domingo, 21 de diciembre de 2014

A perversa idea de clase media



Gonzalo Pérez López

Todos os índices e informes recentemente publicados sobre España (índice Gini, informes de Oxfam, Cáritas, mesmo os da OIT ou da OCDE) contribúen teimosamente a desvelar as falacias que sosteñen esa ficción, coidadosamente construída polo capitalismo dominante, que é a idea de clase media. O incremento da desigualdade medra sen parar, especialmente no último lustro, a brecha entre ricos e pobres e, particularmente, entre uns poucos que acaparan o poder socioeconómico e a maioría da poboación que o padece, converteuse nunha sima insalvable que patentiza a desaparición desa entelequia groseiramente alimentada da suposta xeneralización do que se deu en chamar clase media, que contou coa reiteración calculada de retrousos como «todos somos clase media», que fixeron furor neste país. Dado que a cantilena resultaba intelectualmente insostible, foi reforzada cunha matización formal espacial que se repetía tamén como se do resultado dunha análise científica da realidade social se tratase: «media-alta, media-media, media-baixa», sempre con media diante, a modo de ritual propiciatorio para o adormecemento social masivo.
Esa amplísima franxa acrítica da sociedade que nos ocupa, soporta impasible o desmantelamento e a privatización de servizos sociais básicos, que ela mesma contribuíra a crear, cara a súa conversión en obxecto de mercado. Imbuída dun individualismo paralizante e atordada pola eterna promesa de ascender un chanzo na escaleira social, a costa de que os que veñen detrás se precipiten escaleiras abaixo, sigue sobrevalorando as súas posibilidades de realizar o sempre posposto anhelo, incluso neste momento no que a orxía antisocial do neoliberalismo condena ós seus formados fillos a converter en soño a realizar o que seus país consideraron conquistas irreversibles.
 Por que acepta, por exemplo, a sobrecarga de impostos indirectos, inxustos per se, asumindo a regresividade actual dos directos, que a elite é especialista en evadir, deteriorando  servizos públicos, dos que só uns poucos privilexiados poden prescindir? Por que aceptan a socialización das perdas, contribuíndo ó rescate da banca tras o seu desfalco, e renuncian á socialización das ganancias, vía nacionalización, picando, ademais, o anzol dos produtos timofinanceiros, que extraen os  beneficios do sacrificio e da eterna aspiración frustrada de enriquecerse deste conglomerado social desclasado?
A percepción dos seus intereses obxectivos como colectivo está tan distorsionada que nos sitúa ante unha poboación hipnotizada, que se autosuxestiona da súa pertenza a unha clase que non é tal, unha ficción que, aínda que carece de operatividade científica, impídelle tomar conciencia dos seus intereses reais, cumprindo a misión de actuar como parapeto e colchón para salvagardar os da clase mundialmente dominante e dos seus satélites estratéxicos. Esta propaganda falaz cala tan fondo que incluso gran parte dos que padecen importantísimas carencias a asume plenamente como expresión da súa situación real no espazo social.
Hai unha investigación que resulta paradigmática para confirmar ata que punto callou esta andrómena do poder. Seguindo criterios obxectivos para valorar o poder económico e social (nivel de renda,… ), distribuíuse a mostra obxecto da análise en cinco estratos, pedíndolles ás mesmas persoas que se situaran onde pensaban que se atopaban realmente. Nos únicos nos que coincidían a súa autocualificación coa situación obxectiva era nos privilexiados do estrato superior. Nos catro estratos restantes, agás unha minoría que asumía a súa práctica marxinación, a tendencia maioritaria era a situarse tanto máis por riba da realidade canto máis abaixo estaba na distribución obxectiva de poder.
Este desenfoque, que se mantén aínda neste momento no que a crise acelerou o proceso de proletarización e o empobrecemento de boa parte da poboación, resulta pernicioso para os seus intereses, operando como un factor psicosocial que contribúe ao incremento das diferenzas de clase, xa que, ademais do freo ás reivindicacións sociais que supón, a súa pasividade concede o tempo necesario para que a oligarquización galopante do capitalismo desmonte placidamente, sen apenas reacción social, aquel estado de benestar ó que se vira abocado para non perder o control nun momento histórico do seu desenvolvemento. Aquelo foi un espellismo que acabaron por confundir coa realidade, incluso os que non gozaban de benestar algún que merecera tal cualificativo, pero que «partindo da nada, e só co seu esforzo, chegaron ás máis altas cotas de miseria», seguindo a inapelable sentenza de Marx (Groucho). Dado que a acumulación de plusvalía é algo intrínseco ao capitalismo, calquera aparente cesión dunha parte, por ínfima que sexa, nunca pasará dunha mera reviravolta imprescindible para proseguir a expansión acumulativa que o caracteriza.
É moi probable que o capital, en base ás súas propias estratexias de supervivencia, aínda conceda ás narcotizadas masas algunha tregua nas futuras batallas da desigual guerra emprendida para a aniquilación do público. A suposta concesión atoparía hoxe o caldo de cultivo axeitado naqueles que, padecendo aínda o descenso da savia, están dispostos a crer nos brotes verdes e no primaveral crecemento macroeconómico da propaganda do réxime porque, consciente ou inconscientemente, manteñen a esperanza inconfesable de que o neoliberalismo triunfante lles recompense con creces a resignación coa que se someteron ó letargo social invernal.
Terán que decidir, entón, se están dispostos a deixarse arrolar de novo polos cantos de serea ata adormecer, esperando a próxima crise cíclica que os volva a esnafrar, ou apostan por facer efectiva a súa potencialidade para provocar unha conmoción social que propicie a construción dunha convivencia sobre os sólidos alicerces morais do reparto social da riqueza dispoñible, da equidade e da solidariedade universal. Da actitude que adopte no futuro inmediato o enorme colectivo perversamente denominado clase media, dependerá, en boa medida, o devir histórico.

