María Isabel Sánchez Corral
Durante o tempo transcorrido entre o 20-D e o 26-X, aparte dos distintos
encontros e desencontros entre as diferentes forzas políticas para formar
goberno, foise fraguando un novo discurso da abstención ou un novo relato sobre
a mesma, tomando máis forza as últimas semanas. Quizais para moitos non se
trata de algo novo, pero esta vez fráguase e difúndese a través das redes
sociais.
Desde as últimas eleccións europeas cambiaron moitas cousas no noso país e
quizais a máis importante era a posibilidade de romper co bipartidismo,
cuestión que ilusionou a moita xente. En cambio, hai cousas que cambiaron pouco.
Unha delas é o desinterese por unha banda da cidadanía pola participación
política e outra, a forte hexemonía da dereita.
A frase que máis se oía ao pouco de concorrer "á segunda volta"
era unha especie de pensamento que se resume en: "Estes o único que tiñan
que facer era poñerse de acordo", "vaia tostón, agora teremos que
votar outra vez". Non estamos a falar de comentarios do lumpen, senón de
señores e señoras de profesións liberais e dun nivel sociocultural medio. A
pregunta é a mesma, un acordo sobre que? Non se supón que os acordos se fan en
base a un programa político? Se non houbo acordo suponse que habería diferenzas
políticas. Preocupámonos de cales eran esas diferenzas ou só se trata de non
pasar o mal trago de ter que ir votar outra vez. Ao escoitarnos dicir isto
parece que nos resulta unha pesada carga exercer o noso dereito ao voto.
Votamos, sentímonos aliviados e ao día seguinte a queixarse de todo outra vez
indiscriminadamente. Quizais nos esteamos dando conta que toda acción
voluntaria ten unhas consecuencias.
Outra cousa que cambiou pouco é a hexemonía da dereita no noso país. Esta
hexemonía faise patente tanto a nivel ideolóxico como estrutural nas
institucións e a nivel territorial chega a calquera recuncho do país a través
dos seus distintos instrumentos organizativos. O seu poder a través das
deputacións e concellos xerou redes clientelares con dependencias de traballos,
contratos, subvencións, privatizacións, etc. Estas prácticas convertéronse en
habituais, asumidas polo bipartidismo parecen inmunes a súa xudialización. A
cidadanía segue sen castigalos, o que lles afianza nas súas posicións con máis
encubridores tácitos, que quizais esperan que nalgún momento a eles lles toque
en sorte colocar a un fillo por unha cantidade xeitosa , construír nun
terrenito rústico ou que lles concedan un favor de necesitalo. A hexemonía da
dereita está aquí, é a asunción da economía capitalista como único modelo de
relación entre as persoas, así como dentro das institucións. Desde a
corrupción. Así a cidadanía asumiu unha serie de prácticas como normais que non
o son, pero que alagan a vida cotiá.
Paralelamente a este proceso foise tecendo de novo o vello discurso da
abstención. Asimilado entre esa xente preparada, brillante, que ou traballan
fóra das nosas fronteiras ou malviven dentro, sen traballo, en precario, por
días, por horas..., novos e non tan novos que esperaban que só con votar as
cousas cambiaran. O voto pode cambiar as cousas, pero a hexemonía conservadora
se rompe unicamente xerando un discurso alternativo, unha práctica diferente
que se transforme nun modelo fundamentado en principios morais con base no ser
humano e a súa emancipación. Principios de esquerdas, porque non todos son
iguais, non é o mesmo protexer á infancia que utilizala no mercado para
prostituíla. Non é o mesmo.
De novo, nese vello discurso da abstención se autoproclama como unha forza
máis a ter en conta. Poida que non nos guste este sistema, nin esta democracia
liberal que funciona como unha multinacional, pero eles si votan e gañan as
eleccións. A quen lle interesa de novo o vello discurso da abstención, quen se
beneficia?
Publicado no Progreso o 23-7-2016