viernes, 24 de enero de 2014

Liberdade de prensa




 Xosé Ramón Cando Vázquez

Con ocasión do pasamento do Presidente de Venezuela tivemos oportunidade de comprobar como ningún medio de comunicación do Estado Español nos viña informando obxectivamente da acción de goberno do presidente falecido. Algo semellante ten ocorrido co apagón informativo verbo dos sucesos políticos e económicos acontecidos en Islandia. Esta triste constatación enfróntanos a unha das eivas mais importantes que sofre o sistema político español que pretende homologarse como democrático. Se consideramos o abano ideolóxico habitual, veremos que da metade cara a esquerda non hai nada. Conclusión semellante se pode extraer dos medios difundidos en Galicia en relación co compromiso co propio país; non existe ningún xornal escrito en lingua galega. Neste contexto, pode darse verdadeira democracia cunha información tan nesgada?
A gradual conquista de dereitos e liberdades precisa da información que conduce ao coñecemento (sen pluralidade informativa so hai adoutrinamento) como vemos deseguido. No século XVI tivo lugar a Reforma chamada protestante e unha consecuencia da mesma foi a alfabetización dos seus seguidores dado que propoñía a libre interpretación das Escrituras, este feito unido á previa aparición da imprenta deu lugar a que o Norte de Europa iniciase unha andaina cara a xeneralización da información escrita que tardarían en abordar os seus veciños do Sur (onde se inicia a loita contra do absolutismo?). No século XVIII, a Ilustración defende a emancipación pola vía do coñecemento e a este efecto redáctase a Enciclopedia que debería facilitar o acceso a ese saber que, en palabras de Kant, conduciría á saída da minoría de idade na que se atopaba, (atopa?) boa parte da poboación. Tamén afirmaba Kant que as causas desta situación tiñan que ver, xaora, cos atrancos existentes pero, por enriba de todo, coa pereza e/ou co medo (inducido?) desa mesma poboación. É o tempo en que os “philosophes” sentan os principios básicos do que mais tarde coñeceremos como democracia e de xeito parello esténdese un soporte informativo recente, a prensa escrita.
Nun contexto de analfabetismo xeneralizado como o que se daba na Europa Católica, a información, a formación e a construción de criterios e opinións estaban, maioritariamente, en mans do clero que actuaba en nome da Igrexa pero tamén do poder político…e do económico. Os (lentos) procesos de alfabetización e de apertura informativa abriron algunhas portas ao coñecemento que foron fundamentais para a difusión, entre outras, de ideas relacionadas coa existencia de dereitos nunca recoñecidos, co carácter continxente dos diversos poderes e coa capacidade de acción das maiorías oprimidas. Hoxe, corresponde aos medios audiovisuais (nomeadamente á televisión) a maior cota de responsabilidade no eido informativo. A televisión, “esa instancia maternal” en termos de Baudrillard, ofrece a información que lle peta (de acordo cos seus intereses) en paquetes de palabras, imaxes e música, acaídos para ser engulidos polo respectable sen ter sequera que mastigalos. Velaí o principal retroceso fronte á prensa escrita que esixe mais tempo e mais concentración, podendo dar lugar a reflexión, análise e crítica.
Se editar un xornal supón un investimento considerable, a creación e mantemento dunha canle televisiva esixe unha capacidade financeira ao alcance de poucas persoas ou institucións. Consecuencia disto é a interferencia da oligarquía económica na construción da información que chega á cidadanía. Este feito explica o mencionado recorte do abano informativo que antes se mencionou.
Conclusión (outro día falaremos de internet): Non existe pluralidade informativa, logo non se dan as condicións para a supervivencia da democracia.

Publicado no Progreso 13-4-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario