viernes, 27 de mayo de 2016

Primeiro como traxedia e despois como farsa



Juan Carlos F. Naveiro
 
"Podería disparar a xente na Quinta Avenida e non perdería votos", esta é unha máis das arroutadas de Donald Trump, o virtual candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos. Menos mal que é pouco probable que esa oratoria desbocada o leve a ser o próximo presidente norteamericano, pero todo é posible. Desde logo sería un mal signo que despois do primeiro presidente negro, un Obama ao fin e ao cabo progresista, alguén tan declaradamente machista e xenófobo alcanzase tal cota de poder. Así que agarremos a ocasión e non deixemos que a realidade dun desenlace máis previsible a favor de Hillary Clinton frustre un artigo sobre Trump, que de todos modos vai ser un dos personaxes do ano.
Casi son o de menos o seu ultraconservadurismo social –para os demais, non para el, amigo confeso do porno– e o seu illacionismo internacional, que pode ser tan de ocasión como o que defendera George W. Bush cando chegou á presidencia en 2000, e aos poucos meses o 11-S o levou a comenzar a nova orde mundial nas montañas de Afganistán.
Hoxe sabemos que iso da nova orde mundial era un sarcasmo que Obama non vai a dar reparado, xa ten abondo con salvar a súa imaxe ante a historia. Cando a política non ofrece alternativas de discusión ao sistema de fluxo do capital chegamos ao dominio puro do espectáculo, no que o paso seguinte é a farsa; aí pode destacar xente como Trump, da nobre estirpe de Berlusconi pasado polo rancio matonismo americano, capaz de poñer un muro con México e despois pasarlle a factura. Xa o advertía Guy Debord en 1967, o espectáculo é un paso lóxico do sistema de producción do capital, a súa sustancia finalmente desnuda, e baleira, puro simulacro que produce "sociedades perfectas para ser gobernadas". Parece mentira que a Debord só se lle poida obxetar o seu optimismo.
"A historia repítese dúas veces, primeiro como traxedia e despois como farsa", dixo Marx comentando a Hegel en El Dieciocho Brumario de Luis Bonaparte, publicado polos obreiros alemáns en Nova York en 1852, unha disección do golpe de Estado do sobriño de Napoleón.
De primeiro a traxedia, que se incuba na heroica dos grandes acontecementos e as palabras solemnes. Nos inicios do neoliberalismo o actor-presidente Ronald Reagan emprendeu o combate final contra o comunismo a base de desregulación financeira (a chamada reaganomics) e desprazamento da liña de frente ao espazo exterior, coa "iniciativa de defensa estratéxica" coñecida como "guerra das galaxias". Como George W. Bush, que iniciou o século XXI coa cruzada contra o terror e por unha nova orde mundial, políticas megalómanas forxadas con paixóns demoledoras.
Así que despois ven a farsa. Con Trump chega outra vez a promesa do soño americano, "máis grande, mellor e máis forte que nunca", pero a música agora desentona, soa a ridículo remake, lumes de artificio dun ritual mediático que movería á risa se non cabalgase na onda populista que arrasa nas democracias castigadas pola crise; se non explotase os instintos racistas como remedio do descontento que se extende como mancha de aceite no mar revolto da precariedade.
Combinada cos fluxos migratorios e as perspectivas da perda de estatus na competencia global, o famoso declive americano, a farsa de Trump é todo un perigo: aínda que perda quedará a semente, e seguirán a ter éxito, como xa ocorre na Europa máis acomodada, as reaccións á defensiva que enxalcen un novo tirano. Xa o dicía Platón acerca do destino autoritario da democracia. Entón haberá alguén disposto a recoller os froitos e serán os Viktor Orbán ou as Marine Le Pen os que provoquen unha risa moi negra.

