martes, 28 de enero de 2014

A Escola Pública e Laica



Mª Isabel Sánchez Corral

            Sócrates foi condenado no ano 399 a. de nosa era por “impiedade pública respecto dos deuses e corrupción á mocidade”, acusado de introducir novas deidades por comentar pola  cidade de Atenas que só rendía culto á deusa razón.
            Tempo máis tarde, ao longo do século XVIII, a Ilustración percorría Europa. Partía das Illas Británicas e afianzábase en Francia, case sen deterse en España, para terminar o seu brillo na antiga Prusia. Os ideais que levaba consigo este movemento filosófico, ideolóxico, e cultural no sentido máis amplo da palabra, se fundamentaban na Razón e a Liberdade. Razón e liberdade manifestábanse en todos os ámbitos da vida: na ciencia; no optimismo no saber; na crítica á relixión revelada e dogmática ou  na procura da denuncia das desigualdades, chegando á afirmación de que todos os seres humanos son libres e iguais, e é a propia razón a que nos iguala e ao mesmo tempo nos libera das cadeas da ignorancia e o sometemento ao poder establecido. Sería a famosa frase de Kant: ¡Sapere Aude! (Atrévete a pensar), a  que resumiría o espírito ilustrado.
            Pola contra, máis de dous séculos despois, en pleno século XXI, atopámonos que o Estado Español pasa dunha “aconfesionalidade confusa”, polo propio concepto, a unha “confesionalidade ostentosa” a través da aprobación da nova Lei educativa (LOMCE), na cal priman os valores cristiáns por encima dos valores democráticos.
A evidencia está en que a relixión católica computará como unha materia máis e Educación para a Cidadanía será eliminada do currículo.
            Ao parecer, sostén o Executivo que os coñecementos adquiridos en Cidadanía son de carácter ideolóxico (o nacional catolicismo non?).  Aprender  que vivimos nunha sociedade cuxa base é a familia, xa sexan familias nucleares, monoparentais, homoparentais, etc, que vivimos nun mundo global con moita riqueza cultural pero con amplas desigualdades, que nese mundo global o ser humano debe ser a centralidade da vida e das súas actuacións. E que os valores que rexen ou deberían rexer todo isto, entre outros, son a liberdade, a igualdade e a solidariedade, herdados daquel espírito ilustrado. Todo isto debe ser ideoloxía e non unha realidade manifesta na sociedade actual.
            Semella ser perigoso para o noso alumnado saber que vive nun Estado  democrático con dereitos e deberes, un Estado de dereito onde vivimos baixo o imperio da lei que nos fai iguais a todos e todas, e que no caso contrario nos ampararía o Tribunal Constitucional. Pero non; o mellor é que cando conculquen os seus dereitos, cando non poidan ir á universidade porque en casa non hai para todo, cando non teñan as mesmas oportunidades e síntanse discriminados, entón nada de ser críticos, catro padrenuestros e a esperar a providencia divina. Ou quizais sexa “culpa” súa (nosa), pois algo faremos mal e a ira divina cae sobre nós. Tamén se pode pensar que non é discriminación, só mala sorte:  nacín aquí, aquí “abaixo” e  é “normal” que non poida subir aí “arriba”. Ademais, xa o di a Biblia, antes entra un camelo polo buraco dunha agulla que un rico no reino dos ceos. Así que, resignación...
            Esta barbaridade, esta concepción da relixión dentro da escola, é unha herdanza da obra perpetrada por Franco durante corenta anos. Baixo eses “valores” herdados, quen se vai a cuestionar, e menos o señor ministro de educación,  que Deus non existe?. Ou de existir, por que ten que ser o deus cristián católico con sucursal no Vaticano?. O mesmo se preguntan as distintas e diferentes familias, os ateos, os agnósticos, as testemuñas de Jehová, os protestantes, os musulmáns, etc.
            Unha vez chegado a este punto, tócanos reivindicar aquela Ilustración e os seus ideais que non lograron pervivir na sociedade española no seu momento. Reivindicar o laicismo como punto de unión da cidadanía fundamentado nos tres alicerces básicos do Estado de Dereito: a liberdade de conciencia, que recolle o dereito a ser ateo, agnóstico ou crente dunha confesión relixiosa; a igualdade de tratamento das opcións espirituais por parte do poder público, o cal implica a neutralidade do Estado ante as distintas relixións ou ante o ateísmo; e o terceiro alicerce: o principio de que o poder político común a toda a cidadanía só dedicarase ao que é de interese común (a relixión é un interese particular, non así a educación ou a saúde que son intereses de carácter xeral). O laicismo non é inimigo das distintas expresións relixiosas, mentres estas se cingan ao ámbito privado e non pretendan reivindicar ningún espazo público (como o caso que nos compete). Por esta razón, é fundamental a separación  xurídica  entre o poder público e calquera grupo de presión: relixioso, ideolóxico ou económico. A escola pública debe ser protexida deses grupos.
            A escola pública debe ser laica, porque será a que se preocupe de que as distintas diferenzas de identidade sexan compatibles coa universalidade dos dereitos e coa liberdade que ten cada quen de definirse ou de redefinirse sen ter que xurar fidelidade a ningún grupo. A escola pública e laica non pregunta procedencia nin condición social, fainos iguais a todos e todas, dándonos o instrumento para a emancipación: a Razón.


Publicado no progreso o 25-5-2013

A muller na filosofía



Carmen González López 

Houbo medo histórico a que as mulleres pensasen? Falar de mulleres en filosofía, dentro dunha cultura dominada pola tradición masculina, é unha forma de tomar conciencia e de manifestar que o pensamento racional non é unicamente masculino.
No campo da filosofía non houbo neutralidade respecto aos sexos. Isto móstrase en autores tan relevantes coma Aristóteles cando usa o termo «antropos» (hombre en sentido xenérico) de forma que non pode aplicarse ás mulleres; en Hume cando di «pola teoría da inmortalidade da alma explícase facilmente a inferioridade da capacidade feminina: a súa vida doméstica non require facultades máis altas xa sexan de corpo ou mente». Ou en Nietzsche cando afirma: «hai mulleres nas que por máis que se busque e analice non se encontra nada interior. Son simplemente máscaras». Estes usos lingüísticos exclúen e marxinan ás mulleres.
Relacionábase o concepto home/masculino coa racionalidade, coa cultura, co ámbito da política, e o concepto de muller/femenino coa emoción, coa natureza e co ámbito do privado e por iso incapaces de participar en asuntos públicos en xeral e na política en particular; é o caso de autores coma Rousseau ou Hegel.
A pesar desa exclusión masculina, a muller estivo presente ó longo da historia loitando polo seu espazo no mundo do pensamento.
Presente xa no século IV a.c. no ámbito da Escola Pitagórica, a pesar de que as súas ideas foron atribuidas ó seu fundador, Pitágoras, e a partir de aí estiveron presentes no curso da historia do pensamento: por influencias do Cristianismo na Idade Media, a pesar de que a muller foi considerada como orixe do pecado, a impureza e a debilidade e tiña prohibido o acceso á cultura e estivo marxinada da vida social, houbo mulleres cultas nos conventos e mosteiros. No Renacemento, a filosofía continúa en mans masculinas, pero xa se debilitaban as condicións que impedían o acceso das mulleres á cultura, fundamentalmente na clase nobre, destacando Santa Teresa de Xesús.
Pero será no século XX onde surxa un grande número de filósofas que terán máis relevancia que nos séculos pasados, así : Simone de Beavoir, Hanna Arendt, María Zambrano... Revivir ideas, recapitular e facer xustiza con todas estas mulleres filósofas son algúns dos propósitos de moitas figuras intelectuais do campo da filosofía contemporánea.
Por prexuízos de xénero ou consecuencias históricas, os traballos das filósofas foron escondéndose ou silenciándose, e é hora de borrar as falsas concepcións ou argumentos e recoñecer o pensar histórico feminino.
Nada do que hoxe coñecemos sería o que é, sin ter en conta a filosofía e a obra escrita de todas as mulleres excepcionais que apareceron en todas as épocas.

