Gonzalo Pérez López
Desde os albores da filosofía a preocupación pola busca da verdade, en
todas as súas dimensións, converteuse nunha constante ao longo da historia do
pensamento. A verdade como obxecto de reflexión desde a epistemoloxía
(distinción entre aparencia e realidade, opinión e ciencia), a axioloxía e a
ética (a verdade como un valor asociado á honradez e á sinceridade) e a
filosofía política (pensar acerca da conexión entre ética e política), por
exemplo, conduciu a posicións diverxentes, pero nunca á indiferenza. Verdade
non é un concepto unívoco nin lineal á reflexión que provoca. Moi diferentes
son as caracterizacións da mesma e as posicións sobre a posibilidade ou non de
acadala, pero ninguén eludiu achegarse aos problemas que suscita.
Hai algún tempo que, enmarcada no modelo socioeconómico e político
dominante, a situación con respecto ao tema está mudando e o obxectivo da busca
da verdade esmorece axiña. Se a verdade non é un valor prioritario na nosa
escala de valores, a motivación para buscala desaparece. Precisamente o
Dicionario Oxford acaba de declarar a posverdade palabra do ano 2016,
definíndoa como "a situación na que os feitos obxectivos son menos
influíntes na formación da opinión pública que a apelación ás emocións e ás
crenza persoais", é dicir, que a aparencia de verdade ou a mentira superan
en aceptación á verdade. Aínda que contribúa á reflexión dunha realidade
evidente, non é casual a eclosión do uso da palabra, nin neutral a orientación
que se lle pretende dar.
Hai máis dunha década Keyes publicou un libro cun clarificador título: A
Era da posverdade: a falta de honradez e o engano na vida contemporánea, no que
alertaba da actitude que se empezaba a impoñer socialmente ante a verdade, ao
converter a falsedade e o engano en hábito ("rutinización da
deshonestidade"). Despois, autores como Alterman e Roberts ("política
posverdade") puxeron de manifesto as consecuencias da aplicación da
posverdade á política.
Estamos en pleno trasvase da sociedade neurotizada á psicotizada, co que
isto conleva de perda de realidade, de necesidade de reinterpretala e de falta
de consciencia desta enfermiza situación. Tras séculos de busca, a verdade
faise cada vez máis complexa, escapando ás nosas posibilidades, polo que a
reacción, como conduta defensiva, é optar por unha mentira que emocionalmente
necesitamos antes que buscar unha verdade que tememos que nos desacougue e nos
frustre, aínda que supoña o disfrace da realidade e o autoengano.
A posverdade e a mentira son tan vellas como a humanidade, pero a novidade
é que despois de ter proclamado que entramos na era da información, suponse que
facilitando acceder á verdade, aumenten os que prefiren dar pábulo ao que os
aparta dunha realidade que, de descubrila, confirmaría a correlación entre os
desexos incumpridos e a propia irrelevancia á hora de decidir sobre o que lles
afecta.
Aínda que a posverdade podería explicar o rédito electoral que lle reporta
a mentira como leitmotiv político ao goberno que padecemos aquí, a
proliferación actual do uso da palabra só vén propiciado polo interese en
desviar as responsabilidades no trunfo de Trump e favorecer que se asuma ese
eufemismo de mentira como o resultado dunha actitude consciente e voluntaria
dos que sufrirán as consecuencias desa opción que tomaron.
Convén, entón, non deixarse embelecar por tramposos analistas que practican
a posverdade cando alardean de estudala obxectivamente. Hai que intentar
desmontarlles a tremoia. É unha obviedade que nos EE UU, como na maioría de
Europa, o bipartidismo non é a expresión de dúas alternativas esencialmente
diferentes, senón a consolidación dunha única alternativa con diversa posta en
escena. Os candidatos con posibilidades de presidir o país que controla o mundo
representan o establishment, o sistema capitalista en puridade, aínda que coa
posverdade queiran facernos crer que encarnan algo moi distinto no fondo para
seguir alimentando a "ilusión democrática". A política USA e mundial
seguirá sendo planeada e dirixida a comenencia desde Wall Street. Por iso,
catalogar ao magnate Trump como antisistema repugna intelectual e moralmente e
dá idea da degradación de certos coros mediáticos ao renunciar á verdade e á
veracidade informativas.
Que a posverdade incidira no resultado é responsabilidade exclusiva das
elites dominantes, aínda que estas pretendan transferila á cidadanía. O éxito
de Trump hai que comprendelo no marco do incremento da desigualdade social e o
empobrecemento desa rendible ficción das elites para lograr a desmovilización
social que denominaron clase media, á que agora se lle desvanece o soño
imposible de compartir intereses coa clase dominante. Esta frustración, xunto
coa á aversión democracia abortada e o aderezo demagóxico, provoca unha
reacción emocional, especialmente de medo e ira contra todo, irracional, sen
valorar as consecuencias e inducida pola posverdade como recurso para atopar
algunha vítima expiatoria e impedirlles ver a orixe estrutural da alienación
colectiva que padecen.
É evidente a existencia da posverdade (mentira), pero unicamente a
fabricada polas elites para asegurar eternamente o seu poder a base de
distanciarnos masivamente dunha realidade que, se a desvelásemos, podería
supoñer o fin da dominación mundial dos que a distorsionan e ocultan.
Ante a involución que entraña a crecente aceptación social da mentira,
cabería rescatar a reinterpretación foucaultiana, en clave ético-política, do
concepto grego de parrhesía (falar con liberdade, sinceridade e verdade) para
practicala e reivindicar a busca e a expresión da verdade como única garantía
moral da acción política.
Publicado no Progreso o 17-12-2016