Publicado no Progreso o 21-5-2016

Manual para sobrevivir á democracia de mercado



Gonzalo Pérez López

Aínda que que a democracia de mercado é un oxímoro, se o aceptamos convencionalmente como descrición dunha realidade sociopolítica, permítenos analizar a grande imbricación entre a teoría elaborada por Schumpeter, na que o modelo de participación política que describe e defende reflicte mimeticamente a economía capitalista, e a realización práctica da mesma na actualidade.
Exonerada de calquera ideal moral e emancipador, a democracia, mal menor aceptado nun momento histórico polo capitalismo para salvagardar a súa reprodución, pasa a rexerse polas mesmas leis do rei mercado. Así, a idea dunha democracia orientada ao ben común, participativa e deliberativa, ao servizo dunha cidadanía protagonista activa e implicada nas decisións políticas, esfúmase, incluso como mera aspiración, á par que agroma vizosa a democracia elitista como única alternativa viable na orxía da racionalidade instrumental.
O paralelismo entre a competencia económica e a que se produce por impoñerse no mercado político é evidente. Todo se limitará á elección polo cliente-cidadán entre una oferta limitada ao que os técnicos do elitismo competitivo’ decidan.
A punto de repetir eleccións debido a un leve desaxuste do mercado, cabe preguntarse pola oferta deste. Preséntannos un folleto, similar aos folletos consumistas ao uso, cunha aparente variedade de produtos, ao alcance de todos os bolsillos, con estéticas diversas ou sabores varios para satisfacción dos egos e padais máis esixentes. Así, ofrecen un neoliberalismo integral sen colorantes nin conservantes, con aroma de Escola de Chicago; a marca branca do anterior, pero de calidade similar garantida e una socialdemocracia, versión 'soft', pero de eficacia neoliberal probada. Mención aparte merecen algúns produtos ofertados a prezo de saldo, presentados cunha estética extemporánea que disuade de mercalos se queres estar na onda, advertindo, ademais, de que se non quedamos satisfeitos non devolverán os cartos, xa que están en vías de descatalogación por non responder á moderna fórmula maxistral elaborada polos técnicos: privatización de todo o público rendible, 'estado mínimo' ("menos estado, máis mercado"), só ampliable como paliativo ante unha eventual diminución da plusvalía esperada, hexemonía total do económico sobre o social, globalización estritamente económica (especulativa e financeira), desigualdade crecente como expresión 'natural' da dinámica do libre mercado, feiticeira apelación á versión actualizada da 'man invisible' do capitalismo primitivo, homoxeneización e potenciación das virtudes do rabaño e o pensamento único como aditamentos superestruturais ideolóxicos coadxuvantes ao control económico e unha democracia elitista, mercantilizada e delegada, á que chaman representativa, como conservante político do sistema.
Tanto idolatrar esa democracia representativa, resultante da banalización da política, presentándoa como a única racional e razoable en sociedades complexas, acaban deslexitimándoa por excluínte. Precisamente para lexitimarse, as elites delimitan o escenario óptimo da frivolización política que dea cabida a súa propia oposición para, unha vez ideoloxicamente mimetizada, neutralizar e desactivar o seu mínimo potencial crítico.
Se queres sobrevivir, intenta manter intacta a conciencia crítica para enfrontar a avalancha de publicidade e propaganda que, baixo o disfrace de información para decidir conscientemente, oculta o calculado obxectivo de provocar unha intoxicación que desemboque na desafección e o desinterese polo público como reacción primaria a nosa incapacidade para discernir con rigor a opción que nos convén. Pretenden que acabemos por caer exhaustos en mans dos politecnócratas, representación dunha oligarquía económica que cabalga ostentosa pola xeografía colonizada polo capital, para que, hipotecada a liberdade, pensen e decidan por nós.
Se escoitas mensaxes teimosamente repetidas como "a fin das ideoloxías!", "todos son iguais", "non hai dereita nin esquerda", ponte en garda, xa que pretenden insuflarche a ideoloxía inmobilista da dereita, porque dereita e esquerda existirán mentres haxa quen defenda, como se dunha supersticiosa fatalidade do destino se tratase, que só o que é pode ser, e quen considere que o mundo actual é susceptible de ser cambiado, sempre que teñamos a vontade férrea de facelo e un compromiso moral para orientar o cambio.
Por iso, cando escoites a manida, baleira e tramposa invitación da mercadotecnia electoral a responder á chamada ás urnas na festa da democracia, non te equivoques. Oirás a oferta dunha voz estándar: se queres neoliberalismo integral, pulsa un, se queres neoliberalismo edulcorado, pulsa dous; se queres socialdemocracia vergonzante con incrustacións neoliberais, pulsa tres; se queres outra opción, racha co distópico círculo vicioso imposto e, sen renunciar a túa individualidade, trata de rescatar o espazo público espoliado como marco común de proxección vital máis alá do reducido espazo privado. Iso é a democracia real, irrenunciable porque está en xogo a nosa supervivencia como suxeitos social e moralmente autónomos.