Publicado no Progreso o 18-5-2013

Falsas liberdades, mentiras públicas



José Domingo de Prada Rodríguez


Un dos teóricos da liberdade de mercado, Robert Nozick, considera como premisa base a liberdade do individuo, que debe estar por riba de calquera consideración. Para respectar esta liberdade individual o Estado debe intervir o menos posible nas relacións entre os individuos. O ideal sería que non interviñese e que toda relación social ou económica se materializase pola decisión libre e respectuosa dos axentes implicados nela.
Dúas son as consecuencias fundamentais deste pensamento que querería resaltar. A primeira ten relación co individuo na sociedade, «cada individuo pode facer o que queira mentres non quebrante a lei, e a lei ten que ser moi pouco restritiva para non coartar ningunha liberdade individual». Así, a liberdade se executará de forma soberana e digamos “afable” cos demais.
A segunda consecuencia é de tipo económico: presupón que «os participantes nun acordo económico teñen plena capacidade de decisión sempre que actúen libremente»; se chegan a un acordo, calquera pacto acadado será válido. O Estado nin pode, nin debe intervir e só esta aí para garantir que tanto os que pactan como os demais respectasen ese acordo. O mercado será quen estableza os límites e as relacións de equivalencia nos intercambios.
Así pois, tanto a liberdade individual como a de mercado supoñen a minimización do Estado. A conclusión é clara: menos Estado e menos lexislación significa máis liberdade a nivel individual e máis oportunidades, nun mercado libre e desregulado, para quen saiba aproveitalas.
O pensamento de Nozick desenvólvese a finais dos anos setenta e esténdese na década dos oitenta. Reagan e Thacher foron os seus grandes impulsores políticos. Isto, que parecía superado, volve impoñerse brutalmente da man do neoliberalismo.
O capitalismo neoliberal ou neocapitalismo susténtase sobre falacias, tal como podemos comprobar, desgraciada e fehacientemente, hoxe en día. Á parte de sufrilas, tamén é posible explicitalas.
Primeira falacia: A liberdade é individual. Non hai tal. A liberdade é social, gañámola en relación cos outros. Se teño que vivir só toda a miña vida, non hai liberdade posible. Dicir neste caso que podo facer o que quero, é unha  inconsistencia sen sentido, pois se sempre vivín só, comportareime instintivamente. En cambio, se vivín en sociedade adoptarei esa liberdade como un ben aprendido socialmente e estarei limitado polos pactos que se teñan establecidos e poidan afectarme, e por aqueles que eu acade.
Se a liberdade é un ben social, debe ser regulado socialmente. Decidir ata onde se limita é o problema. O neoliberalismo pretende a liberdade individual, pero garantida pola sociedade, por ese Estado mínimo. A consecuencia real será a represión dos que non teñan unha posición de privilexio para que exerzan a súa liberdade individual os que si teñan esa posición. A defensa deste concepto de liberdade é puramente ideolóxica.
Segunda falacia: O Estado non debe intervir nos pactos libres entre os cidadáns. Non existen tales pactos libres. Só serían libres se se desen en igualdade de condicións, pero esta situación é imposible e absurda dentro dunha sociedade, por diferenzas económicas, de clase, de coñecementos, de intereses, de experiencias ou de expectativas. Así, o que ten fame ou sede pagará máis pola auga ou polo alimento que aquel que está farto e ten despensa. A necesidade, por exemplo, acaba coa igualdade e polo tanto coa liberdade. Non podemos aceptar o reducionismo do argumentario de que o que non queira pagar os prezos de mercado pode deixarse morrer de fame (algo que desafortunadamente está a ocorrer). Outro exemplo son as situacións de privilexio, ningún traballo nin ningunha responsabilidade asumida xustifican unha xubilación de 88.000.000 de €, coma ocorreu recentemente. Pagaranse, pero faise por ideoloxía.
Terceira falacia: O mercado regúlase a si mesmo. Nunca o fixo. Na economía de mercado o trasfego de mercadorías estivo condicionado, non pola oferta e a demanda (termo eufemístico e politicamente correcto), senón pola capacidade de maximizar os beneficios. Nunha economía de mercado global esa capacidade está chegando a límites impensados, tanto na obtención de beneficios (a crise só a teñen os que a teñen, pero hai quen está a facer nestes momentos inxentes negocios) como na capacidade de espolio, do Estado e dos cidadáns, por parte do propio mercado (ou mellor dito, dos dirixentes dese mercado).
Estamos sufrindo o rexurdimento de teorías que parecían desbotadas. A minimización, ou anorexia do Estado, é un mala praxe política que supón para a inmensa maioría dos cidadáns executar unha práctica inxusta, frívola, dominadora e case escravista, ideolóxica, que serve só os intereses das castas dirixentes políticas ou económicas e ademais ten fundamentos profundamente falsos (merman a liberdade e as oportunidades da inmensa maioría) e inmorais (fundaméntanse no engano, na insolidariedade e na inxustiza).
Igual Nozick, como teórico, cría nas súas palabras, pero os que decidiron e deciden aplicalas só cren nos seus negocios, desorbitados en beneficios sufragados polo Estado.

