Mar Carballo Cela
En certa medida, o ensino primario e o secundario consisten en cargarse
dunha serie de prexuízos, que ao longo da túa vida terás que ir desaprendendo
se a sorte e a curiosidade te acompañan. Medrei interiorizando —sen ter ningún
tipo de conciencia sobre iso— que a historia da humanidade, dos seus actos e
pensamentos, consistía nun relato no cal me sentía incluída por formar parte
desa humanidade, sen darme conta de que o que se estaba narrando realmente era
a historia dos homes. Unha narración androcéntrica que obviaba por completo o
feito de que as mulleres formaban parte dela, pero que, igualmente, se
designaba co nome de universal. Todo o máis, un comentario anecdótico, xa se
sabe, sobre o feito trivial de que no pasado a sociedade era moi machista. E cando
tocaba explicar a loita polos dereitos, de calquera tipo e en calquera época,
nin unha palabra sobre a loita da metade da humanidade, que foi atravesando a
historia en paralelo con calquera outra causa: o feminismo. Porque as mulleres
sempre tivemos que librar a nosa propia batalla por separado, para sermos
incluídas en calquera conquista de dereitos humanos.
Abrías un libro de texto, por exemplo, na Ilustración e lías que se
reclamaba o uso da razón como única guía en todos os ámbitos da vida cultural,
social e política. "Atrévete a saber!", era o seu lema. Pero nada se
dicía de que este lema estaba dirixido aos homes, xa que a inmensa maioría dos
pensadores da época —incluído o seu autor, Kant— crían que as mulleres carecían
de capacidade racional; nada se dicía sobre o feito de que había mulleres
ilustradas (e algún home) que reclamaban formar parte da categoría de
humanidade dotada de razón igual que os homes, con todos os dereitos e
liberdades que iso implicaba: votar, estudar, participar en política ou ter a
autonomía suficiente para decidir sobre a súa vida. Nin unha palabra sobre o
Feminismo Ilustrado.
O mesmo sucedía no século seguinte, coa Revolución Industrial e a loita
obreira. En ningunha parte se explicaba que tamén entón se fixo necesario que
as mulleres continuaran a loita polos dereitos que os homes ían conquistando.
As mulleres seguían sendo relegadas a unha eterna minoría de idade que non lles
permitía votar ou ter propiedades. Disto, e de outras inxustizas sociais,
políticas e xurídicas, terán que ocuparse as sufraxistas e feministas obreiras.
Máis tarde chegaría a terceira etapa do feminismo, nos anos setenta do
século XX, como continuación dese movemento silenciado por outros
acontecementos que se impoñían como representativos do universal. Mulleres como
Betty Friedan, Kate Millett ou Simone de Beauvoir, explicaron por que, aínda
reformando as leis, a igualdade non acababa de ser real. Elas deron as claves
para entender a colonización interior que o patriarcado exerce máis alá da legalidade,
e que hoxe segue modelando as nosas identidades.
O feito é que eu medrei pensando que a vida que tiña (dereito á educación,
a un futuro laboral e ao resto de dereitos cidadáns) era debida á Revolución
Francesa, á loita obreira e ao pensamento de autores como Kant, Rousseau ou
Marx, cando, en realidade, a miña vida era así grazas a iso que case ninguén
pronunciaba e, se o facía, era máis ben como un insulto: o feminismo. Tiven que
aprender moitas ideas e moitas batallas, pero nunca as que a min me liberaran.
Hoxe os libros de texto seguen igual, coa única e insuficiente novidade de
situar nas marxes, ou nun breve apartado específico, algunha anotación
anecdótica da aportación feminina; pero o relato principal segue sendo o mesmo.
E se queres saber algo sobre feminismo, ou o que agora se chama
"perspectiva de xénero" sobre calquera materia (antropoloxía de
xénero, socioloxía de xénero, etc.), debes facelo pola túa conta ou, se tes
oportunidade, elixir —tanto en secundaria, como nos estudos superiores— algunha
optativa que te informe sobre a distorsión do discurso dominante; porque a
historia da emancipación das mulleres, da metade da humanidade, non se
considera o suficientemente importante como para ser integrada, con
normalidade, no currículo das materias troncais como son a Historia ou a
Filosofía. E aquí empeza o ninguneo que despois se intenta reparar
visibilizándonos en efemérides varias. Como se lle vai conceder importancia a
un ser que aprendiches a ignorar, a un ser sen historia? Como imos corrixir o
machismo se non introducimos no relato da emancipación humana a loita
feminista? O feminismo non se toma es serio, e en moitos casos nin sequera se
sabe o que é, porque non consta na narración que nos forma como cidadáns e
cidadás.
A violencia de xénero non pode ser superada mentres as mulleres sigamos
habitando nas marxes dos libros de texto. A violencia nace do desprezo, da
falta de empatía, da consideración de que existen seres de inferior categoría.
Non podemos combatela unicamente con campañas de concienciación ou xulgando aos
culpables unha vez sucedida. A solución pasa, inevitablemente, por formar as
mentes, por interiorizar desde a infancia que ningún ser humano é máis
importante que outro, neste caso por razón de sexo; e iso só pode suceder cando
ás mulleres se nos presente como coprotagonistas da historia e non como
actrices secundarias. A historia ten tantos fíos condutores como desexemos;
incluír nela á metade esquecida da humanidade non pode deixarse para os estudos
especializados de perspectiva de xénero.
Publicado no Progreso o 17-2-2018