domingo, 25 de febrero de 2018

A Historia que nunca se conta



Mar Carballo Cela


En certa medida, o ensino primario e o secundario consisten en cargarse dunha serie de prexuízos, que ao longo da túa vida terás que ir desaprendendo se a sorte e a curiosidade te acompañan. Medrei interiorizando —sen ter ningún tipo de conciencia sobre iso— que a historia da humanidade, dos seus actos e pensamentos, consistía nun relato no cal me sentía incluída por formar parte desa humanidade, sen darme conta de que o que se estaba narrando realmente era a historia dos homes. Unha narración androcéntrica que obviaba por completo o feito de que as mulleres formaban parte dela, pero que, igualmente, se designaba co nome de universal. Todo o máis, un comentario anecdótico, xa se sabe, sobre o feito trivial de que no pasado a sociedade era moi machista. E cando tocaba explicar a loita polos dereitos, de calquera tipo e en calquera época, nin unha palabra sobre a loita da metade da humanidade, que foi atravesando a historia en paralelo con calquera outra causa: o feminismo. Porque as mulleres sempre tivemos que librar a nosa propia batalla por separado, para sermos incluídas en calquera conquista de dereitos humanos.
Abrías un libro de texto, por exemplo, na Ilustración e lías que se reclamaba o uso da razón como única guía en todos os ámbitos da vida cultural, social e política. "Atrévete a saber!", era o seu lema. Pero nada se dicía de que este lema estaba dirixido aos homes, xa que a inmensa maioría dos pensadores da época —incluído o seu autor, Kant— crían que as mulleres carecían de capacidade racional; nada se dicía sobre o feito de que había mulleres ilustradas (e algún home) que reclamaban formar parte da categoría de humanidade dotada de razón igual que os homes, con todos os dereitos e liberdades que iso implicaba: votar, estudar, participar en política ou ter a autonomía suficiente para decidir sobre a súa vida. Nin unha palabra sobre o Feminismo Ilustrado.
O mesmo sucedía no século seguinte, coa Revolución Industrial e a loita obreira. En ningunha parte se explicaba que tamén entón se fixo necesario que as mulleres continuaran a loita polos dereitos que os homes ían conquistando. As mulleres seguían sendo relegadas a unha eterna minoría de idade que non lles permitía votar ou ter propiedades. Disto, e de outras inxustizas sociais, políticas e xurídicas, terán que ocuparse as sufraxistas e feministas obreiras.
Máis tarde chegaría a terceira etapa do feminismo, nos anos setenta do século XX, como continuación dese movemento silenciado por outros acontecementos que se impoñían como representativos do universal. Mulleres como Betty Friedan, Kate Millett ou Simone de Beauvoir, explicaron por que, aínda reformando as leis, a igualdade non acababa de ser real. Elas deron as claves para entender a colonización interior que o patriarcado exerce máis alá da legalidade, e que hoxe segue modelando as nosas identidades.
O feito é que eu medrei pensando que a vida que tiña (dereito á educación, a un futuro laboral e ao resto de dereitos cidadáns) era debida á Revolución Francesa, á loita obreira e ao pensamento de autores como Kant, Rousseau ou Marx, cando, en realidade, a miña vida era así grazas a iso que case ninguén pronunciaba e, se o facía, era máis ben como un insulto: o feminismo. Tiven que aprender moitas ideas e moitas batallas, pero nunca as que a min me liberaran.
Hoxe os libros de texto seguen igual, coa única e insuficiente novidade de situar nas marxes, ou nun breve apartado específico, algunha anotación anecdótica da aportación feminina; pero o relato principal segue sendo o mesmo. E se queres saber algo sobre feminismo, ou o que agora se chama "perspectiva de xénero" sobre calquera materia (antropoloxía de xénero, socioloxía de xénero, etc.), debes facelo pola túa conta ou, se tes oportunidade, elixir —tanto en secundaria, como nos estudos superiores— algunha optativa que te informe sobre a distorsión do discurso dominante; porque a historia da emancipación das mulleres, da metade da humanidade, non se considera o suficientemente importante como para ser integrada, con normalidade, no currículo das materias troncais como son a Historia ou a Filosofía. E aquí empeza o ninguneo que despois se intenta reparar visibilizándonos en efemérides varias. Como se lle vai conceder importancia a un ser que aprendiches a ignorar, a un ser sen historia? Como imos corrixir o machismo se non introducimos no relato da emancipación humana a loita feminista? O feminismo non se toma es serio, e en moitos casos nin sequera se sabe o que é, porque non consta na narración que nos forma como cidadáns e cidadás.
A violencia de xénero non pode ser superada mentres as mulleres sigamos habitando nas marxes dos libros de texto. A violencia nace do desprezo, da falta de empatía, da consideración de que existen seres de inferior categoría. Non podemos combatela unicamente con campañas de concienciación ou xulgando aos culpables unha vez sucedida. A solución pasa, inevitablemente, por formar as mentes, por interiorizar desde a infancia que ningún ser humano é máis importante que outro, neste caso por razón de sexo; e iso só pode suceder cando ás mulleres se nos presente como coprotagonistas da historia e non como actrices secundarias. A historia ten tantos fíos condutores como desexemos; incluír nela á metade esquecida da humanidade non pode deixarse para os estudos especializados de perspectiva de xénero.