           Publicado no Progreso o 18-5-2013


Poder e linguaxe



 Gonzalo Pérez López
 

Que vivimos unha etapa de degradación galopante da democracia parece evidente á  luz dos datos que indefectiblemente vai ofrecendo a realidade cotiá. É moi probable que esta situación que interpretamos como degradante non sexa máis ca expresión, nun momento histórico concreto, dun modelo que, interesadamente, se cualificou  como democrático cando, na realidade, nunca foi tal.
En calquera caso, asistimos a un proceso de dexeneración pluridimensional da vida política, (entendida esta como participación colectiva na organización racional - moral da convivencia), alentado polo poder económico e os seus satélites, estratexicamente repartidos por todo o mundo, que ten como obxectivo prioritario o logro da alienación xeral que transforme cidadáns en súbditos.
De entre o inmenso arsenal de armas de destrución masiva do máis mínimo indicio de intervención dos cidadáns  na xestión dos seus intereses dos que dispón, hai unha que o citado poder  emprega, con sistemática fruición, que é a  calculada perversión da linguaxe como elemento de control social. A enorme relevancia que isto ten só se pode comprender se se valora suficientemente o elevado nivel de consecución dos seus obxectivos de control, sen ter que botar man, polo menos de momento, doutros medios para acadalo que ensuciarían o escenario e resultarían pouco “estéticos” para a formalmente civilizada Europa que nos acolleu no seu regazo.
Dende os eufemismos ás falacias, desde o mar de siglas indescifrables para a maioría dos cidadáns ós circunloquios ou á distorsión obscena da linguaxe, todo se orienta á a asentar  e xeneralizar o discurso dominante. A sistemática aplicación dos principios goebbelsianos (non por precisa resulta menos arrepiante esta asociación) da propaganda, coa inestimable colaboración dos corifeos mediáticos para a súa difusión inmediata, forma parte  inseparable dos procesos de alienación global que impidan o pensamento autónomo  e corten de raíz calquera asomo de actitude crítica que poida poñer en cuestión  o status quo dos controladores.
Outras urxencias impídennos entrar no interesante debate que manteñen, tanto filósofos como psicólogos, sobre a relación entre pensamento e linguaxe, pero sen pretender simplificar, e mantendo a interdependencia dos mesmos, coa perspectiva da realidade que describimos,  a utilización da linguaxe como (de)formación do pensamento, parece  evidente.
É tal o volume de exemplos que acotío se nos ofrece que, intentar poñer  un  de cada modelo de perversión, desborda o marco deste artigo, pero “externalizar” por privatizar, ”reformas estruturais necesarias para atallar el déficit” por recortes de dereitos básicos (sanidade, educación...), “copago” por pagar dúas veces polo mesmo servizo, “flexibilizar el mercado laboral” por paso previo ao despido libre, “regularización de capital oculto” por amnistía fiscal, “capital estresado” por malversación de cartos públicos, “regularización competitiva dos salarios” ou “recargo de solidariedade temporal” por redución salarial  drástica, “decreto de plurilingüismo” por certificado de defunción da lingua galega, “modulación del derecho de manifestación”, pola súa restrición ou abolición de facto, “hablaron los mercados” por espolio e privatización do público e de dereitos inalienables,  “movilidade exterior de la juventud” por emigración forzada da xuventude en paro forzoso, poden dar unha idea da ampla gama da manipulación lingüística empregada. Tampouco resulta desdeñable a importancia que ten neste proceso o uso nesgado ou a desaparición interesada de palabras asociadas a compoñentes básicos do ser humano, tales como inmoral, clase social, explotación, inxustiza (coa connotación moral), inxustiza social e moitas outras, como se a súa desaparición social fose a consecuencia “natural” da falta de necesidade do seu uso. Se a isto lle sumamos a fetichización de certos termos da economía cuxo significado real e descoñecido para a maior parte da cidadanía, a terxiversación e o uso de falacias para criminalizar a obxección de conciencia e a desobediencia civil, a aplicación diaria do principio de orquestración, tentando converter mentiras en supostas verdades, o intento teimudo de confundir un “reality show” coa realidade ou converter a realidade nun “reality show”, o panorama resulta desolador dende a perspectiva da calidade democrática máis elemental.
Aínda que non é pouco o enumerado, paga a pena deterse,  polo exemplarizantes que poden resultar, no uso perverso de conceptos como  “crise”, “déficit público” e “antisistema”.
Fracasado o intento de conter o uso xeneralizado da palabra crise, pasaron a vulgarizala, limitándoa ó económico, sen afondar na crise  de valores, por exemplo,  diluíla dotándoa de ambigüidade, terxiversar o seu sentido, asociando a súa superación ao control do déficit público, sen que os cidadáns máis desfavorecidos  advirtan que, ao asociar dito control á drástica redución do gasto social, serán eles os que soporten o peso da situación e, o máis importante, transformando en dogma a adxudicación errónea a unha causa para transpoñer aos que padecen a crise a responsabilidade da mesma.
Instalados na cerimonia da confusión, os afectados vense incapacitados para a máis mínima reflexión que lles permita comprender o papel do sistema no desencadeamento da crise e, aínda menos, decatarse de que a súa superación pasa por unha actitude antisistema que permita a substitución deste.
Unha parte da suposta esquerda política que tería a misión de representar on intereses dos alienados, axudándolles a saír dese estado, a que representa os rescaldos dunha socialdemocracia decadente, prestase a facer o xogo de representar unha falsa alternativa que axude a lexitimar o modelo neoliberal mediante un bipartidismo de consenso ideolóxico que elimina a política a favor dunha economía orientada á exclusión da maioría dos cidadáns, na liña do que J. Rancière denomina “postdemocracia”.
Concatenado con todo o anterior, e formando parte inseparable dun plan global, o discurso dominante imponse con facilidade, xa que a esquerda real non ten  acceso aos medios para contrarrestalo e as redes non son aínda capaces de compensar esta eiva.
O feito de que a dereita extrema, correlato político do poder económico que se impón , denomine esquerda a ese simulacro que asume sen rubor o discurso dominante, é unha maneira hábil de avalar este, converter en posible alternativa á versión edulcorada do mesmo modelo e invalidar calquera opción á que se presenta como “aventureira”, ”violenta” e “antisistema”.
A alienación cidadá é tal que está maioritariamente incapacitada para ver que hoxe, se defendes un sistema fiscal progresivo que distribúa a riqueza xustamente, unha regulación pública do mercado, un desenvolvemento sostible, a creación dunha banca pública, a inalienabilidade dos dereitos humanos que garanta globalizadamente unha vida digna fronte  á voracidade do poder económico, a remoralización da vida pública ou unha democracia realmente participativa, por poñer algún exemplo, entón necesariamente tes que ser antisistema. E ti, que aspiras a ser un  cidadán libre, vivindo dignamente de acordo con estes parámetros, non es antisistema? Eu, si.


Publicado no Progreso 11-5-2013