miércoles, 4 de diciembre de 2019

Os límites do tolerable


Mar Carballo Cela
 
Dicía o escritor Elie Wiesel, Premio Nobel da Paz en 1986, que cando chega o odio xa é demasiado tarde. El viviuno en carne propia, sobrevivente dos campos de concentración nazis de Auzchwitz e Buchenwald foi vítima do discurso do odio.
Se deixamos que sinalen grupos humanos como culpables dalgunha das nosas situacións persoais e sociais (estranxeiros, mulleres, homosexuais, xudeus…), se lles aplicamos a eses discursos, equivocamente, a equidistancia da liberdade de expresión, estamos favorecendo que o odio enraíce no corazón de gran parte da poboación (sempre hai motivos para buscar un culpable) e unha vez instalado xa non permitirá argumentos, porque as emocións poderán máis. O odio cultívase, fabrícase, e sempre se dirixe cara a aqueles grupos que caen baixo a categoría de “os/as outros/as” ós que, no fondo, se pensa que xa se lles fixeron suficientes concesións, por iso non deben pedir demasiado: ser iguais.
Cando a cúspide da xerarquía do poder se sente ameazada, porque os privilexios e os roles sociais se removen, esta reacciona. E a este respecto resulta interesante a análise que leva a cabo Michael Kimmel, sociólogo estadounidense especialista en estudos de xénero, sinalando como factor determinante do movemento reaccionario actual en occidente o avance de políticas públicas favorables ó feminismo. En “Hombres Blancos Cabreados: La masculinidad al final de una era” (2013) explica como unha parte da poboación masculina interpreta estas políticas como unha penalización da súa condición de homes, sendo aproveitado este descontento para mobilizalos cara á movementos ultraconservadores que reafirmen a súa masculinidade (medidas políticas  máis contundentes propias de “homes de verdade” así como defensa de prácticas culturais agresivas, negacionismo con respecto da violencia machista e rexeitamento da educación para a igualdade, homofobia, supremacismo, etc). Vitimízanse ó ver cuestionada a identidade de dominio na que foron educados, séntense perdidos, incluso humillados, e reaccionan con rabia. Desde logo, non é a única causa, pero si unha das máis potentes continuamente presente nos seus discursos, o cal demostra que sen unha análise de xénero non podemos entender a profundidade da realidade política (non esquezamos que os seus votantes son moi maioritariamente homes).
Se mantemos unha actitude xeneralizada de neutralidade ante a narrativa  do odio estamos desprotexendo ás vítimas e alentando ó verdugo, porque non tomar partido é sempre tomar partido. Estamos ante o paradoxo da tolerancia que xa Popper presentou despois dos sucesos acaecidos na Segunda Guerra Mundial, e que nas democracias actuais volvemos recuperar como reflexión fundamental sobre os límites do tolerable hoxe en día.
Creo que é unha obriga cidadá impedir que se normalicen discursos que inciten ó desprezo e ó rancor, protexendo sempre un núcleo duro de valores fundamentais de respecto á dignidade humana. A homofobia, a xenofobia, o machismo atopan novas formas de manifestarse, agochándose en relatos que atentan gravemente contra esa dignidade, danan ás persoas no máis profundo e destrúen vidas inxustamente. Que motivo hai para permitir contalos?
A democracia enfróntase, probablemente, ó seu reto máis difícil: ata onde pode dar voz e cabida ós seus propios inimigos sen risco de ser destruída? En que punto se atopa esta liña que nos advirte do perigo real de traspasar os límites da nosa propia autodestrución como organización política tolerante?
Quizáis tiña razón Platón, e a evolución natural propia da democracia lévanos de novo á tiranía debido á aparición de demagogos que nos manipulan, pero autoconvencernos do inevitable do devir histórico non leva máis que á lamentación inmobilista.
A periodista turca Ece Temelkuran, na súa obra “Cómo perder un país: Los siete pasos de la democracia a la dictadura” (2019), alerta a occidente de que a democracia hoxe tamén se pode perder nas urnas e que, de feito, esta é a vía pola que está en risco de perderse, permitindo que mensaxes sinxelas que sinalan inimigos fáciles de identificar ós que poder responsabilizar dos nosos males, callen nos sectores que, por calquera motivo, se senten máis vulnerables. Este é un recurso doado de acceso ó poder, pola simpleza das súas explicacións e a eficacia para identificar a causa, aínda que sexa falaz, dos problemas sociais. Deste xeito créanse votantes desinformados que toman decisións irracionais sen ter conciencia de que atentan, incluso, contra os seus propios intereses ( Chomsky).
Xa non será un golpe de estado, nin unha revolución. Se o permitimos, será mediante o exercicio democrático das eleccións.

Publicado no Progreso o 30-11-2019

martes, 19 de noviembre de 2019

Razón instrumental


Xosé Ramón Cando Vázquez

Afirmaba Confucio que para formar a recta vontade teriamos, primeiro, que coñecer a natureza das cousas. Nunha perspectiva próxima se situaban Sócrates, Platón ou Aristóteles que sostiñan a equivalencia entre o saber e a perfección moral. Mais radical era Epicuro subliñando que o estudo da physis so era pertinente canto á construción da ética, non como un fin en si mesmo. Todos estes pensadores coincidían na consideración do saber como ferramenta liberadora da vontade humana da súa dependencia, maior ou menor, da necesidade, propia do carácter cego da natureza. Pódese afirmar, deste xeito, que a historia da filosofía e a historia do esforzo levado a cabo pola humanidade para facerse cargo da autonomía que o desenvolvemento do logos puxo ao seu dispor.
Cando se menciona o saber, faise referencia, en xeral, ao coñecemento do real, da “natureza das cousas” tal como o expresa Confucio ou ás “esencias” que Sócrates aprendeu a definir. A “sabedoría” é un estadio que se contempla ao lonxe, que Platón considera de moi difícil acceso e que Aristóteles entende como un obxectivo inalcanzable aínda que como unha referencia necesaria. De todos xeitos, estes filósofos intentan ir mais alá do que aparece, pero, por enriba de todo interróganse verbo da orixe do obxecto de coñecemento pero tamén encol do “telos”, da finalidade do mesmo. Velaí a actualidade do seu pensamento como antítese da razón instrumental predominante.
Os privilexiados intelectos que gobernan a pedagoxía actual decidiron que o saber en si mesmo non contén ningún valor formativo polo que os currícula educativos deben estar artellados mediante o que denominan “competencias”, ou sexa, a educación formal está destinada a “aprender a facer”. Sen negar a importancia de “aprender a facer”, discúteselle o monopolio dos contidos educativos e faise constar a semellanza de “facer” con “producir”. Que diría Pierre Bourdieu? Se cadra que a reprodución que el constataba, agora salta “impúdica” á vista de todas e todos. Nesta formulación educativa adivíñase a ideoloxía dos tempos, o trunfo da tecnociencia que non busca o saber senón a manipulación da natureza e o control da sociedade, utilizando como soporte a maxia portentosa da tecnoloxía.
Os pensadores da Escola de Frankfurt buscaron as coordenadas ideolóxicas deste tempo, na liña dos filósofos mencionados anteriormente, producindo respostas como as de Marcuse ou as de Habermas que poñen de manifesto a hexemonía incontestable da razón instrumental, por enriba doutras reflexións sobre causas e consecuencias que transcendan o inmediato. Neste contexto, faise referencia ao trunfo do nazismo como unha expresión desa mesma razón e, como exemplo, sinálase  a resposta de Adolf Eichmann ante o tribunal que o xulgaba como responsable da organización da “solución final ao problema xudeu”:  “o meu cometido era que os trens chegasen á súa hora, a carga que puidesen levar eses convois non era da miña incumbencia”.
A circunstancia mais dramática (se cada pódese dicir tráxica) deste uso irresponsable da razón atopámola nos líderes das empresas contaminantes que prefiren contribuír á destrución do seu propio hábitat e polo tanto á súa propia destrución antes que reducir dividendos para prover ás factorías dos sistemas de depuración apropiados,  sen privarse de utilizar todo tipo de argumentos “ad hoc”. (lémbrese a renuencia a aceptar as causas humanas do cambio climático e mesmo como sucede con Trump ou co primo de Rajoy a negación da existencia mesma de dito cambio). Que clase de consciencia permite ver o beneficio económico inmediato sen sentirse alarmada pola inutilidade letal do mesmo? Pois esa, a razón instrumental.
De parecida dramaticidade resulta constatar como determinados slogans de propaganda política que  unha boa parte da sociedade asocia con tempos nada democráticos xa superados, poden resultar moi atractivos, mesmo excitantes, para outra parte da sociedade. Non se trata do significado denotativo das palabras senón das connotacións que a súa exclamación carrexa, ou mais preocupante, dos contidos ideolóxicos que agacha. Un “Viva España” ou outras exclamacións semellantes, segundo o contexto ou segundo as voces que as pregoan, poden significar a expulsión do Estado da actividade económica e polo tanto a desaparición das prestacións que dependen da solidariedade social administrada polo mesmo, entre as que está a sanidade pública, a educación pública ao alcance de todos e todas, as pensións en todas as súas modalidades, etc. De feito, a forza política que está a apropiarse do  slogan citado explicitamente,  defende positivamente a economía neoliberal e as súas vantaxes. Que razón pode fundamentar a posición de apoio a esa forza política  de determinados grupos sociais menos favorecidos, que o trunfo do neoliberalismo podería conducir á marxinalidade? Pois esa, a razón que non se interroga sobre motivacións e finalidades mais alá do inmediato.

