñerse a pensar en algo, no que sexa, a persoa debe desfacerse de ideas completamente feitas, pensamentos redondos e sentidos fáciles.
            Restituírnos a nós mesmos é lograr pensar. Insinuar que máis alá do pensamento do xefe (que todo o impregna) e mais acá do aparente pensamento da masa (que tende ao gozo), aboian xestos, apoderamentos, arranxos, nas ondas irregulares das conversas. Mostrar que máis alá dos monólogos narcisistas da propaganda, e máis acá dos diálogos delirantes da mercadotecnia, hai marxe para a influencia e o significado. Isto é, un espazo público para os feitos verdadeiros e a vontade de veracidade. Velaquí o principio do pensar. E da emancipación.

Publicado no Progreso o 13-10-2018
________________________