José Domingo de Prada
Aínda que sobren motivos para rexeitar e renegar do que Trump di e fai, vou
intentar, co seu permiso, tratar de atopar un par de medio-virtudes no
personaxe a risco, incluso, de ser politicamente incorrecto.
Ser politicamente incorrecto é a primeira medio-virtude de Trump. Isto ten
como consecuencia que non di máis que barbaridades, auténticos despropósitos.
Pero vai en contra do que fan os políticos habituais, sexan profesionais ou
meros afeccionados á política. Cada vez que afirma, tuitea ou remeda algo é
para tremer, máxime pensando no cargo que ocupa. E máis, actúa como si dixera o
que pensa. Lembren aqueles casos dalgún político de por aquí ao que se lle
escapou unha verdade nun momento de debilidade. Por exemplo: aquel que dixo que
entrara en política para forrarse, a que dixo sobre os desempregados “que se
jodan”, ou o que dixo que había un problema chamado 3%. Foron estes, momentos
excepcionais, de auténtica clarividencia beatífica, con consecuencias varias,
pero momentos nos que se dicía o que nese instante ocupaba a mente de forma
completa e sen ningunha dúbida. Momentos sublimes nos que o suxeito carece de
capacidade para pensar nunha dobre verdade, a politicamente correcta, que
esconda, ou cando menos disimule e revista, a auténtica verdade. Trump parece
presentarse como é, espido de roupaxes intelectuais, argumentativamente nu,
carente de empatía, asocial e amante unicamente do (pouco) que entende e lle
agrada.
Outra medio-virtude que podemos recoñecerlle é que parece querer cumprir as
súas promesas electorais, ou dáo a entender. Nós estamos afeitos a que os
políticos nos enganen, asumimos que nos períodos de campaña electoral o
político ten que facer publicidade de si mesmo, e aceptamos que prometa o que
sabemos, e sabe, que non vai cumprir. Trump anunciou na campaña electoral que
ía facer as barbaridades que está facendo. Non podemos acusalo de engano.
Poderemos acusalo de tolo, temerario, cruel, racista, xenófobo e todo o que
vostedes queiran, pero de incoherente non. Incoherentes e falsos son os nosos
políticos, por prometer cousas que saben que non poderán cumprir de ningunha
forma e que, ademais, non queren cumprir en ningún caso. O eufemismo da
posverdade acaba de inventarse para evitar que os suxeitos que utilizan
avesamente as promesas (electorais, económicas, académicas,...) non sexan
xulgados por prevaricación, engano, falsidade documental, ou similares, pero
motivos, hainos, pois faltan aos seus deberes, a súa palabra, consciente e
premeditadamente.
Unha terceira medio-virtude do personaxe é a realización efectiva da
realidade, aínda que non sexa consciente diso. El, que cando non lle gusta algo
cámbiao sen máis miramento, e decide que as cousas non son como son, senón como
a el lle apetece que sexan e as re-representa como feitos alternativos, é
dicir, tal como a Trump lle gusta; pois precisamente el, encarna a realización
e o pleno cumprimento da tendencia política do último cuarto de século no que,
desde a caída do muro de Berlín o neocapitalismo sen opoñentes se proclama como
única idea plausible de organización social. Máis que de feitos alternativos,
temos que falar coa chegada de Trump de realización da realidade. Viviamos en
oligarquías máis ou menos disimuladas, pero agora xa sabemos que vivimos en
oligarquías efectivas, actuantes e dominadoras. Os ricos exercen o poder sen disimulo
e sen miramentos. Igual estamos asistindo ao final dunha época pois, se as
revolucións burguesas pretendían acadar o poder político para os posuidores dos
cartos, ata agora só o tiñan de forma indirecta; agora conseguírono sen
mediadores. Unha vez cumprido o seu obxectivo, que virá despois?
Polo momento temos que esperar nesta confusión entre o público e o privado,
entre o de todos e o meu (o seu, máis ben), pero cando menos, e é outra
medio-virtude, non se esconde para facelo (aínda que quizais o descaro non
pertenza ao ámbito das virtudes). Pensen canto tempo levamos por aquí
confundindo as institucións con “cortijos privados”. Pensen tamén como actúan
de forma antidemocrática impoñendo ineptitudes e aconsellándose por arribistas
e aduladores, o mesmo que Trump, só que el se vangloria de facelo.
Moito me temo que o futuro vai ser unha posrealidade, o efecto óptico
destas verdades pagadas, un feito alternativo inducido por intereses de
(perdóenme a palabra) clase. Iso si, teñan clara unha soa cousa, quen vai pagar
eses intereses non son eles.
Publicado no Progreso o 18-3-2017