Publicado no Progreso o 17-2-2018

jueves, 15 de febrero de 2018

Orde e continxencia




M. A. Martínez

A cuestión da orde, e o seu sentido, retorna a nós como espectro do reprimido. Desde os recantos dos puntos cegos da reflexión, regresa, e pide ser repensada. Reclama recuperarse na consciencia de varias xeracións que fixeron dela un ángulo morto, o grao cero da comprensión, o personaxe que encarna a comedia do sen sentido e a traxedia da dominación.
Mais lembremos. No pensamento occidental hai tres grandes tipos de orde que marcan o seu rumbo e significado. O primeiro é o cosmos. É unha orde das cousas na que todas encontran o seu lugar e sentido. O segundo tipo é o edicto. Un mandamento, ou unha lei, tras da que hai un mandatario, gobernante, emisor de disposicións de obrigado cumprimento. A orde ten validez que fornece o seu funcionamento normal. O terceiro tipo de orde é a medida, o número. Fai posible un aparello artificial como o computador, os códigos. Algúns afirman que o mundo posmoderno pode prescindir dos primeiros tipos de orde. Inclusive, grazas á intelixencia artificial, pode liberarse do terceiro. Para eles a continxencia é a esencia da sociedade posmoderna. Isto que significa?
A continxencia significa que cada orde podería ser diferente a como é. Inclusive non ser. A continxencia é o convencional, froito dun acordo novo, pacto inédito, que non se encontra nunha condición «de feito». Pode ser de natureza factual e non xustificarse, ou deducirse, de algo dado, previo. É novidade, creación pura. Un novo curso de acción. Así, a continxencia fura calquera orde (natural, universal). Baleira calquera posición que non se recoñeza como casual (fortuíta, accidental). A sensación xerada é ambivalente: para uns, intranquilidade e desacougo; noutros, entusiasmo e brío.
Quizais a sociedade posmoderna voltea os termos desta comprensión tradicional, demasiado tradicional. Unha análise máis refinada comproba que na actualidade a orde tende a arranxar un déficit de sentido, e a continxencia a amañar un superávit de significado. No primeiro caso, actúa a lóxica do furto, do sobrevivinte que conta e reconta, acumula e atesoura nun burato catastrófico, sen fondo. Un cálculo da nada. No segundo caso, opera a física do sublime, a garda do acontecemento extraordinario, un soño nos preparativos da imaxinación, aínda infantil, que concibe a morte (simbólica) do pai. Para principiar e rematar xusto aí, na falta de porvir do reconto narcisista das imaxes que amañan a escena da caída do símbolo paterno. Na sociedade posmoderna a orde alíñase na conxura dos momentos fundacionais. Na continxencia engástase o furor fundacional que converte o sentido do cotiá en algo trivial. En ambos os dous, a estrutura da práctica sacrificial, e a violenta hostilidade contra o outro, impiden a axustada resposta que agroma entre o ordinario e o extraordinario. Que resposta? É posible unha resposta que desfaga o ciclo da orde e a súa rotura? Talvez.
As decisións colectivas e persoais poden ser comprendidas como formas específicas de dar respostas, responder a algo. Formas coas que se contesta aos ofrecementos, requirimentos, demandas, de situacións determinadas. Se o xurdimento da orde, de calquera orde, é unha reacción a un desafío, a irrupción da continxencia tamén. Por exemplo, a política, desde o punto de vista da orde, é unha pragmática que comprace intereses particulares.
Desde o punto de vista da continxencia, unha impostura que festexa o carácter volcánico da excepcionalidade. Pensar en profundidade a relación entre orde e continxencia é comprender este nó. É afondar na aparente escisión entre orde cotiá e calquera acontecemento extraordinario, no ilexítimo afastamento entre os acontecementos singulares e a norma da orde.
A pretendida, e falsa, asimetría entre o responder repetitivoreprodutivo e o innovador-produtivo ás situacións (ordinarias, extraordinarias) fundaméntase nun paradoxo. Quen agarda respostas acabadas, rematadas, completas, non ten nada que dicir porque todo, se cadra, está dito. Pola contra, quen fala sen responder, tampouco ten nada que dicir, posto que para el, probablemente, non hai nada que dicir. Inventamos o que respondemos. Non aquilo ao que respondemos e dá peso ao falar e actuar. Inventamos a continxencia porque a orde é o seu único sentido.

