José Domingo de Prada
Nas democracias liberais de
principios do século XXI a liberdade é un dos conceptos máis demandados,
utilizados, invocados e incluso sacralizados, curiosamente en sociedades pretendidamente
laicas. Tamén é pola contra -ou polo mesmo- un dos conceptos máis baleiros dos
que dispoñemos.
Intentemos poñer algo de orde: o
termo provén do latín, libertas,
‘o que ten a calidade de ser libre’. Posuír esta calidade significa que non se
é escravo. Así, libres son tanto os que foron escravos, pero deixaron de selo,
como os que directamente naceron libres. Estes últimos, que non tiveron que
loitar pola súa liberdade e posúena de por si, son os ĭngĕnŭus. Como tales ‘inxenuos’ carecen de malicia, son
nobres. Nacer libre, inxenuo, non ter que gañar a propia liberdade é un valioso
engadido para o individuo, se lle supoñen entón certas calidades morais
reservadas para quen nunca foi escravo, como a xenerosidade, a lealdade, a
honradez ou a rectitude. O que nace libre nunca ten que apartarse desta
excelencia coa que a liberdade o impregna. A liberdade devén así unha virtude natural
e propia dos que sobresaen, dos mellores, areté
para os gregos.
Á marxe da etimoloxía do
vocábulo, a liberdade debe entenderse como autonomía, superación de
impedimentos, capacidade de decisión. Polo tanto, non son libre cando outros
deciden por min (Kant), cando se me impide executar as miñas decisións unha vez
tomadas ou cando directamente se me impide decidir cando quero facelo. A
cuestión é que toda decisión, todo exercicio da liberdade, supón unha escisión,
un resolver, (decīdĕre, ‘cortar’,
‘decidir’), mostrar un dicir, unha palabra, un discurso. En grego o concepto
que acubillaba ao ‘discurso’ e a ‘palabra’ era logos,
que usualmente traducimos como ‘razón’.
Entran entón en relación directa
os termos de liberdade e razón. A liberdade non é mera volición ou simple
apetencia irracional, capricho inconsciente ou desexo do absolutamente
imposible de conseguir, senón que ten o sentido de elección, vontade do
suxeito, ruptura, decisión propia, modo de expresión de quen ten efectivamente
a capacidade de expresarse e a fai efectiva. Porén, a liberdade desgarra
(Sartre). Esta desgarradura da liberdade dáse porque supón renuncias, todo
aquelo que non eliximos queda perdido. Cando decidimos, cando escollemos
exercendo a nosa liberdade a meirande parte da realidade é desprezada por nós,
recortámola e renunciamos a ela. En cambio, o que escollemos se integra en nós,
tanto no ámbito físico como no moral, afectivo ou social. Sen liberdade estamos
indefinidos, literalmente nin somos, pois nos diluiriamos nas decisións
externas.
É por todo isto que nas nosas
sociedades liberais -insisto, liberais- a liberdade é un ben escaso,
improdutivo, desacreditado por sobreabundacia (pensen na publicidade «elixe
todo», «non renuncies a nada»); pervertido por contradición (hai un uso
fascista da liberdade cando se esixe para masacrar ao outro); reducido por paternalismos
adocenados (cando nos asoballan cos tecnicismos dos expertos para anular a nosa
capacidade de decisión sobre o que nos convén); abandonada por pereza (acomodados
no sofá, ante a tele ou, a día de hoxe, enleados nas redes sociais e as
realidades virtuais).
Paréceme que nos encontramos en
pleno interdicto, ou o que é o
mesmo cunha liberdade de pacotilla, falsa e represora que se utiliza para
prohibir. Se queren actualizar a linguaxe poden chamarlle ‘posliberdade’ ou
falsa crenza de que elixen, pois os manipularán despois.
A liberdade posmoderna quere elixilo
todo. Basease na premisa de que un (calquera un, calquera suxeito) pode apoderarse
de todo, intúe un falso dereito básico de apropiación ilimitado, e reclama para
si unha realización efectiva de calquera soño. Non se decata -non quere decatarse,
máis ben- de que o soño é unha fantasía, unha imaxe sen realidade, o que se
denominaba antes da linguaxe posmoderna «unha phantasma».
Así, a liberdade posmoderna devén fantasmada, pura charlotada, irrealidade que
entretén, mentres o que hai se nos impón con man de ferro. Coa man de ferro da
manipulación. Tras a ensoñación da liberdade imaxinada, a escravitude da
anulación das posibilidades reais. Canta torpeza se está a tratar de disimular
con estes sofismas! A patentización da actual estupidez universal non consiste
noutra cousa que en pensar que se pode conseguir todo, que todo é posible e que
eu elixo o que quero. Incluso presupón que cando canse desta elección, despois
escollerei o contrario, sen cortes, nun todo continuo que retorna sempre ao
mesmo sitio, como se o tempo non pasara (posmoderna superación do tempo que
presume vivir nun presente continuo). Xa Hannah Arendt avisa contra a
substitución da realidade pola «proclamación de que todo esta permitido e a
crenza secreta de que todo é posible». Hoxe, esta falsificación da realidade se
nos presenta de forma graficamente realista na ilusoria suposición dunha
realidade virtual, mero efecto dunha técnica deshumanizada maquillada por unhas
Tecnoloxías de Idiotización e Consumo (TIC?), manipuladas e manipuladoras.
Non queda máis remedio que volver
sobre os nosos pasos e recuperar unha liberdade racional (Ilustrada) se non
queremos que nos supriman coas liberdades fascistas, que nos amordacen coas
técnicas ou que nos escravicen coas posmodernas.
Publicado no Progreso o 20-5-2017