Publicado no Progreso o 16-11-2019

lunes, 11 de noviembre de 2019

Xornada de reflexión (democrática)


José Domingo de Prada

Lerán vostedes estas liñas na xornada de reflexión dunhas novas eleccións. Quizais se pregunten se deben acudir a votar, ou se deben repetir o voto das últimas eleccións ou cambialo. Nos medios de comunicación reitéranse cunha insistencia desmedida mensaxes referentes ao tedio democrático (volver a votar, todo vai seguir igual, son gastos innecesarios para o estado, ninguén vai amañar isto....). Non cansen. Non cedan ante a desinformación nin ante intereses, digámolo claramente, antidemocráticos. Voten, e cando voten, irremediablemente terán que facelo tomando a súa decisión con informacións limitadas e imperfectas. Non temos máis. É certo que isto pode producir certo desacougo nos suxeitos ao careceren da seguridade de cal vai ser a consecuencia futura da súa decisión, pero o voto é unha aposta de futuro, de esperanza e de construción de realidade.
A pesar de que sexan imperfectas, máis aínda, representativas, oligárquicas, sectoriais, intrigantes —e a isto engádanlle todos os defectos que se lles ocorran, a democracia segue a ser a mellor forma de goberno da que dispoñemos e tamén a máis feble e a que require de maiores coidados. Se temos esta visión negativa dela é porque seguimos sendo platónicos, porque aínda cremos en mundos e gobernos perfectos e porque herdamos ese recendo aristocrático e antidemocrático que destilan os escritos de Platón.
A democracia, tal como a entendíamos ata hoxe, non é máis que a toma de decisións e acordos aceptables por unha comunidade, a construción de consensos en discusións libres e reais e estes, tendo en conta a argumentación de Habermas, teñen que levarse a cabo por persoas libres, reais e vivas. O problema é que hai indicios que mostran que isto está a cambiar moi rapidamente e que, desde o que se está a denominar principio do realismo posmoderno, rexéitase calquera acordo ou decisión na que nós non participaramos. Pénsese a este respecto na lexislación negativa —literalmente eliminar normas, acordos ou consensos elaborados por alguén anterior— que se está a producir en moitos estados, no noso tamén, o que propicia moitas veces o desánimo e potencia a non participación.
Así, o gran inimigo da democracia somos nós mesmos, a apatía dos cidadáns ou se prefiren utilizar termos máis actuais o pasotismo político ou a abstención. Votar é un acto simbólico que constrúe realidade, e ademais, unha realidade moi concreta que non existe se este acto non se realiza. Delegar o proceso participativo significa literalmente ceder dereitos propios e sucumbir á aristocracia (por usar termos vellos), á ditadura, sexa esta do poder económico, institucional ou do coñecemento. Polo tanto, débese votar, e ademais, débese votar a aqueles partidos ou representantes políticos que manteñan o seu compromiso coa defensa e potenciación da democracia.
Hai que estar alerta ante as demagoxias que, como na época clásica, intentan conducirnos por direccións interesadas sen que nos decatemos. A demagoxia, que como sabemos, non é un invento moderno, senón dos sofistas que, en política, defenden a condución do pobo e ensinan erística (ou a arte de persuadir), a cal evidentemente deixa de lado a verdade, concepto fundamental para o mundo grego ata ese momento. Xa saben vostedes como hoxe, técnicas publicitarias, asesores, especialistas e expertos de todo tipo promoven esta demagoxia e aconsellan aos políticos como persuadirnos para que votemos as súas respectivas opcións. Analicen con coidadoso raciocinio todos estes elementos e voten en función do seu proxecto de futuro e da súa propia vontade, non da dos outros. Boa elección.

Publicado no Progreso o 9-11-2019