miércoles, 25 de abril de 2018

Ideoloxía do acontecemento


M. A. Martínez

Hai conceptos que empregados acotío exercen un notable poder de fascinación. Un deles é “acontecemento”. Nos medios de comunicación fálase de acontecementos “decisivos”, “históricos”, “que marcan un antes e un despois”. Acontecementos “fundacionais”, “influentes”, “epocais”. Mais, que é un acontecemento? En que se diferencia do curso ordinario dos sucesos (históricos, políticos, sociais, económicos)? A que ideoloxía responde?
En primeiro lugar, hai que aclarar a relación do acontecemento coa orde na que se insire e sucede. Un acontecemento pode ser unha posta a proba, confirmación ou reprodución, dunha orde determinada. Ou, pola contra, un produto da orde que pretende quebrantala, socavala, substituíla por outra. Cada acontecemento é, na súa orixe, duplo, ambivalente, equívoco: permite mirar adiante ou atrás. En calquera caso, a percepción do acontecemento implica unha posición previa que adoita pasar desapercibida: algo sucede. Suponse que hai acción, ocorrer, devir, que un fenómeno pasa, progresa, por secuencias ou en saltos. Porén, os dramas de Samuel Beckett tiran a súa forza da constatación do contrario: nada sucede. Hai espera sen expectativa. Garda do nada. Desta estraña condición do acontecemento pode extraerse a primeira hipótese provisional: un suceso calquera convértese en acontecemento cando está sobredeterminado, e un axente desenvolve a súa polimorfa complexidade.
O antedito condúcenos á segunda consideración: o acontecemento sucédelle a alguén. É habitual distinguir entre acaecementos obxectivos, impersoais, que poden ser descritos desde a perspectiva do espectador, e actos subxectivos atribuídos a alguén, isto é, accións persoais das que alguén ten que ser responsable. Porén, o acontecemento semella que sobrevoa o acaecer da experiencia e a acción do suxeito. Semella pertencer á esfera evanescente do afectivo, non do cognitivo. Isto é, á pasividade, non á espontaneidade. Refírese só a si mesmo, como o fenómeno da choiva ou un movemento sísmico. Desde este ángulo, o acontecemento non é abordable, manexable desde o eu. É unha ocorrencia que se anticipa ao ser “eu”. O “eu”, de feito, pode ser contemplado como unha resposta ao que se insinúa entre os pregos do acontecemento. Segunda hipótese: o acontecemento tende a borrar ao axente implicado.
En terceiro lugar, o acontecemento é o que sucede entre os membros dun “nós”. Non pode ser reducido a unha suma de producións individuais propias, nin a unha instancia unificadora que garante a comuñón dun nosoutros. Os acontecementos tenden a multiplicarse, traspásanse entre si, causan consecuencias que se entrecruzan. Hai un sen número de inter-acontecementos e intra-acontecementos que proceden doutro sitio e conducen a outro sitio, que descartan a presunción dun acontecemento primeiro (fundacional) ou último (escatolóxico). Cando se responde a esta rede de acontecementos irrompe un aprazamento que interrompe o curso da acción; establécese un abismo que separa os afectos dos efectos. Un abismo que produce desexos e representacións do que aínda non é e, tamén, do que xa foi. Terceira hipótese: o acontecemento pertence á orde da comunidade e o seu imaxinario espazo-temporal.
Por último, o acontecemento é un tipo de fenómeno afectado pola “diastase”: unha separación dentro de si mesmo. Pode orientarse cara aquilo que xa non é, e que une o acontecemento coa súa orixe real ou imaxinaria. Mais, pode dirixirse a aquilo que aínda non é, coa promesa de levar o acontecemento ao seu destino. O acontecemento, pola súa natureza, apártase de si mesmo, desprázase, prégase, ondea. É outro diferente ao que é: está nun lugar distinto ao que debería estar, sucédelle a alguén que é distinto de quen é. O acontecemento é asincrónico. Un retardo que atinxe á relación entre épocas e xeracións, individuos singulares e estratos de poboación. Así, o presente é o tránsito entre “xa non” e “aínda non”. O resto do suceso precedente e a resposta ulterior. Cuarta hipótese: o presente é un resto velado polo esquecemento, non finca en ningunha orde.
En suma, a apoloxía do acontecemento “decisivo”, “fundacional”, “histórico”, posúe varios dos trazos que caracterizan a ideoloxía posmoderna: sobredeterminación (interesada) dalgúns sucesos; borrado do suxeito (axente, paciente); creación dunha comunidade (imaxinaria); represión (do presente no que viven e sofren as persoas). Eis un tema para a meditación actual e sobre o realmente actual.

