Elías Pérez Sánchez
Dezanove anos despois da norte de Ramón Sampedro, que supuxo no seu momento
un forte alegato a favor da dispoñibilidade da propia vida, poucas cousas
mudaron na complexa cuestión da eutanasia.
Desde o punto de vista médico, o consentimento informado (CI) e as
declaracións de vontades anticipadas ou instrucións previas (os DVAs) xurdiron
nestes últimos anos co fin de introducir un serio correctivo ao paternalismo
médico. O CI e os DVAs representan a materialización do principio de autonomía
do paciente ao contar coa súa liberdade de decisión antes de iniciar un
tratamento médico e antes de decidir se se mantén “ad infinitum”. O avance que
supoñen é limitado ao correr o risco de dexenerar en prácticas burocráticas no
canto de buscar o recoñecemento da autonomía e dignidade do enfermo e a mellora
da relación médico-paciente. Ademais, ao non aceptar “vontades que incorporen
previsións contrarias ao ordenamento xurídico” e ao excluír instrucións
contrarias á “boa praxe médica”, só serían admisibles as peticións de
desconexión ou de paliación-sedación na agonía pero nunca aquelas condutas
directamente encamiñadas a anticipar a morte do paciente en estado terminal ou
sufrindo unha enfermidade dexenerativa irreversible. E non supoñen ningún
avance xa que son situacións contempladas hai décadas na Lei Xeral de Sanidade
e no Código deontolóxico médico
Desde o punto de vista xurídico-penal, o artigo 143.4 do Código penal
vixente segue ignorando, como absolutamente irrelevante, o requirimento do
paciente terminal ou seriamente incapacitado prescribindo que cando unha persoa
neses contextos médicos pida inequivocamente que alguén lle axude activamente
causándolle a morte e poñendo así fin á devandita situación de sufrimento,
todos -e este é o mandato que, de non ser seguido, dará lugar á imposición da
pena de prisión- teremos que absternos de cumprir tal petición, permitindo que
a situación irreversible de padecimiento continúe. Considero que o Código penal
debera convivir en sintonía coas crenzas do conxunto da sociedade, polo que tal
mandato racha coa convicción xeral da cidadanía, a cal, e a través de distintas
enquisas, declarouse maioritariamente a favor da eutanasia e o suicidio
asistido en tales circunstancias.
Nestes tempos diversos partidos políticos tentaron sen éxito (de modo
confuso e irreflexivo, utilizando técnicas xurídicas mellorables e
procedementos formalmente lamentables) abordar ditas cuestións. Nada
substancial mudou (insisto) desde fai dezanove anos polo que se fai inescusable
non só unha reflexión máis seria sobre a dispoñibilidade da propia vida a
través do suicidio asistido e a eutanasia activa, senón tamén que tales
condutas, co control social, médico e legal adecuado, deixen de ser condutas
proscritas e convértanse en prácticas toleradas, tal e como se espera dun
Estado democrático, plural e aconfesional como o noso.
Publicado no Progreso o 22-4-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario