Juan Carlos Fernández Naveiro
Dentro de pouco, se prospera a nova lei educativa,
non haberá nin ética nin cidadanía –e cada vez menos filosofía. O que pase coa
filosofía na educación secundaria será un espello do que pasa na sociedade, un
signo máis da nosa devaluación cultural. E cando a filosofía sexa proscrita
estaremos mellor preparados para o goberno económico da sociedade, e para non
pensar noutras alternativas.
A devaluación cultural é o dobre necesario
da “devaluación interna” da nosa economía: o descenso inducido dos costes de produción,
dos salarios e das cotizacións sociais, que nos permitan flexibilizar o mercado
de traballo e proceder a “reformas estruturais” que se presentan como
necesarias. É un círculo vicioso que nos atrapa a todos, a espiral de
austeridade e recesión que domina hoxe en Europa, na que os desaxustes
contables, a pura e simple necesidade financeira, se converte nun argumento a
prol da desarticulación política e social das sociedades.
O elemento común na actual crise cultural,
económica e política está na “revolución das elites” que se ven producindo
desde finais do século XX: o aumento dos beneficios dos grandes capitais vai da
man da privatización da existencia e da despolitización dos pobos, así como o
estreitamento dos nosos horizontes temporais garda relación co imperio da
publicidade. Son signos aquí e alá dun longo proceso en marcha, no que a
decadencia da soberanía nacional, da división de poderes e dos instrumentos
tradicionais da representación política van parellas da apertura dos sectores
públicos aos mercados e do desmantelamento das sociedades de benestar. E de
fondo, permanece inconclusa a pregunta por cómo se constrúe e cómo se expresa
unha vontade colectiva, nun contexto de competencia electoral curtopracista e
de obsolescencia programada dos programas políticos. Non hai sitio para a
imaxinación política no escenario institucional, e o mercadeo de intereses e de
parcelas de poder priman sobre o intercambio de propostas e argumentos.
Agora que na situación laboral tan
precaria parece que volvemos ao século XIX, tamén semella volver a sospeita
marxista de que a desigualdade é unha condición de partida que ao cabo, cos
procedementos democráticos, acaba por adquirir carta de natureza. Co agravante
de que agora os poderes económicos e financeiros xa non precisan dotarse de aparencias
igualitarias e atopan o terreo abonado para calquera fascismo popular. ¿Semella
aínda posible unha xestión civilizada do capitalismo como a que pretendeu a
socialdemocracia?
Pero en lugar de debater estas cousas
encamiñámonos a unha paisaxe cultural de baixo custe: unha cidadanía devaluada,
unha ética inoperante e unha filosofía case inexistente. Aí nos leva unha nova
lei de educación que se chama de “calidade”, cando quere dicir ideoloxía,
eficiencia, produtividade. ¿Quen teme á filosofía? E ¿cómo explicar na clase os
principios dun sistema democrático, cando a realidade percibida contén os
variados mecanismos que os nosos sistemas políticos poñen en práctica para
adiar, contrariar ou anular a vixencia deses principios? Cada un fará como pode
para sortear o desencanto constitucional e as omisións dos manuais, que apenas
falan de cousas como alienación ou explotación, e dar unha de cal e outra de
area, un pouco de idealismo e outro pouco de realismo. Cada quén terá que
facerse a súa propia composición de lugar, pero ¿non nos estaremos facendo
inmunes ás sutilezas do razoamento?
Publicado no
Progreso o 19/01/2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario