martes, 28 de noviembre de 2017

Carrachas e dogmas



José Domingo de Prada

As carrachas son cegas e xordas e, ademais, carecen do sentido de sabor. Oriéntanse no mundo grazas á percepción dos cambios de temperatura e a unha sensibilidade especial para detectar o ácido butírico. Non necesitan máis. Cando algunha presa se achega a elas, advírteno inmediatamente ao percibir o cheiro dos folículos sebáceos, que emite precisamente ácido butírico e que está presente en todos os mamíferos. Prepáranse entón para deixarse caer sobre ela saltando a cegas sobre o animal e despois, se conseguen  ancorar nel, axúdanse da percepción da temperatura e o tacto para buscar tecido cutáneo no que afundirse e comezan inmediatamente a zugar sangue quente. En experimentos de laboratorio comprobouse que non distinguen un líquido doutro, é dicir, que carecen de sabor, só lles importa que lles presenten o líquido a 37 graos, xusto a temperatura que ten o sangue dos mamíferos. Tras a enchente de sangue, a carracha desova e morre. Un ciclo vital completo para o que está perfectamente adaptada. Os seus sentidos móstranlle todo o que necesita para orientarse no mundo da forma máis dilixente posible. De poder pensar, a carracha non envexaría en nada os deficientes sentidos humanos, pois non lle permitirían realizar a súa función vital coa efectividade referida.
As carrachas fican adaptadas a sobrevivir en condicións extremas. No laboratorio conseguiuse que unha carracha vivise 18 anos ao carecer de alimento, unha especie de hibernación en espera de atopar un animal portador no que poder completar o seu ciclo.
O filósofo Giorgio Agamben utiliza esta historia para reflexionar sobre a situación do home, extraéndoa, á súa vez, dos traballos de Jakob von Uexküll, zoólogo alemán precursor da etoloxía e da ecoloxía. Uexküll utilízaa, xunto con outras, ás que se aproxima a través dos seus estudos sobre a vida e os costumes dos animais, para elaborar os conceptos de Umwelt, que podería entenderse como ‘a contorna’, ‘medio ambiente inmediato’, no que se desenvolve a vida dun organismo e de Umgebung, que viría significar ‘realidade en sentido amplo’, aquela que nós podemos observar, desde fóra, sobre como transcorre a vida dun ser vivo.
Con estes conceptos Agamben cuestiona a conceptualización do mundo, a lectura humana do mesmo. Podemos nós lexitimamente falar de realidade en sentido amplo? É posible unha Umgebung? Non será que só nos cabe ler no mundo desde as nosas limitacións e recoñecer que como as carrachas -e resto de organismos- estamos cinxidos pola nosa Umwelt? A psicoloxía matizaría: non estamos confinados pola nosa restrinxida percepción da realidade?
Somos conscientes da torpeza dos nosos sentidos para captar o mundo, imos aprendendo que hai máis realidade da que podemos percibir. Estamos inmersos no proceso de ampliación artificial dos nosos umbrais de sensación, de expansión da realidade a medida que inventamos instrumentos que nos permiten captala con maior precisión. Incorporamos, sen moitas dúbidas, esa nova comprensión da contorna ao noso acervo experiencial e cultural, pero non deixa de ser sorprendente que sigamos convencidos de que o próximo, o subxectivo, a Umwelt ten o mesmo valor  que o universal, o obxectivo,  a Umgebung.
Definimos a verdade como elemento universal cando só é unha expresión parcial que imos levantando desde as nosas experiencias e desde as nosas lecturas subxectivas do mundo. Serán válidas para que cadaquén viva a súa vida, pero son nefastas cando quero impoñer aos demais que o fagan seguindo o meu modelo de conduta.
Xa sabían algo disto no mundo clásico. É significativo que os conceptos ‘dogma’ e ‘opinión’ teñan en común a mesma orixe etimolóxica: ‘doxa’. No primeiro caso, como termo derivado, e, no segundo, como tradución do vocábulo grego. Esta coincidencia é ilustrativa de como estruturamos o noso pensamento e desvela como dogmatizar (Umgebung), non é outra cousa que querer impoñer as nosas opinións (Umwelt), sen xustificación,  sen sustentalas nunha realidade ampla.
E nestas atopámonos, sen comprender que haxa pensamento alén do que nós pensamos, inzados de opinións, con paupérrimas lecturas do mundo autosatisfactorias, como carrachas á espera dalgunha interesada oportunidade.

Publicado no Progreso o 25-11-2017

jueves, 23 de noviembre de 2017

O valor do trauma



Juan Carlos Fernández Naveiro
                      
“La cordillera”, un recente thriller político que deriva cara a intriga psicolóxica (Santiago Mitre dirixindo ao gran Ricardo Darín) ten unha secuencia sorprendente: a filla do protagonista, unha moza que arrastra un pasado conflitivo, é sometida a sesións de hipnose nas que afloran recordos dun pasado familiar que ela non puido ter de por si. Sorprendeume esa idea do recordo traumático asociado a experiencias alleas que nos enlazan cos antepasados e, máis aló, coa comunidade de orixe na que cada un -para ben e para mal- insérese, esa “estraña comuñón do destino” á que se refería Carl Gustav Jung.
Atopei a mesma idea elaborada desde a ciencia no libro “Más allá del Yo” do psicólogo Mario Salvador, onde aparece a «transmisión transxeracional do trauma», referíndose ás experiencias e recordos dunha comunidade que pasan de adultos a nenos e chegan a incidir na propia herdanza biolóxica -estúdao a epixenética-, podendo impactar en forma de disfuncións de todo tipo: enfermidades, violencia, incremento da morbilidade.
De charla un día co autor sobre esta cuestión saíron a relucir exemplos de prisioneiros dos campos de concentración nazis que deron forma a unha certa “memoria xudea” dos campos que se reactualizaba nos seus descendentes, e no seu libro menciona a potencia traumática do recordo dos “paseados” da Guerra Civil, ou dos emigrantes que confiren unha identidade borrosa e desarraigada a moitas familias en Galicia.
Levando o tema ao meu terreo, concordamos en que o trauma non era unha categoría só patolóxica senón que definía á condición humana como tal, porque todos somos produto de experiencias potencialmente traumáticas e das maneiras en que as resolvemos ou se enquistan na nosa psique, e as nosas aprendizaxes funcionan no fondo como terapias ou paliativos.
Pero á marxe do seu potencial significado antropolóxico, dada a súa capacidade para conformar memorias colectivas o trauma convértese en material propicio para un uso político, como saben ben os líderes de opinión e o nacionalismo de calquera tipo soubo aproveitar, elaborando discursos con forte carga emocional que remiten a antigos conflitos sen resolver. Como os soños elaborados a partir dun contido latente descoñecido, son discursos remisos á argumentación racional.
Esa carga emocional confire ao nacionalismo a forza dunha relixión, cos seus mitos de orixe, os seus mártires e as súas bandeiras, as súas fronteiras e as súas promesas de redención. Armado así de certezas o home disponse facilmente ao combate, mentres o diálogo e a dúbida -que son o terreo da verdade- son tachados de morneza. 
Para superar un conflito enquistado fai falta atopar unha terapia adecuada que o faga accesible ao discurso da razón, isto é, elaborar o trauma e traelo á conciencia; así se adquire «resiliencia», que inclúe a súa dose de aceptación do real. Como afrontar un trauma histórico? Neste caso no real que habería que asumir entra en xogo o outro -o non crente, o estranxeiro, o que non se sente patriota- como parte dun terreo necesariamente común no que establecer mediacións.
O diálogo cumpre esa función de hipnose colectiva que o noso país está a necesitar, se non queremos regresar cada un á trincheira da súa identidade. No libro de Mario Salvador atopo citadas dúas ideas que poden servir como marco para esa necesaria reprogramación. Unha do pioneiro da intelixencia artificial Marvin Minsky: “A principal actividade dos cerebros é cambiarse a si mesmos”; pero como tamén dicía un mestre zen: “Esfórzate por non ter demasiada esperanza nin demasiado medo”.
Son ideas operativas para superar unha situación traumática pero que tamén poden ter eficacia política: cambiarse un pobo a si propio é un acto de soberanía que pode chamarse reforma constitucional, refundación do pacto social ou dereito a decidir (as fórmulas poden variar), e non ter demasiado medo nen demasiada esperanza significa confiar no futuro, pero non empeñarse en roturalo coa obsesiva precisión dun arquitecto totalitario. Por tanto son nomes desa “terra incógnita” que chamamos liberdade, que,  como o trauma, debe asumirse como condición básica da existencia humana.

Publicado no Progreso o 18-11-2017

Cataluña: inventar un inimigo



Gonzalo Pérez López

Nestes momentos de confusión intelectual e de actitudes onde prima o visceral sobre o racional, alentadas sen recato polo poder establecido co fin de extraer delas suculentos réditos, Cataluña convértese no campo de operacións para despregar o seu poderoso arsenal de recursos para logralo. Independentemente do tufo a retorceduras da realidade, truculencias, exclusións e intereses espurios que destila o papel das elites respectivas no conflito, a reflexión básica, que me provoca serias dúbidas, pasaría por dilucidar se o movemento cidadán catalán pode coadxuvar ou non ao obxectivo dunha humanidade universalmente libre, democrática, solidaria e socialmente xusta, pero a complexidade do tema desborda o marco deste artigo.
Hai, sen embargo, temas tanxenciais ao problema que poderían axudarnos a entender as reaccións que suscita. Un deles, sobre o que esbozarei algunhas ideas a considerar, é a construción do ‘inimigo externo’ ou da súa variante complementaria o ‘inimigo común’. Esta manifestación dexenerada da práctica política, que puidera parecer obsoleta polo seu manido uso desde tempo inmemorial, continúa dando hoxe excelentes resultados aos que, mediante o control masivo da cidadanía, aspiran a ampliar, se cabe, o seu poder.
A conversión de Cataluña en inimigo a bater foi despregado progresivamente para potenciar os prexuízos nos que se asentan as actitudes que pretenden provocar. Como contribución fundamental á consecución do obxectivo do Goberno español, as macroempresas de comunicación afíns ao mesmo, a inmensa maioría, practican o efecto burundanga política pervertendo a linguaxe (secesionismo, racismo, sedición, xenofobia…) para caracterizar aos potenciais inimigos e, por extensión, para estigmatizar aos que se resistan a sumarse á tenebrosa visión da indisolubilidad de la patria e sosteñan, desde presupostos de racionalidade democrática, o dereito a decidir do pobo catalán como a única opción válida para resolver o conflito. A reiteración abafante desas mensaxes unidireccionais acaba dobregando a vontade dos receptores.
Comezan, entón, a recrutar levas para unha cruzada orientada a converter en nacionalista español a calquera descarreirado. Asentados sobre esa ficción monolítica que denominan España, éncheselles a boca falando de democracia, pero non a practican; apelan ao patriotismo, pero evaden impostos e colocan os cartos en paraísos fiscais; falan de legalidade, pero se financian ilegalmente e esquilman as arcas públicas desde as institucións; entronizan Europa, pero só a do capital financeiro; apelan ao estado de dereito, pero acomodan o poder xudicial aos seus intereses particulares; abrazan e consideran intocable a constitución do 78, negociada cos prebostes da ditadura baixo a ameaza dun golpe de estado, pero incumpren a parte máis social e a cambian (artigo 135), en comandita coa outra parte do bipartidismo amigo, para dar prioridade ás esixencias do capital sobre os intereses dos máis vulnerables.

Con tan falaz bagaxe, non resulta doado explicar as masivas adhesións aos seus presupostos. Pero os cruzados, tan imbuídos están desa visión simplista e maniquea de que o mundo está escindido entre bos e malos (constitucionalistas e anticonstitucionalistas, unionistas e separatistas, demócratas e antidemócratas …) que ata empregan equidistante a modo de insulto. Séntense partícipes dunha misión salvífica para preservar aos primeiros dos segundos e, aguilloados no seu ardor guerreiro (!a por ellos!) emprenden, convencidos, a marcha cara ó triunfo sobre o mal.
Rendible invento este de Cataluña como inimigo común porque os estrategos da manipulación foron quen de unir na cruzada, entre outros, aos traballadores que sofren precariedade cos que se aproveitan dela para incrementar plusvalía, aos que sofren as políticas neoliberais cos que as fomentan, aos desafiuzados cos que os desafiuzan, ás persoas honradas cos que fixeron da corrupción o seu modo de vida e de acción política, ao que sofren recortes de dereitos e liberdades cos que aproban a ‘lei mordaza’.
Como explicar este despropósito que parece materialmente imposible? Penso que pola sinerxía entre o papel do inimigo común creado como elemento cohesionador contra natura deses intereses antitéticos, o devastador efecto para a democracia do "atado y bien atado" dun franquismo, non tan residual como dicían, disposto a aflorar en canto atopa terreo aboado e a existencia dunha masa acrítica, vítima do individualismo excluínte, con ansia de encontrar ese inimigo compartido que lle dea seguridade psicolóxica e lle permita canalizar a agresividade que provoca a frustración acumulada pola invisibilidade á que está sometida.
Ademais, a voracidade patrimonializadora da dereita plutocrática non ten límite. Non só se apropia da riqueza, senón tamén da Constitución, do simbólico, dos sentimentos, de todo. Con ese caldo de cultivo, o exército mediático, apelando ás paixóns máis baixas da persoa mediante falacias e pseudoargumentos, ten fácil recrutar xente e cumprir co obxectivo de desviar a atención da problemática que realmente lle afecta.
Admito, entón, que ir a contracorrente dunha acción colectiva convertida en cruzada supón o risco obxectivo de ser arrasado polos obnubilados militantes. Asúmoo con afouteza e intento transitar pola russelliana "rexión da dúbida liberadora".

Publicado no Progreso o 4-11-2017