Publicado no Progreso o 10-2-2018

viernes, 9 de febrero de 2018

Consensos urxentes na sociedade actual



Xosé Ramón Cando Vázquez

Todo réxime de goberno democrático enténdese operado a través de partidos políticos que, por definición, traducen en leis os criterios da cidadanía da que se constitúen en representantes pero, acotío, prodúcese unha sobreactuación e xa non se trata de representar senón de construír ditos criterios. Con este obxecto, non é raro observar como se manipulan ou, cando menos, se esaxeran feitos e realidades, facendo difícil ou mesmo imposible a súa constatación. Esta manobra supón desprazar o debate ideolóxico-político dende o seu lugar lexítimo, o diagnóstico dos problemas e as alternativas de solución aos mesmos, ao espazo da discusión sobre o que existe ou non existe, ao ámbito da metafísica, territorio, como se sabe, pouco propicio para o acordo.
A afirmación de Nietzsche de que toda verdade absoluta é unha ilusión e o único que podemos afirmar son interpretacións, daría pe á eclosión da filosofía hermenéutica que se estendeu ao longo do século XX e que tería en Gianni Váttimo un dos seus representantes. Váttimo, fronte aos diferentes enfoques metafísicos, ou mesmo “científicos”, sobre a  verdade, propón un criterio consensual que, facendo parte do chamado pensamento feble, devén, sen embargo, nunha alternativa revolucionaria na definición radical da democracia  que resulta moi pertinente no contexto que se describe no apartado anterior. A sociedade non pode gastar o tempo e a enerxía nun debate, politicamente estéril, sobre os termos da realidade, cuxa definición debe ser anterior e compartida permitindo situar a dialéctica partidaria no espazo do que tiña sido desprazada.
Coherentemente co anterior e adoptando a perspectiva do consenso, as sociedades deben establecer a base común para o xogo político, concretamente deben acordar que realidades presentan un maior nivel de risco, ou, se se quere, que prioridades hai que abordar con urxencia dende o asentimento do feito de ser reais e urxentes. Na situación actual hai algúns feitos que poderían ter o mencionado carácter:
1.- Debería ser posible chegar a un acordo sobre a realidade do feito de que as mulleres non gozan dos mesmos dereitos que os homes e non reciben igualdade de trato.
2.- Debería ser posible chegar a un acordo sobre a realidade do feito de que está a producirse un cambio climático no que parece que a humanidade ten un papel activo importante e que podería ter repercusións moi negativas para a saúde da mesma.
3.- Debería ser posible chegar a un acordo sobre a realidade do feito de que asistimos a unha transformación das estruturas e as relacións económicas descoñecida no pasado e de que da resposta que sexamos quen de producir derivaranse consecuencias que nos afectarán gravemente.
Se excluímos unha limitada porcentaxe, os varios millóns de votantes dos partidos con representación institucional partillan o significado da expresión vivir decentemente e concordan en tela como obxectivo, sen embargo unha parte importante non comparte que a desigualdade de dereitos entre xéneros sexa unha realidade, que estea a darse, realmente, un cambio climático que, no peor dos casos podería levarnos por diante e que sexamos protagonistas dun cambio de modo de produción que está a darse, realmente, entre nos e que podería ser traumático se non se afronta en beneficio do colectivo. A dificultade non radica, polo tanto, nunha discrepancia política irreconciliable (non existe, de feito, unha importante oposición de criterio sobre o sentido da xestión do público), o que padecemos son comportamentos políticos partidarios que, incapaces de establecer ofertas diferenciadas alén da conxuntural batalla polo poder, tenden, cada vez mais, a fundamentar a súa diverxencia en intentar confundir á cidadanía sobre o contido da realidade porque, como e sabido, non hai mellor táctica para non arriscar solucións ante un problema que negar a existencia do mesmo (sería interesante cambiar isto para non ter que interrogarse despois do desastre "que se fixo mal?").

Publicado no Progreso o 3-2-2018