Publicado no Progreso o 14-5-2016

Ética da política



Elías Pérez Sánchez

A relación entre a ética e a política resulta ser un debate clásico e tamén de gran actualidade xa que a tensión que existe entre os dous conceptos permite dilucidar algunhas das causas ou consecuencias do mundo que estamos a vivir hoxe en día.
Recentemente Plaza y Valdés acaba de editar o libro Ética de la política en John Stuart Mill y George Grote. Os dous textos incluídos nesta edición abordan un tema que se revela cada vez máis importante: a ética de políticos e xestores.
El gobernante de Taylor é unha recensión escrita por John Stuart Mill e George Grote, sendo este último un destacado utilitarista discípulo directo de Bentham, político activo e autor de varias obras de teoría política, ademais dun dos grandes historiadores experto na Grecia Antiga.
O texto non trata do político afanado na dirección dun Estado, senón do político de segundo nivel ou xestor público. Os problemas morais característicos deste ámbito non concernen a decisións transcendentais de longo alcance, senón máis ben a "sinistros intereses" egoístas aos que pode renderse este tipo de político e a asuntos cotiáns que ameazan con "mantelo soterrado baixo unha laxa de rutina".
Reflexiones sobre la reforma parlamentaria, aínda que se viu ocultada enseguida polas súas Consideraciones sobre el Gobierno Representativo, é unha obra de Stuart Mill que contén varios asuntos de interese: unha pioneira defensa do voto feminino, unha extensa argumentación contra o voto secreto e, especialmente, a súa doutrina dos arranxos admisibles ou compromisos necesarios para lograr melloras administrativas e políticas.
Ambos os textos tradúcense ao castelán por primeira vez e demostran que tamén convén reflexionar sobre a micropolítica.
Entender a política como unha ciencia ou unha actividade independente da ética (como algúns desexan) non significa que non establezan unha relación, unhas veces feble outras veces sólida. É máis, separar estes dous ámbitos na nosa vida social lévanos a enfrontarnos cun mundo fracturado, co crecemento das desigualdades sociais, con algúns grupos sociais e económicos altamente beneficiados á conta da marxinación doutros, cunha crecente deterioración da natureza e con sociedades excluíntes, plutócratas e corruptas.
Como ten dito Mill: a actividade política non pode mellorar nunca se non existen personas cuxos sentimentos morais de decencia e dignidade non pulen por facer dela unha actividade digna.

Publicado no Progreso o 7-5-2016

Invitación á filosofía



Mar Carballo Cela

Non te empeñes en ser o que non eres, senón en acadar o que eres” . Este podería ser un consello de calquera dos moitos filósofos clásicos que recomendaban a autenticidade como base de calquera vida feliz e digna de ser vivida; pero é do economista e escritor contemporáneo José Luis Sampedro, dunhas anotacións publicadas de maneira póstuma baixo o título “La vida perenne”.
Sempre estaremos necesitados de quen nos recorde o difícil pero acertado camiño de chegar a ser o que un é, porque os extravíos dos intereses minoritarios que se impoñen na nosa época ameazan continuamente con converternos en seres frustrados, insatisfeitos na carreira por acadar cada vez máis, por demostrar cada vez máis, e olvidarnos do que realmente somos: seres fráxiles, mutuamente dependentes, que para ser libres e felices necesitamos da liberdade e a felicidade de tódolos demais. Neste sentido afirmaba tamén Sampedro que vía ós homes moi empeñados en ser máis, pero non en ser mellores, o cal nos leva a olvidar que unicamente desde o perfeccionamento interior podemos construír un mundo máis amable.
A filosofía en si mesma é unha invitación a ser auténticos e mellores: auténticos (authentés: dono absoluto de si mesmo), porque nos anima a pensar por nós mesmos, a ser fieis á busca da verdade, do que realmente somos, libres de coaccións e intereses alleos; e mellores, porque esa necesidade de buscar a verdade só pode xurdir en espíritos que ansíen perfeccionarse. Así comezou iso que decidimos chamar "amor á sabedoría", con xente que se enfrontou ós mitos, ás tradicións e ás máscaras que outros lles impoñían impedíndolles incluso o coñecemento de si mesmos.
A auténtica revolución consiste nun cambio de perspectiva interior, nesa invitación constante a querer comprender o que somos e o que necesitamos. Pero isto obríganos, como individuos e como sociedade, a estar nunha deliberación permanente, nun exercicio crítico constante; como se non podemos ir facendo fronte a cada nova circunstancia?, como se non podemos concretar en que consisten esa liberdade e esa felicidade?
O lema socrático "coñécete a ti mesmo" segue sendo o punto de partida por excelencia: Qué outra maneira temos de saber o tipo de relación que debemos manter co noso entorno natural e social se non é desde o coñecemento do que realmente somos? Se asumimos as identidades impostas, nunca poderemos chegar a descubrilo.
É por iso que, como dicía Nietzsche, a filosofía debe ser sempre un pensamento intempestivo, que alce a mirada máis alá da oficialidade da súa época. Facilitar esta actividade e educar no seu exercicio só pode ser un síntoma de sociedade saudable.