Publicado no Progreso o 20-12-2014

Democracia participativa



Elías Pérez Sánchez

É unha evidencia que estamos a vivir unha realidade política pouco edificante. Estes son tempos nos que a dereita pretende utilizar como modus operandi a fin da política, a redución ao mínimo do espazo público de debate impoñendo outro espazo, o do mercado. E no espazo regulado polo mercado non caben os dereitos, o debate público, o debate político. Non cabe, xa que logo, a democracia. A lóxica do mercado anticipa o fin da época dos dereitos.
Por outra banda, nas augas descompostas e noxentas da nosa democracia, xorden todos os días cadáveres de dirixentes políticos corruptos que tentan reducir a actividade política a un estercoleiro, estercoleiro que cómpre remexer con vasoira feita de xesta e de pau de salgueiro (o salgueiro do Incio é, a dicir de Fiz Vergara Vilariño, o mellor de Galicia).
Este estado de cousas (por simplificar) supón un espectáculo desagradable e pouco exemplar que está a provocar xa desde hai tempo unha sensación de desafección cidadá cara as organizacións políticas como ferramentas útiles e coherentes que poidan levar a cabo una (cada vez máis) necesaria transformación social. A democracia e a actividade política sostéñense sobre as virtudes da confianza e da vergoña, ten dito a filósofa Victoria Camps, e cando ditos piares amosan esvaecerse, unha das posibles consecuencias pode ser que a cidadanía chegue a vivir un estado de desesperación colectiva e de fartazgo social que derive no desexo dun empoderamento cidadán. Así xorden mareas cidadás, plataformas cívicas, iniciativas político-sociais (ou cívico-políticas, como queiramos) que hoxe mesmo teñen un obxectivo claro e evidente: darlle o protagonismo á cidadanía no ámbito público e recuperar a iniciativa do debate político. Este feito, salientable, de darlle voz á cidadanía supera a tradicional democracia representativa en beneficio dunha democracia participativa consistente na organización ou asociación de cidadáns coa finalidade de exercer una maior influencia directa nas decisións públicas.
Hai boas razóns polas que a democracia participativa debera, pouco a pouco, funcionar e acadar o éxito: a cidadanía ten un coñecemento máis íntimo e cercano das necesidades da veciñanza que os propios políticos, a participación desenvolve a capacidade das persoas para traballar dun xeito cooperativo e, por fin, a participación na vida pública fai que os propios cidadáns acaden un maior grao de responsabilidade social. En definitiva: a democracia participativa (a actividade participativa) pode axudar a que a veciñanza deixe de cumplir o rol de mera espectadora allea aos asuntos públicos, exercendo como tal, e coa finalidade de convertirse en parte activa da democracia. En definitiva: en convertirse en mellores cidadáns.