Publicado no Progreso o 21-4-2018

sábado, 21 de abril de 2018

Os estranxeiros


Xosé Ramón Cando Vázquez

O domingo pasado, oito de abril, coñecemos o resultado das eleccións en Hungría onde o partido xenófobo do señor Orbán acadou a súa cuarta maioría consecutiva que lle permite continuar no poder, aínda que segundo os analistas internacionais, ten unha relación cos dereitos humanos pouco ortodoxa. Para eses analistas, a mencionada relación, especialmente no que atinxe a refuxiados e inmigrantes, está no fundamento do seu éxito político, levándonos á non desexada conclusión de que a cidadanía húngara actúa en clave xenófoba. Recentemente tiveron lugar eleccións lexislativas en Italia que puxeron de manifesto tamén un importante compoñente xenófobo que se expresa, como en ningún outro caso, no éxito da Liga Norte que sobe dende o 3% dos votos ata o 18% coa súa medida estrela consistente na expulsión de medio millón de estranxeiros. Expresións populares de xenofobia através do voto vémolas tamén en Austria, Dinamarca, Francia e mesmo en Alemaña.
Centrémonos nese país, Alemaña, que pola súa dimensión e capacidade de influenza resulta mais preocupante. Como é sabido, goberna unha coalición entre democristiáns e socialdemócratas, forzas políticas cunha acreditada traxectoria democrática pero o principal partido da oposición, Alternativa para  Alemaña que ostenta a representación do 12,6% dos votantes, con 94 deputados e deputadas no Bundestag,  parece que ofrece mais dúbidas, particularmente no que atinxe ao tratamento dos dereitos humanos dos estranxeiros. Para ter unha idea cabal do marco ideolóxico no que se desenvolve neste eido, móstrase unha escolla das propostas programáticas deste partido (AfD) a carón das que efectuaba o partido de Hitler (NSDAP).
NSDAP
“Esiximos espazo e territorio para a alimentación do noso pobo e para establecer ao noso exceso de poboación”.
“Ninguén, fora dos membros da nación, poderá ser cidadán do Estado. Ninguén, fora de aqueles por cuxas veas circule sangue alemá, sexa cal for o seu credo relixioso, poderá ser membro da Nación. Por conseguinte, ningún xudeu será membro da Nación”.
“Quen non sexa cidadán do Estado, so residirá en Alemaña como hóspede e será considerado como suxeito ás leis estranxeiras”.
“Hai que impedir toda inmigración non alemá. Esiximos que se obrigue a todo non-ario chegado a Alemaña, a partir do 2 de agosto de 1914, a abandonar inmediatamente o territorio nacional”.
AfD
“A redución da nosa poboación ancestral debe combaterse cunha política nacional de poboación”, sinala o programa, que aposta por la prohibición do aborto para promover a natalidade e asegurar con iso la continuidade do pobo alemán.
O partido pide directamente a eliminación do ensino do islam nas escolas.
O partido esixe a eliminación do dereito de asilo na lei fundamental e oponse a que os fillos de inmigrantes nados en Alemaña teñan dereito á nacionalidade xermana.
“Quen ten un pasaporte alemán, pertence a Alemaña. O resto son hóspedes”.
“A alta cota de refuxiados musulmáns representa un perigo crecente para a nosa seguridade”, sinala o programa. A formación tamén ten suxerido medidas alleas á legalidade, como facer posible que a Policía poida disparar contra migrantes que intenten entrar ao país de maneira clandestina.
A semellanza parece clara e algún parágrafo debeu ser copiado directamente, polo que cabe preguntarse cando volveremos ter ao Führer entre nos.
Constátase así que a principal ameaza contra os dereitos e liberdades democráticos, en boa parte de Europa, procede da oposición, bastante común, á chegada de persoas estranxeiras. As obxeccións abranguen varios tipos, vexamos algunhas:
1.- Son todos terroristas. Analizados os datos constátase que a inmigración vai asociada a un descenso dos actos terroristas.
2.- Son todos delincuentes. Analizados os datos constátase que a maior inmigración menor índice de delincuencia.
3.- Quitarannos os empregos. Analizados os datos  constátase que a chegada de persoas de fora supón a creación de mais empregos.
Quen aporta esta información é Rutger Bregman (1) que engade un dato sorprendente: se todos os países desenvolvidos deixasen entrar so un 3% mais de inmigrantes, o mundo tería 305.000 millóns mais de dólares para gastar.
As preguntas son inmediatas, que hai mais alá desa animadversión aos de fora, desa xenofobia que nos aniquila? que ideoloxía é esa que nos aliena de tal xeito que, mais alá de escurecer o noso compromiso cos dereitos humanos, nos impide ver os beneficios da integración das persoas estranxeiras?