Publicado no Progreso o 30-4-2016

Luhmann e Camus



M.A. Martínez

Un dos trazos que distingue á sociedade moderna (no Renacemento) fronte á anterior (do Medievo), é o interese por acadar a autocomprensión de si mesma. Coñecer a súa singularidade e a época histórica que inauguraba, era unha preocupación importante. O seu obxectivo: entender, e facerse cargo, do rumbo da historia. Nos séculos seguintes esta preocupación impulsa achegamentos variados. A sociedade autocualifícase de burguesa, de clases, industrial, liberal, democrática, nacional, cosmopolita. Tamén se exploran os seus reversos: sociedade alienada, de masas, disciplinaria, imperialista, entre outros. A día de hoxe aínda se considera relevante lograr unha fotografía completa. A sociedade descríbese a si mesma como posmoderna, do risco, da información, comunicación, innovación, da seguridade e o control, posfordista, da globalización, das redes. Os cualificativos seguen a medrar. En que contribúe isto á autoconsciencia social?

O sociólogo Niklas Luhmann (1927-1998) estudou en que consiste a complexidade da sociedade: é a imposibilidade de relación dun elemento do sistema con todos e cada un dos restantes elementos. Materialízase na imposibilidade de construír unha imaxe clara, interna ao sistema, do propio sistema. Dito outramente: toda sociedade é incapaz de elaborar unha representación axustada de si mesma. A súa visión de si será parcial. Por exemplo, cando se retrata a sociedade fálase realmente só dun subsistema, ou dun dos seus elementos: económico, financeiro, político, artístico, educativo, mediático, tecnolóxico, relixioso, científico, ou calquera outro. A sociedade non é un suxeito como as persoas físicas. Para Luhmann calquera autodescrición extráese dun momento social determinado e cunha función específica que non resta clara para o público. Hai que renunciar, polo tanto, a autocomprenderse? Quizais totalmente non. Hai un subsistema social que pode proporcionar un debuxo precario, mais útil e audaz, dalgún aspecto das sociedades contemporáneas: o teatro.

En 1944 Albert Camus tira do prelo a obra de teatro Calígula. O emperador romano encarna nela os sensentidos e paradoxos do poder pero, sobre todo, de calquera persoa común con vontade de dominación. Calígula ama e despreza a vida por igual. Diante da morte e a infelicidade só encontra dous refuxios para vivir: a lóxica implacable e o humor desproporcionado. É unha persoa calculadora, desapiadada e cruel, que irrompe na historia acompañado do seu reverso: o infantilismo, a irresponsabilidade, o impulso lúdico. Nel o desexo do imposible tenta a palabra e a comunicación, mais arruína a paz social e a liberdade dos outros. A liberdade absoluta de Calígula fracasa no intento, entre lóxico e humorístico, de dar sentido a un mundo absurdo, no que a lealdade obsesiva a un mesmo conduce á autodestrución.

É posible ter en conta as reflexións de Luhmann e Camus? En que poden axudar? Se nas sociedades actuais as persoas non dispoñen dunha ferramenta eficaz para conseguir a transparencia da total autocomprensión, as meditacións de Luhmann e Camus poden ser un recurso para aprender prudencia e cautela, ponderación e xustiza, nas valoracións, privadas e públicas, sobre nós e os outros.

Publicado no Progreso o 23-4-2016