Publicado no Progreso o 13-12-2014

Educar para que?



Mar Carballo Cela

A filósofa estadounidense Martha C. Nussbaum achega na súa recente obra ‘Emocións políticas: por que o amor é importante para a xustiza?’ unha idea imprescindible, creo eu, para afrontar os retos da democracia actual: todo sistema político necesita sustentarse sobre aquelas emocións que lle sexan máis propicias para perdurar, e debe facer o necesario para fomentalas.
Habitualmente, tendemos a asociar a manipulación emocional cos réximes totalitarios, réximes que inculcan na cidadanía o temor á disidencia solitaria, á dependencia infantil, ou ao orgullo nacional unido sempre ao desprezo e ao odio cara algún inimigo. Este tipo de sentimentos, impostos mediante a coacción, son os que fan posible que todo un pobo soporte sen rebelarse longos anos de dictadura. Pero os sistemas democráticos tamén se manteñen grazas ás súas adhesións emocionais propias: fundamentalmente o respecto e a simpatía cara aos diferentes, ao amor á liberdade e á honestidade e a indignación ante a inxustiza; e a única forma de que estas emocións arraiguen é mediante a educación.
Na nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), o obxectivo primordial é fomentar o talento, entendido este como o desenvolvemento das capacidades que lles permitan aos individuos competir con éxito no mercado laboral globalizado. Parece que non se contara con eles en absoluto para o coidado e o progreso do sistema democrático, só se espera que sexan traballadores competitivos dispostos a unha alegre mobilidade social (emigrantes). Para iso deben, ademais das disciplinas propias da profesión, saber idiomas e manexar as novas tecnoloxías. No tocante a todo o demais, ou sexa, á ‘banal’ tarefa de asumir unha cidadanía responsable que garanta a paz e a xustiza social, non hai necesidade de que reciban instrución ningunha, basta con que obedezan. É curioso o pouco respecto que se amosa cara un dos logros máis importantes da humanidade, que tanto esforzo e sufrimento costou construír, e que agora vemos corromperse nas mans de novos tiranos e saqueadores. A este respecto resulta moi actual a alusión que facía Platón á democracia da súa época, tamén corrupta, na obra ‘Menéxeno’: «Uns chámano goberno do pobo, outros danlle outro nome, según lles prace, pero é, en realidade, un goberno da elite coa aprobación da maioría. Porque reis sempre temos, unhas veces sono pola súa linaxe, outras por elección».
E afondando máis no tema da tiranía, sorpréndeme gratamente que no século XVI un mozo humanista francés (por suposto, completamente ignorado polos canons académicos aínda na actualidade) escribira con gran mestría unha pequena obra titulada ‘Discurso sobre a servidume voluntaria’. Chamábase Étienne de La Boétie, e aquí analiza a lexitimidade do poder político e as razóns que levan a que todo un pobo sexa submiso. Distingue tres clases de tiranía: pola forza das armas, por sucesión hereditaria e por elección popular, e conclúe que en todas elas os pobos, pese a todo empeño por sometelos, sempre teñen na súa man acadar a liberdade: basta con desexalo, deixando de servir a quen os domina sen necesidade de utilizar a violencia. Pero o que máis chama a atención é outra vez a actualidade do símil que emprega para describir o trato que un tirano electo lle dispensa ó seu pobo: «tratan os pobos como touros que deben domarse», ou sexa, gando doméstico que traballe e obedeza. E cando sufran algunha inxustiza ou agravio, que busquen amparo en solitario baixo o paraugas do cacique axudando así a tecer a rede que sustenta o seu poder, «a pirámide da opresión» en palabras de La Boétie. Deixan así reducida a nosa actividade cidadá á mera adulación.
A ilusión por construír e conservar unha sociedade pacífica, honesta e solidaria é o maior patrimonio que moitos dos nosos antepasados nos legaron, e así debería constar nas primeiras páxinas de calquera proxecto pedagóxico verdadeiramente democrático. Se non educamos para amar iso, subsidiariamente careceremos de todo o demais, porque non debemos olvidar que non hai conquistas definitivas e cada xeración debe aprendelo todo de novo. Pero tal intención parécenlles ás nosas autoridades educativas unha banalidade carente de sentido realista, ou máis ben charlatanería perigosa que contamina as mentes dos futuros traballadores, obstaculizando así os obxectivos de lucro que inspiran as súas leis orgánicas.
Se algúns loitaron por converter a política nun proxecto común ilusionante que nos permita mellorar as vidas, outros transfómana nunha experiencia triste e decepcionante que alonxa ao individuo dos seus semellantes e o devolve á loita cruel, solitaria e desesperanzada. Quérennos moi bos técnicos, pero humanamente degradados… Hai mellores cómplices?

Publicado no Progreso o 6-12-2014

martes, 2 de diciembre de 2014

As redes sociais



María del Carmen González López


A que se dedica o meu fillo cando está diante do ordenador? É a pregunta que os pais se fan. Para eles é complicado, as redes sociais forman parte da formación cultural e da vida cotiá dos mozos e adolescentes e, a diferenza dos seus fillos que coñecen o mundo dixital dende que naceron, teñen que implicarse nunha nova realidade en moitos casos descoñecida para eles.
As redes sociais representan unha contorna con enormes posibilidades, pero tamén riscos importantes, sobre todo para os máis novos. O reto final dos pais debe ser educar os seus fillos nun uso responsable delas.
O beneficio que trouxeron as redes sociais é importante (comunicación intercontinental, traslado en tempo real da información…), pero tamén trouxeron riscos para os seus usuarios e para quen os rodea.
As novas xeracións non logran separarse dos seus ordenadores ou dos seus móbiles, perdendo a posibilidade de relacionarse con outras persoas, especialmente cos seus familiares, postergando as súas tarefas escolares para seguir a maior tontería que apareza nalgunha das redes que utilizan normalmente sobre todo Facebook e Tuenti.
Estas redes estanse a converter en arquivos diarios onde cargan unha altísima información non só da súa vida, senón dos seus amigos, os seus traballos, as súas afeccións, e todo iso con fotos e comentarios e, unha vez colgada esa información, non podemos saber o uso que se fará dela xa que escapa ao noso control.
O acoso a través das redes e a fraude crece cada vez máis co fin de arruinar a reputación de alguén, o uso da webcam de forma irresponsable ofrece unha información moi detallada sobre o que a está a utilizar (imaxe do rostro, idade, estado de ánimo, se existen persoas cerca…), información aproveitada polos chamados depredadores sexuais por iso somente debe usarse con interlocutores de confianza e non facer diante dela nada que non se faría en público.
Actualmente, segundo estudos realizados, existen mil millóns de usuarios das redes sociais en todo o mundo; pertenecer a unha rede é case algo común para todos os usuarios de internet. Pero o binomio tecnoloxía e privacidade do usuario debe combinarse con efectividade e , como din moitos estudos, «non podemos prescindir da nosa privacidade como a consecuencia das novas tecnoloxías e dos cambios sociais e, moito menos, para ter a cambio máis diñeiro, máis fama o máis amigos».
Cada vez haberá máis usuarios das redes, pero o que teñen que entender os mozos é que si son necesarias, pero que ao final existe un mundo real, e para sobrevivir nel necesítanse coñecementos reais, fóra de realidade virtual, e que non poden ser utilizadas como un escape fácil para solventar problemas que cada vez están aparecendo máis na nosa sociedade como a incapacidade para desenvolver relacións afectivas, problemas familiares, escolares ou laborais.

Publicado no Progreso o 29-11-2014

A Unesco, a filosofía no ensino



M. A. Martínez

O xoves 20 de novembro celebrouse o Día Mundial da Filosofía. Este acontecemento data do ano 2005 no que a conferencia xeral da Unesco institúe oficialmente o terceiro xoves do mes de novembro para destacar a importancia da filosofía na formación da xente nova.
Esta celebración anual ten como obxectivo renovar, reforzar e ampliar o compromiso coa presenza desta materia nos sistemas educativos mundiais. A través da Unesco, a ONU alenta os seus membros a traballar pola súa promoción, fortalecemento e extensión en todos os niveis do ensino. Cales son as razóns polas que unha institución internacional adquire este compromiso explícito coa filosofía?
Sabemos que a filosofía apodera as persoas coa capacidade do pensamento crítico e independente. Así acadan unha mellor comprensión do mundo globalizado e de si mesmas. Adquiren a aptitude de entretecer unha sabia defensa da súa autonomía e dignidade, nun contexto (mundial, nacional) no que se prevé unha perigosa progresión da vulnerabilidade legal das cidadanías, exclusión cultural dos grupos sociais máis desfavorecidos, manipulación informativa das poboacións e abuso de poder por grupos de interese globalizados. Unha boa maneira de estar formados para entender e poñer couto a estes desafíos é aprender as destrezas que aporta o pensamento filosófico.
Asemade, o ensino da filosofía ofrece os fundamentos conceptuais dos principios e valores da paz e seguridade mundiais: democracia, imperio da lei, dereitos humanos, tolerancia, xustiza, igualdade, liberdade (a Unesco nomea a filosofía como «escola de liberdade» na súa estratexia internacional e no documentado informe de 2007). Os métodos filosóficos actuais fornecen de enfoques (innovadores, plurais) para albiscar solucións a problemas que, a día de hoxe, nos superan: a deshumanización laboral e incremento do sufrimento psíquico, o uso e abuso das novas tecnoloxías, a utilización e manipulación dos procesos biolóxicos, a creación e reparto do traballo, a pobreza e acumulación desmesurada de riqueza, por dicir algúns. O tratamento racional destes asuntos disipa o recurso á violencia, á guerra. Prepáranos para a paz. Fomenta a seguridade global e local.
En terceiro lugar, o ensino da filosofía axuda a desmontar os argumentos das condutas baseadas nos valores da dominación, predación, cobiza, afán de lucro. Condutas que, con teimuda reiteración, provocan crises ecolóxicas, económicas, humanas. A filosofía proporciona unha visión construtiva: aparta do imaxinario social a idea de que a perfección, invulnerabilidade e control sobre os demais son os únicos aspectos da vida adulta que nos fan prosperar, acadar o benestar. A meditación filosófica esperta o interese polos demais, estimula a empatía para imaxinar os problemas que lles afectan, crea a capacidade para emocionarnos moralmente. Coidármonos, practicar a axuda mutua, sermos éticos, pode ser unha opción de vida razoable e preferible.
Precisamente o Día Mundial da Filosofía é útil para lembrar que a filosofía fainos éticos, non corruptos. Que a ética é necesaria na vida pública das sociedades avanzadas. Que sen ela non é posible o comercio, a actividade económica, as transaccións financeiras, a confianza no cumprimento dos contratos, acordos e pactos. Mais para poder practicala, a sociedade ten que aprendela. A ética non é innata. É un saber práctico que se ensina e se aprende. Ten os seus métodos, procedementos, principios. Ben asimilado pode ser frutífero para as relacións económicas entre as persoas e a súa mutua satisfacción.
Sen estudar ética, sen ética no sistema educativo, ou cunha ética caricaturizada como etiqueta e protocolo social, condenámonos nós, e as xeracións vindeiras, a ter unha formación moral deficiente, fráxil, volátil. A ética cívica non se basea no capricho ou no adoutrinamento. Fundaméntase na filosofía, na argumentación racional, crítica, autocrítica, que busca a xustiza entre pares.
Sen ética os axentes económicos pérdense nos vieiros do mutuo receo, temor, deslealdade. A economía para as persoas tórnase imposible. As relacións comerciais non se desenvolven e morren. Os intercambios financeiros paralízanse. O benestar colectivo tórnase unha ficción. Triúnfan a especulación, a corrupción, a mentira. Xa que logo, a ética ten que ser aprendida por todos e ensinada polos profesionais que teñen a formación académica especializada: as profesoras e profesores de filosofía.
O recente premio Nacional das Letras, o filósofo Emilio Lledó, recordounos esta semana, con vehemente franqueza, dous feitos tan evidentes que soen pasar desapercibidos: a filosofía é a conciencia crítica do noso tempo e a ética a columna vertebral dunha sociedade sa.

Publicado no Progreso o 22-11-2014