(1) BREGMAN, Rutger: Utopía para realistas. Salamandra. Barcelona. 2017

Publicado no Progreso o 14-4-2018

martes, 10 de abril de 2018

A vinganza de Némesis


José Domingo de Prada

Xa nos anos oitenta observaba o filósofo Jean-Francois Lyotard que o narcisismo se consolidaba como a forma ‘hexemónica’ no pensamento e acción das sociedades que el comezaba a denominar posmodernas. Non sabía aínda de que modo tan radicalmente cruel -por real- estaba describindo o que ocorría, e tampouco sabía da precisión da imaxe que estaba propoñendo para anticipar o futuro inmediato das sociedades “pre” e “pos” milenaristas.
En efecto, se avanzamos na definición do termo e fixamos a atención no mito advertimos que os problemas de Narciso proveñen dunha dobre realidade. Por un lado externa: a auga-espello no que se reflicte o seu rostro. Polo outro interna: a mente deformada que observa ininterrompidamente a súa figura reflectida. A adxectivación de Lyotard, e o propio mito grego, consolídanse como metáfora que explica as sociedades actuais.
O narcisismo das nosas sociedades fai que vivamos de forma figurada e permanente nese vernos reflectidos, que só toleremos ese mundo-espello na medida en que serve para contemplarnos, engaiolados como estamos na imaxe de nós. Porén, rexeitamos calquera cambio que altere a nosa imaxe, pois cremos que perdéndoa nos perderiamos a nós mesmos. Hai un significado oculto nesta actitude que algúns explotan profusamente: o que só mira a auga está cego para o que ocorre na terra, sendo que dela veñen perigos moi reais, por poñer algún, desigualdade, dominacións ou escravitudes... Non é só que veñan perigos da terra, senón que, como no mito, estes son ecoicos: isto é, repítense e amplifícanse ao resoar.
Se esta é a realidade externa do mito, a interna correspóndese coa deformación do pensamento de Narciso, que foi alterado pola deusa Némesis para que non puidese apartar a vista da súa propia imaxe. Impúxolle este castigo pola vaidade e a soberbia mostradas por Narciso ao rexeitar a ninfa Eco.
Coma el, atopámonos absortos ante a nosa propia contemplación ou, todo o máis, a daqueles que son os nosos afíns. Mirámonos a nós mesmos ou miramos aos que son os nosos xemelgos devolvéndonos a nosa imaxe coma gotas de auga reflectoras (o sociólogo Zygmunt Bauman incide nisto co concepto de ‘sociedades líquidas’). Unha vez deformado, o noso pensamento non acada nada fóra de si e, en consecuencia, non comprende nada, pois sen referencias é incapaz de entender ao si propio. Quédalle só un irracional, simple e volitivo auto-satisfacerse a base dos ‘Gústame’ e as repeticións twitteras.
Neste sentido, tamén sinala Lyotard que na posmodernidade perdemos os ‘grandes relatos’. Quen só mira para si dispón unicamente do seu propio discurso, do seu dicir, que en calquera caso é sempre un relato propio. A nosa época carece de épica, traxedia, heroísmo, haxiografía, incluso de dramatización, xéneros literarios que afunden as súas raíces en épocas pretéritas. A nosa é unha época de palabras ocas e imaxes ciscalladas, fugaz e vulgar, invadida pola mesquindade dun “eu” que aspira a elevarse coma un Ícaro dixital á procura do sol e a luz reveladora que a través das redes sociais o transmute en suceso universal. Perdidos os grandes relatos pérdese o relato común e simplemente queda o relato de cada un, pretendidamente único (por particular) que se ambiciona universal (por copia repetitiva carente de orixinalidade).
Nada máis enclaustrador que verse a un mesmo permanentemente e, á vez, ver todo o que nos rodea co noso rostro; neste sentido estamos, como Narciso, atrapados por non poder distanciarnos da nosa propia mirada. A metáfora da subxugación ante a imaxe propia salta da literatura á realidade máis enfermiza nas pantallas de cristal nas que nos miramos e nos miran, nas que nos mostramos e fisgamos (como describe o filósofo Byung Chul Han). Hoxe o cristal configura o noso entorno (edificios, pantallas, móbiles...) para que poidamos exhibirnos, para que nos vexamos, para contemplar a nosa imaxe repetida e multiplicada, proliferación de avatares que lle estaba vetada a Narciso, pero que hoxe podemos realizar polo novo espello co que substituímos a auga, elemento natural que xa non cabe no espazo da simulación.
Na contemplación narcisista do mundo acabamos, inevitablemente, cencenando os horizontes, rachamos as liñas que os configuran ao carecer de referencias. É este o signo do noso tempo: debilitados pola nosa imaxe perdemos o control sobre nós mesmos e, nun síntoma de perturbación cedémosllelo a aqueles que se apoderan da nosa autonomía e da nosa vontade ao delimitar (eles si) o noso perfil. O interregno histórico no que vivimos é contraditoriamente o do auxe do poder das corporacións, enmascaradas tralas pantallas que nos reflicten para atraparnos. A vinganza desta Némesis posmoderna son estas corporacións escuras que apropiándose da nosa retina subxugan a nosa vontade. Calquera apelación á razón resulta inútil e só respondemos ao irracional, á imaxe ou á emoción inmediata. Farannos perecer contemplando absortos os nosos propios ollos.

Publicado no Progreso o 7-4-2018