Xosé Ramón Cando Vázquez
Empregando O que denominamos ciencia rexeitamos as historias míticas como
contidos alleos á verdade na que, evidentemente, nos situamos, dada a
seguridade que nos proporciona o chamado coñecemento científico. Deste xeito
desbotamos deuses, anxos, xigantes, monstros e demais fauna de carácter
mitolóxico pero desbotamos, igualmente, calquera aspecto da realidade que non
estea avalado polo método científico dando por certo que ciencia e realidade
son a mesma cousa, que coñecer cientificamente significa coñecer
verdadeiramente. Isto significa, ademais, que asumimos a obxectividade de canto
afirmamos estar probado cientificamente, feito que elimina a posibilidade de
calquera metafísica que supoña a intervención de facultades que aporten
conclusións de carácter individual ou, en todo caso, diferenciadas.
Esta pretensión de verdade da que vimos de falar é unha manifestación
permanente na historia humana. En todo tempo e lugar se deron coñecementos
incuestionables porque a necesidade de certezas é estruturalmente intrínseca ao
ser humano, chegando, como sabemos, á eliminación física de quen discute a
veracidade da realidade establecida. Deberiamos ser moi conscientes disto cando
confundimos aS nosas crenzas coa verdade porque da verdade non sabemos nada, e
así, en cada época histórica, empregamos as nosas diversas facultades
(sensibilidade, imaxinación, pensamento, etc.) para construír unha realidade
que resulte aceptable e segura.
A construción da realidade da que vimos de falar ten, tradicionalmente, un
carácter colectivo, ou sexa, dende sempre as distintas sociedades crearon
diferentes culturas e cosmovisións diversas para, coa aparición da capacidade
de comunicación lingüística, artellar ditas visións do mundo en conexión coas
linguas concretas e prendelas en cada unha delas. Estas construcións colectivas
toleraron mellor ou peor a disidencia pero tamén resulta agora evidente que,
cunha perspectiva diacrónica de longo alcance, podemos constatar que dita
disidencia tendeu a incrementarse e a producir diversos enfoques de carácter
individual que nalgunhas sociedades abranguen importantes porcentaxes de
poboación. Se visitamos outras épocas históricas podemos mergullarnos, por
exemplo, na Grecia Clásica e advertir a treboada que produciron os chamados
sofistas canto á ruptura dun molde espiritual e comportamental que viña sendo
común e que deixa de selo (entre as elites) por efecto da intervención destes
pensadores.
Neste punto, parece obvia a nosa posición escéptica pero ao mesmo tempo
esperanzada. Escéptica porque discutimos a universal verdade das certezas pero
esperanzada porque sostemos que a tarefa apaixonante de construír a propia
realidade resulta imprescindible xa que nunca a atoparemos feita. Innecesario
resulta dicir que para construír se precisan ferramentas e cada quen debe
elixir con que quere erguer o edificio das súas ideas. Afirma Kolakowski que a
opción pola lóxica non é obrigada senón deliberada. Concordando neste punto co
filósofo polaco, podemos optar polo pensamento lóxico pero tamén podemos facelo
pola imaxinación, a fantasía, etc, igualmente, podemos dar á ciencia carácter
dogmático ou relativizar as súas proposicións. Non debe asustarnos ser
irreverentes coas leis científicas posto que outros xa o fixeron antes (v.g.
Teoría do Caos).
A filosofía ten moito que aportar de cara á mencionada construción da realidade
ao igual que a literatura, a arte e a ciencia, pero os/as lexisladores/as non o
consideran así, probablemente porque prefiren verdades colectivas indiscutibles
e indiscutidas (polo tanto falsas) cun criterio que lembra as suxestións aos
xoves feitas por Aristófanes na súa comedia As nubes "Brillante e fresco
coma unha flor, pasarás o tempo nos ximnasios en vez de recitar na ágora
charlas espiñentas como se fai hoxe en día (...) Se fas o que che digo e
aplicas niso o teu espírito, terás sempre o peito robusto, o cute moreno, os
ombreiros anchos, a lingua corta, as nádegas firmes, a verga pequena.
En cambio se practicas os costumes de hoxe en día (fai referencia á
revolución sofista), terás a tez pálida, os ombreiros estreitos, o peito
reducido, a lingua longa, as nádegas delgadas e a verga grande" (1). Agás
algún pequeno detalle, estes consellos parecen saídos de calquera anuncio
publicitario actual, reflectindo abertamente o que na publicidade se transmite
ás agachadas, o interese por desterrar todo tipo de análise que vaia mais alá
do coidado do corpo ou, no seu caso, da adquisición doutros produtos de
consumo. Non vaiamos pensar por exemplo en Rafael Luque cuxa morte parece mais
ben un homicidio aínda que ninguén padecerá consecuencias de carácter penal por
ela. So será un accidente laboral porque gozaba da fortuna de ter un traballo.
Tempos son estes que mais parecen de lobos que de homes!
(1) ROMILLY, J.: Los grandes sofistas en la Atenas de Pericles. Seix
Barral. Barcelona. 1997. Pax.:52-53. Tradución propia.
Publicado no Progreso o 22-7-2017